A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático cargou este domingo contra o alcalde de Vigo, Abel Caballero, pola forma na que anunciou o abastecemento de auga a Baiona desde este luns, ao considerar que o presentou “como se fose unha doazón ou un acto de caridade”.
“Non se pode presentar como un xesto de xenerosidade aquilo que forma parte da obriga de garantir o abastecemento”, censurou o departamento autonómico. O Concello de Vigo comunicara o sábado que atendería a petición formulada ese mesmo día por Baiona, que atravesa dificultades de subministración. O anuncio veu acompañado de novas críticas á Xunta, á que o Goberno vigués acusou dunha “inacción absoluta” ante a situación hídrica da área metropolitana.
A resposta autonómica chegou este domingo cunha mensaxe directa a Caballero. “O alcalde de Vigo debería deixar de falar da auga como se fose propiedade de Abel Caballero. A auga é un ben público e a súa xestión ten que estar sempre ao servizo do interese xeral e, especialmente, da garantía do abastecemento á poboación”, afirmou a Consellería.
A XUNTA DI QUE O PROPIO PLAN DE VIGO PREVÉ ABASTECER BAIONA
Medio Ambiente lembra que o plan municipal de seca de Vigo recoñece a interrelación do seu sistema de abastecemento con outros concellos e contempla expresamente a posibilidade de achegar auga a Baiona cando sexa necesario. Por iso, o departamento de Ángeles Vázquez rexeita que a operación se presente como unha decisión unilateral ou excepcional do Concello vigués. “O que se presenta como se fose unha concesión graciosa do alcalde de Vigo é en realidade un acordo de cooperación entre os diferentes concellos implicados”, sostén. A Xunta tamén discrepa coa explicación técnica ofrecida polo Concello sobre o funcionamento do dispositivo.
DISPUTA TAMÉN SOBRE COMO CHEGARÁ A AUGA A BAIONA
O Goberno vigués explicou que a auga procedente do encoro de Eiras sería bombeada ata Zamáns para, desde alí, abastecer Baiona a través de Nigrán. A Consellería matiza, con todo, que Eiras e Zamáns constitúen dous sistemas diferentes, aínda que interconectados. Segundo a súa explicación, a auga de Eiras chega mediante o bombeo de Macal ata a estación de tratamento de Valladares para abastecer Vigo.
En situacións de escaseza, pódese reducir ou interromper a achega de Zamáns a Valladares, de maneira que a auga almacenada neste encoro quede dispoñible para a toma de Nigrán e, a través dela, para Baiona. “Non se trata de levar auga de Eiras a Zamáns para despois trasladala a Baiona”, insiste a Xunta, senón de empregar Eiras para cubrir as necesidades de Vigo e liberar así recursos de Zamáns para Nigrán e Baiona.
UN CONSORCIO OU UNHA MANCOMUNIDADE PARA XESTIONAR A AUGA
Máis alá do cruce de acusacións, Medio Ambiente considera que a situación evidencia a necesidade dunha planificación supramunicipal do abastecemento na área de Vigo e o Val Miñor. A Xunta rexeita que a xestión dependa dunha “sucesión de acordos puntuais entre alcaldes” cada vez que se produce un problema de escaseza.
Como alternativa, propón fórmulas como a creación dun consorcio ou dunha mancomunidade, que permitan coordinar os recursos hídricos entre os distintos municipios. O obxectivo, segundo a Consellería, sería garantir unha xestión “coordinada, solidaria e eficiente”. “Ante unha situación de escaseza de auga, o que se agarda dos responsables públicos non é que se apropien politicamente dun recurso público, senón que colaboren para garantir que ningún veciño quede sen auga”, conclúe o departamento autonómico.
