O alcalde de Vigo, Abel Caballero, saíu ao paso das críticas do PP da cidade, que denunciou os proxectos pendentes do Goberno central na cidade, e referiuse a cuestións como o AVE a Madrid por Cerdedo, que asegurou que avanza “máis rápido ca nunca”. En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico asegurou que “neste momento a marcha do Vigo-Madrid directo por Cerdedo, Vigo-Ourense por Cerdedo, está avanzando máis rápido ca nunca“. Así, sinalou que en marzo de 2027 se fará a exposición pública do proxecto e se abrirá o prazo de alegacións, e insistiu en lembrar que quen deixou Vigo sen AVE directo a Madrid foron gobernos do PP, con Aznar e Rajoy.
Ademais, incidiu en que Feijóo tamén se opuxo ao AVE por Cerdedo e advertiu de que, se gaña as eleccións, “que non vai gañar, vai perder”, pararía “inmediatamente” ese proxecto. Por iso, cualificou os ‘populares’ de “ignorantes” que “non queren” que Vigo teña alta velocidade ferroviaria. Por outra banda, tamén asegurou que o proxecto da saída Sur continúa adiante, “aínda que Portugal aínda non comezou”, e permitirá tamén “resolver o problema do paso a nivel do Porriño”.
Con respecto ao novo tramo en túnel da autovía entre Vigo e O Porriño, volveu insistir en que o PP local se opón porque segue as ordes “da alcaldesa de Mos” e porque os ‘populares’ queren manter unha “vella estrada” con “miles de accidentes, mortos e perda de tempo”. “E o BNG tamén en contra, veu aquí un deputado dicir que eses 400 millóns se invistan na Coruña, porque é deputado pola Coruña, pero a nova autovía é imparable”, proclamou, antes de insistir en que as miles de alegacións presentadas contra o trazado foron “políticas” e “movidas polo PP”.
Abel Caballero tamén fixo referencia a outras cuestións, como os voos desde Peinador, volvendo repetir que para conseguir novas rutas hai que pagar ás compañías, algo que a Xunta e a Deputación rexeitan porque “non queren que haxa voos en Vigo”. Con respecto á Biblioteca do Estado, o alcalde gabouse de ser el quen a “conseguira”, primeiro co Goberno de Zapatero e despois con Sánchez, fronte a unha Xunta que, segundo o rexedor, se opuxo. “Pontevedra xa ten Biblioteca do Estado, Vigo non, e o PP de Vigo á contra, caladiños“, criticou, antes de reiterar que os ‘populares’ “sempre” estiveron en contra da cidade e “non teñen peso político, son persoas irrelevantes”.
