InicioSucesosPrisión para o condutor que fuxiu da Policía entre Vigo e O...

Prisión para o condutor que fuxiu da Policía entre Vigo e O Porriño, circulando temerariamente, sen carné e drogado

O xulgado de instrución 1 de Vigo, en función de garda, decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, de O.M.B., de 31 anos e natural de Ourense.

PUBLICADO O

- Advertisement -

xulgado de instrución 1 de Vigo, en función de garda, decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, de O.M.B., de 31 anos e natural de Ourense, como presunto autor de varios delitos contra a seguridade viaria, tras protagonizar unha espectacular persecución entre a cidade olívica e O Porriño.

Segundo informaron fontes do TSXG, o condutor, que foi detido na noite do luns ao martes pasado, pasou horas despois a disposición xudicial, e a maxistrada acordou o seu ingreso en prisión. Está investigado por condución temeraria, condución baixo os efectos das drogas ou de alcol, condución sen permiso, condución con risco para a seguridade da vía, condución a maior velocidade da permitida na vía (superando o límite máximo en máis da metade), atentado contra axentes da autoridade, ameazas e danos. O xulgado inhibiuse en favor do xulgado de instrución 8, ao que corresponde a investigación pola data dos feitos.

Fontes policiais informaron de que os feitos ocorreron pasada a medianoite do luns, cando unha dotación observou un coche na rúa Antón Beiras, circulando en dirección a Travesía de Vigo, e que tiña unha das luces fundidas. Ao cotexar os datos do vehículo, os axentes comprobaron que o condutor non tiña en vigor o carné, e que o coche tampouco tiña pasada a ITV, polo que lle deron o alto. O condutor e único ocupante, acelerou entón bruscamente e emprendeu a fuxida por varias rúas da cidade, circulando de forma temeraria, invadindo o carril contrario e chegando a chocar con varios vehículos policiais.

Nun momento determinado, saíu do centro urbano pola A-55 a gran velocidade, alcanzando os 180 km/h, en dirección ao Porriño, aínda que abandonou a autovía á altura do Meixoeiro e continuou pola Estrada Vella de Madrid conducindo de forma moi perigosa. O sospeitoso internouse despois na autoestrada AP-9 e rompeu a barreira da peaxe nas Gándaras, no Porriño, e incorporouse á VG-20, continuando pola Avenida de Citroën, onde perdeu o control do coche tras embestir a un vehículo policial e encaixouse contra o muro da factoría Stellantis.

Os axentes procederon entón á súa detención, mentres que o condutor opuña unha forte resistencia e ameazaba aos funcionarios. Ademais, a policía atopoulle 4,8 gramos de cocaína e, ao realizarlle as probas de drogas, estas deron positivo para cocaína, cannabis e metanfetaminas. Na persecución participaron patrullas da Policía Local de Vigo, do Porriño e dotacións da Policía Nacional.

ÚLTIMAS

Feridas catro persoas tras bater o seu vehículo contra varios estacionados en Vigo

Catro persoas resultaron feridas en Vigo tras bater o seu vehículo contra varios estacionados....

Os traballadores do lixo de Vigo van á folga indefinida desde este domingo tras fracasar a negociación

O comité de empresa da concesionaria da recollida de lixo e limpeza viaria do...

Piden 4 anos e medio de cárcere para a edil de Seguridade de Vigo polo caso Saltamontes

As acusacións particulares do chamado caso Saltamontes de Vigo, que representan aos pais e...

Un baionés recolle 60.000 sinaturas para esixir ao Goberno e a UE a obriga de introducir sensores antiabandono nas sillas infantís

Despois do falecemento de outra nena de dous anos este fin de semana en...