InicioVigo e contornaMosReabre un carril da AP-9 en Mos tras o envorco dun camión...

Reabre un carril da AP-9 en Mos tras o envorco dun camión con 32.000 litros de gasóleo

O Plan Transgal continúa activo e o Concello recomenda non consumir auga de pozos particulares se presenta cheiro, sabor anómalo ou manchas aceitosas

PUBLICADO O

- Advertisement -

O carril esquerdo da AP-9 á altura do punto quilométrico 164, no termo municipal de Mos, quedou reaberto ao tráfico tras permanecer cortado durante arredor de 12 horas polo envorco dun camión cisterna que transportaba 32.000 litros de gasóleo. A pesar da reapertura parcial da circulación, a Xunta mantén activo o Plan de Emerxencias por accidente no transporte de mercadorías perigosas, coñecido como Plan Transgal, mentres continúan os traballos de limpeza e control do vertido.

O accidente produciuse ás 09:30 horas do sábado e obrigou a interromper a circulación na zona durante practicamente toda a xornada. Segundo informou a Garda Civil de Tráfico, ás 21:30 horas o carril esquerdo puido volver abrirse, aínda que cunha limitación de velocidade de 80 quilómetros por hora. O carril dereito segue delimitado con conos para permitir que prosigan as tarefas de limpeza da calzada e do contorno afectado.

A cisterna sufriu varias fendas como consecuencia do impacto e mesmo se chegou a producir un incendio, que foi sufocado polos servizos de emerxencia. Do total da carga, arredor de 7.000 litros de gasóleo acabaron vertidos, mentres que o combustible restante foi trasvasado a outro camión da mesma empresa, segundo confirmou o Instituto Armado.

O Concello de Mos detallou que, co apoio da empresa Couceiro, se instalaron sistemas de recollida co obxectivo de impedir que o gasóleo se dispersase polos aliviadoiros do viaduto. Na intervención tamén participaron axentes do Seprona e servizos ambientais, que coordinaron a actuación de Tragsa para levar a cabo os labores de contención e limpeza na zona.

A primeira hora deste domingo, o dispositivo de emerxencias seguía activo. O Plan Transgal ten como finalidade organizar e coordinar a resposta ante accidentes nos que están implicados vehículos que transportan mercadorías perigosas, como ocorreu neste caso co camión cisterna accidentado na AP-9.

PRECAUCIÓN CO CONSUMO DE AUGA EN POZOS PARTICULARES

Ademais da afectación ao tráfico e dos traballos sobre a vía, o Concello de Mos trasladou á veciñanza recomendacións relacionadas co posible impacto ambiental do vertido. Seguindo as indicacións da Consellería de Sanidade, a Administración local pediu ás persoas que dispoñan de pozos particulares que eviten consumir auga se detectan calquera sinal de posible contaminación.

En concreto, o Concello advertiu de que non se debe empregar auga que presente “olor a combustible, sabor anómalo ou presenza de manchas aceitosas”. A medida mantense como precaución mentres se avalía o alcance do vertido e a súa posible incidencia no contorno.

A situación será analizada nunha xunta técnica convocada polo Concello de Mos, que segundo confirmou a alcaldesa, Nidia Arévalo, estaba previsto que rematase arredor das 11.30 horas deste domingo. Desa reunión dependerán as seguintes medidas municipais sobre o control do vertido, a seguridade ambiental e as recomendacións á poboación.

ÚLTIMAS

Vertidos de augas fecais obrigan a Baiona a pechar dúas praias mentres seguen ondeando as súas bandeiras azuis

O Concello de Baiona anunciou hoxe a prohibición temporal do baño nas praias de...

Un home e unha muller morren nun accidente de tráfico no Porriño

Unha muller de 68 anos e un home de 62 anos...

O primeiro vehículo orbital español sairá de Nigrán: UARX Space lanza este outono Ossie rumbo ao espazo

A compañía UARX Space lanzará este outono Ossie, o primeiro vehículo de transferencia orbital...

O festivo da Reconquista pasará ao luns 29 de marzo por caer en domingo en 2027

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que este mes o goberno local aprobará...