Esquerda Unida de Vigo elixiu a Teresa Marchante como candidata á Alcaldía para poñer fin ao “teatro” político da cidade, segundo sostén a organización nun comunicado. Marchante encabezará unha lista “feminista”, que terá como número dous a Guillermo Crego, actual coordinador local da organización. Licenciada en Bioloxía e traballadora do Servizo Galego de Colocación, Marchante acumula máis de 30 anos de traxectoria como técnica de demandas e orientación laboral con colectivos en risco de exclusión.
“Esta experiencia profesional préstalle un coñecemento directo da precarización que sofre a clase traballadora viguesa e das necesidades máis básicas da cidadanía”, reivindica Esquerda Unida. Pola súa banda, a candidata destacou a importancia de trasladar as demandas da sociedade ás institucións. “Os movementos cidadáns e asociativos son a voz do que a sociedade reclama, pero esas voces teñen que ser recollidas por instrumentos políticos como EU para transformalas en políticas reais e facer de Vigo unha cidade amable, acolledora e próspera para a maioría social”, engadiu Marchante.
