O goberno de Vigo acusou a veciños e ecoloxistas de facer “política antivigo” ao criticar a “violencia arboricida” levada a cabo, ao seu xuízo, polo Concello olívico.
Todo iso despois de que este xoves a asociación de veciños Zona Centro de Vigo, a asociación Amigas das Árbores, Ecoloxistas en Acción, Amigas da Terra e a Federación Veciñal de Vigo denunciasen a “violencia arboricida” do goberno municipal encabezado por Abel Caballero, ao que acusaron de destruír a masa vexetal da cidade, e de substituír as árbores de gran porte por “arbolillos ornamentais” e “arbustos”.
Tras estas declaracións, o Concello saíu ao paso asegurando que estes colectivos non defenden o medio ambiente, senón que fan “política pura e dura” e mantéñense na política “antivigo”.
O goberno local reivindicou que, desde 2007, plantou máis de 30.000 árbores. Ademais, asegurou que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), aínda en tramitación, fará que Vigo gañe 1,8 millóns de metros cadrados de zonas verdes, ata 3,3 millóns.
“As actuacións levadas a cabo polo Concello a este respecto están avaladas por motivos de seguridade. De feito, a substitución de especies está xustificada dado que a permanencia de determinados exemplares suporía un risco para a seguridade cidadá”, indicou.
Por iso, lembrou accidentes nos que a caída dunha árbore supuxo o falecemento de persoas. “Se esta situación se dese en Vigo, quen respondería? Estes colectivos?”, insistiu o Concello, pondo en valor espazos onde si se crearon zonas verdes.
PXOM
Precisamente sobre a situación do POGM de Vigo falou este xoves o BNG, quen alertou que o plan está nun “limbo” desde hai 106 días. O portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, lamentou que o goberno municipal aínda non atendeu, tras máis dun mes e medio, o requirimento que lle trasladou a Xunta en relación á falta de integridade documental do expediente do propio PXOM e de diferentes reparos ao seu contido.
“Resulta moi difícil de entender esta situación de bloqueo que coloca o plan urbanístico da cidade nunha situación de total incerteza e inseguridade”, indicou Igrexas, criticando a tramitación “absolutamente opaca” deste documento por parte do goberno municipal.