Inicio Blog Páxina 81

Detido un traballador dunha residencia de maiores de Vigo polo suposto roubo de xoias a unha usuaria

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron un home, traballador dunha residencia de maiores, como presunto autor do roubo de xoias a unha usuaria do centro de 92 anos. Segundo informaron fontes policiais, os feitos remóntanse ao pasado 23 de abril, cando un home denunciou a desaparición dunha cadea e dun colgante de ouro valorados en máis de 2.000 euros e que pertencían á súa nai, residente nun centro asistencial.

As investigacións permitiron localizar as xoias roubadas en dous establecementos de compra e venda. Ambas as pezas foran entregadas por un traballador da residencia de maiores. A Policía comprobou tamén que o investigado vendera outras pezas de ouro en cinco operacións máis realizadas noutros comerzos de compra e venda, polo que a investigación continúa aberta para determinar a procedencia desas xoias.

O home foi detido por presunto hurto e estafa e posto a disposición xudicial. A actuación correu a cargo de axentes do grupo operativo UDEV-Robos da Policía Xudicial da Comisaría de Vigo. A Policía recordou medidas de prevención para evitar este tipo de roubos e recomenda que as xoias e obxectos de especial valor “se conserven ben gardados, preferibelmente en lugares seguros e non accesibles ao público”. Ademais, convén que cada peza estea debidamente identificada cunha descrición detallada e unha fotografía actualizada, o que facilita a súa localización no caso de sustracción.

“Se algún residente, familiar ou traballador detecta a desaparición de obxectos persoais ou calquera indicio de actividade delituosa, é fundamental denuncialo canto antes para facilitar a localización e evitar que outras persoas poidan resultar prexudicadas”, engadiu a Policía.

O PP de Vigo solicita ao BNG que se sume á convocatoria dun pleno extraordinario para cesar a concelleira imputada por homicidio imprudente

0

O Partido Popular de Vigo deu un paso máis no seu pulso co alcalde Abel Caballero ao solicitar ao Bloque Nacionalista Galego que apoie a convocatoria dun pleno municipal extraordinario co obxectivo de reclamar formalmente a destitución de Patricia Rodríguez Calviño, edil de Seguridade, Festas, Contratación e Xestión Pública. A concelleira está imputada por homicidio imprudente como consecuencia do accidente mortal rexistrado durante as festas de Matamá no mes de agosto de 2024, no que estivo implicada a atracción coñecida como o Saltamontes.

Os populares precisaban buscar apoios externos para reunir as sete sinaturas que a normativa esixe para activar este tipo de sesión, xa que o grupo municipal conta unicamente con cinco concelleiros. A portavoz do PP vigués, Luisa Sánchez, trasladou ao BNG, terceira forza política na corporación local con tres representantes, a proposta de sumar os seus votos á moción. Sánchez declarou que “espera” que o Bloque respalde esta iniciativa.

O PP ESGOTA O PRAZO QUE CONDERA A CABALLERO

A convocatoria do pleno extraordinario prodúcese unha vez vencido o prazo que o propio PP fixara ao rexedor socialista para que procedese ao cese voluntario da edil. Ao non recibir resposta por parte do Goberno local, o partido optou por escalar a presión mediante este mecanismo institucional.

Sánchez cualificou os feitos de “enorme gravidade” e argumentou que manter a Rodríguez Calviño no cargo “non fai máis que empeorar a imaxe do Concello”. A portavoz popular engadiu que a situación xudicial da concelleira a coloca, ao seu xuízo, nunha “posición insostíbel” como representante pública.

CRÍTICAS POLA FALTA DE EXPLICACIÓNS DO ACCIDENTE POR PARTE DO ALCALDE

Máis alá da petición de cese, Sánchez dirixiu tamén críticas directas a Abel Caballero pola súa actitude ante o suceso. A representante popular lamentou que o alcalde “siga sen falar” do accidente do Saltamontes e recordou que, segundo o PP, a atracción en cuestión “debería terse precintado” polo Goberno municipal por carecer da correspondente licenza de funcionamento. “Ter un alcalde que non dá explicacións só aumenta a sensación de impunidade política que perciben moitos vigueses”, afirmou Sánchez.

O accidente ocorreu durante a celebración das festas de Matamá, no verán de 2024, e derivou nunha investigación xudicial que resultou na imputación da edil responsable da área de Seguridade. O caso mantén dende entón a presión política sobre o executivo local socialista, que ata o momento non fixo declaracións públicas sobre as responsabilidades políticas do suceso.

O Celta de Vigo entrega á Deputación de Ourense material contra incendios recadado nunha xornada solidaria

0

O Real Club Celta de Vigo fixo entrega este domingo á Deputación de Ourense dun lote completo de equipamento para a loita contra o lume, culminando así o compromiso adquirido coa iniciativa ‘Xuntos contra ou lume’, o partido solidario que se celebrou o pasado 8 de outubro. O acto materializou o traspaso dun conxunto de medios técnicos que pasarán a reforzar a capacidade operativa dos servizos de emerxencias da provincia.

A recollida do material correu a cargo do vicepresidente terceiro e deputado de Emerxencias, Plácido Álvarez, e do xefe da Sección de Emerxencias, José Ramón Sánchez, en representación do goberno provincial. O lote comprende 60 unidades de batefuegos, 50 mochilas de extinción e 19 caixas de máscaras e lentes protectoras, un equipamento pensado para as necesidades específicas do traballo no monte.

Segundo a Deputación, o propósito orixinal daquel encontro futbolístico foi mobilizar recursos económicos destinados a proxectos de reforestación nas áreas de Ourense máis castigadas polo lume durante a vaga de incendios.

O equipamento non se concentrará nun único lugar, senón que será distribuído entre os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) presentes en distintos puntos do territorio ourensán e tamén entre os bombeiros que a Deputación mantén no Polígono de San Cibrao das Viñas.

En concreto, os grupos beneficiados serán os de Celanova, Lobios, Muíños, Avión, Valdeorras, Maceda, A Gudiña, Castro Caldelas, Laza, Ribadavia, Pereiro de Aguiar e A Veiga, ademais do propio parque de bombeiros provincial. Trátase dunha distribución que cobre tanto as comarcas do sur como as do leste e o centro da provincia, priorizando as zonas con maior historial de sinistros.

Xulgan en Vigo unha muller acusada de estafar 6.800 euros cun falso aviso dun “fillo en apuros”

0

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, celebrará o vindeiro 15 de maio unha vista preliminar contra unha muller acusada de empregar o coñecido método do “fillo en apuros” para estafar a unha nai preto de 6.800 euros. O Ministerio Fiscal atribúelle un delito de estafa e solicita para ela unha condena de até un ano e nove meses de cárcere.

Segundo o escrito da Fiscalía, os feitos producíronse en xuño de 2025, cando a acusada, presuntamente soa ou en colaboración cunha terceira persoa aínda sen identificar, contactou coa vítima a través dunha mensaxe telefónica na que se facía pasar polo seu fillo. Na comunicación indicáballe que empregaba un número novo de teléfono e aseguraba precisar con urxencia diñeiro para facer fronte a varios pagos pendentes.

A nai, crendo que realmente estaba a axudar ao seu fillo, realizou unha transferencia por un importe próximo aos 6.800 euros. Posteriormente, a suposta autora tentou repetir a operación solicitando unha nova achega económica.

Foi a chegada do verdadeiro fillo ao domicilio familiar a que permitiu descubrir o fraude, ao confirmar que el non enviara ningunha mensaxe nin solicitara cartos, o que levou á vítima a decatarse de que fora obxecto dun engano.

PETICIÓN DE PRISIÓN E DEVOLUCIÓN DAS CANTIDADES

Ademais da pena de prisión, a Fiscalía reclama que a acusada indemnice á prexudicada con arredor de 3.000 euros en concepto de responsabilidade civil. A esta cantidade sumaríanse outros 3.800 euros que permanecen bloqueados nas contas da procesada.

Este caso volve poñer o foco sobre unha modalidade de fraude cada vez máis frecuente, baseada na manipulación emocional das vítimas mediante a suplantación de familiares directos a través de mensaxes instantáneas.

A RAG abre en Vigo a Semana das Letras Galegas coa proxección dun documental sobre Begoña Caamaño

A Real Academia Galega (RAG) abre este luns en Vigo, cidade natal da homenaxeada este ano, a Semana das Letras Galegas coa proxección do documental ‘Begoña Caamaño: navegar no pracer azul’, que terá lugar ás 19.00 horas na Escola de Arte Dramática (ESAD) de Galicia. O filme —que será presentado nun encontro aberto a todo o público e presentado polo presidente da RAG, Henrique Monteagudo— foi realizado por Miramemira e pode verse na web da RAG e na súa canle de Youtube. Tras a proxección, intervirá o académico Ramón Nicolás, conducindo o coloquio dos directores, Damián Varela e Alba López, así como o vicedirector da ESAD, Roberto Pascual, que coordinou a colaboración deste centro educativo no documental.

Esta peza audiovisual achega á literatura de Begoña Caamaño, marcada pola reinterpretación feminista dos mitos clásicos, e dialoga coa memoria íntima e colectiva nun retrato coral que van debuxando a súa irmá Beatriz, a súa amiga Maika Aguado, a xornalista Amanda Álvarez, o académico Víctor F. Freixanes ou a historiadora Ana Reboreda. A película tamén dá voz aos mozos, que falan sobre os grandes temas presentes na obra de Begoña Caamaño, sobre o seu exercicio como xornalista e sobre o seu activismo. O documental xa tivo unha primeira presentación o pasado 10 de abril no instituto vigués ‘Coia 2’, e a RAG elixiu o CEIP O Pombal para a presentación de Primavera das Letras. Ademais, a cidade olívica acollerá no outono o Simposio das Letras Galegas 2026.

Por outra banda, o próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas, a Real Academia celebrará en Santiago, no Teatro Principal, o seu pleno extraordinario. A sesión comezará ás 12.00 horas, con tres alocucións a cargo de Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Víctor F. Freixanes. Neste acto central haberá música en vivo, con Sofía Espiñeira, e pechará a sesión o presidente da RAG, Henrique Monteagudo. O público asistente recibirá como regalo unha publicación conmemorativa ‘Begoña Caamaño presenta Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle’, que recolle dous textos da autora sobre as súas dúas novelas. Ademais destes dous actos, a RAG reforzou a divulgación da figura e legado de Begoña Caamaño na rede coa serie de ‘reels’ ‘É o tempo de Begoña Caamaño’ e o videopodcast ‘Colchas de voces’.

Caballero acusa á Xunta de querer devaluar ás Illas Cíes por non defender que sexan Patrimonio da Humanidade

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acusou este venres á Xunta de pretender “devaluar” a categoría ambiental das illas Cíes, por propor que sexan Reserva da Biosfera da Unesco, e concluíu que o goberno galego “xa non defende que as Cíes sexan Patrimonio da Humanidade”. Así o trasladou en declaracións remitidas aos medios, nas que denunciou que a Xunta “lle baixa a catalogación ambiental” ao arquipélago, mentres que o goberno local segue defendendo que sexan Patrimonio da Humanidade e, ademais, tamén Geoparque Mundial da Unesco, dous recoñecementos para os que reúnen “todos os requisitos”.

“E a Xunta non quere”, denunciou e advertiu de que o goberno vigués non se vai a “contentar” con que sexan Reserva da Biosfera, “unha catalogación que xa teñen muhcas áreas de Galicia e de España”. O alcalde tamén censurou que a Xunta “siga empeñada na súa idea” de promover a candidatura, para Patrimonio da Humanidade, de todo o Parque Nacional das Illas Atlánticas, e insistiu en que iso non é viable porque o arquipélago de Ons “non será nunca Patrimonio da Humanidade porque os colonos que as habitan non queren”. Así mesmo, lembrou a proximidade dun “depósito de residuos” a Cortegada e Sálvora.

Caballero lembrou que a Xunta presentou esa “candidatura clandestina” hai 7 anos e, desde entón, non fixo “nada de nada”. “Seguen ríndose desta cidade”, concluíu.

A defensa dos acusados de introducir 650 quilos de cocaína polo porto de Vigo pide anular a causa pola presenza de axentes encubertos

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acolleu este venres a primeira xornada do xuízo contra catro acusados de integrar unha organización que introduciu 650 quilos de cocaína polo porto de Vigo en abril de 2023. Nesta primeira sesión, as defensas solicitaron a nulidade das dilixencias por supostas irregularidades na actuación dos axentes policiais infiltrados. Os letrados apuntan a un posible “delito provocado” polos propios funcionarios, o que, segundo alegaron, implicaría a impunidade da acción tipificada.

AS DEFENSAS DENUNCIAN IRREGULARIDADES DOS AXENTES INFILTRADOS

Durante a exposición das cuestións previas, todas as defensas pediron ao tribunal a nulidade das actuacións, ao entender que os axentes infiltrados actuaron de forma irregular. Segundo sosteñen, antes de estar habilitados para desenvolver o seu labor encuberto, os policías non se limitaron a achegarse á acción delituosa, senón que “se involucraron na actividade criminal”.

Tamén afirmaron que, nun momento da investigación no que as dilixencias da Fiscalía foran arquivadas, os policías infiltrados seguiron actuando e que precisamente esa actuación levou á reapertura da causa. As defensas apuntaron ademais aos axentes como “indutores” do delito de tráfico de drogas, sinalando que foron os policías encubertos os que “instigaron a comisión do delito”. Se esa tese prosperase, lembraron, estaríase ante un “delito provocado”, o que, segundo a xurisprudencia do Tribunal Supremo, suporía un delito imposible pola ausencia dunha vontade criminal previa.

VULNERACIÓN DE DEREITOS E “DESERTO PROBATORIO”

Os representantes dos acusados tamén denunciaron vulneracións de dereitos fundamentais, entre eles o dereito de defensa e o dereito a dispor de toda a información no proceso. Ademais, advertiron de que os feitos deberían ser xulgados pola Audiencia Nacional e subliñaron que se vulnerou a intimidade dos imputados, contra os que, segundo as defensas, non hai máis que un “deserto probatorio”.

A FISCALÍA NEGA O “DELITO PROVOCADO”

Pola súa banda, o fiscal rexeitou os argumentos das defensas e lembrou que a maioría das cuestións previas xa foran rexeitadas durante a fase de instrución. Sobre a hipótese do delito provocado, o representante do Ministerio Público proclamou que “non hai ningún dato” que avale ese extremo, “por moito que se intente torcer a realidade”. A Fiscalía insistiu en que existía un “propósito criminal preexistente” e sostivo que os acusados formaban parte dunha organización criminal “sólidamente asentada en Málaga”, que xa tería realizado outras operacións de tráfico de droga. “Ningún axente os persuadiu nin os convenceu”, destacou o fiscal.

UNHA INVESTIGACIÓN “COMPLEXA E DINÁMICA”

O Ministerio Público defendeu que os policías desenvolveron a súa actividade no marco dunha investigación “complexa e dinámica”, propia deste tipo de delitos e da actuación encuberta. Segundo explicou, os axentes non tiveron contacto cos catro acusados ata que estes chegaron a Vigo para facerse cargo da droga. O fiscal negou tamén que os funcionarios se implicasen desde o inicio na actividade delituosa e lembrou que non foron os policías os que mantiveron contacto cos provedores colombianos, nin interviron na compra da droga nin no seu transporte.

A ENTRADA DE COCAÍNA POLO PORTO DE VIGO

A investigación comezou en xullo de 2022, cando a Policía Nacional tivo coñecemento de que os catro acusados, dirixidos por un quinto home que está en paradoiro descoñecido, integraban unha estrutura organizada para introducir cargamentos de cocaína en España. Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, tratábase dunha “actividade estruturada e sostida conformada por recursos persoais e materiais dispoñidos coa finalidade ilícita” de introducir cargamentos de cocaína “disimulados en carga lícita” a través, entre outros puntos, do porto de Vigo. O Ministerio Público sostén que o presunto xefe da organización realizou entre xullo de 2022 e marzo de 2023 comprobacións sobre o funcionamento dos portos de Vigo e Marín para facilitar a introdución dun cargamento procedente do porto de Turbo, en Colombia.

DROGA OCULTA NUN CONTEDOR DE PLÁTANOS

Segundo a Fiscalía, o grupo ía recibir inicialmente 500 quilos de cocaína disimulados nun palé de plátanos dentro dun contedor. Ese sistema, engade o escrito de acusación, podería establecerse de maneira sostida con cargamentos de cocaína de ata 1.800 quilos cada un. No transcurso das pescudas, axentes policiais encubertos recibiron do xefe da organización e dos seus colaboradores as indicacións para levar a cabo os obxectivos. Así, os investigadores puideron saber que en abril de 2023 chegaría a Vigo, previo transbordo en Alxeciras, un cargamento con 650 quilos de cocaína, que posteriormente sería transportado en camión ata Málaga. Por iso, tres dos acusados viaxaron desde o sur da Península a Vigo para encargarse do transporte, mentres que o cuarto acusado sería o condutor do camión.

MÁIS DE 25 MILLÓNS NO MERCADO ILÍCITO

Unha vez cargados os contedores coa droga no vehículo, os acusados foron detidos con máis de 650 quilos de cocaína a bordo. A substancia tiña unha pureza superior ao 80 % e un valor no mercado ilícito de máis de 25 millóns de euros, segundo a Fiscalía. Tamén se rexistrou o domicilio do presunto xefe do grupo en Málaga, onde os axentes localizaron case 45.000 euros en efectivo.

A FISCALÍA PIDE 12 ANOS DE PRISIÓN

Por estes feitos, a Fiscalía pide para cada un dos acusados unha pena de 12 anos de prisión e unha multa de 100 millóns de euros. O Ministerio Público atribúelles un delito de tráfico de drogas cometido por organización criminal. O xuízo continuará nas próximas sesións, nas que o tribunal deberá pronunciarse primeiro sobre as cuestións previas formuladas polas defensas e, posteriormente, analizar o fondo dunha causa centrada nun dos maiores cargamentos de cocaína vinculados ao porto de Vigo nos últimos anos.

En liberdade os catro detidos tras a desarticulación de dous narcopisos nos barrios vigueses de Coruxo e Navia

O maxistrado da Sección de Instrución do Xulgado de Instancia de Vigo, quenda 7, en funcións de garda, decretou a liberdade dos catro detidos en Vigo tras a desarticulación de dous narcopisos nos barrios de Coruxo e Navia. Todos eles están investigados por un delito contra a saúde pública e teñen a obriga de comparecer cando sexan chamados, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, TSXG.

DOUS PUNTOS DE VENDA E CONSUMO DE DROGA

A decisión xudicial prodúcese despois de que a Policía Nacional detivese o pasado xoves catro persoas no marco dunha operación contra o tráfico de substancias estupefacientes desenvolvida en Coruxo e Navia. A actuación permitiu desarticular dous narcopisos que, segundo a investigación policial, funcionaban como puntos de venda e consumo de droga.

Segundo informou a Policía Nacional, a investigación comezou en decembro do ano pasado, tras recibir información cidadá que alertaba de movementos compatibles coa venda de droga nun inmoble de Coruxo. O traballo dos axentes permitiu confirmar a existencia dun punto de distribución e vincular os responsables cun segundo domicilio en Navia, que tamén estaba sendo investigado por actividades similares.

ARRESTADO TRES VECES CUN PATINETE ELÉCTRICO

Durante os meses de decembro de 2025 e xaneiro de 2026, un dos agora detidos foi arrestado en tres ocasións mentres circulaba nun patinete eléctrico levando substancias estupefacientes. As indagacións determinaron que ambos pisos funcionaban como narcopisos, onde non só se vendía a droga, senón que os consumidores acudían para mercala e consumila no interior.

COCAÍNA, HEROÍNA, DIÑEIRO E ÚTILES PARA PREPARAR DROGA

A entrada táctica nos dous domicilios realizouse de forma coordinada o xoves. No operativo interviñéronse aproximadamente 13 gramos de cocaína, 3 gramos de heroína, preto de 1.200 euros en efectivo, dous patinetes eléctricos empregados para o transporte da droga e múltiples útiles destinados ao tratamento e preparación das substancias estupefacientes.

Ademais, os axentes identificaron nunha das dependencias do piso de Coruxo un espazo habilitado como laboratorio para o procesamento da cocaína. Nesa estancia incautáronse materiais relacionados coa súa transformación en forma rochosa, ademais de pipas para fumar e outros útiles empregados para o consumo de estupefacientes.

UNHA MULLER E TRES HOMES INVESTIGADOS

Os detidos son unha muller e un home residentes no domicilio de Coruxo e dous homes que vivían no piso de Navia. Todos eles, acusados dun delito de tráfico de drogas, foron postos a disposición xudicial na mañá deste venres e quedaron en liberdade, coa obriga de comparecer cando sexan requiridos.

A investigación realizouse en colaboración co Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria e está dirixida polo Xulgado de Instancia, Sección de Instrución, quenda 7 de Vigo, en funcións de garda. O subdelegado do Goberno na provincia de Pontevedra, Abel Losada, saudou esta actuación e valorou o labor das forzas e corpos de seguridade do Estado na loita contra o tráfico de drogas.

O xuíz do caso Saltamontes procesa á concelleira Patricia Rodríguez e ao dono do Saltamontes polo accidente mortal

O xulgado de instrución número 3 de Vigo ditou o auto que pon fin á fase de investigación polo caso Saltamontes, ordenando continuar a causa contra dous imputados: a concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, e o dono da atracción, Genaro Manuel M.D.S. O instrutor considera que os feitos poden ser constitutivos dun delito de homicidio imprudente en concurso cun delito de lesións por imprudencia grave.

Pola contra, o xuíz acordou o sobresemento das actuacións para o resto de investigados, entre os que se atopaban o xefe da Policía Local, o xefe do servizo de Seguridade do Concello e o presidente da Comisión de Festas de Matamá. A resolución abre agora un prazo de 10 días para que a Fiscalía e as acusacións particulares soliciten a apertura de xuízo oral e presenten os seus escritos.

A CONCELLEIRA TIÑA O DEBER “INELUDIBLE” DE TOMAR MEDIDAS

O instrutor sinala no auto que a Concellaría de Seguridade “non comprobou” que o Saltamontes estaba a funcionar a pesar de non contar con autorización, nin ordenou o seu precinto. Para o xuíz, Patricia Rodríguez ostentaba unha posición de “garante” e a súa obriga de actuar emanaba das competencias específicas de inspección e control que lle atribúe a normativa.

A resolución expón que, ao ter coñecemento de que a atracción operaba de forma irregular, a concelleira tiña o “deber xurídico ineludible” de adoptar medidas para neutralizar o risco. O xuíz cualifica de “insuficiente e ineficaz” o envío dun correo electrónico á Policía Local informando da falta de permisos, xa que non se acompañou dun acto administrativo formal de precinto. “A Concellaría decide e a Policía Local executa”, subliña o auto para eximir de responsabilidade aos mandos policiais.

“GRAVE INFRACCIÓN DE COIDADO” DO DONO DA ATRACCIÓN

Respecto ao propietario da atracción, Genaro Manuel M.D.S., o xuíz remarca que operou nas festas sen título habilitante a pesar de coñecer a prohibición municipal. Como dono, tiña o deber de supervisar que a maquinaria estivese en condicións aptas para o seu uso, polo que a súa omisión supón unha “grave infracción do deber de coidado”.

O accidente, ocorrido na madrugada do 3 de agosto de 2024, custoulle a vida a Iván C.H., de 36 anos, ao desprenderse un dos brazos da estrutura. O sinistro tamén causou secuelas psicolóxicas e físicas á noiva do falecido e a outra moza que presenciou os feitos, danos que o tribunal integra no concurso de delitos pola imprudencia grave dos dous procesados.

PP E BNG ESIXEN A DESTITUCIÓN INMEDIATA DA CONCELLEIRA

Tras coñecerse o auto, os grupos municipais do PP e do BNG volveron esixir este xoves a destitución de Patricia Rodríguez. A portavoz popular, Luisa Sánchez, proclamou que “a seguridade da cidade non pode estar en mans dunha persoa imputada por homicidio por imprudencia” e instou o alcalde, Abel Caballero, a cesala de xeito inmediato. Sánchez avisou de que, se o cese non se produce en 24 horas, promoverán un pleno extraordinario, denunciando que o xuíz sinala a conduta imprudente da concelleira ao non ordenar o precinto da atracción.

Pola súa banda, o BNG destacou que a imputación de Rodríguez sinala de forma “incontestable” que a responsabilidade sitúase na dirección política e na acción de goberno. O portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, censurou que o alcalde nunca dera explicacións e recorrese a unha “estratexia da confusión”. O Bloque volveu pedir a constitución dunha Comisión Especial de Investigación para depurar responsabilidades e solicitou a comparecencia urxente de Caballero no Pleno para responder ante a cidadanía viguesa.

Máis de 150.000 alegacións rexeitan os polígonos eólicos na Serra da Groba

A mobilización social contra os proxectos eólicos industriais previstos na Serra da Groba acada unha cifra histórica: máis de 150.000 alegacións foron presentadas por veciños, colectivos ecoloxistas, comunidades de montes e entidades culturais da comarca do Baixo Miño e Val Miñor.

O prazo de alegacións aos parques Margarita 18, Cote 25, Nao 19 e Galera 25, situados no concello de Oia, e á súa infraestrutura de evacuación LSAT 20 kV CS Alto das Veigas–SE UFD Gondomar, rematou o pasado 4 de maio. Estes proxectos, impulsados pola Xunta de Galicia, foron sometidos a información pública a través de varios acordos publicados no DOG entre febreiro e marzo de 2026.

A resposta cidadá foi contundente. A Plataforma SOS Serra da Groba, integrada por asociacións ecoloxistas, comunidades de montes e colectivos culturais como o IEM, Salvemos Monteferro ou Curros da Groba,… organizaron unha campaña de recollida de alegacións que sumou case 2.500 telemáticas e máis de 1.500 en papel, elaboradas a partir dun modelo propio con 42 argumentos técnicos e ambientais.

As alegacións presentadas denuncian os impactos paisaxísticos, patrimoniais e arqueolóxicos que suporía a instalación destes polígonos industriais, lembrando que proxectos anteriores na zona —como Albariño I, Toroña ou Galiñeiro— foron anulados por obter Declaracións de Impacto Ambiental desfavorables.

O Concello de Oia tamén se posicionou en contra, poñendo á disposición da veciñanza modelos de alegación e destacando os riscos ambientais e sociais destes proxectos. A páxina municipal animou á cidadanía a participar activamente na defensa da Serra da Groba.

Desde SOS Groba agradecen a implicación de todos os colectivos e persoas que participaron nas alegacións e nas mobilizacións cidadás, e reclaman á Xunta a anulación definitiva das Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE) que afectan á zona, así como a declaración dunha figura de protección para o conxunto Serra da Groba–Argallo e Serra do Galiñeiro–Aloia.

A sociedade civil galega deixa claro o seu posicionamento: “O futuro do patrimonio natural e cultural, a saúde e a paisaxe da Groba non se venden. Deféndense.” declaran dende SOS Groba.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed