A acusación particular solicitou ao Tribunal Superior de Justicia de Andalucía (TSJA) a “inmediata” entrada en prisión ou, de forma subsidiaria, a retirada cautelar do pasaporte para o futbolista Santi Mina xa que considera que a súa “procura activa de traballo fóra do país” aumenta “de maneira exponencial o risco de fuga” de cara ao cumprimento da pena de catro anos de prisión á que está condenado por abuso sexual.
O escrito, elevado ao TSJA polo avogado da vítima o pasado día 7, traslada que existe constancia de que o “condenado pretendeu novamente marchar do país con aparentes motivos laborais”, pero “sen informar o tribunal en ningún momento” e “tendo noticias deles única e exclusivamente polos medios de prensa”.
Engade que, a pesar de “reiterar a defensa a suposta plena disposición á xustiza” por parte do futbolista, tentou, “como xa fixera o ano pasado co seu desprazamento até Arabía Saudita” para xogar cedido no equipo Al Shabab, “formalizar contrato de traballo no estranxeiro” e recrimina que “como sempre” omitise calquera información respecto diso”.
O escrito, consultado por Europa Press, remarca que xa se cursou a mesma petición ao tribunal o 9 de agosto e que, aínda sen resolver e á espera de que se aclare a sentenza do TSJA que confirmou a condena, Santi Mina quixo fichar polo equipo de fútbol da Sampdoria, na liga italiana.
“A súa saída do país non se frustrou debido á vontade do condenado, senón que a fichaxe quedou frustrada polas queixas dos afeccionados do club italiano en atención aos antecedentes e o delito perpetrado”, subliña o letrado Iván Bolaño, quen achega como documental reseñas da prensa deportiva.
Para a acusación particular, o futbolista “segue na procura de traballo fóra do país para ter un motivo e abandonar” España, o que “aumenta exponencialmente o risco de fuga e de incumprimento da condena imposta”. Interesa, así, ao TSJA que se sinale comparecencia do artigo 505 da Ley de Enjuiciamiento Criminal para decidir sobre a entrada en prisión ou, subsidiariamente, a retirada do pasaporte.
PIDE “NON SEGUIR TOLERANDO UN TRATO DE FAVOR AO CONDENADO”
No seu primeiro escrito, o avogado da vítima alegou que, dado que a condena a catro anos de prisión da Audiencia Provincial de Almería foi ratificada por unha instancia superior, cabe a entrada en prisión de “obrigado cumprimento”. Argumentou, así mesmo, que Mina “non ten, na actualidade, vínculos laborais ou profesionais que o aten a España” despois de ser despedido polo RC Celta de Vigo e a súa “indiscutible capacidade económica”, o que o “habilitaría establecerse sen problemas en calquera país do mundo”.
No entanto, expuxo como medidas cautelares subsidiarias limitar a liberdade provisional coa obrigación de que acuda “semanalmente” ao tribunal ou a retirada do pasaporte “xunto coa expresa prohibición da saída do país” para, así, “non seguir tolerando un trato de favor e, por tanto, discriminatorio” respecto ao futbolista.
Doutra banda, o alto tribunal andaluz debe pronunciarse sobre a aclaración de sentenza que solicitou a defensa de Santi Mina para emendar “as omisións e defectos” nos que, ao seu xuízo, incorre o fallo e que debulla no seu escrito en sete puntos. A acusación opúxose xa que sinala que a avogada do futbolista vigués actúa cunha “palmaria, evidente, fraudulenta e acreditada intencionalidade dilatoria” da execución do fallo, sobre o que anunciou un recurso de casación ao Tribunal Supremo (TS).
A sección de apelación da Sala Civil e Penal do TSJA confirmou en xullo a sentenza da Audiencia de Almería pola que condenou ao futbolista Santi Mina a catro anos de prisión por un delito de abuso sexual, aínda que estimou en parte o recurso impulsado pola defensa do acusado e rebaixa a indemnización de 50.000 a 25.000 euros polo dano moral causado á vítima.
O abuso sexual que se produciu en xuño de 2017 nunha furgoneta que estaba estacionada nas proximidades dunha discoteca de Mójacar (Almería), municipio onde o futbolista estaba de vacacións.