InicioPolíticaA Xunta afea á rexedora de Tomiño o seu rexeitamento á lei...

A Xunta afea á rexedora de Tomiño o seu rexeitamento á lei do ciclo da auga

Insta o goberno local a solucionar os problemas de saneamento ou asumir a xestión da depuradora.

PUBLICADO O

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, remitiu unha carta á alcaldesa de Tomiño, Sandra González, na que lle traslada o “asombro e malestar” do seu departamento polas críticas vertidas contra o anteproxecto de lei para mellorar a getión do ciclo de auga, e lembrou que este municipio do Baixo Miño é un “dos máis beneficiados” polo apoio que presta Augas de Galicia aos concellos para o exercicio das súas competencias en materia de saneamento, abastecemento e depuración.

Con esta misiva, a Xunta sae ao paso das manifestacións realizadas pola alcaldesa o pasado luns, cando lamentou que o texto da norma deixou “perplexos” os rexedores, pola intención da administración autonómica de “aumentar as taxas”, e mesmo de “cobrar un canon por depurar a auga da choiva”. Na súa carta, a conselleira cualificou esas palabras de “inaceptables e inxustas” e lamentou a decisión de Sandra González de “romper a traxectoria de lealdade institucional” dos últimos anos entre ambas as administracións.

Ethel Vázquez lembrou que a Administración Hidráulica de Galicia “vén prestándolle un inxente apoio técnico e económico” a esta entidad local, para facilitar o exercicio das súas competencias en materia de augas, un apoio que “non ten paralelismo na Deputación de Pontevedra, administración que en primeira instancia debería exercer esa función”.

Augas de Galicia, lembrou, colabora coas traídas municipais do Baixo Miño, impulsa plans de abastecemento autónomo e presta apoio ás administracións locais nos seus plans de emerxencia ante a seca. Ademais, engadiu, hai 13 anos que a Xunta asumiu a explotación da depuradora de Tomiño, polo que o goberno local “goza do privilexio de verse liberado da enorme responsabilidade que supón a xestión da depuración”.

ALTERNATIVAS

Finalmente, a conselleira advertiu á alcaldesa de que, se quere que Augas de Galicia siga xestionando a depuradora, o Concello debe asumir o custo do deficiente funcionamento das redes municipais de saneamento; a alternativa sería solucionar de forma “urxente” as infiltracións de ‘augas brancas’.

“A última alternativa, e quizá a máis razoable á vista das súas manifestacións, é a que xa lle formulei o 14 de outubro de 2020 (…): que o Concello asuma as súas competencias de depuración conforme ao artigo 25.2c da lei de bases de réxime local, e pase a facerse cargo da xestión da depuradora e das responsabilidades que este labor leva aparelladas”, resolveu Ethel Vázquez na súa misiva.

Neste sentido, a conselleira confiou en que a carta remitida sexa “o punto de partida” para iniciar o expediente administrativo correspondente, e que o Concello asuma a explotación da planta. Así, Augas de Galicia anularía a aplicación do coeficiente de vertedura aos usuarios e o Concello podería adoptar “as decisións que considere oportunas” sobre os problemas da depuradora.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...