InicioSociedadeNin a choiva nin os fallos técnicos puideron vencer a un Caballero...

Nin a choiva nin os fallos técnicos puideron vencer a un Caballero que volveu acender o Nadal “no mundo enteiro”

Entre paraugas, confeti e neve artificial, cun curtocircuíto polo medio, Vigo proclamou un ano máis co comezo do Nadal "no mundo enteiro". O alcalde da cidade, Abel Caballero, tomou os fallos técnicos con humor e cercanía.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A choiva caía con forza sobre Vigo, unha desas treboadas que semellan querer adiar o inevitable. Pero non houbo maneira: a cidade xa estaba convocada. E cando Vigo está chamada a iluminar o planeta, nin o ceo máis revolto pode detelo. A tarde avanzaba entre paraugas que subían e baixaban ao son dos chuvascos, pero en canto se abriron os accesos á Porto do Sol, o espectáculo humano non se fixo agardar. A xente entrou en avalancha, correndo, rindo, saltando charcas, coma se o diluvio non existise. En poucos segundos, as primeiras fileiras estaban ocupadas; en poucos minutos, a praza enteira estaba ateigada. Un ano máis, a choiva non foi rival para o entusiasmo. 

Cando o alcalde da cidade, Abel Caballero, apareceu no escenario, a música das pingas nos paraugas quedou eclipsada polo clamor da multitude. O rexedor arrancou co seu saúdo coral, ese que se converteu xa nunha liturxia do aceso das luces de Nadal: “Boas noites, Vigo! Boas noites, Galicia! Buenas noches a toda España! Good evening, Europe!”. A resposta foi inmediata, cálida e contundente. A choiva podía mollalo todo, menos o ánimo. Caballero proclamou que Vigo é “o símbolo do Nadal en todo o planeta”, que cando alguén pensa en Nadal “pensa en Vigo”, e que a cidade celebra estas datas como unha auténtica obra de arte. Lembrou aos traballadores do naval, da hostalería, da pesca, da tecnoloxía, da automoción, e saudou especialmente á xente nova, “os que senten que o Nadal é a ilusión”. A praza, brillante de auga, pero tamén expectativas, respostaba a cada frase.

A CONTA ATRÁS E UN ACESO QUE VENCEU Á CHOIVA

E chegou a intre decisivo. Caballero lanzou o seu xa mítico discurso espacial: “Todos os satélites da International Space Station e do James Webb están enfocando a Vigo…”. O público, entre risas e aplausos, preparábase para a conta atrás. E entón chegou: “Ten, nine, eight, siete, seis, cinco, catro, tres, dous, un… Luces! Encendido el árbol de Navidad de Vigo! Acaba de arrancar la Navidad en el planeta Tierra!”. E Vigo brillou. É certo que a choiva intensa provocou algunha incidencia a apenas uns minutos do comezo do espectáculo, un cadrante da árbore curtocircuitou e comezou a botar fume; a árbore iluminaba e deixaba de iluminar de maneira intermitente; e a música prevista soou cun leve retardo–, pero lonxe de enturbiar o momento, esas anécdotas convertéronse nun ingrediente máis dunha noite épica, grazas ao humor co que as tomou o alcalde.

Caballero botoulle cercanía e naturalidade á cousa: “Non sei que lle pasou á árbore… Pero volverá acenderse rápido: isto son cousas da choiva”, dixo sorrindo, provocando tamén gargalladas no público. E pediu un aplauso para os técnicos que traballaban a contrarreloxo para arranxar os fallos e asegurou: “Isto arranxámolo nun plis-plas… E, se non, en media hora”. Ao que a xente respostou con complicidade, coma quen forma parte da escena. Porque o espírito de todos aqueles que se achegaron a vivir o aceso das luces de Nadal de Vigo era máis forte que as inclemencias meteorolóxicas e os seus percances.

A PESAR DA CHOIVA, VIGO FIXO O DE SEMPRE: EMOCIONAR E ILUMINAR

Tras o aceso da árbore, chegou outro dos intres máis agardados: os cañóns de confeti lanzaron ao aire longas cintas e serpentinas de cores, creando unha choiva festiva que caeu sobre toda a Porta do Sol. Entre paraugas, luces e aplausos, aquelas tiras brillantes quedaban pegadas ás gabardinas e aos abrigos, mentres a xente sorría e collía algunha ao voo como recordo. E despois, cando por fin soou a canción de John Lennon –‘Happy Xmas (War Is Over), a praza enteira viviu un momento máxico: dende varias azoteas comezaron a funcionar os cañóns de neve, que proxectaron ao aire unha escuma branca e lixeira que caía flotando, simulando unha nevada perfecta sobre a multitude. A xente alzou as mans, gravou vídeos e, por un intre, semellou que Vigo se transformara nunha postal invernal saída dunha película.

A cidade iluminouse igual que cada ano, con esa “onda de luz dende cada parroquia” que o alcalde anunciou dende o escenario. E, malia o tempo adverso e os fallos técnicos por mór da choiva, Vigo volveu ofrecer un espectáculo único, seguido desde toda Galicia, España e milleiros de pantallas no mundo enteiro. A noite rematou cunha praza empapada, si, pero tamén iluminada, emocionada e orgullosa. Porque en Vigo, mesmo cando chove a mares, a xente resposta, participa e celebra. E porque, como repetiu Caballero, “o mellor Nadal do planeta arranca dende Vigo”. Un ano máis, e pase o que pase no ceo, Vigo acendeu o Nadal do mundo enteiro.

ÚLTIMAS

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...

Detidas tres mulleres dunha mesma familia en Vigo por explotar sexualmente a mulleres estranxeiras

Axentes da Policía Nacional detiveron en Vigo a tres mulleres da mesma familia como...