Inicio Blog Páxina 78

SOS Sanidade Pública planea lanzarse ás rúas de Vigo contra o “macrocentro” pediátrico

0

SOS Sanidade Pública planea unha manifestación en Vigo contra a concentración do servizo de Pediatría no novo centro de saúde Olimpia Valencia, situado no edificio dos antigos xulgados da rúa Lalín. Así o sinalou este luns uno dos portavoces da plataforma Xesús Araújo, quen apuntou que esta protesta levarase a cabo antes de final de ano.

Ante os medios de comunicación tras reunirse co coordinador federal de Esquerda Unida, Antonio Maíllo, Araújo lamentou que a apertura do novo Olimpia Valencia non só supoña o peche dos ambulatorios de López Moura e de Nicolás Pena, senón tamén unha concentración dos servizos de Pediatría da zona das Travesas. “Queren desestructurar a Atención Primaria”, criticou, insistindo en que desta maneira rómpese un dos seus “principios” que era a “proximidade”.

Noutra orde de cousas, tamén traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Ponteareas reuníronse con Maíllo, quen amosou o seu apoio na folga que levan a cabo desde hai semanas. As empregadas culparon á empresa concesionaria e ao Concello pola súa “nefasta xestión”, reivindicando que “non queren ser funcionarias”, senón que buscan “condicións laborais dignas”.

Tres responsables do estaleiro vigués Cardama enfróntanse a prisión por un accidente laboral mortal ocorrido en 2022

0

O xulgado do Penal 2 de Vigo acollerá este xoves unha vista contra tres responsables (xefe de equipo, xefe de buque e responsable de seguridade e saúde) do estaleiro vigués Cardama, por un accidente ocorrido nas súas instalacións en novembro de 2022, que custou a vida a un traballador dunha empresa auxiliar. Os feitos ocorreron na mañá do 24 de novembro dese ano, cando se estaba realizando o transporte dunha peza de sete toneladas para levala ao interior do estaleiro nun camión.

Un dos acusados, o xefe de equipo, era o encargado de organizar ese transporte e foi quen cortou o trafico, con axuda doutro traballador, para permitir que o camión manobrase e entrase nas instalacións. Na porta por onde ía entrar ese camión coa peza (colocada de forma vertical e con risco de envorco, segundo o escrito da Fiscalía), atopábase a vítima, empregado dunha auxiliar de 42 anos de idade. Ademais, no chan, había un cable de aceiro que se utilizou o día anterior para unha operación de varada e que non fora retirado. Ao pasar por enriba do cable, o camión bamboleou e a peza perdeu estabilidade, caendo por un lateral e esmagando ao traballador, que faleceu no acto.

No seu escrito de acusación, o ministerio público expón que non se delimitou a zona pola que ía manobrar o camión, que non se despexou de xente e que o encargado de organizar o transporte non cumpriu coas medidas de seguridade pertinentes. “De cumprir a súa obrigación, o accidente non se tería producido, xa que ninguén tiña que estar no radio de acción do camión”, sinala a Fiscalía. Con respecto ao responsable de seguridade e saúde, sinala que non informou da presenza do cable e que tampouco adoptou medidas preventivas, do mesmo xeito que o xefe de buque, que “non comunicou os riscos” nin tomou medidas preventivas, e que ordenou ao transporte da peza ao xefe de equipo a pesar de coñecer a existencia do cable.

Por todo iso, considera que estes tres responsables son autores dun delito contra os dereitos dos traballadores, en concurso cun delito de homicidio por imprudencia grave, e pide para cada un deles 3 anos de prisión e inhabilitación. Tamén pide que se indemnice aos familiares do falecido nun total de 606.220,16 euros.

Vigo énchese polo Nadal: ocupación hotelera do 90 % e Caballero presume de “revolución económica”

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou o “cheo total” do Nadal na cidade, cun 90 % de ocupación hoteleira tanto na fin de semana do aceso coma na que acaba de rematar. Nun audio enviado aos medios de comunicación, o rexedor destacou a “enorme afluencia de turistas e visitantes” que chegaron a Vigo polo “enorme tirón” do Nadal, que é unha “revolución económica” para a urbe. E aproveitou para volver cargar contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, porque para el, segundo Caballero, “Galicia é Santiago, e Vigo e o Nadal non existen”. Tamén tivo palabras para o BNG e o PP local, “que se opoñen ao Nadal”.

“Fai falta unha revolución”: O feminismo vigués alerta do avance dos discursos regresivos e urxe a “reeducar a moitos adultos”

A Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo fixo un chamamento a mobilizarse e a participar na manifestación unitaria deste martes 25N, que sairá ás 20:00 horas do cruzamento de Vía Norte con Urzáiz.

A presidenta da Rede, Charo Otero, e a ex-coordinadora, Rosa Fontaíña, alertaron: “As mensaxes da ultradereita están a facer mal”, e apelaron a “todos os estamentos” da sociedade para aumentar a implicación na loita contra a violencia machista. Charo Otero sinalou que, nun contexto con mensaxes regresivos, a “educación” é máis importante que nunca. Fontaíña engadiu que o “sistema falla” e que a situación é un “drama enorme para toda a sociedade”, non só para as mulleres.

Fontaíña alertou contra as mensaxes machistas e misóxinos difundidos en medios e redes, e insistiu en que para combater este “problema social” son necesarios “recursos, recursos e recursos”, que actualmente “non os hai”. Ademais, reclamou “máis implicación” institucional e social, pois lamentou que pareza que “isto só o van a solucionar as mulleres”.

A ex-coordinadora viu “moi preocupante o avance das mensaxes da dereita e a ultradereita” e a falta de resposta cidadá, e apelou á necesidade dunha “revolución”. Finalmente, Charo Otero dirixiuse directamente ás mulleres con poder político e institucional para que fagan valer a súa “autoridade” na causa e teñan o “peso que lles corresponde”.

Caballero proporá unha nova taxación do Ifevi con profesionais acordados por Xunta e Concello

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que proporá unha nova taxación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) realizada por profesionais acordados entre a Xunta e o Concello. Así o fará na reunión do padroado do Ifevi que levará a cabo este martes, segundo dixo nun audio enviado aos medios de comunicación. O rexedor volveu a cargar contra o Goberno galego, ao que acusa de querer “estafar” á cidade, ao indicar nun primeiro momento que a achega da Xunta ao Ifevi foi de 31,4 millóns, mentres que a do goberno local ascendía a case 1,7 millóns.

Con todo, esta fin de semana o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asegurou que unha taxación independente valorou a achega da Xunta en 20,6 millóns, mentres que a do Concello en 14,9 millóns. “En sete meses a cantidade achegada polo Concello subiu 13,2 millóns, case se multiplicou por 10 e a Xunta pasou de 31 a 20 millóns. Se quedo calado estáfannos á cidade enteira”, criticou Abel Caballero, lembrando que na actualidade a Xunta ten oito membros no padroado do Ifevi e o Concello só un. “Non están a cumprir a valoración que nos acaban de dar”, sentenciou.

A XUNTA CRITICA A “CONFRONTACIÓN PERMANENTE” DO ALCALDE

A Xunta de Galicia criticou a “estratexia de confrontación permanente” do rexedor vigués ante as súas palabras. Desde o Executivo autonómico subliñaron que “non permitirán nin un minuto máis de atraso polo obstrucionismo do alcalde”. A Xunta defende que ten a “capacidade técnica e xurídica” para elaborar o Plan Funcional e o Plan Estratéxico do Ifevi co resto de integrantes do Padroado e dos seus usuarios, e iso é o que fará. O Goberno galego lembrou que hai un ano se chegou a un “acordo moi xeneroso” con Concello e Zona Franca que establecía un espazo de gobernanza tripartito, e sentenciaron: “Se queren colaborar, só teñen que sumarse nos termos fixados neste documento. E se non quere, que non poñan novos paus nas rodas”.

Acordo parcial no CTAG: O Centro Tecnolóxico da Automoción asina un ERE de 96 despedimentos e un ERTE de 80 días

0

O Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) asinou este venres un acordo con sindicatos para levar a cabo un ERE (Expediente de Regulación de Emprego) que suporá o despedimento de 96 traballadores, ademais dun ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego) de 80 días no seu centro do Porriño.

Segundo informou o CTAG nun comunicado, as cifras finais son “inferiores ás previstas ao comezo do proceso”. O acordo incorpora medidas sociais para reducir o impacto, como a dobre voluntariedade e complementos económicos. A pesar de que o centro asegura que este acordo lle permite afrontar o contexto actual con maiores garantías, e que o CTAG “segue sendo un proxecto estratéxico, sólido e con futuro”, fontes do comité de empresa sinalan que o pacto só foi asinado por CC.OO. e o grupo de persoas independentes.

A central sindical CIG negouse a asinar o acordo do CTAG sobre o ERE de 96 despedimentos e o ERTE de 80 días por considerar que carece de garantías e prevé “despedimentos forzosos”. O sindicato alerta que a decisión final de rescindir os contratos queda en “mans da empresa” se non se alcanzan as saídas voluntarias.

No referente ao ERTE, a CIG denuncia que o acordo permite á dirección decidir “de forma unilateral” a aplicación individual das 80 xornadas de suspensión, sen un “reparto equitativo” do expediente nin “compromiso de mantemento do emprego”, e con posibilidade de prórroga a 2027.

Finalmente, a CIG considera “especialmente grave” que a dirección do CTAG se negase a exercer a “máis mínima autocrítica” e a recoñecer erros de planificación ou responsabilidades durante a negociación.

O novo buque oceanográfico da UVigo bota ao mar a ciencia galega: listo para operar na próxima primavera

0

O barco oceanográfico ‘CIM UVigo‘, do Centro de Investigacións Mariñas da institución académica viguesa, poderá estar operativo a partir de finais da próxima primavera para realizar a súa primeira campaña, segundo avanzou o director do CIM, Daniel Rey, que explicou que a embarcación, de 19,5 metros de eslora, dispón de motorización híbrida, eléctrica e térmica. Así o trasladou durante un acto que tivo lugar no porto de Vigo este venres, no que participaron tamén o reitor, Manuel Reigosa, e o presidente da Autoridade Portuaria, Carlos Botana, e que serviu para escenificar a cesión, por parte do porto, dun punto de amarre para o barco da universidade.

Daniel Rey sinalou que o ‘CIM UVigo’ ten unha autonomía de 300 millas e pode alcanzar os 14 nós de velocidade. O barco, ao que aínda lle falta completar o seu equipamento científico (e incorporar á tripulación), estará tamén dispoñible para outras administracións a través dun sistema de reserva. Cando estea operativo, poderá chegar até o bordo da placa continental e realizar actividades como exploración sismo-acústica, mostraxe de sedimentos, ou análises da columna de auga e da biota, todo iso até uns 200 metros de profundidade.

“Dalgún xeito, é a contribución da Universidade de Vigo á Década dos Océanos, e ao Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 14, que é sobre a vida mariña“, explicou o director do CIM, que lembrou que o barco foi construído no estaleiro Rodman Polyships, e financiado pola UVigo, o Goberno de España e a Xunta. Pola súa banda, o reitor, Manuel Reigosa, destacou que este buque é un exemplo de “boa colaboración institucional” entre administracións, que se unen no seu apoio á investigación mariña “de tanto nivel” que hai en Vigo, unha investigación que permite ser “competitivos”.

Reigosa sinalou tamén que a UVigo segue “dando pasos” neste ámbito e afirmou que agarda que “algún día” poida estar pechado o proxecto do campus do Mar nos antigos terreos da ETEA. Mentres, o presidente do Porto, Carlos Botana, puxo en valor a colaboración deste organismo coa Universidade de Vigo, e remarcou que o buque ‘CIM UVigo’ é un exemplo de “buque verde” e alíñase coa estratexia da terminal viguesa para ser referente neste ámbito.

O home que matou a súa muller en Baiona acepta os feitos e a condena de 25 anos

0

A sección quinta da Audiencia provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a Ángel R. D. a un total de vinte e cinco anos de prisión como autor dun delito de asasinato e de dous delitos de lesións psíquicas graves, tras recoñecer nunha vista de conformidade que matou á súa exmujer, Beatriz L.G. diante dos dous fillos de ambos, no domicilio dela en Baiona, en febreiro de 2023.

O maxistrado declarou firme a sentenza tras manifestar as partes que non teñen intención de recorrela. Ademais das penas de prisión, o acusado foi condenado tamén a indemnizar nun total de 525.000 euros aos seus fillos e aos irmáns da falecida. A condena inclúe tamén a prohibición de residir na localidade de Baiona durante 30 anos, a perda da patria potestade e a prohibición de comunicarse ou achegarse a menos de 500 metros dos nenos.

Unha vez celebrada esta vista e impostas as penas, xa non será necesario celebrar o xuízo que estaba sinalado para a próxima semana, con tribunal de xurado, para axuizar estes feitos.

Augas de Galicia di que a débeda de Vigo por non pagar o canon de Eiras é de 6.5 millóns

0

Augas de Galicia cifrou en 6,5 millóns de euros a débeda que o Concello de Vigo ten pola falta de pagamento do canon da presa de Eiras, un canon que “nunca pagou voluntariamente” e que tratou de eludir con diversos recursos xudiciais.

Segundo informou o organismo autonómico, o Concello está obrigado a pagar “por sentenza do TSXG” desde 2014, con todo, presentou diversos recursos para dilatar o pago. “Só pagou, cando se viu obrigado por vía executiva, 1,3 millóns de euros, correspondentes a 2017 e 2018”, sinalaron desde Augas de Galicia.

“O resto de anos non pagou, de tal forma que o Concello de Vigo debe a Augas de Galicia un total de 6,5 millóns de euros”, explicou as mesmas fontes, que aclararon que o pago do canon liquídase pola explotación que Augas fai da presa e destínase a sufragar obras ordinarias no encoro.

Estas explicacións do organismo dependente da Xunta chegan despois de que Abel Caballero asegurase nas últimas horas que a obra de substitución de dúas válvulas deterioradas na presa, cun custo duns 2 millóns de euros, xa está “pagada” polo Concello, coas achegas anuais (máis de 650.000 euros) que fai en concepto de canon a Augas de Galicia.

Segundo os cálculos do rexedor, Augas de Galicia cobrou xa case 5 millóns de euros dese canon procedentes da administración local e “de aí ten que pagar as obras” do cambio de válvula.

A Xunta incidiu en que esa actuación ten carácter extraordinario e lembrou que a obra xa foi encargada este xoves pola vía de urxencia “ante a inacción do Concello de Vigo e tras constatarse que o estado das válvulas agravouse”.

Nas últimas horas, a propia conselleira Ángeles Vázquez confirmaba esta decisión e avanzaba que, aínda que a Xunta asume os traballos, posteriormente dirimiranse responsabilidades porque o Concello é o responsable de accionar as válvulas, e “nunca informou do seu estado”.

RESPOSTA DO CONCELLO

Pola súa banda, o concelleiro de Facenda do Concello de Vigo sinalou, en declaracións remitidas aos medios, que o canon da presa “esta recoñecido” polo goberno municipal.

Con todo, matizou, hai un recurso de casación admitido polo Tribunal Supremo sobre a cantidade total que a Xunta debe cobrar, xa que o Concello considera que non debe pagalo íntegro porque o goberno galego recibiu axudas europeas que cobren o 80 % do custo das obras no encoro (polas que liquida ese canon ao Concello).

Jaime Aneiros subliñou que o goberno municipal “está a defender os intereses da cidade e evitando que, unha vez máis, a Xunta de Galicia faga caixa con Vigo”.

Piden a dimisión de Abel Losada polas súas “graves acusacións” sobre a visita a unha ‘narcocasa’ de Cabral

0

O grupo municipal do PP de Vigo rexistrou unha moción de urxencia para o seu debate no pleno do próximo luns, para reclamar a dimisión do subdelegado do Goberno, Abel Losada, polas súas “graves acusacións”, tras culpar aos ‘populares’ de rebentar un operativo policial cunha visita a unha ‘narcocasa’ no barrio de Cabral.

“Dixo que o PP desarticulou unha operación policial que ía producirse nas próximas semanas sobre a narcocasa de Cabral. Así que só hai dúas opcións: ou mente e non é verdade que houbese unha operación policial prevista, ou é el quen puxo sobre aviso aos traficantes ao dar datos sobre as vixilancias e investigacións en marcha”, subliñou a concelleira e presidenta local do partido, Luisa Sánchez.

A propia Sánchez, xunto coas deputadas Ana Vázquez e Irene Garrido, e varios concelleiros, acudiu o pasado luns ao barrio de Fontiñas en Cabral para denunciar a inseguridade xerada por esa casa. “Iso é o que lle doeu ao PSOE: que escoitásemos aos veciños mentres eles lles viran as costas”, remarcou, e lembrou que estes veciños levan máis dun ano denunciando a situación de inseguridade, medo e venda de drogas, mentres que tanto o Concello “háselles ninguneado”.

“De verdade alguén se cre que porque haxa ido o PP ata alí desmantelouse unha operación policial? É o máis absurdo que escoitamos nunca, e de verdade que nesta cidade tiñamos o listón xa moi alto“, censurou Luisa Sánchez, que avanzou que, ademais do pleno municipal, levarán ao Congreso as acusacións de Losada, que “está a frivolizar ao facer política cun tema que afecta a moitos veciños desde hai moito tempo”.

En todo caso, Luisa Sánchez prognosticou que o PSOE, coa súa maioría absoluta no Pleno vigués, vetará esta proposta, e si sairá adiante a súa propia moción urxente sobre o AVE, presentada “para contrarrestar a do PP sobre o mesmo tema, na que se esixirá a reprobación do ministro de Transportes”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed