O grupo municipal da Marea de Vigo levará ao vindeiro Pleno, que se celebrará este mércores 18 de xullo, a moción que xa fora rexistrada no pasado mes, cando estallaba o conflito pola recollida dos sacos de roupa sucia no Hospital Álvaro Cunqueiro.
Nestas últimas semanas, o persoal TCAE (Auxiliares de Enfermería) ten levado a cabo unha serie de mobilizacións e xornadas de folga na defensa das súas condicións laborais.

Mobilizacións que, para Marea de Vigo, son provocadas polas consecuencias do modelo privatizador da Sanidade. “Este conflito é unha evidencia máis do fracaso que supón este modelo de xestión, no que ademais se premia con altos beneficios ás empresas privadas a costa do conxunto da cidadanía, a través de elevadísimos custos pagados con cartos públicos” engade Marga L. Barreiro, concelleira do grupo municipal da Marea de Vigo.
Ante as accións e mobilizacións levadas a cabo polo persoal TCAE, a Dirección decidiu trasladar á inspección do SERGAS o estudo para a aplicación de sancións. Este feito, cualificado pola Marea de Vigo como unha ‘actitude impresentable’, “responde soamente á necesidade que ten a a xerencia do HAC en culpabilizar ás traballadoras cara á opinión pública para tapar as súas deficiencias” segundo explica Marga L. Barreiro, polo que, na moción que será defendida o vindeiro mércores, o grupo municipal instará á retirada destes expedientes sancionadores.

“Estase tratando de enfrontar ao persoal das empresas privadas e ao persoal do SERGAS, cando o problema vén desde o momento no que se decide privatizar a xestión do Álvaro Cunqueiro a través dunha sociedade concesionaria, sociedade que, por certo, non deixa de obter beneficios ano tras ano, e sobre a cal semella que a Consellería de Sanidade non ten capacidade ao non ser quen de facer cumprir coas súas obrigas” conclúe Marga L. Barreiro.