A Comisión de Bombeiros, integrada por todos os sindicatos con representación no servizo municipal de Bombeiros de Vigo, denunciou este luns que os efectivos se viron “desbordados” na extinción do incendio que este domingo afectou a unha nave da empresa Toysal, onde está o punto limpo, no polígono do Caramuxo, pola escaseza de persoal.
A través dun comunicado, sinalaron que a intervención das últimas horas puxo de manifesto a “desastrosa xestión” do goberno municipal, tendo en conta que os parques de bombeiros da cidade sumaban este domingo un total de 15 efectivos (e 18 na quenda que entrou ás 22,00 horas), menos do mínimo de 20 que o propio goberno considera adecuado para prestar servizo.
Os sindicatos subliñaron que o incendio de Toysal, pola súa magnitude, obrigou á intervención de todos os efectivos dispoñibles, polo que se se deu outro sinistro, o tempo de resposta dilatouse “considerablemente”.
“Outro dato de moita importancia é que este servizo se viu desbordado”, engadiron, e explicaron que tiveron que recibir o apoio dos servizos de emerxencias de Mos e Val Miñor, con persoal e material, así como cisternas de auga dos servizos da Xunta (085) e a AXEGA.
Isto evidencia “o precario estado” no que se atopa o servizo de extinción de incencios de Vigo, lamentaron, cando “historicamente era este último o que prestaba servizo a outros concellos”.
“XOGAR COS DADOS COA SEGURIDADE”
A comisión de bombeiros lembrou que hai anos que denuncian a falta de efectivos e que ese déficit de persoal levou ao peche do parque de Coruxo en varias ocasións, todo iso sen que o goberno local “tomouse en serio o asunto” e sen que resolvese as últimas ofertas públicas de emprego.
Por iso, volveron a pedir ao goberno municipal que “deixe de xogar aos dados coa seguridade dos cidadáns e dos bombeiros” e execute as OPE.
“Talvez para iso sexa preciso que este goberno, co seu alcalde á cabeza, deixe de lado, de momento, asuntos na axenda política con moito ‘glamour’, xa que a gravidade do que está a pasar ben o xustifica“, concluíron.
INTERVENCIÓN “CORRECTA”
Pola súa banda, a concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, remitiu unhas declaracións aos medios nas que aseverou que a intervención de bombeiros no incendio deste domingo foi a “correcta”. “Controlaron en todo momento o lume e o operativo funcionou correctamente con 28 efectivos que participaron nel”, sinalou, aínda que non matizou se eses 28 efectivos actuaron simultaneamente (algo que negan os sindicatos) ou foron de quendas diferentes.
A concelleira socialista tamén arremeteu contra o BNG, que criticou o risco do operativo pola falta de persoal, e acusou ao seu portavoz, Xabier Pérez Igrexas, de estar “instalado na mentira”, nunha mostra de “oportunismo e demagoxia”.
Segundo explicou a responsable de Seguridade, os bombeiros recibiron a primeira chamada sobre as 19,48 horas da tarde deste domingo e ata o lugar desprazouse primeiro unha dotación do parque de Coruxo e logo una de Teis. “En total, unha dotación de 28 membros do equipo de bombeiros traballaron nesta intervención”, ha insitido.
Así mesmo, explicou que os efectivos dos parques comarcais de Mos e Val Miñor desprazáronse alí a petición do 112, e que os bombeiros contaron con apoio de cisternas de auga da concesionaria de limpeza, FCC, pola gran cantidade de auga necesaria nesta intervención (aínda que os sindicatos apuntaron que había camións cisterna nos parques, que non saíron por falta de condutores).
Finalmente, explicou a concelleira, o incendio quedou controlado ás 23,00 horas, aínda que os efectivos permaneceron ata primeira hora da mañá deste luns para remover o combustible e refrigerar a zona. Ademais, sinalou, as medicións de aire realizadas pola Xunta arroxaron “datos de tolerancia”, polo que non foi necesario adoptar medidas adicionais.
CRÍTICAS DO PP
Ás críticas do BNG e dos propios bombeiros, sumáronse as do grupo municipal do PP. O concelleiro ‘popular’ Fernando G. Abeijón subliñou que a visión do goberno local sobre a xestión deste sinistro “dista moito da realidade”.
Tras incidir en que había menos de 20 bombeiros dispoñibles e que foron necesarios reforzos, criticou que o alcalde siga sen facer “nada” ante un “problema crónico”, pondo “en risco” a seguridade de cidadáns e funcionarios.