InicioSociedadeO pleno de Vigo aproba de forma definitiva os orzamentos para 2024

O pleno de Vigo aproba de forma definitiva os orzamentos para 2024

Son os máis altos da historia da cidade ao contar con máis de 316,6 millóns de euros.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O pleno de Vigo aprobou este mércores de forma de definitiva os orzamentos para o ano 2024, que son os máis altos da historia da cidade ao contar con máis de 316,6 millóns de euros. As contas, que saíron adiante cos votos a favor dos concelleiros socialistas, pese ao ‘non’ do PP e do BNG, son “boas para a cidade”, tal como defendeu o edil de Facenda, Jaime Aneiros, quen reivindicou que se fan con “débeda cero” e con “baixa presión fiscal”.

Aneiros xustificou que non se aceptase ningunha das máis de 100 emendas presentadas pola oposición, indicando que algunhas eran “irrealizables”, outras xa estaban incluídas nos orzamentos e algunhas suporían “volver ás políticas do pasado”. O concelleiro de Facenda asegurou que estas contas son boas para todos os barrios e parroquias da urbe olívica, xa que os socialistas “invisten en toda a cidade”.

Na mesma liña falou o portavoz do grupo socialista e do goberno local, Carlos López Font, quen puxo en valor que sexa a 17ª vez que Vigo aproba os seus orzamentos de forma consecutiva, grazas á maioría absoluta do PSOE. El acusou á oposición de defender as súas siglas e non os intereses da cidade, a pesar de que estas contas mellorarán, ao seu xuízo, as políticas sociais e foron realizados de forma “participativa” polo “contacto diario” cos habitantes.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Estas palabras distan das ditas pola oposición. En concreto, o portavoz do BNG, Xabier Pérez Iglesias, indicou que o goberno local confunde Vigo “co seu embigo”, negándose a aceptar acordos. “A democracia é moito máis que votar cada catro anos”, lamentou. Iglesias destacou a importancia de aumentar o gasto social do Concello e o investimento en barrios e parroquias e non só en grandes obras como a do ascensor Halo.

Tamén criticou a “privatización” de servizos públicos que supoñen estas contas, indicando que “dúas de cada tres euros” dos vigueses van parar a grandes empresas.

Desde o PP, Marta Fernández-Tapias tamén lamentou estes orzamentos “inflados e pouco fiables”, cunha cifra “estratosférica” que “nunca se chega a executar”. “Chega setembro e déixanse de gastar sete de cada dez euros pola incapacidade política”, engadiu. Para ela, as contas municipais “non teñen en conta a realidade actual”, insistindo na necesidade de reducir a presión fiscal aos vigueses xa que “non é momento de aumentar impostos”.

Tapias puxo o foco nos “investimentos pendentes” que ano a ano recóllense nos orzamentos e seguen sen executarse, con “clásicos” como a humanización da Avenida de Madrid ou as pistas de atletismo de Balaídos. “Son unhas contas do continuísmo do pasado. Non teñen en conta o futuro da cidade”, sentenciou.

ÚLTIMAS

Volven prender lume en Chandebrito oito anos despois da traxedia na que morreron dúas persoas

Un lume forestal que comezou onte á noite en Chandebrito (Nigrán) queimou 0,73 hectáreas...

Caballero, contra as peaxes na A-52 e A-55: “As construtoras que se dediquen a contruír”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra a proposta da patronal...

Abel Caballero tacha de “bobada” a proposta do PP para o centro de asociacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, negou este venres que poña problemas á Xunta...

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...