O xuízo sinalado para este mércores na sala do Penal 2 de Vigo contra un mozo de 21 anos de idade, acusado de hostigar, acosar e ameazar de morte a unha excompañeira de academia, saldouse cun acordo de conformidade, polo que o procesado recoñece os feitos e acepta penas de multa que suman 765 euros, ademais da prohibición de achegarse a menos de 200 metros da vítima ou comunicarse con ela por un período de dous anos, e unha indemnización de 3.000 euros.
A Fiscalía pedía inicialmente penas de prisión e multas (por un total de 4.140 euros), ademais de 5.000 euros de responsabilidade civil. Finalmente, na sesión de conformidade, o mozo recoñeceu os feitos e aceptou a rebaixa de condena, que queda en multas que suman 765 euros, a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima e a indemnización, todo iso por un delito de acoso, un delito continuado de quebrantamento de medida e un delito continuado leve de ameazas.
Na imposición de condena, que xa é firme e non se pode recorrer, aplicáronse as atenuantes de reparación do dano e de anomalía psíquica, xa que o mozo ten diagnosticado un trastorno de déficit de atención, con antecedentes por trastorno obsesivo compulsivo, que minguaban lixeiramente a súa vontade no momento dos feitos.
Segundo se recolle no escrito de acusación pública, os feitos ocorreron a partir de maio de 2021. Meses antes, o acusado e a vítima coñecéronse nunha academia de estudos e el tentou iniciar unha relación afectiva con ela sen conseguilo.
A partir do momento en que a moza quixo cortar o contacto co acusado, este comezou a hostigarla chamando constantemente por teléfono tanto á vítima como ás súas amigas. Cando a moza o bloqueou no móbil e nas redes sociais, o mozo seguiu chamando mediante un número oculto, de maneira que a moza tivo que cambiar o seu número de teléfono.
Ao longo dos meses, o acusado non só seguiu acosando á moza (que se trasladou por estudos a Ourense) e á súa contorna, senón que chegou mesmo a enviar mensaxes á nai da prexudicada e ás súas amigas, con ameazas directas (“vouna a estrangular cun arame de espiño”, “voulle a partir a cara dunha hostia”, “pensei en abrirlle a cabeza cunha pedra”, “vou violar á puta da túa filla”…) para amedrentar á nova.
En total, a moza e a súa contorna recibiron neses meses centos de chamadas e mensaxes, e a vítima tivo que cambiar de número de móbil dúas veces, ademais de recibir tratamento psicolóxico.