Inicio Blog Páxina 336

Os danos da piscina de Teis obrigan a facer outra “practicamente nova”, sinala Abel Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este xoves a aprobación do proxecto construtivo para a reforma da piscina de Teis, que está pechada desde maio de 2022 por un incendio que danou as instalacións. Dito proxecto foi adxudicado en febreiro pasado e a próxima semana recibirá a luz verde da Xunta de Goberno local, paso previo á licitación das obras, que se fará por 6,9 millóns de euros

Nunhas declaracións gravadas e remitidas aos medios, o rexedor olívico recalcou que o incendio “danou practicamente toda a piscina” polo que haberá que construír “unha nova”.

Caballero presumiu de que, ante un accidente grave como foi o incendio, o goberno municipal ten 7 millóns de euros “para facer unha piscina nova”. “Seguramente ningún outro concello en Galicia é capaz de facelo. Nós somos capaces de facelo porque somos un concello ben xestionado”, proclamou.

Tras a aprobación do proxecto, e máis de dous anos despois do sinistro que obrigou ao seu peche, iniciarase o proceso para licitar as obras da piscina, aínda que o alcalde non deu prazos para a adxudicación nin para o inicio ou finalización dos traballos.

Un incendio rexistrado en maio de 2022 causou danos severos na instalación deportiva municipal, debido ás chamas que se orixinaron no cadro de mandos. Un ano despois, en abril de 2023, o alcalde confirmaba que sería necesaría unha reforma profunda, que custaría ao redor dun millón de euros.

En agosto de 2023 licitouse por parte do Concello a redacción do proxecto de mellora da piscina, unha redacción que foi adxudicada en febreiro de 2024. O proxecto redactado será aprobado a próxima semana.

Os veciños de Teis denunciaron en varias ocasións (mesmo con manifestacións) o atraso nas obras de rehabilitación da piscina que, antes do incendio, daba servizo a uns 1.200 usuarios.

Xornada na illa de San Simón sobre a xestión dos lugares da represión franquista

0

O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este venres, en colaboración co Concello de Redondela, unha xornada de reflexión na illa de San Simón sobre a xestión dos lugares da represión franquista a partir das 10,00 horas.

A xornada comezará cunha conferencia do profesor da USC e vicepresidente do CCG, Xosé M. Núñez Seixas, titulada ‘Lugares de memoria e pasados traumáticos: unha ollada europea’; a continuación, José Miguel Gastón, do Instituto Navarro da Memoria, impartirá o relatorio ‘A xestión dos lugares da represión franquista en Navarra’.

Tamén intervirá a profesora Queralt Solé, para falar sobre a xestión dos lugares de memoria da represión franquista en Cataluña.

Xa pola tarde realizarase unha visita guiada pola illa de San Simón (colonia penal franquista para presos políticos durante a Guerra Civil e a postguerra) e, posteriormente, o profesor da USC Emilio Grandío, disertará sobre ‘Lugares de memoria do pasado traumático na Galicia actual’.

Tras a súa intervención, terá lugar o coloquio ‘Experiencias e perspectivas da xestión dos lugares de memoria’, moderado por Montse Fajardo, coa participación de Manuel Pérez Lorenzo, Xosé Manuel Suárez, Cristina Fiaño e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas. Así, falarase da historia de lugares como o Pazo de Meirás, o Castelo de San Felipe, o Vello Cárcere de Lugo ou a propia illa de San Simón.

Esta xornada enmárcase no ciclo Seíam’eu… en San Simón, organizado polo Consello da Cultura Galega e o Concello de Redondela, cunha actividade anual relacionada con lírica e historia medieval; e coa represión, o exilio e a memoria. Este é o quinto ano que se organiza este ciclo.

O BNG ve “innecesario” o túnel de Elduayen e alerta dun posible “uso indebido” de fondos europeos

0

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, alertou a Bruxelas dun posible “uso indebido” de fondos europeos para a ampliación do túnel de Elduayen, en Vigo, o cal considera “innecesario”.

Así, a nacionalista dirixiu unha pregunta á Comisión Europea precisamente sobre esta obra en Porta do Sol da cidade olívica e sobre o posible uso indebido de fondos para a construción da devandita infraestrutura.

Segundo recolle o BNG nun comunicado, Miranda apunta que desde que inicialmente se comezou o proxecto en 2020, cunha licitación inicial de 13,4 millóns de euros, o custo da obra executada elevouse ata os 16,6 millóns.

“Pero previsiblemente o custo das obras aumentará, xa que as últimas informacións sinalan a que a ampliación do túnel ata Torrecedeira custará 20 millóns de euros, o que suporía un sobrecusto do 63% sobre a contía prevista inicialmente”, indicou.

“Dado que neste catro anos puxéronse en marcha alternativas ao tráfico nesta zona, de xeito evidente parece que a construción deste túnel é innecesaria e superflua, ademais dun gasto inútil”, sinalou Miranda, lembrando que un dos obxectivos da Axenda Verde Europea é reducir o uso dos vehículos privados no centro das cidades.

Ela sinalou que as obras están supeditadas a un aumento do financiamento que levará a cabo mediante unha reprogramación dos fondos europeos “e non en aras de mellorar a calidade do aire dunha cidade que supera xa os límites leais de contaminación da UE para 2030”.

Na mesma liña falou o portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Iglesias, que cuestionou que o goberno local pretenda “enterrar un total de case 40 millóns de euros nun macrotúnel” que se demostrou que é “absolutamente innecesario”.

A riqueza dos montes galegos: O Monte Madroa, un centro educativo e un exemplo de rexeneración

“É un monte onde queremos fomentar o valor dos escosistemas, da biodiversidade e dunha calidade excepcional medioambientalmente, que sirva de centro educativo e de referencia como bosque autóctono galego”, manifesta Eduardo García Crespo, presidente da Comunidade de Montes veciñal e mancomún de Teis, na que leva 16 anos. Considera importante contar como se creou. Foi no 1998, despois dun “grave conflicto social” pola creación da autoestrada AP-9 ao seu paso por Teis: “Sufrimos un atentado medioambiental no barrio”. Como asociación recoñece que se loitou para conseguir a creación dun falso túnel e que esa loita foi “a desacreditación do sistema do Estado para crear un ben social e público, onde primaban os intereses económicos”.

A partir deste conflicto, constitúese esa asociación como Comunidade de Montes e estutariamente figura que “ten que ser de conservación”. Máis aló dese conflicto con “Audasa e o Ministerio de Transportes”, o Monte Madroa era un monte periurbano no que se fixeron “moitas experiencias con especies alóctonas” como a acacia negra. “Foi unha experiencia nefasta, plantouse no 1976 pola administración e deixouse abandonada á súa sorte e non deu ningún tipo de recurso”. Isto xerou un prexuízo para o futuro, para eses comuneiros e comuneiras que se atoparon cun monte cheo maiormente dunha especie invasora e “algún tipo de piñeiro pola repoboación dos anos 60 ou 70”. Hoxe traballan para que este Monte Madroa sexa “referente a nivel medioambiental”. 

“NON PLANTAMOS PARA CORTAR”

Esta Comunidade de Montes, a diferenza de outras como a de Couso, estaturiamente teñen establecido que este era un monte que se “plantaba para non talar”. Así, supoñía un proceso para xerar un bosque, que este se rexenerase só e que fora de calidade medioambiental. “Isto fai anos era impensable, o monte evolucionou a favor de certas proteccións e certos recursos e ninguén pensaba que, sendo veciñal e mancomún, puidera ter este tipo de finalidade”, comenta Eduardo. 

Reivindica, entre os beneficios, a importancia de que dentro da conservación do monte, que este fose un centro de ensino e de educación para vindeiras xeracións. Estiveron traballando con escolas e institutos de Teis, contan cunha axenda botánica para ensinar ás crianzas: “Queremos facer ver que o primeiro paso é plantar unha serie de especies autóctonas, pero logo é a propia natureza a que se encarga de que esa rexeneración vaia acompañada da parte de fauna e flora”. 

Desde o inicio traballaron para recuperar o monte “con poucos recursos” e apoiándose “case sempre en entidades privadas con proxectos vinculantes”. Por exemplo, a plantación de soutos de castiñeiros nunha hectárea coa colaboración de Greenpeace; coa colaboración da antiga Fundación La Caixa, puideron levar a cabo a recuperación da vacaloura e de regatos, onde tamén se recuperou a vexetación e un anfibibio “moi singular do noroeste penínsular, a pintega rabilonga”. Hoxe estes son proxectos consolidados, teñen vacaloura no monte e recuperouse o curso do regato nunhas “condicións medioambientais saudables”. 

“Nós o que plantamos é para non cortar, non plantamos especies forestalistas, plantamos especies que dentro dun futuro, comuneiros e comuneiras, poderán decidir se sacar madeira por ter valor especial”, reitera neste sentido xa que actualmente están neste proceso de rexeneración e, indica, “non plantamos para cortar”. Só se corta aquelo da “antiga icona, como algún piñeiro ou algún tipo de acacia polo seu porte”. En termos de productividade, o presidente afirma: “Os ingresos en realidade non cobren 25% das inversións que se fan nese espazo”. Sobre isto aporta outro dato, para recuperar unha hectárea do monte, calquera comunidade de montes sen o problema da acacia, cortaría, plantaría e esqueceríase. “Nós temos que traballar durante cinco anos nesa parcela para que lle dé tempo ás especies para poder ter o control de acacia no chan, temos unha continuidade dese traballo en cinco anos”, expón. 

“O QUE NOS SOBRA AQUÍ É XENTE E O QUE NOS FALTA É UNHA ORDE NAS COUSAS”

E o papel das administracións? “As administracións viven totalmente alleas, especialmente a muncipal, á problematica do Monte Madroa, de costas ao que é noso proxecto. Trátase dun monte periurbano de só 65 hectáreas nas que o concello de Vigo ten tres campos de fútbol; un zoo; un parque forestal; e moitos camiños asfaltados aló polos 80″. No que se atinxé á administración autonómica, a Xunta de Galicia, desde a Comunidade de Montes de Teis sinalan que ten unha “política forestalista, de monocultivo, de plantar en liña e facer bosques artificiais para talar”. Fai fincapé en que a súa filosofía e xestión “non cadra con iso”, polo que “non hai axudas de Medio Rural”. 

Entre as ameazas sobre o monte, lembra que ardeu fai uns 19 anos unha superficie de acacia. “Nesta só naceu acacia porque o lume é algo que activa a semente”, comenta. Así, desde que están traballando non volveu arder, máis aló dos momentos complicados polos lumes do 2017 que se produciron na zona de Vigo. Porén, máis aló dos lumes, este monte viuse moi afectado, segundo recoñece, por mor do facer humano durante a pandemia: “Tivemos que denunciar que se construíron tres pistas ilegais de descenso de bicicleta e motoclicleta en zonas recuperadas, nas máis fermosas e idílicas para andar. Viñeron uns desalmados a crear esas pistas”. Tamén fai fincapé en que é o Monte Madroa ten unha “forte carga urbanística” porque eses campos de fútbol tradúcense en coches e “o que nos sobra aquí é xente e o que nos falta é unha orde nas cousas”. Por iso, demandan que o monte ten que ser aberto, de uso público e social, pero que que se ten que coidar desde as administracións. 

Cales son os vosos próximos retos? “Principalmente continuar recuperando o Monte Madroa. Contamos co rexistro ICCA (Territorios de Vida gobernados por Comunidades para a súa conservación), que é un recoñecemento ás persoas que ocupamos un territorio,somos comuneiros da parroquia de Teis, e facemos proxectos de conservación. A nivel internacional, temos publicacións do traballo e metodoloxía que empregamos en Alemaña, onde fomos poñentes deste proceso. Así como artigos publicados en revistas internacionais de medio ambiente e natureza. Somos profetas fóra, pero non na nosa terra”, conclúe. 

O CSIC recibe a licenza para derrube na antiga ETEA onde se construirá a sede do IIM

O goberno municipal de Vigo concedeu ao CSIC a licenza para iniciar a derriba dos edificios da antiga ETEA (Escola de Transmisións e Electrónica da Armada) onde se construirá a nova sede do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), que actualmente está en Bouzas.

En declaracións remitidas aos medios, o alcalde, Abel Caballero, matizou que o permiso de derriba afecta a edificios que non hai que conservar. “Unha parte moi importante das construcións ten que ser conservada e mantida, pero o que facemos é permitir a derriba dunhas edificacións que non teñen ningún valor”, explicou o rexedor.

Caballero lembrou que as novas instalacións do CSIC en Vigo custarán 40 millóns e que o novo edificio que se construirá tras a demolición na ETEA ten un custo estimado de 17 millóns de euros.

A riqueza dos montes galegos: En Couso extraen resina, producen shiitake e teñen o ‘Bosque das memorias

0

Os montes galegos son sinónimo de riqueza, mire por onde se mire, e bo exemplo disto está na parroquia do Couso, no concello pontevedrés de Gondomar. “Anteriormente non se cría no monte”, afirma Xosé Antón Arauxo, presidente da actual Comunidade de Montes de Couso desde xa hai 16 anos. Recibiron o recoñecemento da Organización das Nacións Unidas (ONU) polos seus proxectos pioneiros para a diversidade do uso do territorio cun fin social, que iremos coñecendo nesta reportaxe. “Sempre gusta que recoñezan o traballlo, os comuneiros e comuneiras están encantados de que unha pinga do océano, nun recuncho, nunha aldea teña un recoñecemento a nivel mundial”, comenta sobre isto. 

Polo xeral, o normal é que “a comunidade de montes se dedique a produción de madeira, maioritariamente, piñeiro e eucalipto” e, no caso do Couso, dedícanse á gran produción de madeiras nobres, como carballo, castiñeiro, nogueira, cerdeira, freixo… Ademáis contan con producións alternativas, debido a que a madeira dá uns ingresos, no mellor dos casos cada 20 anos, como o eucalipto e supón un crecemento moi baixo. Estas producións serían de setas, froitos vermellos ou resina e xerán ingresos anuais. 

Coa introdución de especies de madeira nobres xeran valor engadido a longo prazo porque procuran recuperar o territorio “eliminando especies invasoras como a acacia”. Esta presenta un “rendemento nulo” e tamén buscan reducir o “eucalipto” porque supón “pouco valor económico e trae moitos prexuízos para o monte”. Aporta o presidente un dato neste sentido: “Unha hectárea de eucalipto consome 42.000 litros de auga i é moi propagadora de incendios”. Así, apostan por outro tipo de materias máis rendibles. 

CREAR CONCIENCIA E O PAPEL DAS ADMINISTRACIÓNS 

“Outro monte é posible, máis rendible e sostible”, afirma Arauxo sobre o que hai que facer ver á veciñanza comuneira e que hai que ter paciencia. “Non se debe ser curtopracista, cando chegue o momento obteranse os ingresos coa venta de madeira e mentres os outros tipos de produción xeran ingresos anuais e permiten crear traballo, o que é o noso obxectivo”, expón neste sentido. 

Outro punto que destaca é a importancia de divulgar e crear conciencia de que existen outras alternativas para o monte máis aló dos eucaliptos. Esta comunidade de montes de Couso vendeu este ano madeira de castiñeiro, que lle deu uns ingresos moito maiores ca os do eucalipto: “Deunos 100 euros por metro cúbico, cando polo eucalipto nos están dando 25 euros metro cúbico. Certo é que tarda o dobre de tempo, 40 anos, pero tamén nos dá máis do dobre de ingreso ca o eucalipto”.

Así, reivindica que non “hai mercado suficiente para esa madeira”, polo que o mercado hai que crealo e aí “é onde fallan as administracións”. Cal é o papel que xogan as administracións neste caso? O presidente afirma que no caso da administración local, do concello de Gondomar, que “o mellor que pode facer é non facer nada”. Considera que cada vez que fan algo, esta administración “non colabora en nada, só inspección disto ou do outro”. No que atinxe á Xunta de Galicia, indica que existen liñas de axudas en cuestións de agricultura ou incendios. Porén, fóra de aí “non permite ás comunidades de montes acceder a subvencións”. Manifesta que crean postos de traballo cos escasos recursos, pero que tamén se lles hai que axudar. 

NOVOS PROXECTOS EN DETALLE

Actualmente están inmersos en diferentes proxectos. Menciona o tema da extracción de resina, do que agardan un resultado positivo que permita seguir xerando emprego. En que consiste? Explica: “Nos últimos dez anos de vida das árbores, se lle chama resina da morte, o que facemos é coller 4000 piñeiros de momento e sacámoslle a resina. O obxectivo é obter 16.000 ou 18.000 quilos ao ano e ingresar uns 18.000 euros, xa que se emprega para pintura, industria, cosmética…”. Comezaron con este proxecto o ano pasado e será este ano cando realicen a primeira venda de resina. 

Entre os proxectos destacados está a produción de shiitake ou “cogomelo delicioso” en galego. De orixe xaponés, ten cada vez máis adeptos en Galicia polo seu sabor e textura. Presenta beneficios pola súa achega de vitaminas, minerais, antioxidantes e fitonutrintes esenciais e propiedadades medicinais. “Tamén contamos con producións de froitos do bosque como amorodos, framboesa ou grosellas, pero que presentan maior dificultade. Pelexamos contra os paxaros, cabalos e xabarís”, afirma e engade que lle están dando unha volta a esta plantación coa introdución de froitos secos como as abelás. 

En termos de rendemento económico, as plantacións de shiitake e a extracción de resina, recoñece, “teñen valor importante”. O shiitake ten un “rendemento de 14 euros por metro cúbico e, aínda que aquí non é moi grande a cultura do cogomelo, co aumento da demanda, irase ampliando”. Os montes tamén presentan riqueza desde o punto de vista social, no Couso hai rutas de senderimos, áreas de lecer, zonas de baño, miradoiros… Tamén destaca entre as iniciativas, os proxectos educativos como o Bosque da Lingua, que ten un crowdfunding aberto para colaborar: “O obxectivo é potenciar a lingua entre os cativos cun sistema, no que vas co móbil e en 24 balizas terás 24 poemas de autores galegos no monte. Por exemplo, pode aparecer Mercedes Peón cun poema de Luísa Villalta”. 

Hai un proxecto diferenciador. “O Bosque das Memorias non o ten ninguén”, resalta Arauxo, sobre este lugar no monte que busca honrar e lembrar aos seres queridos de quen xa non están. É un recoñecemento aos comuneiros e comuneiras ou colaboradores, que poden dedicar unha pedra cunha árbore de calquera parte do planeta. “A idea xurdiu non 2019 por unha persoa comuneira que lle morreu un fillo de accidente de tráfico e a familia non é practicante de ningunha relixión. Querían ter un lugar de culto para ou seu fillo e ocorréuselles plantar unha árbore non monte na súa honra”, explica. Na pedra figura o nome común, científico e procedencia desa árbore e xa hai na actualidade 14 plantacións. 

Para rematar, fai fincapé en que están promocionandoa comunidade enerxética coa produción de “enerxía ambiente fotovoltaica para reducir o custo da factura da luz dos veciños que queiran participar no proxecto”. 

Pecha a XXV edición de Conxemar cun volume de negocio superior a 2023

A Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados de Conxemar pechou este xoves o seu XXV edición cun volume de negocio “moito maior” a 2023, aínda que insistindo en reclamar unha ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) para poder albergar a máis expositores.

Así o sinalou o presidente de Conxemar, Eloy García, quen se mostrou “contentísimo” ante os medios de comunicación ao pór broche final a un “ferión” no que “todo saíu moi ben”.

Tras agradecer o labor de toda a organización, e mesmo da prensa por cubrir o evento, García asegurou que o único inconveniente foi a choiva, que provocou algún accidente de tráfico, complicando por momentos a circulación nas inmediacións do Ifevi.

O directivo destacou a feira internacional como un referente no sector, lembrando o que supón non só para Vigo, senón para toda Galicia a súa celebración. Segundo un estudo encargado por Conxemar, o retorno económico para a cidade é duns 235 millóns de euros, que se superarán este ano, segundo as súas previsións.

“Foi unha feira fantástica. O volume de negocio será moito maior”, reivindicou, comparando os datos cos de 2023.

A pesar de todo, insistiu na necesidade de seguir crecendo “ata o infinito”, mostrándose “optimista” e “ansioso” á hora de falar dunha ampliación do Ifevi. El indicou que parece que as conversacións entre administracións van por bo camiño.

Respecto diso, dixo que este ano a feira contou con 37.000 metros cadrados, pero serían necesarios máis de 5.000 metros a maiores para albergar “demanda insatisfeita” de compañías do sector.

Ademais, apostilou que outras empresas relacionadas co conxelado, sobre todo aquelas de pratos preparados para quentar e listo, así como o sector da conserva tamén querería estar en Conxemar. “Se a todos os que queren estar désemoslles cabida, necesitariamos moitísimos máis que 5.000 metros cadrados máis”, sentenciou.

O acto de peche da XXV edición de Conxemar levouse a cabo este xoves ás 14.30 horas, coa actuación de Melodiam, as gañadoras do primeiro concurso de grupos musicais ‘Conxefest Fish & Hits’

CONXEMAR

A XXV edición de Conxemar celebrouse entre este martes e xoves en Vigo, coa presenza de máis de 750 expositores de ata 46 países distintos, con República Dominicana, Sudáfrica, México, Indonesia, Namibia, Polonia e Eslovenia como novos expositores.

Con máis de 37.000 metros cadrados, a feira reúne cada ano a centenares de compañías do sector do peixe conxelado. Nesta ocasión, á súa inauguración acudiu o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, entre outros.

Previo á feira, como xa é habitual, celebrouse na sede de Afundación de Vigo o Congreso FAO-Conxemar, que xa cumpriu a súa 12º edición, centrádonse na sustentabilidade e no futuro do sector.

BNG

A deputada e portavoz de Pesca do BNG, Rosana Pérez, visitou este xoves a XXV Feira Conxemar, onde destacou o potencial pesqueiro de Galicia e reclamou maior apoio para o sector e para a propia feira que “está moi viva” e “ten moito futuro”.

Rosana Pérez percorreu o Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) acompañada pola deputada Carmela Pérez, polo portavoz municipal en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, e polo concelleiro Filipe Abalde; e intercambiou impresións con responsables de Conxemar e de empresas do sector.

Tras reclamar unha nova ampliación do Ifevi, cunha partida incluída nos orzamentos autonómicos de 2025, os nacionalistas tamén esixiron unha maior implicación das institucións ante os retos do sector pesqueiro, como as restricións á pesca e os obstáculos na renovación e descarbonización da frota.

O derrame de varias garrafas de formaldehído que transportaba un camión obriga a activar un plan especial no polígono de Valadares

0

O derrame sobre a estrada de varias garrafas de formaldehído que transportaba un camión obrigou a activar un plan especial para xestionar a situación no polígono vigués de Valadares. Segundo informou o CIAE 112 Galicia, o accidente produciuse na rúa O Cabreiro, na parroquia de Beade, minutos despois das 09.00 horas deste mércores.

O suceso motivou a activación por parte da Xunta do Plan de Protección Civil por accidentes con vehículos de transportes especiais, denominado Transgal. Ademais, o tráfico estivo cortado durante uns minutos ata que se controlou a situación. En total, o camión perdeu cinco litros de formaldehído cando descargaban as garrafas desde o camión, cuxos responsables puxeron o incidente en coñecemento da central do 112, encargados de activar o dispositivo para atallar a emerxencia creada.

A Policía Nacional celebra o día dos Anxos Custodios con “entrega e lealdade” a pesar dos “retos” actuais

0

A Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela celebrou este xoves o día dos Anxos Custodios, patrón do corpo, destacando a “entrega e a lealdade” dos axentes a pesar dos “retos” actuais.

Este acto, levado a cabo con motivo do Día da Policía, que se conmemora cada 2 de outubro, tivo lugar na Sede de Afundación de Vigo e nel impuxéronse decenas de condecoracións concedidas pola Dirección Xeral da Policía a distintos funcionarios policiais e a persoas alleas ao corpo.

O evento comezou co público en pé, máis de 200 persoas, para escoitar o himno de España. A partir de aí, foi o comisario xefe da Comisaría de Vigo, Ramiro Gómez, o encargado de coller a palabra.

No seu discurso, puxo en valor o labor dos axentes pola seguridade cidadá, ao “dedicar a vida aos demais”. Gómez destacou a “especial vocación” da Policía e subliñou que todos eles cumpren catro valores básicos: “servizo, dignidade, entrega e lealdade”.

Gómez reivindicou a “entrega total” dos funcionarios, aínda que en momentos teñan que asumir “situacións perigosas”. Tras lembrar que este ano se cumpren dous séculos da fundación do corpo, o comisario xefe apuntou cara aos “retos” actuais aos que os axentes darán unha resposta “integral”.

Tras el, entregáronse a orde ao mérito policial de funcionarios da Policía Nacional a decenas de persoas. Despois, entregouse unha orde ao mérito policial ao comandante naval de Vigo, Antonio Couce Calvo (alleo ao corpo).

Así mesmo, fíxose un recoñecemento polo apoio prestado á Policía Nacional a distintos organismos como o Concello de Vigo ou a Autoridade Portuaria, entre outros.

A partir de aquí, colleu a palabra Digna Rivas, alcaldesa de Redondela. Ela reivindicou a seguridade que dá ver aos axentes patrullar polas rúas da súa cidade.

Na mesma liña falou o rexedor vigués, Abel Caballero, que sinalou que o “ben máis prezado dunha cidade é a seguridade”, e mostrou o seu apoio aos axentes.

Abel Losada, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, foi o encargado de pechar o acto. El tamén agradeceu o labor da Policía Nacional. “Sen seguridade non se pode construír nada, non se pode avanzar cara a ningunha parte”, reivindicou.

Tras el, levou a cabo unha homenaxe polos axentes falecidos e terminou o acto co himno da Policía Nacional co público en pé.

Os socialistas galegos piden renovar a frota galega con fondos europeos

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou a necesidade da renovación da frota pesqueira galega con axudas da Unión Europea e destacou o apoio do Goberno central ao sector.

Así o sinalou ante os medios de comunicación durante a súa visita á XXV Feira de Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados de Conxemar, que se celebra ata este xoves no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi).

Alí, Besteiro puxo en valor o traballo do Executivo de face a pedir fondos europeos para a renovación da frota, reclamando a apertura do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura para que poida acoller ese financiamento.

O líder dos socialistas galegos explicou que esta modernización non só buscará aumentar a eficiencia e a seguridade dos barcos, senón tamén garantir mellores condicións para a tripulación.

Este impulso pola renovación é, ao seu xuízo, unha “aposta dos socialistas polo futuro da pesca”, do mesmo xeito que os 20 millóns de euros do Perte Mar-Industria.

Así mesmo, o secretario xeral do PSdeG mostrou a súa preocupación pola caída do consumo de peixe, aínda que apuntou cara á nova campaña de fomento de consumo que lanzará o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, tal como avanzou o ministro Luís Planas.

“O peixe non é caro”, reivindicou Besteiro, considerando “fundamental” campañas como esta. El tamén se referiu ao “gran éxito” de Conxemar, por ser “referente mundial” para o sector ano tras ano.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, atendeu aos medios xunto con Besteiro, lembrando que é “imprescindible” que a feira continúe crecendo cunha nova ampliación do Ifevi, apuntando cara á Xunta para facerse cargo dese aumento de espazo.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed