Imaxina un lugar no que podes estar tranquilamente tomando un café con tostas ou traballando co teu portátil mentres estás rodeado de gatiños que pasean ás súas anchas ao teu carón, aos que podes acariñar e coñecer. Este espazo xa ten nome e chámase ‘cat café‘. Aínda que estes cafés xa son moi populares nos Estados Unidos e en Xapón, na nosa terra aínda é algo moi novo. Tan novo que ata o de agora en Galicia só había un en Culleredo. Pero tras a recente apertura de Ailuro Cat Café en Vigo, xa son dous. Dende Galicia Confidencial achegámonos a coñecer como é este lugar.
O primeiro que debes saber é que o sitio, en apenas dúas semanas de vida, volveuse tan popular que ten colas multitudinarias de xente ás súas portas. De feito, nós visitámolo nun sábado pola tarde e a espera foi de dúas horas. O seu horario é de martes a venres de 16.00 a 21.00 horas e os sábados e domingos de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Conseguimos entrar xusto ás 19.30, polo que che recomendamos que vaias con tempo se queres desfrutar ao máximo da experiencia.
Unha vez no seu interior, as rapazas que rexentan o local explícanche moi amablemente as normas: nada de darlle comida aos gatos, non tocarlle as partes sensibles ao acariñalos (barriga, almohadillas ou cola), non facer ruídos fortes (os gatos están na súa casa e ti eres o invitado, non debes molestalos) e non collelos no colo se non queren. Con estas instrucións na mente xa estás listo para desfrutar do teu té, café, refresco ou o que queiras pedir, e interactuar cos felinos.
Polo momento hai cinco gatiños, cada un coa súa propia historia de vida: Oslo, un gato enorme, de máis de 7 quilos, pero todo amor, ao que lle encanta que lle rasquen a cabeciña; Paquita, que sempre está ronroneando e pedindo atención tirándose ao chan e facendo a croqueta para que a acaricien; Tigretón, o máis tímido, aínda lle está custando un pouco relacionarse coa xente; Andamio, un gato albino, xordo e bastante maior, cunha historia de superación detrás que o fai todo un heroe; e Alala, a quen lle encanta o colo e os cabezazos.
Ailuro Cat Café actúa como lugar de residencia para os gatos, en concepto de casa de acollida e en colaboración coa protectora Gatiños da Rúa de Vigo, funcionando como intermediario para a súa adopción. A idea é que as persoas que se pasen polo local poidan coñecer ben aos gatos e, de ver que hai un afecto mutuo, adoptalos. E é que como din as donas do lugar: os gatos elixen aos seus donos, e non ao revés.