Renfe informou de que este venres se manterá a suspensión de trens con orixe e destino Vigo e amplíase á ruta entre Ourense, O Carballiño e Santiago, ante risco de inundacións e desprendementos de terra debido ao temporal.
Desta forma, os traxectos afectados –alta velocidade, media e longa distancia– son os que conectan Vigo Urzaiz con Santiago; Vigo Guixar e a capital galega; Vigo Guizar e Tui; Vigo Guixar e Ourense; así como, Ourense-Carballiño-Santiago. Renfe non establecerá un plan de transporte alternativo por estrada, pero indicou que están habilitados os cambios e anulacións de maneira gratuíta.
O Concello de Vigo, pola súa banda, enviou un comunicado na tarde deste xoves para informar de que reclamou a Renfe un servizo alternativo de buses “dado que a rede ferroviaria non está en condicións de operatividade”. “Renfe debe pór a disposición dos seus viaxeiros autobuses que circulen desde a estación de buses de Vigo até Santiago, coas mesmas frecuencias que o tren, e con capacidade suficiente para o traslado de todos os usuarios. “Renfe non pode deixar desatendidos e sen servizo de transportes aos viaxeiros e viaxeiras de Vigo”, reza o comunicado municipal.
STALLANTIS PARALIZADA
TAmén a produción da planta viguesa de Stellantis volveu a verse afectada pola falta de subministracións debido ao temporal, e este venres cancelou gran parte da súa actividade. Así, a empresa comunicou aos traballadores que, debido a “causas de forza maior”, derivadas das malas condicións meteorolóxicas, o fluxo de aprovisionamentos viuse impactado e suspéndense varias quendas de traballo.
SOGAMA REFORZA O TRANSPORTE POR ESTRADA ANTE O BLOQUEO DO TREN
A suspensión da circulación ferroviaria en Vigo polo temporal obrigou a Sogama a reorganizar de urxencia a xestión de residuos para evitar o colapso nas plantas de transferencia do sur de Galicia. Con 70 colectores paralizados na vía férrea —o que supón unhas 1.400 toneladas de lixo bloqueadas—, a empresa pública tivo que activar un plan de continxencia por estrada, xa que a terminal de Vigo-Guixar canaliza o 60% do lixo que a entidade transporta por tren.
Para garantir o servizo antes da fin de semana, Sogama reforzou o transporte con 19 camións plataforma e ampliou os horarios e medios humanos nas plantas de Pontevedra, as máis afectadas polas descargas erradas en Vigo, O Porriño, O Rosal, Arbo e A Lama. A compañía tamén coordina coas empresas de recollida municipal para axilizar o baleirado de colectores e minimizar as retencións en Cerceda.
