InicioSociedadeAbusos de curas en Vigo: "Con 13 anos pediume que me baixara...

Abusos de curas en Vigo: “Con 13 anos pediume que me baixara a bragueta e meteume a man polo cu”

Este 19 de novembro celébrase o Día para a Prevención do Abuso Sexual Infantil. Galicia Confidencial inicia unha serie de reportaxes sobre esta lacra social xa que ano tras ano os informes do Defensor do Pobo sacan á luz novos casos de abusos sexuais a menores de idade no seu do Igrexa católica. A maioría, son antigos, dos 60, 70 e 80, pero tamén se destapa algún máis recente. Aquí recollemos algúns.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os abusos sexuais a menores de idade son unha lacra difícil de erradicar, pois na sociedade sempre haberá monstros, por moitas medidas que se implanten para tratar de paralos. Sen embargo, se hai un lugar no que é aínda máis difícil frear a estas ‘persoas’ (nin sequera merecen ser chamadas así), é no seo da Igrexa católica, unha institución que aínda que na actualidade está comprometida coa loita contra os abusos, durante moito tempo permaneceu no escurantismo, encubrindo a moitos dos seus membros, practicantes da pederastia. Así as cousas, ano tras ano saen novos casos (a maioría destapados nos informes anuais do Defensor do Pobo) e, lamentablemente, case todos son do século pasado. Cantos haberá aínda hoxe en día dos que non se teña coñecemento porque as vítimas son moi pequenas e están coaccionadas para non falar? Mesmo na actualidade, o ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestouse fai ben pouco sobre o tema, dicindo que o mellor era non remover o asunto: “Chamar terroristas aos bispos non é de recibo”, e iso que el foi alumno nun internado dos maristas en León, un dos epicentros das denuncias por abusos sexuais cometidos por relixiosos en España. 

Dende colexios ata as propias igrexas, pasando por seminarios ou casas da xuventude, non hai recuncho ao que non chegase este tipo de delito. Párrocos, bispos, frailes, profesores… toda clase de cargos participaron dos abusos a menores. Non importa a orde relixiosa, xa sexan salesianos ou maristas, xesuítas ou marianos, todos cocen fabas, como adoita dicirse. Dende Galicia Confidencial, e con motivo do Día Mundial para a Prevención do Abuso Sexual de Nenos, Nenas e Adolescentes, facemos un percorrido polos principais casos de abusos que os informes do Defensor do Pobo dos últimos anos detectaron na nosa terra, así como polos sacerdotes máis coñecidos que estiveron implicados en abusos (cantos haberá que aínda non se teñan descuberto, pois os casos van saíndo a contagotas). Hai moitos adultos que foron abusados na súa infancia que, como xa pasou tempo, prefiren deixar a cousa como está e non denunciar.

E é que antigamente, a Igrexa contaba con tanto poder que pobre de ti que foses un neno que chegase á casa dicindo á túa nai ou ao teu pai que o cura che tocara as partes íntimas, aínda levabas unhas azoutas por blasfemar contra un enviado de Deus. Por iso son tantos os casos que están a saltar a luz na actualidade pero que datan dos anos 60, 70 e 80. E, por desgraza, outros poucos estanse a coñecer e sucederon nos últimos anos. Unha lacra que, hoxe en día, a Igrexa católica tenta eliminar das súas filas, ao menos de cara á galería, sendo a primeira en impoñer expedientes sancionadores e en investigar aos párrocos acusados de abusos a menores de idade. Antigamente, o que se facía era encubrir aos denunciados e mesmo trasladalos a outras parroquias para que puidesen lavar a súa imaxe ou seguir abusando doutros nenos. Agardemos, polo ben dos máis pequenos, que as cousas sigan indo a mellor. Polo de agora, coñezamos algúns dos casos recollidos polo Defensor do Pobo nos seus últimos informes relativos ás grandes cidades galegas.

Non hai vigués que non coñeza o Colexio Apostolo Santiago, e non por nada bo, dende logo. Durante anos estiveron descubríndose, pouco a pouco, casos e casos de abusos sexuais levados a cabo por profesores do centro, todos xesuítas, sobre os alumnos. En concreto, unha testemuña acusou o pasado 2022 a catro xesuítas de abusar sexualmente de varios alumnos deste colexio a finais dos anos 80 e comezos dos 90. Entre os acusados, figuraban nomes e apelidos, dos que publicamente se coñecen as iniciais: P.J.A., J.M.S.M., e o irmán G.Ll.; aos que se suma o pai P.P.R., nomeado por outro alumno no 2021, facendo referencia, no seu caso, a abusos relativos aos anos 70 e ata o 1992. Este exalumno conta que el estivo neste centro durante a década dos 70 e que os curas confesaban aos nenos nos seus propios despachos, onde bicaban aos menores e lles tocaban os seus xenitais. Ademais, recorda que o pai L. era o peor abusador. A eles súmanse outras dúas vítimas que van aínda máis atrás no tempo, ata os anos 1957 e 1964, facendo referencia ao pai Modesto Vázquez González. Unha delas conta que, durante unha confesión, o relixioso tocoulle sexualmente. A outra acúsalle de terlle “metido man” no seu despacho. Tamén se fai referencia ao irmán R.

Así mesmo, noutro colexio non identificado da cidade olívica (que se presupón que pode ser o Compañía de Xesús, polas desculpas que pediu publicamente anos despois), tamén pertencente á orde dos xesuítas, un ex alumno denunciou ter sufrido abusos por parte dun relixioso que se encargaba da enfermaría do centro durante os anos setenta (entre 1976 e 1978) e por parte dun profesor, o irmán V. Isto tamén foi tónica habitual, pois outro ex alumno do mesmo colexio acusou ao mesmo relixioso encargado da enfermaría de abusar del no ano 1962. Ambos os abusos saíron á luz o pasado ano 2022. Boa parte dos acusados xa faleceron, pois naquela época dos abusos (anos 70 de media) xa se trataba de persoas maiores. Deste xeito, aínda que se coñezan estes testimonios, xa non hai xeito de empreder accións contra os abusadores.

Como contou ao diario El País unha das vítimas, todos os relixiosos seguían o mesmo patrón para actuar. Sempre tras portas pechadas tras as que tocaban aos nenos durante as confesións. Os alumnos, con idades entre os 6 e os 14 anos, tiñan que soportar como as mans dos curas se metían por dentro dos seus pantalóns. E o medo dos pais ao poder do clero, facía que acalasen aos seus fillos. Ademais, moitos destes nenos amosábanse confusos, pois eran moi pequenos e non comprendían como alguén próximo a Deus podía cometer tales pecados. “Durante os primeiros cursos que pasei alí o pai Modesto Vázquez portouse moi ben comigo. Pero un día, en 1957, cando tiña 13 anos, na súa oficina, pediume que me desabrochase o cinturón, baixoume a bragueta e empezoume a meter a man polo cu. Eu asusteime, e escapeime, saín correndo do cuarto. Cheguei á clase totalmente confuso“, conta ao xornal nacional.

E fai ben pouco, o pasado mes de outubro, o famoso programa de La Sexta ‘Salvados‘, recuperou tamén casos de abusos neste centro vigués. Unha ex compañeira de clase de Gonzo, o presentador, contáballe como un dos profesores gardaba tampóns, compresas e medias para as alumnas que o precisasen, ademais de ofrecer sesións de fotos. A ela, con 14 anos e a idea de poder ser modelo, fíxolle fotos en saia corta e media, con poses que el mesmo lle mandaba poñer. Outro ex compañeiro sufriu abusos na enfermaría do centro, e cando chegou á clase, xa todos os compañeiros sabían o que pasara: “Foi vítima ante 42 compañeiros de clase, todos soubemos o que pasara, non puido sacarse esa etiqueta, sempre foi ‘o chaval da palla do enfermeiro“, lembra Gonzo, que non foi consciente de que se trataba dun “abuso sexual” ata moito tempo despois, xa que sempre se tratou como “un tema de risas entre nenos”. 

Se queres coñecer outros casos, como os denunciados no Colexio do Pilar, da orde relixiosa dos maristas ou no  Colexio San Roque dos Salesianos, podes ler a reportaxe completa no Galicia Confidencial. Aquí che deixamos o enlace: https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/246482-19n–abusos-curas-vigo-pontevedra-13-anos-pediume-baixara-bragueta-meteume-man-polo-cu.

ÚLTIMAS

Familias e sindicatos manifestaranse para esixir profesores para alumnos ingresados en Saúde Mental no Cunqueiro: “Non nos queda outra”

Familias de Vigo planean unha manifestación para esixir á Xunta de Galicia profesores para alumnos ingresados...

Un accidente múltiple provoca colas quilométricas na AP-9 á entrada de Vigo

Un accidente múltiple, no que ata catro vehículos víronse implicados, provocou na tarde deste...

Un proxecto da UVigo realiza traballos na ‘raia’ para diminuír o risco de grandes incendios

O proxecto Firepoctep+, liderado pola Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo (UVigo),...

Convocada unha manifestación por Resposta Feminista polo 25N en Vigo para que “a vergoña cambie de bando”

Resposta Feminista, unha plataforma nada en Vigo coa vocación de convocar mobilizacións unitarias do...