InicioPolíticaO xulgado do Contencioso Administrativo de Vigo anula a posta en funcionamento...

O xulgado do Contencioso Administrativo de Vigo anula a posta en funcionamento da área Metropolitana

Con todo, na sentenza do Contencioso Administrativo de Vigo establécese que a asemblea do 1 de decembro de 2016 foi "válidamente constituída".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo ditou sentenza na que anula a posta en funcionamento da área Metropolitana, estimando parcialmente o recurso interposto pola Xunta de Galicia contra as actuacións administrativas relativas á constitución deste ente supramunicipal, por non estar integrada a cidade olívica no plan de transporte metropolitano impulsado polo goberno autonómico.

A área constituíuse nunha asemblea que se celebrou o 1 de decembro de 2016, e na que o entón alcalde de Salvaterra, Arturo Grandal, como membro de maior idade, foi o encargado de revisar as certificacións dos concelleiros metropolitanos para a súa toma de posesión.

Tras esa toma de posesión e tras a constitución da asemblea, Grandal suspendeu a sesión durante uns minutos para consultar sobre certas irregularidades relativas ás credenciais de dous edís (de Moaña e Gondomar) e tamén debido ao debate suscitado polo feito de que o Concello de Vigo non se integrou no plan de transporte metropolitano da Xunta (requisito recollido na lei da área).

Ante a diverxencia de pareceres, optou por suspender definitivamente a reunión, e os representantes do PP abandonaron a asemblea. No entanto, a sesión continuou e os representantes que quedaban elixiron a Abel Caballero como presidente da área Metropolitana; días despois desta accidentada primeira asemblea constituíuse a Xunta de Goberno da área Metropolitana, celebráronse varias reunións e outros actos administratativos.

A Xunta de Galicia presentou un recurso contra a constitución do ente supramunicipal e contra os acordos adoptados, argumentando que o Concello de Vigo non cumprira o requisito de integrarse de forma efectiva no plan de transporte metropolitano.

ESTIMACIÓN PARCIAL

Na sentenza do Contencioso Administrativo de Vigo que se coñeceu este mércores establécese que a asemblea do 1 de decembro de 2016 foi “válidamente constituída” e, tras sinalar que o alcalde de Salvaterra non estaba facultado para suspender a sesión (algo que só podería facer se non houbese ‘quórum’), o xuíz determinou que a elección de Abel Caballero como presidente da área Metropolitana foi “axustada ao ordenamento xurídico”.

No entanto, o maxistrado declara inválidos os actos posteriores para a posta en funcionamento do ente, unha posta en funcionamento que só pode producirse tras a efectiva integración de Vigo no plan de transporte metropolitano (como declara a lei da área Metropolitana).

O xuíz lembra na súa resolución que a lei da área Metropolitana do ano 2012 nunca chegou a porse en práctica e que foi posteriormente modificada, despois de que o Concello de Vigo e a concesionaria do bus urbano, Vitrasa, asinasen en xullo de 2016 un convenio coa Xunta para a integración da cidade no transporte metropolitano.

Ese convenio implicaba que a empresa de transporte debía realizar as adaptacións tecnolóxicas necesarias e aplicar as tarifas pactadas, e na modificación da lei da área estableceuse que o concello olívico debía integrarse nese plan de transporte de forma efectiva, como condición previa á posta en marcha do ente supramunicipal.

UNHA “QUIMERA” SEN O TRANSPORTE

O maxistrado apunta que, sen esta integración no plan de transporte, o funcionamento da área Metropolitana de Vigo “volvería ser, como 4 anos antes da reforma (da lei), unha quimera”.

Así mesmo, constata que, a pesar da firma do convenio de xullo de 2016, nunca chegaron a materializarse nin as adaptacións tecnolóxicas nin a aplicación de tarifas, polo que declara inválidos os actos producidos despois da constitución da asemblea e da elección do presidente da área.

Iso quere dicir que se anulan os pasos posteriores a esa asemblea constituínte (constitución da Xunta de Goberno, reunións deste órgano e outros actos), encamiñados á posta en marcha do ente supramunicipal. A sentenza do xulgado do Contencioso Administrativo de Vigo pode recorrerse en apelación, no prazo de 15 días.

ÚLTIMAS

A Policía de Vigo mantén abertas todas as liñas de investigación polo incendio dun edificio en Cesáreo González

A Policía Nacional de Vigo investiga "con todas as liñas abertas" o incendio ocorrido...

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...