Inicio Blog Páxina 473

Os bombeiros de Vigo “devolven” a Medalla de Ouro da cidade ao alcalde pola súa “nefasta xestión” do servizo

0

Os bombeiros da cidade de Vigo protagonizaron este venres un acto simbólico de “devolución” da Medalla de Ouro da cidade, que lle foi outorgada a este servizo no ano 2009, unha distinción da que agora, aseguran, non son “merecedores”, debido á “nefasta xestión” do goberno municipal de Abel Caballero, que levou ao “desmantelamento deste servizo esencial”.

Un grupo destes funcionarios concentrouse fronte á casa consistorial portando unha gran medalla dourada coa imaxe do alcalde e cunha gran banda vermella coa lema “Vigo sen bombeiros”, para denunciar unha vez máis a escaseza de persoal neste servizo. A situación, que se arrastra desde hai anos, advertiron, supón unha “seria ameaza” para a seguridade da cidadanía e dos propios bombeiros.

No acto, no que tamén houbo música de gaita a cargo dos propios bombeiros, un portavoz do colectivo trasladou a “desafección” do servizo co actual goberno local e a “fonda preocupación” polo estado actual do mesmo. “Lamentablemente, a xestión do alcalde nestes últimos anos está a levar a un progresivo desmantelamento dun servizo esencial e vital para a cidadanía”.

“É imperativo tomar accións urxentes para reverter esta situación (…), a seguridade dos cidadáns e a integridade dos bombeiros non pode esperar máis”, sinalaron, e explicaron que a devolución da Medalla de Ouro débese a que “grazas á nefasta xestión” de Caballero e o seu equipo, os bombeiros non senten “merecedores agora de tal distinción”.

COMPRA DE ESCALEIRA ARTICULADA

Precisamente este venres, o alcalde de Vigo referiuse ao servizo de bombeiros da cidade, pero non a esta protesta. Nun audio gravado e remitido aos medios, informou da aprobación do expediente de licitación (na Xunta de Goberno deste venres) para comprar unha nova escaleira articulada, que permite subir ata 64 metros de altura. “É a mellor tecnoloxía do mundo e témola en Vigo. Seguimos facendo investimentos para ter o mellor material de extinción de incendios de ningunha cidade de Europa”, subliñou Abel Caballero.

A UVigo aproba unha proposta de orzamentos de 248,8 millóns de euros

0

O consello de goberno da Universidade de Vigo (UVigo) celebrou este martes a súa última sesión deste ano, na cal se aprobou a proposta de orzamentos da institución académica para 2024, que ascende a unha cifra “marca” de 248,8 millóns de euros.

As contas, que saíron adiante con 38 a favor, tres en contra e dúas abstencións, someteranse a votación este xoves no pleno do consello social para, posteriormente, ser enviadas á Xunta e aprobarse de forma definitiva.

Xunto aos orzamentos, o consello de goberno tamén deu o visto bo ao límite de prazas de novo ingreso en grao e máster para o curso 2024/2025, que nesta ocasión ascende a 5.060 prazas, unha cifra “moi similar” ao curso pasado.

Así mesmo, na sesión “de marcado carácter económico”, segundo recolle o Diario da Universidade de Vigo (UVigo), aprobouse o teito de gasto non financeiro para 2024, con 180,2 millóns de euros.

O reitor, Manuel Reigosa, mostrouse “absolutamente tranquilo” cos orzamentos, insistindo na idea de que as contas “están ben botadas” e que o seu equipo deixará “moi ben encamiñada a Universidade para o futuro”.

A CIG no Concello de Vigo convoca un concurso fotográfico para denunciar deficiencias das instalacións municipais

0

A sección sindical da CIG no Concello de Vigo convocou un concurso fotográfico destinado aos traballadores municipais para que denuncien con imaxes as deficiencias das instalacións nas que desempeñan as súas tarefas, e estableceu tres categorías: “a maior cantidade de auga por metro cadrado”, “a eficiencia enerxética: ese misterio do futuro”, e “o meu lugar de traballo non é vello, é vintage”.

Así, facilitaron unha dirección de correción electrónico para que os funcionarios remitan as súas fotografías (pode ser forma anónima) antes do 31 de decembro, e poderán optar, en función da categoría, a tres premios: un paraugas, unha axenda ou unha mochila.

Deste xeito, ‘tirando de ironía’, a CIG pretende volver denunciar o mal estado das instalacións municipais que “sofren a falta de mantemento necesario para paliar os efectos do paso do tempo”. Na casa consistorial, sinalaron desde a sección sindical, “a cidadanía e o persoal sofren constantemente as pingueiras que hai que recoller con papeleiras e caldeiros, a humidade que esnaquiza as tarimas, e a pintura das paredes cae”.

Tamén apuntaron problemas de climatización, que fan que no verán se soporten temperaturas de máis de 30 graos, mentres que no inverno, coa calefacción encendia, as oficinas teñen que abrir as xanelas porque “a temperatura é imposible de regular”.

As deficiencias repítense noutros edificios e dotacións municipais, como pavillóns, ou no Parque Central de Lavadores. Unha situación derivada do feito de que non se prevé nos orzamentos “unha partida razoable para manter as instalacións cun mínimo de habitabilidade”. “Ata o punto de que, mentres a cidade énchese de luces LED, hai oficinas nas que non se pode repor un fluorescente por falta de material”, censurou a CIG

Stellantis Vigo incrementa a súa produción un 31,5% en 2023, ata 531.000 vehículos

0

A factoría viguesa do grupo automobilístico Stellantis produciu este ano 531.732 vehículos, o que supón un 31,5% máis que en 2022, segundo datos publicados este venres pola compañía.

Deste total, un 13% dos automóbiles ensamblados na planta olívica foron 100% eléctricos, cun incremento do 21% respecto ao exercicio previo, en liña co plan estratéxico Dare Forward 2030 da empresa.

“A estas cifras contribuíu o liderado do grupo en vehículos comerciais e a alta demanda do Peugeot 2008 nos principais mercados europeos”, reivindicou Stellantis nun comunicado, subliñando a importancia dos modelos producidos en Vigo.

Precisamente este todocamino compacto da marca do León é o vehículo máis producido polo consorcio na fábrica galega.

Xunto a este modelo, en 2023 fabricáronse os comerciais e polivalentes Citroën Berlingo/Berlingo VAN, Fiat Doblò/Doblò Van, Opel Combo Life/Combo Cargo e Peugeot Rifter/Partner e as versións 100% eléctricas de todos eles.

En Vigo tamén se produciron en 2023 os Citroën C-Elysèe e Peugeot 301. Estes dous últimos, deixarán de ensamblarse en Vigo no primeiro trimestre do ano que vén.

Comité de empresa e Povisa asinan novo convenio colectivo trece anos despois do último

0

A dirección do hospital Ribera Povisa de Vigo e a maioría do comité de empresa asinaron este xoves o novo convenio colectivo, que afecta a uns 1.500 traballadores, 13 anos despois de que fose subscrito o último acordo.

Así, o acordo foi apoiado pola asemblea de traballadores por unha estreita marxe e foi asinado pola maioría do comité (CC.OO., UGT, OMEGA, UNENF, SATSE), mentres que tanto SPGS como a CIG situáronse en contra.

A dirección do hospital celebrou que o novo convenio é “unha garantía de estabilidade” para o persoal, xa que “marca a obrigación de que o 90 % do persoal teña un contrato indefinido”. Así mesmo, confirmou que se crea a figura do traballador fixo descontinuo.

Con respecto aos salarios, aplicarase un incremento do 4 % para 2023 (que xa se anticipou en abril), para 2024 a subida será igual ao IPC real do ano anterior; e para 2025 será otr 3 %. Igualmente auméntase o ‘plus’ de domingos, festivos e noites, e chegouse a un “compromiso” para negociar unha carreira profesional para o persoal.

Por outra banda, o novo convenio supón unha actualización en materia de licenzas e permisos, e introduce novas medidas como permisos por nacemento de netos, por accidente ou enfermidade grave dun familiar, axuda por nacemento e adopción, entre outros.

O director de Persoal do hospital, Francisco Susavila, destacou que “a firma deste novo convenio colectivo supón un fito moi importante para o Hospital Ribera Povisa, xa que ata a data rexía un convenio que data do ano 2009”. “O acordo foi posible grazas ao talante negociador da maioría dos sindicatos, á súa forza reivindicativa e ao seu sentido da responsabilidade”, sinalou.

Pola súa banda, a directora xerente de Ribera Povisa, Ángela Guerra, agradeceu e felicitou a todos os implicados no acordo “polo espírito negociador” que demostraron, para chegar a un pacto “despois de tantos anos”.

Goberno de Vigo acusa a bombeiros de facer un uso “partidista” da Medalla da cidade

0

O goberno municipal de Vigo acusou aos bombeiros de utilizar a Medalla de Ouro da cidade con “fins partidistas” e sinalou que a súa devolución ao alcalde, escenificada este venres por un grupo de funcionarios do servizo, “supón deshonrar á cidade de Vigo”.

Así o trasladou o portavoz do goberno vigués, o edil socialista Carlos López Font, nunhas declaracións gravadas e remitidas aos medios. Segundo sinalou, a Medalla de Ouro de Vigo (outorgada aos bombeiros en 2009) “é da cidade” e concedéuselle a este colectivo “como recoñecemento a ducias de anos de historia, polos servizos prestados”.

Para o goberno de Vigo, “recibir a Medalla é unha gran distinción e ninguén pode facela súa e utilizala con fins partidistas”. “Rexeitar a Medalla da cidade por intereses particulares supón deshonrar á cidade de Vigo”, proclamou López Font.

“O que queren algúns efectivos do corpo de bombeiros é montar leas, e válelles todo. Non poden arrogarse a historia do corpo de bombeiros de Vigo e o impecable servizo público prestado por centos de integrantes deste corpo ao longo dos seus cen anos de historia”, subliñou o portavoz do goberno municipal.

Aparece un novo caso de gripe aviaria en Vigo nunha gaivota

0

A Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección dunha ave silvestre afectada por gripe aviaria, un caso que foi confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

Trátase dunha gaivota patiamarela (larus michahellis) atopada no concello de Vigo con sintomatología clínica, e que foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo. A ave foi muestreada para levar a cabo a análise pertinente e procedeuse logo á eutanasia e destrución do cadáver conforme á normativa en vigor.

Con este xa son 13 os casos notificados en aves silvestres en Galicia en 2023, dos que 12 foron gaivotas e un un salteador parásito (stercorarius parasiticus).

Ao tratarse de aves silvestres, a notificación destes focos non implica cambios no status sanitario de Galicia en relación á gripe aviaria, nin supón ningunha restrición ou medida adicional para o comercio de aves vivas ou produtos avícolas derivados orixinarios de Galicia.

A Xunta lembrou que, actualmente, a valoración de risco de aparición de gripe aviaria a nivel do Estado “continúa sendo favorable”, ao non estarse aínda no período de maior afluencia na chegada de aves migratorias silvestres (posibles portadoras do virus).

MEDIDAS DE PREVENCIÓN

Por iso, en Galicia mantéñense unicamente certas medidas de prevención sanitaria no sete concellos da provincia de Pontevedra que pertencen á zona de Especial Risco: Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa.

Con todo, a administración advertiu de que é necesario manter as medidas de bioseguridad nas explotacións avícolas (comerciais e particulares), dada a importancia do sector en Galicia, e especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres. En caso de sospeita dalgún contaxio, as explotacións deben comunicalo aos servizos veterinarios da Xunta e, se se trata de aves silvestres, pode informarse a través do 012.

O virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, aínda que por un principio de bioseguridad básica, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas, e avisar aos servizos pertinentes.

Unha administración de Vigo reparte 1,8 millóns de euros co 45.353, agraciado cun quinto premio

0

A administración de Lotarías e Apostas do Estado situada en Cánovas del Castillo, en Vigo, repartiu un total de 1,8 millóns de euros ao vender 30 series do 45.353, número agraciado cun dos quintos premios do Sorteo Extraordinario de Nadal.

En concreto, este establecemento expediu 300 décimos deste número, cada un deles dotado con 6.000 euros. Tamén se vendeu un décimo solto na administración de Avenida das Camelias, 110, na mesma cidade.

Ademais, vendéronse boletos en Redondela –Xeral Rubín, 26–, Cangas –Avenida Montero Ríos, 6– e A Illa de Arousa –rúa Travesía Cruceiro, 2–. Tamén na provincia de Ourense, en dous establecementos da capital –rúa do Paseo, 10, e Ervedelo, 20– e en Xinzo de Limia –Avenida de Madrid, 4–. Este número foi cantado ás 9.53 horas no 8 arame da segunda táboa.

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Nigrán asinan un convenio para a reforma da Ramallosa

0

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, e o alcalde de Nigrán, Juan González, asinaron este xoves un convenio de colaboración polo que se destinará case un millón –o 80% da entidade provincial e o 20% da municipal– para a reforma do parque da Ramallosa.

O convenio recolle que as obras deberán estar terminadas o 30 de abril de 2025. Entre outras actuacións, contémplase a mellora de accesibilidade co deseño de itinerarios peonís e ciclistas, arranxo de pavimentos, zona axardinadas e ampliación do parque infantil, ademais de accións de eficiencia enerxética.

Por outra banda, Luís López asinou un convenio coa tenente alcalde de Mondariz, Elena Naveira, polo que investirá medio millón de euros –85% da Deputación e 15% do municipio– para a reforma do campo de fútbol e a creación dunha zona de deportes na Lagoa.

Vigo, Tomiño, Salvaterra, Salceda ou O Porriño, agraciados con outro quinto premio

0

O número 88.979 resultou agraciado co terceiro dos oito quintos premios do Sorteo Extraordinario de Lotaría de Nadal, dotado con 60.000 euros á serie.

O número foi cantado ás 10.09 horas no terceiro arame da terceira táboa. Vendeuse de maneira moi repartida por toda España, tamén en Galicia, en administracións de 20 municipios das catro provincias.

En concreto, en Pontevedra vendeuse en Vigo, Tomiño, Salvaterra, Meis, A Illa de Arousa, Nigrán, O Grove, Salceda de Caselas e O Porriño. En Ourense, ademais de en a capital, caeu no Barco de Valdeorras, Xinzo e en Cortegada.

Na Coruña, vendeuse en varios establecementos da capital, á parte de en Ferrol, Ponteceso e Miño. Ademais, o 88.979 vendeuse nas localidades lucenses de Chantada, Foz e Rábade.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed