Un incendio declarado nun turismo que circulaba pola N-550, ao seu paso pola parroquia de Saxamonde, en Redondela, acabou propagándose a un vehículo estacionado e a unha vivenda situada nas proximidades. O lume provocou danos materiais, aínda que non se rexistraron feridos.
Segundo informou o 112 Galicia, o primeiro aviso recibiuse arredor das 20.05 horas, cando un particular alertou de que un coche comezara a arder pola zona do capó á altura do quilómetro 146 da N-550. Os ocupantes conseguiron abandonar o vehículo antes de que as lapas se intensificasen. Minutos despois, novas chamadas advertiron de que o incendio se estendera a un segundo turismo e a unha vivenda próxima, polo que se mobilizou un amplo dispositivo de emerxencias.
Na intervención participaron os Bombeiros do Porriño, o GES de Mos, a Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Local e efectivos de Protección Civil. Unha vez extinguido o lume, os bombeiros confirmaron que resultaron afectados ambos os vehículos, unha pequena superficie de masa forestal na cuneta e unha vivenda, na que arderon as persianas de dúas estancias e o falso teito do patio.
