InicioSociedadeFamiliares de usuarios das residencias de maiores: “Estamos diante das portas doutra...

Familiares de usuarios das residencias de maiores: “Estamos diante das portas doutra hecatombe”

Os familiares reuníronse nunha concentración diante do xeriátrico de DomusVi Barreiro como sinal de honra aos 270 maiores e dependentes falecidos durante a xestión da pandemia da COVID-19.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A concentración e a andaina polos arredores da residencia DomusVi Barreiro, foi convocada polas asociacións de familiares dos xeriátricos de DomusVi en Vigo (ASFAREBA) e en Cangas (Vellez Digna), co apoio da federación galega de familiares REDE e da asociación de familiares da residencia pública de Bembrive tamén de Vigo.

Durante a concentración pedíronse outra vez explicacións e transparencia sobre o acontecido dentro das residencias desde que comezou a pandemia de COVID-19. Así, reclamaron a creación dunha Comisión de Investigación sobre as residencias no Parlamento de Galicia. Esta Comisión xa fora demandada a pasada semana.

A residencia de DomusVi en Barreiro, xunto coa de Aldán en Cangas, foran as primeiras grandes residencias de Galicia onde se comezaron a rexistrar focos importantes de contaxio. Desta maneira, considerouse a área de Vigo como a ‘zona cero’ da pandemia en marzo pasado.

Xa o 17 dese mesmo mes, a federación REDE solicitara a intervención pública destas residencias, que se producíu 13 días despois, o 30 de marzo. Desta maneira, os centros de DomusVi en Barreiro e Aldán foron as dúas primeiras residencias intervidas no Estado español.

A Xunta de Galicia xustificou a acción como “o xeito de garantir a saúde e a vida dos anciáns residentes”. Segundo as asociacións convocantes da concentración “hoxe, 30 de agosto, vai para cinco meses desa intervención”, aínda así “o virus e a xestión da pandemia deixaron un saldo nestas dúas residencias de 85 persoas maiores e dependentes falecidas, 47 en Barreiro, 38 en Aldán”. A estas cifras hai que sumar as arredor de 200 usuarias e traballadoras afectadas pola infección.

As organizacións convocantes quixeron chamar a atención sobre a incerteza en que viven as familias das persoas maiores ingresadas en residencias galegas. Consideran que de novo o perigo ameaza estes centros “pola nula corrección de erros que se observa nos xeriátricos para evitar que a pandemia se propague de novo”. Insisten ademais sobre a sistemática falla de persoal e de elementos de protección, subliñou Paulino Campos, presidente de REDE.

Por outra parte, a inquedanza dos familiares aumentou tamén polo “incremento de medidas de restrición nas visitas dos familiares, con vulneracións reiteradas de nomativas, cando non se produce o feche irregular das instalacións”. Ante esta situación, denuncian que as familias e as usuarias, quedan desamparadas “nuns actos que están máis preto do secuestro de persoas que de medidas proporcionadas a realidades epidemiolóxicas”.

Por último, denuncian que as empresas e a administración “non fixeron os deberes, que é, basicamente, garantir un número apropiado de persoal, formado e informado, nas residencias, fundamental para a contención do coronavirus”. Neste sentido, “estamos nunha situación peor que na previa da pandemia de marzo, estamos nas portas doutra hecatombe”.

Tanto familiares como traballadoras anunciaron novas mobilizacións durante o mes de setembro. O 3 diante da sede central estatal de DomusVi, en Vigo, o 6, 13 e 20 en vilas do Morrazo, o 11 na praza maior de Celanova, o 25 nas rúas de Vigo e o 26 na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela.

ÚLTIMAS

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...

Detidas tres mulleres dunha mesma familia en Vigo por explotar sexualmente a mulleres estranxeiras

Axentes da Policía Nacional detiveron en Vigo a tres mulleres da mesma familia como...