O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou este sábado un “amplo consenso político e social” para situar o dereito á vivenda como o “quinto piar” do Estado do Benestar. Fíxoo durante un encontro aberto ao público celebrado en Baiona, no que compartiu mesa co portavoz socialista no Concello, Carlos Gómez Prado.
Na súa intervención, o líder dos socialistas galegos advertiu de que a dificultade para acceder a unha vivenda se converteu nun dos principais obstáculos para desenvolver un proxecto vital. Segundo sinalou, a falta de pisos ou casas accesibles é “a principal barreira” para moitas persoas, especialmente para a mocidade, polo que defendeu que unha das prioridades do PSdeG é que “ninguén teña que renunciar ao seu futuro” por este motivo.
Besteiro puxo o foco no incremento da demanda de vivenda pública en Galicia. Segundo indicou, máis de 33.000 persoas figuran xa como demandantes, unha cifra que, asegurou, supón o dobre que ao inicio do actual mandato. Para o secretario xeral socialista, estes datos amosan que “o problema non fai máis que agravarse” e requiren unha resposta que vaia máis alá das medidas puntuais.
O dirixente do PSdeG vinculou a situación actual coa falta de execución de vivenda pública durante os últimos anos. Nese sentido, lembrou que a Valedora do Pobo leva advertindo da problemática desde 2014 e sostivo que durante 17 anos non se impulsou a construción de vivenda pública en Galicia.
“Non é un problema novo, xa que a Valedora do Pobo vén alertando da situación desde o 2014. En 17 anos non se executou vivenda pública e só comezou a moverse co impulso dos socialistas, cos fondos europeos e a Lei de Vivenda”, afirmou Besteiro durante o encontro.
O secretario xeral socialista tamén cualificou de “contradición insostible” que Galicia conte, segundo os datos que manexa o PSdeG, con máis de medio millón de vivendas baleiras mentres milleiros de persoas buscan un fogar. Ao seu xuízo, esta situación evidencia a necesidade de activar instrumentos públicos que permitan poñer parte dese parque residencial ao servizo da cidadanía.
Besteiro detívose tamén na realidade concreta de Baiona, onde advertiu do crecemento das vivendas de uso turístico nun contexto de dificultades para acceder á vivenda habitual. Segundo explicou, no municipio hai xa 467 pisos turísticos, unha cifra que representa case o 3% dos fogares do casco urbano.
O líder do PSdeG sinalou que esta evolución debe ser abordada desde a regulación e desde a capacidade das administracións para ordenar o mercado. Entre as medidas formuladas, mencionou a necesidade de retirar do mercado os pisos turísticos ilegais e de impulsar a declaración de zonas tensionadas directamente desde a Xunta.
VIVENDA PROTEXIDA PERMANTENTE E BANCO PÚBLICO DE ALUGUEIRO
Entre as propostas defendidas en Baiona, Besteiro reclamou que a vivenda protexida manteña esa condición de maneira permanente. Para iso, avogou por blindala mediante unha modificación legal que impida que deixe de ser protexida co paso do tempo.
Outra das medidas expostas foi a creación dun banco público de alugueiro co obxectivo de mobilizar vivendas baleiras e ampliar a oferta dispoñible. Segundo o PSdeG, esta ferramenta permitiría incorporar ao mercado residencial inmobles sen uso, baixo garantías públicas tanto para propietarios como para inquilinos.
Besteiro tamén defendeu que ningún mozo ou moza que cumpra os requisitos quede sen bono de alugueiro por falta de fondos. Ademais, reclamou regular os alugueiros de temporada para “frear os abusos”, modificar a Lei de Vivenda de Galicia e recuperar a superficie mínima “digna” de 40 metros cadrados para os aloxamentos compartidos.
Finalmente, o secretario xeral do PSdeG instou a regular por lei o alugueiro de habitacións e a que a Xunta asuma a tramitación directa das zonas tensionadas, co obxectivo de dar resposta á presión do mercado residencial nos concellos con maiores dificultades de acceso á vivenda.
