InicioSucesosFiscalía mantén que o acusado do crime de Chapela matou "a traizón"...

Fiscalía mantén que o acusado do crime de Chapela matou “a traizón” e a defensa apunta a un homicidio imprudente

A Fiscal rexeitou a posibilidade de que un terceiro participase nestes feitos, como suxeriu a defensa

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Fiscalía mantén a súa petición de 18 anos de cárcere para Manuel M.B., como autor do asasinato de Roberto C.P., o seu provedor de cocaína, ao que supostamente asfixiou ata a morte no seu domicilio da parroquia de Chapela, en Redondela en xaneiro de 2021.

Este xoves celebrouse a última sesión do xuízo, con tribunal de xurado, na sección quinta da Audiencia de Pontevedra, con sede en Vigo, contra este home, e está previsto que pola tarde comece a deliberación do tribunal popular para chegar a un veredicto.

No seu informe final, a representante do ministerio público modificou as súas conclusións para retirar a atenuante de confesión, ao entender que o acusado “non tiña vontade de colaborar coa xustiza” porque, aínda que levou á Policía ata o lugar onde escondera as chaves e o teléfono da vítima, só accedeu a desvelar ese agocho cando lle deron un ultimatum, e despois de estar “mareando”.

En todo caso, mantén a acusación de asasinato e a petición de 18 anos de cárcere, xa que entende que Manuel acudiu a casa de Roberto “coa intención de matalo” e por iso levou consigo unhas luvas e unha cinta de embalar que logo utilizou.

Ademais, subliñou na súa exposición, atacou á vítima por detrás, sen que esta tivese “a máis mínima posibilidade de defensa” e, a pesar de que puido facelo, non deixou de comprimirlle o pescozo, coa boca tapada, para asegurarse da morte. “Estamos convencidos de que non foi un accidente (…) é alguén desconfiado, sentía humillado porque Roberto non lle fiaba e a cocaína que lle vendía era de peor calidade que a que vendía a outros clientes, por iso quería resarcirse”, aseverou.

Respecto diso, a Fiscal rexeitou a posibilidade de que un terceiro participase nestes feitos, como suxeriu a defensa, e tamén remarcou que o argumento de que Manuel foi a casa de Roberto a roubarlle “non se sostén”, porque deixou no domicilio varias papelinas de cocaína e diñeiro.

“Foi un ataque a traizón e por detrás, elixiu matalo así”, reiterou, e engadiu que o atou e amordazou con cinta cando xa estaba morto ou agonizante, e levou as chaves do domicilio, probablemente para volver noutro momento e “levar o cadáver a outro sitio”.

Finalmente, tamén pediu ao xurado que “non se deixe enganar” acerca da saúde do mental do acusado, que “se está facendo o tolo para que se lle rebaixe a pena”. Nese sentido, lembrou o testemuño das forenses, e sinalou que o trastorno de personalidade de Manuel non implica que sufra brotes psicóticos, e “sabía perfectamente o que facía”.

HOMICIDIO IMPRUDENTE

Pola súa banda, o avogado da defensa reclamou a libre absolución e, subsidiariamente, se é condenado, que o sexa por un delito de homicidio imprudente (con penas moito menores), e que se teña en conta a atenuante de confesión e a eximente (ou en todo caso unha atenuante) polo seu trastorno de personalidade e o seu trastorno por consumo de sustancias estupefacientes.

“Estou convencido de que Manuel en ningún momento quería matar a Roberto”, proclamou, aínda que recoñeceu que “o máis probable é que lle causase a morte”, de forma non intencionada. “Ía roubar, pero ao reducilo, houbo unhas circunstancias que provocaron a súa morte”, afirmou.

Ademais, lembrou que a vítima tiña un problema grave na traquea que reducía a súa capacidade de respirar nun 60 % e que por iso faleceu, tan rápido, “sen ter sequera tapada o nariz”.

O avogado da defensa subliñou que Manuel ten ideas delirantes, que son un síntoma psicótico, e que cando ocorreron estes feitos tiña as súas capacidades mermadas. Manuel M.B. fixo uso do seu dereito á última palabra para dirixirse ao tribunal e proclamar: “En ningún momento fun a matalo a el nin a ningunha outra persoa”.

ÚLTIMAS

O Concello rexeita unha investigación sobre o accidente do Saltamontes e pide respecto aos tempos xudiciais

O goberno de Vigo rexeitou este luns a creación dunha comisión de investigación sobre...

Aberto expediente polas verteduras contaminantes procedentes da cidade deportiva do Celta

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil abriu un expediente sancionador contra Real Club Celta de Vigo...

O pleno esixe responsabilidades políticas á Xunta polo “sobrecusto” do Álvaro Cunqueiro

O pleno de Vigo esixiu este luns responsabilidades políticas ao expresidente da Xunta e...

O goberno de Ponteareas defende a súa xestión e di non ter constancia da denuncia do BNG por contratos do Corpus Christi

O goberno local do municipio pontevedrés de Ponteareas defendeu este luns a súa xestión...