
A Plataforma SOS Sanidade Pública prepara primeira quincena do mes de outubro, aínda sen unha data concreta, unha “gran manifestación” en Vigo, dado que esta área sanitaria ten “privatizada” a Atención Hospitalaria e sofre unha “deterioración enorme” na Primaria.
Este foi o principal acordo adoptado nunha reunión da plataforma celebrada o xoves, que serviu para establecer o calendario de próximas protestas. Así, este colectivo –que agrupa a decenas de asociacións, sindicatos e partidos políticos– continuará coas súas mobilizacións a nivel local dada a “situación” da Atención Primaria.
“Desgraciadamente, é de esperar que todo siga igual ou peor que o ano pasado, dado que a Consellería (de Sanidade) non fixo ningún esforzo serio para afrontar a deterioración dos centros de saúde, peche de PAC e consultas, e da precariedade das condicións laborais do persoal”, subliña SOS Sanidade Pública, que advirte: “Non pararemos ata conseguir o obxectivo dun modelo de Atención Primaria accesible, equitativo e de calidade”.
Así, incorporarán ás súas reivindicacións a postura contraria ao acordo alcanzado por Sanidade coa delegación do sindicato médico CESM –que puxo fin a unha folga de nove días– por flexibilizar o réxime de compatibilidades para facultativos que exercen na sanidade pública e na privada, que agora tamén poderán cobrar o complemento específico.
Ademais, a reunión do xoves serviu para felicitar a todas as plataformas que engloba polo seu “esforzo” na recollida das máis de 50.000 firmas que lograron levar ata o Parlamento de Galicia a iniciativa lexislativa popular, debatida o pasado 9 de maio e que foi rexeitada cos votos en contra do PP.
De feito, a través do comunicado, SOS Sanidade felicitou a Vanessa Viquendi, quen foi a encargada de presentar na Cámara esta iniciativa, por “facer fronte á mala educación e o desprezo” dos populares “aos miles de cidadáns” que apoiaron a ILP.
Tamén censura este colectivo a ausencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no debate, aínda que si estivo –aínda que non interveu– o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.