A cidade de Vigo volverá saír á rúa o próximo 3 de decembro “baixo o mesmo paraugas” para celebrar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, co obxectivo de reclamar os seus dereitos e xerar oportunidades.
Nunha rolda de prensa celebrada este luns no Concello de Vigo, na que participaron diversas entidades sociais como Aspanaex, HC San Rafael, Fundación Menela, Alento ou Aceesca, entre outras, explicaron que o 3 de decembro é unha data “importante” para celebrar os avances acadados e para lembrar que aínda queda “camiño por percorrer”.
“O progreso só ten sentido se mellora a vida de todas as persoas“, subliñaron, ao tempo que reclamaron que as persoas con discapacidade teñen que “ser escoitadas” para “participar, decidir e achegar as súas ideas” á sociedade.
As asociacións insistiron en que queda “moito por conseguir”, polo que o próximo 3 de decembro volverán saír á rúa no Náutico de Vigo para visibilizar esta gran parte da poboación que quere “participar plenamente” na comunidade. Así, animaron a toda a cidadanía a unirse a elas cos seus paraugas rechamantes, para participar no concurso que organizan cada ano.
O alcalde, Abel Caballero, tamén participou este luns na presentación, poñendo en valor non só a iniciativa, senón todas as persoas con discapacidade. O rexedor reivindicou a necesidade de conseguir máis dereitos para estas persoas, que son “irrenunciables”, e puxo o foco no labor do conxunto do movemento asociativo.
