A Sociedade Americana de Medicina Interna recoñeceu un estudo da Universidade de Vigo (UVigo) sobre hipertensión no que participaron facultativos do Servizo Galego de Saúde (Sergas) como unha das sete publicacións do ano pasado con maior impacto a nivel internacional.
A maior parte dos 292 profesionais do Sergas que colaboraron no ‘Proxecto Hygia’ corresponden á Área Sanitaria de Vigo, segundo detallou a súa xerencia nun comunicado. Tamén indicou que se implicaron 40 centros de saúde na investigación, iniciada fai máis de seis anos.
En concreto, o comité de expertos da Sociedade Americana de Medicina Interna seleccionou este estudo como un dos sete que poden favorecer en maior medida o cambio da práctica clínica neste ámbito de especialización. Así, publicouse un artigo co resumo dos sete traballos seleccionados en liña en ‘The American Journal of Medicine’.
Ademais, os últimos resultados do ‘Proxecto Hygia’ publicáronse no outono nunha revista científica de cardioloxía de gran impacto a nivel mundial, ‘European Heart Journal’. A investigación analizou como afecta o momento do día no que se realiza unha toma de medicamentos antihipertensivos sobre o risco de problemas cardiovasculares.
Á fronte dos traballos situouse o coordinador da Unidade Compartida de Investigación de Atención Primaria e doutor no centro de saúde vigués de Bembrive, Juan Crespo. Ademais, o responsable do Laboratorio de Bioinxañería e Cronobioloxía da UVigo, Ramón Hermida, exerceu como director do proxecto.
Deste xeito, o estudo mostrou que as persoas con presión arterial alta deben tomar os seus medicamentos antes de deitarse, en lugar de facelo pola mañá. De feito, evidenciou que os pacientes que os inxeren pola noite presentan un 45% menos de risco de falecer por un ataque ao corazón, un infarto de miocardio, un derrame cerebral ou unha insuficiencia cardíaca ou que precise dunha revascularización coronaria. A investigación foi levada a cabo sobre unha poboación de máis de 19.000 persoas diagnosticadas como hipertensas con criterios de monitorización ambulatoria.
Así, comprobouse que o cambio de hora da toma da medicación reducía o risco de falecemento por problemas cardiovasculares nun 66% e o dun infarto de miocardio nun 44%. Mentres, a posibilidade de requirir un revascularización coronaria rebaixouse un 40%, a de padecer fallos cardíacos nun 42% e o risco dun derrame cerebral nun 49%.