O PP de Vigo denunciou este mércores que o goberno local non solicitou a axuda estatal de 3,5 millóns de euros para bonificar os billetes de bus urbano a través do cartón PassVigo, e iso a pesar de que a Xunta de Goberno aprobou solicitar esa axuda ao Ministerio de Transportes.
Así o desvelou a presidenta do PP local e portavoz municipal do grupo ‘popular’, Luisa Sánchez, que lamentou que Vigo non recibirá eses 3,5 millóns de euros, que agora terán que pór “do seu peto” os vigueses, e todo por “pura incompetencia” do goberno de Abel Caballero.
Esa axuda permitiría facer fronte á gratuidade do billete de bus para os menores de 15 anos, e aos descontos do 50% aos mozos e os do 20% para o resto de viaxeiros coa PassVigo. Con todo, constatou Luisa Sánchez, o goberno local non tramitou a axuda, e non figura na listaxe de solicitudes aceptadas (nin no das non aceptadas) nesa convocatoria.
Ante esta situación, o PP urxiu a comparecencia do concelleiro responsable, Javier Pardo, para que dea “explicacións” sobre a perda desa axuda. Ademais, a líder do PP vigués advertiu de que tamén poden perderse outros 1,9 millóns de euros correspondentes ao segundo semestre de 2025 para a implantación das Zonas de Baixas Emisións (ZBE), e lembrou que a axuda estaba condicionada á posta en marcha desas zonas antes de final de 2025. “O Ministerio está a preguntar agora para esixir a devolución do diñeiro“, remarcou, á vez que engadiu que Vigo si podería pedir as axudas para este ano, porque as ZBE estarían operativas, pero non se tramitou a solicitude.
SUSPENSIÓN DO CONCURSO DE BUS URBANO
Por outra banda, Luisa Sánchez lembrou que a licitación do servizo de bus urbano, cun contrato de case 470 millóns de euros, permanece suspendida desde hai uns días, “por supostos indicios de prácticas colusorias”, e o goberno local non explicou os motivos. “A situación é tan grave que merece que todos os vigueses saibamos que está a pasar, sempre no marco da legalidade e ata onde se poida coñecer, respectando en todo momento a confidencialidade. Pero iso non pode signidicar dar a calada por resposta ou tentar actuar coma se non pasase nada”, afirmou a presidenta do PP vigués
