A choiva caía con forza sobre Vigo, unha desas treboadas que semellan querer adiar o inevitable. Pero non houbo maneira: a cidade xa estaba convocada. E cando Vigo está chamada a iluminar o planeta, nin o ceo máis revolto pode detelo. A tarde avanzaba entre paraugas que subían e baixaban ao son dos chuvascos, pero en canto se abriron os accesos á Porto do Sol, o espectáculo humano non se fixo agardar. A xente entrou en avalancha, correndo, rindo, saltando charcas, coma se o diluvio non existise. En poucos segundos, as primeiras fileiras estaban ocupadas; en poucos minutos, a praza enteira estaba ateigada. Un ano máis, a choiva non foi rival para o entusiasmo.
Cando o alcalde da cidade, Abel Caballero, apareceu no escenario, a música das pingas nos paraugas quedou eclipsada polo clamor da multitude. O rexedor arrancou co seu saúdo coral, ese que se converteu xa nunha liturxia do aceso das luces de Nadal: “Boas noites, Vigo! Boas noites, Galicia! Buenas noches a toda España! Good evening, Europe!”. A resposta foi inmediata, cálida e contundente. A choiva podía mollalo todo, menos o ánimo. Caballero proclamou que Vigo é “o símbolo do Nadal en todo o planeta”, que cando alguén pensa en Nadal “pensa en Vigo”, e que a cidade celebra estas datas como unha auténtica obra de arte. Lembrou aos traballadores do naval, da hostalería, da pesca, da tecnoloxía, da automoción, e saudou especialmente á xente nova, “os que senten que o Nadal é a ilusión”. A praza, brillante de auga, pero tamén expectativas, respostaba a cada frase.
A CONTA ATRÁS E UN ACESO QUE VENCEU Á CHOIVA
E chegou a intre decisivo. Caballero lanzou o seu xa mítico discurso espacial: “Todos os satélites da International Space Station e do James Webb están enfocando a Vigo…”. O público, entre risas e aplausos, preparábase para a conta atrás. E entón chegou: “Ten, nine, eight, siete, seis, cinco, catro, tres, dous, un… Luces! Encendido el árbol de Navidad de Vigo! Acaba de arrancar la Navidad en el planeta Tierra!”. E Vigo brillou. É certo que a choiva intensa provocou algunha incidencia —a apenas uns minutos do comezo do espectáculo, un cadrante da árbore curtocircuitou e comezou a botar fume; a árbore iluminaba e deixaba de iluminar de maneira intermitente; e a música prevista soou cun leve retardo–, pero lonxe de enturbiar o momento, esas anécdotas convertéronse nun ingrediente máis dunha noite épica, grazas ao humor co que as tomou o alcalde.
Caballero botoulle cercanía e naturalidade á cousa: “Non sei que lle pasou á árbore… Pero volverá acenderse rápido: isto son cousas da choiva”, dixo sorrindo, provocando tamén gargalladas no público. E pediu un aplauso para os técnicos que traballaban a contrarreloxo para arranxar os fallos e asegurou: “Isto arranxámolo nun plis-plas… E, se non, en media hora”. Ao que a xente respostou con complicidade, coma quen forma parte da escena. Porque o espírito de todos aqueles que se achegaron a vivir o aceso das luces de Nadal de Vigo era máis forte que as inclemencias meteorolóxicas e os seus percances.
A PESAR DA CHOIVA, VIGO FIXO O DE SEMPRE: EMOCIONAR E ILUMINAR
Tras o aceso da árbore, chegou outro dos intres máis agardados: os cañóns de confeti lanzaron ao aire longas cintas e serpentinas de cores, creando unha choiva festiva que caeu sobre toda a Porta do Sol. Entre paraugas, luces e aplausos, aquelas tiras brillantes quedaban pegadas ás gabardinas e aos abrigos, mentres a xente sorría e collía algunha ao voo como recordo. E despois, cando por fin soou a canción de John Lennon –‘Happy Xmas (War Is Over)‘, a praza enteira viviu un momento máxico: dende varias azoteas comezaron a funcionar os cañóns de neve, que proxectaron ao aire unha escuma branca e lixeira que caía flotando, simulando unha nevada perfecta sobre a multitude. A xente alzou as mans, gravou vídeos e, por un intre, semellou que Vigo se transformara nunha postal invernal saída dunha película.
A cidade iluminouse igual que cada ano, con esa “onda de luz dende cada parroquia” que o alcalde anunciou dende o escenario. E, malia o tempo adverso e os fallos técnicos por mór da choiva, Vigo volveu ofrecer un espectáculo único, seguido desde toda Galicia, España e milleiros de pantallas no mundo enteiro. A noite rematou cunha praza empapada, si, pero tamén iluminada, emocionada e orgullosa. Porque en Vigo, mesmo cando chove a mares, a xente resposta, participa e celebra. E porque, como repetiu Caballero, “o mellor Nadal do planeta arranca dende Vigo”. Un ano máis, e pase o que pase no ceo, Vigo acendeu o Nadal do mundo enteiro.
