InicioPolíticaNovo enfrontamento entre Abel Caballero e Xunta pola orixe da idea sobre...

Novo enfrontamento entre Abel Caballero e Xunta pola orixe da idea sobre a iluminación de Rande

O rexedor, en presenza da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, fixo fincapé na importancia da ampliación, unha obra que subliñou, foi decidida polo goberno bipartito da Xunta, o goberno de Zapatero, e el mesmo, como alcalde.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Xunta e o Concello de Vigo volveron a pór de manifesto, este venres as súas diferenzas, e esta vez non foi polos investimentos na cidade, polo transporte metropolitano, ou pola candidatura de Cíes a Patrimonio da Humanidade, senón por unha cuestión máis prosaica: a iluminación da ponte de Rande.

Despois de que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, xa puxese de manifesto que el mesmo trasladou esa idea a Audasa hai un ano, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, aproveitou a súa intervención durante a inauguración dunha exposición sobre a famosa ponte, “que non está propiamente en Vigo, pero é a ponte de Rande de Vigo”, para deixar ben claro que esa iluminación é unha iniciativa do Goberno de España, en concreto, do Goberno de Pedro Sánchez.

O rexedor, en presenza da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez (que tamén acudiu á inauguración da mostra), fixo fincapé na importancia da construción da ponte para vertebrar o territorio, e tamén na importancia da ampliación, unha obra que subliñou, foi decidida polo goberno bipartito da Xunta, o goberno de Zapatero (con José Blanco como Ministro de Fomento), e el mesmo, como alcalde.

Abel Caballero, en declaracións aos medios tras o acto, reiterou que a iluminación da ponte de Rande é “competencia, decisión, e con autorización” do Goberno de España, e “só do Goberno de España”. Segundo o alcalde, en Moncloa están “atónitos” polo “xesto de deslealdade” de Feijóo, de arrogarse unha actuación e anunciala “a Xunta non teñen ningunha competencia sobre a autoestrada”.

“COMPETENCIA” ÁS LUCES DE NADAL

Segundo o rexedor olívico, a intención do presidente galego ao anunciar esa actuación (fixérono a delegada da Xunta e a conselleira Ethel Vázquez en Vigo) era “facer sombra e facerlle a competencia ás luces de nadal” que ese mesmo día empezaron a colocarse na urbe olívica.

Abel Caballero subliñou que el mesmo ten coñecemento desde hai tempo do proxecto da iluminación, e podería falar “moitísimo máis do que saben a conselleira e o señor Feijóo”, pero que non o fixo, á espera de que sexa o Goberno central o que detalle a actuación.

“Corríalles moita présa anuncialo, e facelo o mesmo día que anunciamos a iluminación do Nadal”, incidiu, e vaticinou que, dentro duns anos, acenderanse as luces de Nadal e as de Rande ao mesmo tempo, nun evento “que vai chegar a Nova York, Tokio,…a todas partes”.

“PETICIÓN EXPRESA” DE FEIJÓO

Pola súa banda, a conselleira Ethel Vázquez incidiu, en declaracións aos medios, que foi o presidente da Xunta o que, en novembro de 2017, trasladou ao responsable de Audasa, César Canle, a idea de iluminar a ponte como emblema e icona da ría de Vigo e da cidade olívica.

Segundo apuntou, a empresa está a traballar na iniciativa “por petición expresa do presidente Feijóo”, e pediu os informes preceptivos da AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea). Así mesmo, confirmou que, aínda que a iluminación será sufragada por Audasa, o presidente galego ofreceu colaboración técnica e económica do goberno autonómico.

“O presidente pensou que, do mesmo xeito que está iluminada a Torre de Hércules, deberiamos traballar conxuntamente na iluminación de Rande, que “merece ter luz propia” para ter o protagonismo que merece de día, “e tamén de noite”.

EXPOSICIÓN

Alcalde e conselleira fixo estas manifestacións no marco da inauguración dunha mostra na viguesa rúa do Príncipe na que, a través de diversos paneis con fotografías e textos, faise un percorrido pola historia desta emblemática infraestrutura.

O decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia, Enrique Urcola, subliñou que a construción da ponte de Rande foi un “fito da enxeñaría civil” no mundo, do mesmo xeito que o foi a súa ampliación, unha obra “inédita e pioneira” a nivel internacional.

Urcola destacou, así mesmo, a “integración paisaxística” da ponte de Rande na ría de Vigo, e o recoñecemento que tivo por parte de profesionais e organizacións de todo o mundo. “É a imaxe de marca da ría de Vigo”, sentenciou.

ÚLTIMAS

A Policía de Vigo mantén abertas todas as liñas de investigación polo incendio dun edificio en Cesáreo González

A Policía Nacional de Vigo investiga "con todas as liñas abertas" o incendio ocorrido...

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...