Inicio Blog Páxina 25

Unha explosión durante unha voadura nunha canteira do Porriño deixa catro traballadores feridos, un deles grave

0

Catro traballadores resultaron feridos, un deles de gravidade, nunha explosión rexistrada este venres nunha canteira situada na parroquia de Atios, no Porriño. O accidente produciuse durante unha voadura controlada e obrigou a mobilizar un amplo dispositivo de emerxencias, incluído un helicóptero medicalizado.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 tivo constancia do sucedido arredor das 13.10 horas, cando un particular contactou co servizo para solicitar asistencia sanitaria para varios operarios que sufriran feridas tras unha explosión nas instalacións.

Ata a canteira desprazáronse efectivos do 061, dos Bombeiros do Porriño, da Garda Civil, da Policía Local e de Protección Civil. Segundo a información facilitada polos servizos de emerxencias, os catro afectados estaban accesibles, polo que non foi necesario realizar labores de rescate para chegar ata eles.

O traballador que presentaba lesións de maior consideración é un home de 42 anos, identificado coas iniciais I.G.C., que foi trasladado no helicóptero medicalizado ata un centro hospitalario da Coruña.

Os outros tres afectados son tamén homes, con idades comprendidas entre os 49 e os 63 anos. Neste caso, foron evacuados por estrada ata o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Para atender o accidente, o 061 mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense, unha ambulancia de soporte vital avanzado, dúas ambulancias de soporte vital básico e un equipo de Atención Primaria.

A GARDA CIVIL INVESTIGA AS CAUSAS DA EXPLOSIÓN

As primeiras informacións da Garda Civil sitúan o accidente no transcurso dunha voadura controlada na canteira. A Benemérita abriu unha investigación para determinar as circunstancias nas que se produciu a explosión e esclarecer as causas que provocaron as lesións dos catro operarios.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, tamén se desprazou ata as instalacións despois de coñecer o sucedido. O rexedor sinalou que os traballadores estaban “estables” e que xa foran trasladados aos correspondentes centros hospitalarios, ao tempo que expresou o seu desexo de que evolucionen favorablemente.

Lorenzo indicou ademais que o Concello queda á disposición tanto da Garda Civil, responsable da investigación, como da empresa propietaria da canteira para colaborar no que resulte necesario tras o accidente.

As familias de Vila Laura volven protestar en Vigo: “Estamos a pedir persoas para atender a persoas”

As familias da Escola de Educación Infantil Vila Laura de Vigo volveron concentrarse este venres ás portas do centro para reclamar a incorporación da terceira mestra de apoio, e lembraron que, 23 días despois do inicio do curso, esta demanda segue sen cubrirse. A ANPA volveu denunciar que a falta desta profesional obriga a recorrer ás especialistas de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL), que teñen que detraer tempo da atención ao alumnado que precisa destes apoios. As familias lembraron tamén que o centro funciona porque “os seus profesionais fan un esforzo enorme todos os días”, pero advertiron de que “conseguir que un centro abra as súas portas e resolva cada incidencia non pode ser a medida para decidir se ten persoal suficiente”.

RECLAMAN UNHA TERCEIRA DOCENTE PARA DEZ AULAS

O centro conta con dez aulas e, atendendo ao criterio dun docente de apoio por cada tres unidades de Educación Infantil —e tendo en conta que o curso pasado contou con tres profesionais—, as familias reclaman a incorporación da terceira mestra. “Non estamos a pedir máis actividades, novas instalacións nin un privilexio. Estamos a pedir persoas para atender a persoas, persoas que teñen dous, tres, catro ou cinco anos”, remarcaron.

Vigo elixirá entre 19 propostas a estatua de Iago Aspas, que custará 280.000 euros

O xurado do concurso de ideas para o deseño e realización dunha estatua do futbolista Iago Aspas en Vigo constituíuse este venres e terá que elixir entre 19 propostas recibidas, segundo informou o alcalde, Abel Caballero. En declaracións remitidas aos medios, o rexedor lembrou que a idea gañadora recibirá un premio de 9.000 euros, mentres que a segunda e terceira opción serán premiadas con 4.000 e 2.000 euros, respectivamente. A isto súmase o custo da propia estatua, 200.000 euros, e o do transporte, outros 80.000 euros.

TRES MESES PARA EXECUTAR A OBRA

Unha vez elixida a proposta gañadora, formalizarase o contrato e haberá tres meses para executar a actuación. O Concello encargarase posteriormente de instalar a estatua na esquina entre as bancadas de Tribuna e Marcador. Do xurado forman parte o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez; a xefa da área de Contratación; Jonathan Aspas; o director de Infraestruturas do Celta, Carlos Cao; os responsables das áreas municipais de Servizos Xerais, Patrimonio Histórico e Museos; e a coordinadora de exposicións do Museo MARCO, Pilar Souto. Abel Caballero avanzou que a escultura, que deberá realizarse en bronce artístico e medir 1,76 metros, estará instalada na próxima primavera.

 

O Peugeot 2008 ‘made in Vigo’ sitúase entre os modelos máis vendidos en España no que vai de ano

O Peugeot 2008, fabricado na planta viguesa de Stellantis, situouse na lista dos 10 modelos máis vendidos en España no que vai de ano, ao ocupar a novena posición. Unha lista que segue liderando o Dacia Sandero, sendo o turismo máis escollido entre os condutores españois entre xaneiro e setembro, con 25.926 unidades matriculadas, malia recortar as súas vendas nun 9,8%.

Segundo os datos de peche de mes publicados polas patronais de fabricantes (Anfac), concesionarios (Faconauto) e vendedores (Ganvam), o Sandero sitúase por diante do Seat Ibiza e do Toyota Corolla, que contan con 22.020 e 19.257 matriculacións, respectivamente. O “top 5” dos modelos máis vendidos en España entre xaneiro e setembro complétano o Toyota C-HR, con 18.051 unidades (+18,9%) e o MG ZS, que con 16.708 operacións (-13,2%) ata setembro é o vehículo de orixe chinesa máis demandado, despois de que nos últimos meses anunciase que construirá unha fábrica en Ferrol.

Entre os dez máis comprados de 2026 tamén están o Seat Arona, con 16.406 rexistros (+0,5%) en sexto lugar; o Peugeot 208, con 16.327 anotacións (+4,8%); o Toyota Yaris Cross, con 15.738 vendas (+9,5%); no noveno posto está o “galego” Peugeot 2008, con 15.289 anotacións (+15,2%); e o Hyundai Tucson, que con 14.406 unidades (-7%) pecha a lista.

“Unha viaxe a Brobdingnag”, a particular cartografía da cultura viguesa en máis de 200 retratos

0

A Asociación Cultural Évame Oroza inaugura o vindeiro venres, 2 de outubro, ás 20.00 horas, a exposición Unha viaxe a Brobdingnag, do fotógrafo Blas González, que poderá visitarse ata o 30 de outubro. A inauguración contará coa participación do poeta Samuel Merino, que acompañará o acto cunha intervención poética vinculada ao universo da exposición. A entrada será libre ata completar aforo.

O proxecto, iniciado a principios de 2023 como unha serie centrada na paisaxe urbana, foi medrando ao longo destes case tres anos ata reunir máis de 200 retratos de persoas vinculadas á creación e á cultura viguesa.

UNHA VIAXE POLA CULTURA E PAISAXE DE VIGO

O título do proxecto fai referencia á segunda viaxe de Gulliver á terra dos xigantes, narrada por Jonathan Swift. A partir desta imaxe, Blas González constrúe unha mirada sobre a cidade de Vigo e sobre a relación entre as persoas e a paisaxe urbana que as rodea.

O proxecto parte inicialmente da observación da verticalidade da cidade e das súas estruturas contemporáneas, poñendo o foco no contraste entre a escala humana e a dimensión da arquitectura e do espazo urbano.

A esta primeira aproximación fóronse incorporando os retratos de persoas vinculadas á creación artística e á cultura viguesa. As fotografías están realizadas sempre na rúa e en espazos da cidade escollidos polos propios protagonistas, como unha maneira de situar as persoas retratadas no seu propio territorio e reivindicar o espazo público como lugar de encontro e pertenza.

Para o autor, estas persoas e colectivos representan unha parte esencial da identidade cultural de Vigo, especialmente desde os espazos alternativos e independentes nos que desenvolven o seu traballo. A exposición incorpora así tamén unha mirada crítica sobre a evolución da cidade, a súa transformación urbana e o papel que ocupa a cultura neste proceso.

A mostra articúlase en dúas liñas complementarias: por unha banda, unha serie de paisaxes urbanas que exploran o contraste entre a escala humana e a das estruturas contemporáneas; pola outra, un amplo arquivo de retratos que pretende ofrecer unha pequena cartografía da diversidade cultural viguesa.

O AUTOR

Blas González desenvolve a súa práctica fotográfica no eido da fotografía documental e da narrativa contemporánea, explorando como a relación entre paisaxe e memoria contribúe á construción da identidade colectiva.

O seu proxecto Cadernos da Limia constitúe a base da súa investigación sobre a fotografía como ferramenta de introspección individual e comunitaria. Ao longo da súa traxectoria, iniciou e participou en proxectos colaborativos multidisciplinares nos que converxen a imaxe, a música, o teatro e a literatura.

Neste ámbito destaca tamén o seu labor como organizador dos Encuentros 5+1, unha plataforma dedicada ao diálogo e á reflexión sobre a fotografía de autor contemporánea.

Tradutores alerta da precarización do traballo pola IA e piden non substituír humanos por máquinas

0

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (AGPTI) convocou este mércores unha concentración en Vigo, ademais dunha “folga simbólica”, coincidindo co Día Mundial da Tradución, para reivindicar o seu labor e denunciar que o uso de novas tecnoloxías como a IA “precariza” o seu traballo e destrúe empregos no sector.

Así o trasladou o secretario da asociación, José Rodríguez, que sinalou que o “mal uso” da IA fai que moitas empresas e institucións substitúan tradutores e intérpretes por estas tecnoloxías, unhas tecnoloxías que “non poden traducir” cos mesmos niveis de calidade que as persoas profesionais. Esta tendencia abarateceu as tarifas de tradución nun colectivo no que a maioría das persoas traballa por conta propia, e levou moitas delas a abandonar a profesión.

José Rodríguez alertou do impacto do uso da IA e lembrou que non só promove a precariedade laboral, senón que os grandes desenvolvedores non dubidan en “roubar” a propiedade intelectual dispoñible na rede para “adestrar” estas intelixencias artificiais. Na mesma liña, AGPTI denunciou o uso sistemático da pos-edición, unha práctica que substitúe o traballo da tradutora ou do tradutor, que só é contratado, no mellor dos casos, para corrixir o xa feito pola tecnoloxía. Na maioría das veces, a persoa profesional acaba tendo que facer o seu traballo desde cero e “á metade de prezo”.

APOSTAR POLO TRABALLO HUMANO

Por todo iso, a asociación reclamou ás institucións, ás administracións e ás empresas que non substitúan o traballo humano pola IA, que empreguen estas tecnoloxías para crear texto ou cartelería, que lles esixan aos xigantes da IA que paguen por utilizar a propiedade intelectual, ou que se fixen “tarifas dignas” para tradutores e intérpretes.

Así mesmo, pedíronlle, no caso de Vigo, á Universidade e á Facultade de Filoloxía que teñan unha “posición rotunda” e pública contra o uso da IA para substituír o seu traballo e que non a empreguen na formación das profesionais e dos profesionais do futuro.

O BNG esixe á Xunta que rectifique o plan de transporte de Vigo e acusa o PP de “reincidir nun modelo sen futuro”

0

O BNG de Vigo esixiulle á Xunta que “rectifique” o plan de transporte para a comarca, ao considerar que insiste nun “modelo fracasado” que “non vai resolver os problemas do servizo actual”. Os nacionalistas presentaron alegacións ao proxecto para reclamar a elaboración dun novo plan que, segundo defenden, permita corrixir a falta de frecuencias, prazas e conexións entre Vigo e os concellos do Val Miñor e Mos.

O responsable comarcal do BNG, Manuel Caride, advertiu de que o Goberno galego mantén, ao seu xuízo, as mesmas carencias que provocaron a rescisión do contrato actual. Caride referiuse concretamente á “masificación dos autobuses, con persoas obrigadas a ir de pé ou que quedan tiradas nas paradas”. “O PP non aprendeu do fracaso anterior e reincide nun modelo sen futuro, en vez de elaborar un novo proxecto que atenda as demandas veciñais”, sinalou.

UN 25 % MÁIS DE FRECUENCIAS

Fronte á proposta da Xunta, o BNG reclama incrementar polo menos nun 25 % o número de frecuencias e introducir mecanismos de reforzo para atender os picos puntuais de demanda e aquelas liñas cunha maior intensidade de uso. Os nacionalistas tamén piden realizar un estudo de variantes dos principais percorridos en función da demanda existente, de maneira que as liñas dean servizo ás parroquias afastadas das vías principais. Así mesmo, reclaman garantir conexións directas entre concellos e desde estes cara a Vigo co obxectivo de reducir os tempos das viaxes.

MELLORES CONEXIÓNS COA UNIVERSIDADE, O HOSPITAL E PEINADOR

Entre as alegacións presentadas figura tamén a mellora das conexións coa Universidade de Vigo e cos centros educativos do Meixoeiro, adaptando os horarios ás horas de entrada e saída das clases. O BNG reclama igualmente reforzar as conexións co Hospital Álvaro Cunqueiro, así como coa estación intermodal de Vigo, o aeroporto de Peinador e a estación marítima.

UN ENTE PÚBLICO PARA COORDINAR A MOBILIDADE

Os nacionalistas lamentan ademais que o autobús urbano de Vigo non estea integrado no transporte metropolitano, unha situación que atribúen ás disputas políticas entre PP e PSOE. Segundo o BNG, o actual modelo de transporte metropolitano é “falso”, polo que reclama a creación dun ente xestor público que planifique e coordine a mobilidade no conxunto da comarca. O Bloque pide tamén revisar o sistema de tarifas para ampliar as bonificacións e facilitar o acceso ao transporte ás persoas vulnerables e con rendas baixas. Entre as súas reivindicacións inclúe, finalmente, a necesidade de garantir as condicións laborais do persoal que presta o servizo.

Armadores de Vigo ven “absolutamente insuficientes” as axudas para o sector pola crise de Oriente Medio

0

A Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) considera “absolutamente insuficientes” as axudas para o sector pesqueiro pola crise de Oriente Medio, despois de se coñecer que o Goberno prorrogará as medidas ata o 31 de decembro. A xuízo dos armadores, isto “non permitirá compensar en ningún sentido” a “grave” situación da pesca española, que sofre un “grave impacto” polo elevado prezo dos combustibles.

“Desde o inicio da crise, o seu custo máis que se duplicou, mentres que o actual mecanismo de axudas presenta importantes deficiencias que limitan gravemente e desvirtúan a súa eficacia”, criticou ARVI. Por todo iso, ARVI ve “imprescindible” que a axuda ao combustible se vincule ao consumo e non a estimacións. Tamén solicita que se revise o prezo de activación de 0,70 euros por litro, por ser superior ao prezo previo á crise e á media de 2025, que asegura que era de 0,555 euros/litro, entre outras medidas.

ARVI considera igualmente necesario avanzar na prórroga destas medidas a nivel comunitario e na implantación do Rexistro Especial para os buques de altura e gran altura que traballan fóra da ZEE española, como instrumento que podería contribuír a mellorar a competitividade e a capacidade de resposta destas empresas ante a actual crise.

A Xunta cifra en 78 millóns de euros os investimentos autonómicos en Vigo “bloqueadas” polo goberno de Caballero

0

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, cifrou en 78 millóns de euros os investimentos autonómicos na cidade “bloqueados” polo goberno municipal de Abel Caballero, e puxo como exemplo o centro de asociacionismo, cun investimento previsto de 20 millóns de euros.

Nunha comparecencia ante os medios diante do edificio do antigo xulgado, onde se ía construír esa dotación, Ana Ortiz sinalou que o bloqueo dese proxecto (cuxa obra foi licitada pero non chegou a executarse porque o Concello suspendeu a licenza outorgada) é “o exemplo máis evidente da política de destrución do alcalde”.

Agora, o TSXG deulle a razón á Xunta e concluíu nunha sentenza recente que o Concello non debía ter suspendido a licenza, pero “os danos xa están causados e son irreparables”. De feito, o goberno galego estuda reclamar os custos á administración municipal, xa que tivo que resolver o contrato e indemnizar a empresa adxudicataria das obras.

“Os vigueses teñen dereito a coñecer a verdade e aquí non hai opinións, son feitos. O alcalde bloqueou a recuperación deste edificio nunha actuación lamentable que indica a súa forma de proceder”, denunciou a delegada. Ademais, referiuse a outros investimentos da Xunta que seguen paralizados pola actuación municipal, como o túnel de Elduayen (17,8 millóns), a ETEA (10,5 millóns dos viarios máis 15 millóns da residencia de maiores da Fundación Amancio Ortega) ou as pistas de atletismo de Balaídos (7 millóns), entre outros.

Trasladado a Vigo en helicóptero un mariñeiro ferido grave mentres faenaba a 100 millas de Cabo Vilán

0

Un mariñeiro tivo que ser trasladado a Vigo en helicóptero na noite deste pasado martes tras resultar ferido grave mentres faenaba a 100 millas de Cabo Vilán. Segundo informa Gardacostas de Galicia na súa conta oficial de ‘X'(antigo Twitter), o home traballaba no pesqueiro ‘Armaven Un’ e foi trasladado á cidade olívica no helicóptero Pesca 1 en coordinación con Salvamento Marítimo.

Fontes do 112 Galicia consultadas por Europa Press indicaron que todo ocorreu sobre as 19.00 horas, cando Gardacostas solicitou a mobilización da Pesca 1 para o rescate. Finalmente, Gardacostas asegurou que foron necesarias tres horas e media de voo ata chegar a terra, con vento de 30 nós e ondas de 4 metros no mar.

O ferido foi trasladado ao aeroporto de Vigo, desde onde continuou o traxecto en ambulancia ata o hospital Álvaro Cunqueiro.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed