InicioPolíticaConcello e Porto de Vigo avogan por avanzar en cooperación, pero Caballero...

Concello e Porto de Vigo avogan por avanzar en cooperación, pero Caballero reitera o seu ‘non’ ao tren en Bouzas

O alcalde confía en "desatascar" cuestións nesta "nova etapa" e propón deseñar o novo Plan Especial.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Concello e o Porto de Vigo porán en marcha un grupo de traballo para avanzar en fórmulas de cooperación no que respecta á relación entre a terminal e a cidade, segundo anunciaron os máximos responsables das dúas institucións, aínda que o rexedor mantivo o seu rexeitamento tallante á construción dunha liña ferroviaria para a terminal de Bouzas e á posibilidade de novos recheos.

Este mércores celebrouse, nun “clima de cordialidade” o primeiro encontro entre Abel Caballero e o presidente do Porto designado a finais de xuño, Carlos Botana. Ao termo da reunión, Botana explicou, en declaracións aos medios, que trasladou ao rexedor olívico a necesidade da conexión ferroviaria en Bouzas, e sinalou que se faría un proxecto co “mínimo impacto ambiental” e que sería “avaliado” por técnicos da Universidade de Vigo.

Outras das cuestións abordadas son a colaboración para enmarcar nun convenio as actuacións dos bombeiros da cidade no ámbito portuario, ou a necesidade de reordenar os espazos para, entre outras cuestións, poder construír un novo PIF en Guixar (para o que xa hai un proxecto consensuado cos operadores e institucións implicadas). Carlos Botana sinalou que ambas as institucións evidenciaron o seu apoio a dúas actividades estratéxicas para a terminal e para a cidade, como son a “pesca sustentable” e a industria da automoción, en particular, a planta do grupo Stellantis.

Con respecto á pesca, e en resposta a preguntas dos medios, o presidente do Porto referiuse á polémica pola publicación dun vídeo de National Geographic no que se cualificaba a terminal viguesa como a de máis entrada de pesca ilega en Europa. Unha vez retirado o vídeo, explicou Botana, o Porto segue traballando e convidará formalmente á histórica organización a visitar a terminal viguesa e coñecer como funciona. “O Porto de Vigo quere ser o verdadeiro defensor da pesca sustentable, creo que aquí se fai, e queremos levar esa bandeira”, engadiu, e agradeceu o apoio de Xunta e Ministerio cando se desatou a polémica.

“NOVA ETAPA”

Pola súa banda, o alcalde, Abel Caballero, expresou a súa confianza en que, con Botana á fronte do Porto, as relacións entre ambas as institucións inician unha “nova etapa” e, nese contexto, afirmou que “é un bo momento” para avanzar, por exemplo, no deseño do Plan Especial do Porto, tendo en conta que xa se está tramitando en novo plan de usos.

Tras contrapor o perfil “profesional” do novo presidente portuario ao carácter político dos seus antecesores, o alcalde mostrouse “optimista” e insistiu en que este pode ser “un bo momento” para “desatascar algunhas cuestións”. En todo caso, o rexedor recalcou que o goberno local ten, con respecto ao Porto, as súas “liñas vermellas”. Así, reiterou a súa oposición a novos recheos na ría, e o rexeitamento á conexión ferroviaria para a terminal de Bouzas, unha “oposición total” que, segundo asegurou, Stellantis Vigo “comparte”.

Con respecto á colaboración en materia de seguridade, Abel Caballero mostrouse disposto a estudar a formalización dun convenio para a actuación de bombeiros; expuxo que o Concello se faga cos terreos de Areal pegados á praia de vías, onde hai instalacións deportivas e parques infantís; e propuxo que o Porto poida utilizar os terreos baleiros de Adif en Guixar para ampliar o seu espazo para colectores.

O alcalde tamén apostou polo diálogo e a procura de solucións conxuntas para a reordenación da zona de Jacinto Benavente e para buscar aparcadoiros na zona dos estaleiros. Con todo, matizou, o goberno local segue vendo necesaria a construción dun túnel nesa fronte portuaria, “con respecto absoluto á operatividade” da terminal pesqueira.

ÚLTIMAS

A xuíza acorda o arquivo da causa contra o detido na rúa Mestre Montes por agredir supostamente á súa nai cun garfio

A xuíza de instrución 2 de Vigo acordou o sobresemento e arquivo das actuacións...

Detidos dous homes na rúa Cánovas del Castillo por supostos roubos con forza no interior de 15 coches estacionados

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a dous homes como presuntos autores de...

Detido na rúa Uruguai tras lesionar a unha viandante, á que golpeou cunha lata de cervexa, causándolle un corte na tempa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 45 anos de idade, J.K.V.,...

O goberno de Vigo rexeita debater unha moción urxente sobre as festas

O grupo municipal do PSOE de Vigo rexeitou este luns debater unha moción de...