O conflito de Oriente Medio volve sacudir a política municipal de Vigo, e faino con acusacións de “sectarismo” sobre a mesa. O BNG denunciou publicamente o “veto” do PSOE a unha declaración institucional de urxencia que os nacionalistas querían impulsar no Concello para condenar o recente asalto militar contra a Global Sumud Flotilla, unha misión humanitaria que conta con varios cidadáns galegos a bordo.
Segundo explicou o Bloque a través dun comunicado, a iniciativa foi tombada polos socialistas na xunta de portavoces celebrada este mércores “sen ningún argumento” e de costas ao resto de grupos. “É unha decisión incomprensible e profundamente decepcionante”, manifestou con dureza o portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas. Para o líder nacionalista, “o mínimo que pode facer o Concello” ante unha situación de risco extremo coma esta é expresar o apoio de toda a cidade aos seus veciños e esixir ás autoridades internacionais garantías para a súa protección.
SEIS GALEGOS CO DESTRUTOR NO PUNTO DE MIRA
O texto que o Bloque puxo sobre a mesa condenaba firmemente o ataque militar israelí contra a flotilla, perpetrado en augas de libre navegación situadas dentro da zona de rescate (SAR) de Chipre, o que os nacionalistas consideran unha flagrante vulneración do dereito marítimo internacional.
A transcendencia local do suceso é total: o documento recollía que arredor de seis galegos viaxaban nas embarcacións interceptadas e, entre eles, atópanse varios cidadáns con residencia en Vigo e nos concellos da súa contorna. Por iso, a declaración institucional instaba de xeito urxente á Xunta de Galicia, ao Goberno do Estado e ás autoridades europeas a mover ficha diplomática para garantir a seguridade de toda a tripulación, lembrando ademais que esta flotilla xa sufriu outras agresións previas.
O “SECTARISMO” DE CABALLERO
Para o BNG, o rexeitamento do PSOE non responde a unha cuestión de fondo, senón ao “modus operandi” habitual da alcaldía. Igrexas afeou o “sectarismo” do alcalde, Abel Caballero, ao revelar que o único pretexto esgrimido polo grupo socialista para frear a moción do Bloque foi a intención do propio rexedor de presentar máis adiante unha proposta distinta da que, a día de hoxe, o resto da corporación non sabe absolutamente nada.
