InicioPolíticaRexeitada a moción contra Altri do BNG entre reproches a Xabier Pérez:...

Rexeitada a moción contra Altri do BNG entre reproches a Xabier Pérez: “Que ten que ver iso con Vigo?”

O 'non' do PP e a abstención do PSOE tomban no pleno de Vigo a moción do BNG de rexeitamento á planta de Altri. Os socialistas ven "un insulto" que se debata sobre un proxecto que non está relacionado coa cidade.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O voto contrario do PP e a abstención do grupo socialista tombaron a moción presentada polo BNG para rexeitar a instalación dunha macroplanta de celulosa por parte da multinacional Altri en Palas de Rei. A moción, defendida polo portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, buscaba un posicionamento en contra da macroplanta por parte da Corporación viguesa, alegando que a instalación suporá “unha bomba ambiental no corazón de Galicia”.

O edil do BNG subliñou que se trata dun “proxecto depredador”, tramitado “con opacidade” e que terá unha gran afección ambiental, social e económica, atentando “contra o interese xeral de Galicia”.

O grupo municipal do PP trasladou o seu rexeitamento a esta moción, ao considerar que o BNG está a incorrer en “excesos verbais”, dentro dunha “estratexia de confusión da opinión pública”. Respecto diso, o portavoz do grupo, Miguel Martín, lembrou que o proxecto de Altri aínda está en proceso de avaliación, tramitándose con “total transparencia” e que a súa instalación está condicionada ao cumprimento de normativas de seguridade e ambientais “moi esixentes”.

Por iso, o edil ‘popular’ instou aos nacionalistas a “abandonar a politización” neste asunto e a “volver ao consenso”, a cando tanto nacionalistas como socialistas expresaron “o seu apoio” ao proxecto.

“QUE TEN QUE VER CON ESTE PLENO ALTRI?”

Mentres, o portavoz do PSOE, Carlos López Font, xustificou a abstención do seu grupo porque, ao seu xuízo, a moción do BNG é “unha vergoña e un insulto á intelixencia”, co obxectivo de “antepor o interese de partido e as siglas” aos intereses da cidade. “Que ten que ver con este pleno Altri? Que obrigación ten este pleno de situarse?”, proclamou, antes de subliñar que o grupo do BNG “está ás ordes da súa xefa de Santiago”.

Segundo o portavoz do grupo socialista e do goberno local, esta moción responde o interese de Pérez Igrexas de ter “proxección persoal”, e convidoulle a que se “esqueza de facer méritos” porque a mellora de resultados do BNG nas últimas citas electorais non foi máis que “unha miraxe”.

En resposta a estas palabras, e para pechar o debate, o portavoz do BNG lembrou ao goberno local que “Vigo non é unha cidade estado illada”, e cualificou de “vergoñoso” que o PSOE “fuxa de situarse”. Así mesmo, proclamou que é igual de “vergoñoso” que o grupo socialista de Vigo “traizoe” aos seus compañeiros do PSOE de Palas de Rei.

Sobre a posición do PP, Pérez Igrexas subliñou que ao grupo ‘popular’ “todo dálle igual” e limítase a “reproducir o argumentario con mansedumbre”. Agora, recalcou, os concelleiros exercen “de comerciais de Altri” pero “saben tanto de economía produtiva como de protección ambiental: nada”.

ÚLTIMAS

O BNG de Vigo esixe o fin da “batalla de egos” entre Xunta e Concello que bloquea a recuperación da ETEA

O BNG de Vigo volveu instar este mércores á Xunta de Galicia e ao...

O PP de Vigo denuncia un pago de 1,1 millóns a DomusVi polo servizo de Axuda no Fogar “sen contrato”

O PP de Vigo denunciou que o Concello terá que pagar 1,1 millóns de...

Caballero crítico co borrador da lei de administración local: “Home, o primeiro é o alcalde de Vigo’

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afeou á Xunta que non se lle solicitase...

A Universidade de Vigo impulsa a dixitalización da acuicultura atlántica

Investigadores do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo participan no proxecto...