A Policía Local de Vigo detivo a un condutor, S.P.L., de 34 anos de idade, como presunto autor de varios delitos contra a seguridade viaria, sendo interceptado na mañá deste mércores tras unha persecución por varias rúas da cidade. Os feitos ocorreron á primeira hora da mañá, cando un radar móbil da Policía sorprendeu a este vigués circulando a 122 km/h pola parroquia de Alcabre, nunha zona limitada a 50 km/h. Unha patrulla localizouno posteriormente na rotonda de Camilo Veiga en Bouzas e, a pesar de que lle deu o alto, o condutor emprendeu a fuxida a gran velocidade.
Na súa traxectoria, o sospeitoso circulou de forma temeraria, invadindo o carril contrario en varias ocasións e pondo en perigo a seguridade doutros usuarios da vía. Finalmente, na rúa Simancas perdeu o control do coche, chocando con outro vehículo estacionado e quedando parado. O condutor tentou pór de novo en marcha o vehículo, pero os axentes impedíronllo. Ao someterse ás probas de detección de alcol e drogas, deu positivo en ambos os casos: 0,60 mg/l na alcoholemia, e positivo en cocaína no test indiciario de drogas. O home foi detido por varios delitos contra a seguridade viaria.
Este non foi o único incidente destas características nos últimos días, xa que na madrugada do 30 ao 31 de decembro, outro condutor, un home natural de Ourense, tamén tratou de fuxir da policía cando unha dotación lle deu o alto ao comprobar que o seu coche non tiña a ITV, levaba unha luz fundida, e non tiña en vigor o carné. Nese caso, a persecución produciuse por varias vías da cidade olívica e do Porriño, incluíndo tramos pola A-55 e a AP-9, ata que o coche se encaixou contra un muro da factoría de Stellantis e o condutor, que deu positivo en cocaína (e levaba enriba case 5 gramos desa droga), foi detido. Tras pasar a disposición xudicial, a maxistrada acordou o seu ingreso en prisión provisional.