O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sanción de 30 días de suspensión de emprego e soldo imposta por Eulen a unha vixiante de seguridade do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo por losquear un paciente que se atopaba reducido e engrilletado. A Sala desestimou o recurso presentado pola traballadora contra a resolución dun xulgado do Social vigués, que xa considerara axustada a dereito a medida disciplinaria.
Os feitos remóntanse á mañá do 23 de xaneiro de 2025, cando o persoal de seguridade foi requirido no Servizo de Urxencias debido ao comportamento dun paciente que, malia recibir a alta, se negaba a abandonar as instalacións. Segundo consta no procedemento, o home amosábase agresivo, lanzaba obxectos e profería insultos, polo que varios vixiantes interviñeron para reducilo e engrilletalo.
Tras conseguir sacalo do hospital e lograr que se calmase, os profesionais chegaron a un acordo con el para retirarlle os grilletes e permitirlle marchar sen outras consecuencias a cambio de que abandonase o recinto. O paciente aceptou inicialmente, pero, cando xa se afastaba, volveu adoptar unha actitude agresiva e propinou unha patada a un bolardo luminoso, que acabou rompendo.
UNHA LABAZADA MENTRES AGARDABAN POLA POLICÍA
Os vixiantes interceptaron novamente o home, reducírono e volveron engrilletalo. Posteriormente trasladárono a unha sala de Urxencias, onde permaneceu sentado e baixo custodia á espera da chegada da Policía Nacional, que debía facerse cargo del.
Foi durante esa espera cando se produciu o episodio que acabou dando lugar á sanción laboral. De acordo co expediente disciplinario e coas testemuñas presentes, o paciente comezou a insultar e ameazar unha das vixiantes cando estaba sentado e coas mans esposadas. A traballadora respondeu propinándolle unha labazada na cara.
Persoal do propio hospital comunicou posteriormente o sucedido a Eulen, que abriu un expediente disciplinario. A empresa concluíu que a vixiante cometera unha falta moi grave e impúxolle 30 días de suspensión de emprego e soldo ao considerar que golpeara o paciente “sen xustificación algunha”, posto que nese momento xa se atopaba reducido e custodiado.
Na argumentación da sanción, a compañía incidiu nas obrigas asociadas ás funcións da traballadora. Como integrante do persoal de seguridade, sinalou Eulen, “debe saber afrontar situacións de crises e alteración da orde, sen ter que tomar medidas violentas”. A empresa tamén considerou que a conduta vulnerara “a lealdade, deber de boa fe contractual” e a confianza depositada na empregada.
O TSXG CONSIDERA PROPORCIONAL A SANCIÓN
A vixiante levou a sanción ante a xustiza, pero o Xulgado do Social de Vigo avalou a decisión empresarial. A traballadora presentou posteriormente un recurso de suplicación ante o TSXG, que agora tamén rexeita as súas pretensións e mantén a medida disciplinaria.
O alto tribunal galego conclúe que “non se aprecia ningún elemento que mingüe a culpabilidade da vixiante”. A sentenza cualifica a súa conduta como unha “actuación reprobable” e considera “innecesaria a súa reacción”, tendo en conta que a labazada foi propinada cando o paciente “xa estaba reducido”.
A Sala sinala ademais que a actuación pode encadrarse nun abuso de autoridade. Á vista das circunstancias nas que se produciu o golpe e das funcións profesionais da vixiante, o TSXG conclúe que Eulen exerceu a súa potestade disciplinaria “de forma correcta e proporcional á gravidade dos feitos”, polo que confirma tanto a resolución do xulgado vigués como os 30 días de suspensión de emprego e soldo.
