Inicio Blog Páxina 2189

Colocan pancartas nas pontes da ‘Raia’ para pedir a reapertura: “Estamos asfixiados”

0

Os alcaldes da Guarda, O Rosal, Tomiño, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente, Caminha, Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço reuniranse este luns para acordar accións de protesta conxunta ante a desatención das súas reivindicacións sobre a apertura de máis pasos fronteirizos.

Como paso previo ás mobilizacións, a Agrupación europea de cooperación territorial (AECT) Rio Minho colocou este sábado nas principais pontes entre Pontevedra e Portugal pancartas solicitando a súa reapertura.

Trátase dunha medida, sinalan fontes da Deputación de Pontevedra, coas que queren expresar “a indignación” da cidadanía da ‘Raia’, “en moitos casos obrigada a dar rodeos de até 200 quilómetros” para acudir aos seus postos de traballo e que ve como non teñen clientes nos seus negocios.

A AECT Rio Minho critica que as administracións competentes “non moveron ficha” e nin flexibilizaron o peche dos pasos, tendo en conta de que este territorio transfronteirizo está “totalmente asfixiado”.

“A pinga que colmou o vaso”, segundo sinala o director da AECT Rio Minho, Uxío Benítez, foi o anuncio da apertura doutro tres pasos a partir do luns a nivel estatal, un deles entre Tourém e Calvos de Randín (Ourense), onde se poderá circular sen restricións en determinados días e franxas horarias.

“Como é posible que se abran pasos noutros lugares e na franxa máis activa social e economicamente falando -da fronteira hispano lusa- sigan as limitacións nun momento no que a situación sanitaria é xa moito mellor e igual en ambas as marxes do río?”, pregúntase Benítez, tamén deputado provincial do BNG.

Advirte de que as consecuencias económicas serán “incalculables”, sinala que o sentimento dos alcaldes é de “total frustración” ante a actuación dos gobernos central e autonómico e trasládalles o seu “apoio total” nas súas reivindicacións.

PLAN POST-COVID

Doutra banda, o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), Fernando Freire de Sousa, acordaron reunir o próximo 22 de xuño, se a situación de emerxencia sanitaria o permite, o plenario da comunidade de traballo para impulsar un plan pos-COVID de cooperación entre ambas as rexións.

Segundo informa o Goberno galego nun comunicado, búscase establecer estratexias que preparen a eurorrexión para afrontar a nova realidade tras o impacto do coronavirus co fin de refozar a súa visibilidade como “área segura e confiable”. Ademais, quérese maximizar os investimentos públicos con actuacións conxuntas para aproveitar fondos da UE do novo marco orzamentario 2021-2027, con especial atención ás zonas fronteirizas.

Dende mañá, prohibido fumar en terrazas e espazos públicos se non hai distancia de seguridade

0

O comité clínico de expertos en materia de prevención da COVID-19 abordou na súa reunión deste mércores a posibilidade de prohibir fumar mentres se camiña pola rúa ou se está en espazos públicos permitidos –como terrazas– se non se garante a distancia de seguridade. Así o explicou, durante unha rolda de prensa posterior ao encontro, o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, que detallou que os expertos consideran o fume do tabaco “un factor de difusión” do virus.

“Os membros do comité coinciden en que fumar sen limitación nunha terraza con persoas próximas ou en zonas sen distancia é un risco alto de infección”, dixo Núñez Feijóo, que aposta por “prohibir fumar nas rúas ou en lugares públicos nos que a distancia non é posible”, así como “cando se estea en tránsito ou en movemento”.

Por iso, na orde que se publicará no Diario Oficial de Galicia na tarde deste mércores, avanzou o presidente, incluirase unha medida deste tipo, que se concretará tras as consultas pertinentes e que afectará a toda Galicia a partir da medianoite. “O lóxico é non poder fumar”, finalizou Núñez Feijóo.

Do mesmo xeito, na orde do DOG tamén se precisará se, finalmente, se amplía a máis concellos a orde de peche do lecer nocturno, que, actualmente, afecta a nove municipios da comarca da Coruña: A Coruña cidade, Arteixo, Culleredo, Oleiros, Cambre, Sada, Carral, Abegondo e Bergondo.

O dianteiro ruso Fedor Smolov chega cedido ao Celta para tentar acabar coa seca goleadora do equipo

O dianteiro internacional ruso Fedor Smolov é o terceiro reforzo invernal do Celta. Chega, segundo o propio club, avalado por unha “contrastada capacidade goleadora, impactante cifra de asistencias, experiencia, talento…”.

O Celta tamén salienta que Smolov destaca “sobre todo pola súa facilidade anotadora” sinala o Celta sobre o futbolista.

Smolov procede do Lokomotiv de Moscova e é a terceira fichaxe do Celta tras o central colombiano Jeison Murillo e o centrocampista croata Filip Bradaric.

O PP de Vigo denuncia que 24 novos Policías Locais prestan servizo sen tomar posesión da súa praza

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo denunciou este martes a “situación irregular” de 24 axentes da Policía Local, que están a prestar servizo “sen tomar posesión da súa praza”.

A través dun comunicado, o portavoz do grupo, Alfonso Marnotes, explicou que estes aspirantes a policías finalizaron o seu período de prácticas en decembro de 2019 e que deberían de tomar posesión da súa praza en xaneiro deste ano. “A 28 de xaneiro aínda non o fixeron, co que non son axentes en prácticas nin funcionarios de carreira“, engadiu.

O edil ‘popular’ preguntou á concelleira de Seguridade, Elena Espinosa, cal a situación administrativa destes axentes, e que pasaría se exercesen algunha intervención que supoña exercicio de autoridade. “Que norma legal ampara facer isto?Como é posible que estean a traballar na vía pública sós, sen a tutela dun policía de carreira, exercendo autoridade?”, cuestionou.

Segundo o portavoz do PP, os aspirantes a policías están a realizar funcións policiais “sen a dotación de seguridade regulamentaria”, algo “gravísimo” que “non sucede en ningunha cidade de España”. “E isto pasa porque quen ten que exercer a responsabilidade, isto é a concelleira de Segurida, está desaparecida”, sentenciou.

Galería: Así foi a protesta contra o cambio climático en Vigo

Atopan o corpo sen vida dunha persoa no río Guillade, en Baiona

0

Efectivos de emerxencias recuperaron na mañá deste domingo o cadáver dunha persoa que caeu ao río tras sufrir un accidente de moto en Baiona.

Segundo a información do 112 Galicia, a chamada de alerta indicaba que unha persoa saíuse do camiño coa moto coa que circulaba e caera ao río Guillade, no Barrio do Caeiro (En Sabarís, Baiona).

Ata a zona, pasadas as 11,00 horas da mañá, desprazáronse efectivos do GES de Val Miñor, a Garda Civil e a Policía Local, que recuperaron o cadáver da vítima á altura do municipio de Sabarís.

TEMPORAL EN GALICIA

As condicións en que se atopaba o río por mor do temporal dificultaron que a persoa puidese saír polo seu propio pé. Durante toda a fin de semana, os refachos de vento alcanzaron os 140 quilómetros por hora en numerosas localidades e as incidencias espalláronse por toda Galicia.

O pasado xoves esta cicloxénese explosiva cobrouse a primeira vida en Santiago de Compostela, cando un home quedou atrapado debaixo dun muro derrubado polo vento no Parque de Santo Domingos de Bonaval.

Cidadáns pide “cambiar os gobernos populistas dos municipios galegos” e defende o libre mercado

O líder e candidato á Presidencia do Goberno de Cidadáns, Albert Rivera, chamou a concentrar o voto no seu partido nas próximas eleccións xerais, que terán lugar o 28 de abril. Así, contrapuxo o crecemento desta formación de acordo con algunhas sondaxes fronte á “crise” do PP do Partido Popular (PP), que, segundo apuntou, podería perder “a metade” dos seus votantes.

Preguntado polos medios tras un encontro con armadores en Vigo, Rivera apostou por un voto de “unidade” ao redor da formación laranxa ante a chamada ao “voto útil” para o PP por parte do líder deste partido en Galicia e presidente da Comunidade, Alberto Núñez Feijóo.

Albert Rivera nun acto en Vigo/ Miguel Núñez

Albert Rivera volveu a defender deste xeito o proxecto “liberal” e “centrista” de Cidadáns, que, segundo asegurou, non pactaría co Partido Nacionalista Vasco (PNV) e que “podería mesmo encabezar un Goberno de España”.

Nesta liña, asegurou que os membros da formación laranxa están “cansados” de pactar cos partidos nacionalistas e apostou por un Goberno no que o presidente da Generalitat de Catalunya, Quim Torra, non poida decidir “a política nacional” e no que Podemos non poida influír na “económica”.

Ademais, puxo en valor o labor xudicial e dos corpos de seguridade no marco do 1 de outubro e acusou aos executivos de Mariano Rajoy e Pedro Sánchez de non explicar á opinión pública europea que o ocorrido nesa data foi un “golpe de estado”.

libre mercado

O presidente de Cidadáns, Albert Rivera, reivindicou o sistema da economía de mercado ante a proposta de Podemos de prohibir o financiamento de partidos políticos por parte de entidades bancarias co obxectivo de evitar a influencia das mesmas.

Deste xeito, Rivera defendeu o dereito das formacións políticas a solicitar préstamos como “calquera español” que os necesite para “comprarse unha casa” ou un coche, segundo defendeu tras un encontro con armadores que tivo lugar este martes en Vigo.

No entanto, si se mostrou contrario á condonación da débeda de partidos políticos por parte de bancos. Na súa opinión, as formacións deben devolver o financiamento solicitado xa que, doutro xeito, deixaríase “unha porta aberta á corrupción”. A este respecto, Rivera acusou ao Partido Popular (PP) e ao Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) de beneficiarse de condonacións durante a etapa do bipartidismo.

Albert Rivera nun acto en Vigo/ Miguel Núñez

Ademais, acusou á formación morada de recibir sete millóns de euros procedentes de Venezuela. “Supoño que se che financia (o presidente deste país lationamericano, Nicolás) Maduro, non necesitas ir aos bancos”, criticou Albert Rivera.

Así mesmo, o líder de Cidadáns instou a Podemos a detallar como sufragará os seus gastos se non é a través de “fondos procedentes do chavismo”, en relación ao apoio económico recibido pola Fundación Centro de Estudos Políticos e Sociais (CEPS), na que traballaron os fundadores da formación morada, por parte do Goberno de Venezuela.

candidatos

En relación á inclusión de candidatos independentes nas listas do seu partido, defendeu que non se trata de “fichaxes”, senón de “persoas que deron un paso” á fronte.

Así, o presidente de Cidadáns eloxiou a traxectoria da xornalista Beatriz Piñeiro, cabeza de lista de por Pontevedra ao Congreso, quen o acompañou na súa visita a Vigo, e mostrouse convencido de que a formación laranxa conseguirá varios escanos nas provincias galegas.

Albert Rivera nun acto en Vigo/ Miguel Núñez

Así mesmo, avanzou que “nos próximos días” tomaranse as decisións necesarias para completar as listas electorais tras ser preguntado pola correspondente ao Concello de Vigo. Neste sentido, afirmou que Cidadáns aspira a “cambiar os gobernos populistas” presentes en distintos municipios galegos.

Rivera indicou que, durante a reunión mantida cos representantes da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo, estes trasladáronlle a necesidade dunha “canle directa” coas institucións e explicou que se comprometeu a apoiarlles na repartición das cotas de pesca a nivel europeo.

Cinco persoas feridas nun accidente entre tres vehículos en Redondela

0

Un total de cinco persoas resultaron feridas debido a unha colisión producida en Redondela na tarde deste domingo con tres vehículos implicados.

Segundo informa o 112, todo ocorreu sobre as 16,00 horas, cando un particular informou do choque entre dous turismos na N-550 en Quintela, concretamente na curva pasando o tanatorio.

De acordo co relato do alertante, indica o centro de emerxencias, un dos vehículos chocou con outro e derrapou, levando por diante a un terceiro. Así, ata o lugar desprazáronse profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os axentes de Tráfico, a Policía Local e Protección Civil da localidade.

Debido ao impacto, pola estrada quedou esparexida unha mancha de combustible procedente dos coches implicados. Por iso, o 112 solicitou a intervención do servizo do mantemento da vía.

A cidadanía non se rinde: nova gran manifestación pola supresión da peaxe da AP-9 en Redondela

A Federación Veciñal Eduardo Chao (Favec) de Vigo e a Asociación de Transportistas da provincia de Pontevedra (Asetranspo) sumaranse á protesta convocada para este sábado, día 23, co obxectivo de demandar a supresión da peaxe da AP-9 en Redondela (Pontevedra).

Nunha rolda de prensa celebrada este luns en Vigo, a presidenta da Favec reivindicou a eliminación da peaxe como un “clamor” cidadán ao que non se lle deu resposta a pesar de “as reiteradas promesas das administracións”.

Por iso, chamou a sumarse á manifestación, que terá lugar este sábado ás 18,00 horas e que percorrerá o tramo entre as Torres de Padín, na cidade olívica, e a rotonda de Cabana, en Redondela.

A protesta foi organizada polas asociacións de veciños das parroquias de Teis (Vigo) e Chapela (Redondela), cuxos representantes, Marcial Pérez e Anxo Igrexas, defenderon que, para satisfacer esta demanda, só fai falta “vontade política”.

Protesta contra a peaxe en Rande / Miguel Núñez.
Protesta contra a peaxe en Rande / Miguel Núñez.

Adicionalmente, aseguraron que esta iniciativa conta co “apoio” de “todos os partidos” e que os seus membros estarán presentes na concentración. Por iso, demandaron ás formacións que inclúan o seu compromiso con esta causa nos seus programas electorais.

Ademais da supresión da peaxe, os representantes veciñais esixiron a conversión da AP-9 en tramo urbano desde as Torres de Padín a Vigo co fin de desconxestionar o tráfico nos barrios de Teis e Chapela, así como a instalación de pantallas acústicas.

Así mesmo, o presidente da Asetranspo, Ramón Alonso, criticou que non se eliminou a peaxe en Redondela, a pesar de que si se suprimiu na saída do Morrazo, xunto á ponte de Rande. A maiores, explicou que os transportistas que necesitan acceder a Teis e Chapela viron o seu paso cortado na rúa Sanjurjo Badía, o que lles supón un atraso.

A Vigo sáelle un competidor en luces de Nadal no norte de Portugal

A Cámara de Viana do Castelo, a capital da rexión do Minho, e unha das principais cidades do norte de Portugal quere competir con Vigo na atracción de turistas durante o Nadal. Para iso vai investir este ano máis de 122.000 euros en iluminação de Natal, máis de 50.000 euros máis que no 2018, trans un acordo coa cámara de empresarios locais.

O alcalde, tamén socialista, coma Abel Caballero, puxo especial interese “nunha animación de Nadal e do fin do ano, dando especial atención á promoción do programa de Viana do Castelo en Galicia para atraer máis turistas do país veciño”.

“Imos aumentar o esforzo financeiro do municipio e imos facer unha campaña de promoción do programa natalício máis forte nos territorios de proximidade, nomeadamente na Galiza, e imos desenvolver un proxecto para dinamizar o comercio dixital”, destacou en declaracións a medios locais.

ESPECTÁCULO LUMÍNICO

Este ano, e tras o aumento do orzamento, está prevista a iluminación de máis de dúas decenas de rúas e prazas do centro histórico e “un xogo de luces sincronizado con música”, na principal artéria da cidade, a Avenida Combatentes da gran Guerra, “que permitirá a creación un espectáculo nunca inferior a 15 minutos“. “Este ano, Viana do Castelo terá iluminación distinta da dos anos anteriores cunha sorpresa na Avenida dos Combatentes. Será un novo motivo de atracción”, suliñou o rexedor.

Ademais, na praza da Liberdade, unha das principais prazas deste concello, será instalada “unha árbore de Natal 3D con cerca de 20 metros de altura“, unha das árbores naturais máis altas de toda Europa.

ÁRBORE DE NADAL

En 2018, o goberno local decidiu “por motivos ambientais”, abdicar da iluminación doutra árbore, unha araucária excelsa, que brillou durante máis de 20 anos. Fíxoo para preservar un “exemplar clasificado, patrimonio da cidade“, fronte aos sinais de fraxilidade que presenta.

Con máis de 50 metros de altura, a araucária excelsa era a máis alta de Europa e foi, durante máis de 20 anos, iluminada con miles de luces, sendo vista en toda a cidade, nun perímetro de varios quilómetros. A instalación da decoración era feita, manualmente, a pesar das fraxilidades que o exemplar xa presentaba.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed