Inicio Blog Páxina 216

A viguesa Enma López será portavoz adxunta do PSOE

0

Enma López, concelleira no Concello de Madrid nacida en Vigo, será a portavoz adxunta do Partido Socialista.

En concreto, na nova executiva a deputada do PSC no Congreso dos Deputados, Montse Mínguez será a nova portavoz do partido en substitución de Esther Pena, segundo indicaron fontes socialistas.

Ademais o partido crea unha nova portavocía adxunta que ocupará Enma López, que ata agora era secretaria de Política Económica e Transformación Dixital.

Máis de 20 vehículos de arrendamento con condutor quedan sen licenza en Vigo

O Concello de Vigo acaba de desestimar as solicitudes de licenzas urbanas para vehículos de arrendamento con condutor (VTC) para a circulación de 24 automóbiles, por carecer de “título habilitante”. Segundo informaron fontes municipais, os titulares recibiron notificación na que se lles informa de que non poden prestar servizo urbano e que, en caso de facelo, enfróntanse a sancións de entre 2.001 e 6.000 euros, por unha infracción tipificada como moi grave.

Ademais, advírteselles de que se poderían inmobilizar os vehículos como medida cautelar. Estes avisos trasladáronse aos interesados, e os partes de servizo da Policía Local relativos a estas actuacións remitíronse á Xunta de Galicia “para que adopte as medidas que considere oportunas”.

Segundo o informe do servizo municipal de Transportes, a normativa vixente establece que esas autorizacións cínguense exclusivamente a transportes interurbanos, e para facer traslados urbanos deberían contar coa preceptiva autorización habilitante emitida polo Concello, “para o que tería que estar regulado o seu outorgamento na correspondente ordenanza municipal”.

Tendo en conta que o Concello olívico “non regulou en ningunha ordenanza municipal” a situación xurídica das VTC,en de  e, por tanto, ao non ter devanditos permisos, denegáronse as solicitudes.

Detido en Vigo un ciclista que se negou a facer o test de drogas

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un ciclista de 36 anos de idade, como presunto autor dun delito de resistencia e desobediencia, tras negarse a deterse cando así llo requiriu unha patrulla e tras negarse a realizar o test de drogas aínda que presentaba incidios de circular baixo os efectos dalgunha sustancia.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na mañá do martes, cando unha dotación do 092 observou circulando a un ciclista pola rúa Severino Cobas facendo zigzag e conducindo dunha forma anómala. Ao facerlle indicacións para que se detivese, o home fixo caso omiso e emprendeu a fuxida, meténdose por unha pista estreita para que o vehículo policial non puidese seguilo. Tras dar aviso a outras patrullas, a Policía logrou interceptalo pouco despois.

OPINIÓN.- Salvar a Ría de Vigo e recuperar a saude pública

0

Dende esta primaveira un grupo crecente de persoas e asociacións da cidade de Vigo (1) vimos denunciando as obras de ‘recuperación dunar’ en Samil que, baixo este título burlón, de feito está a alongar o paseo  extendéndoo até a praia da Fonte, urbanizando a zona protexida de Protección de Ordenación Litoral (POL), destruíndo os restos das grandes dunas litoral que alí había, ocupando espazos e poñendo novas barreiras a unha verdadera recuperación dese espazo público de alto valor ambiental e paisaxístico, dun tipo dos que apenas restan e que tanto precisamos. De feito, moito temo que, alén os suculentos 4M€ gastados (e xa toda xente sabemos como funciona este sistema que hai medio século ‘nos demos entre todos’), o obxectivo final é separar definitivamente a praia do resto do campo dunar que mal que ven, aínda se conserva, para dispor das 5 Ha de terrenos públicos POL para novas concesións, apropiacións e privatizacións.

A burla da ‘recuperació dunar’ de Samil rolda lo criminal -xa veremos-, mais de seguro entra no esperpéntico. Como dicía o vello chiste austriaco que resumía as calamidades sufridas polo seu exército na PGM, a situación é grave mais non seria. Toda a obra é un sinsentido ambiental. Empezando por un proxecto de ‘recuperación dunar’ que ocupa centos de páxinas e especifica prezos e detalles mínimos das obras, mais non inclue un triste parágrafo sobre os ventos locais, nin unha medición das granulometrías das areas ou dos perfis de praia. Logo se explica que as ‘dunas recuperadas’ teñan por baixo acometidas para rego artificial, ou que este mesmo inverno esas ‘dunas recuperadas’ foran erosionadas polas enxurradas que as propias obras causaron (con verquidos de lamas que finalmente acabaron sobre a praia e a ría), e que requeriron actuacións de urxencia non previstas no proxecto (e seus debidos incrementos orzamentais?) para ocultar a desfeita. Ríndose-nos na cara.

Mais, de certo, toda a obra é un engano, falisificando o obxectivo e xustificación principal do proxecto, que era a destrución de 450 metros lineais de paseo, o retranqueo vintacinco metros de 250, e a non reconstrución dos 200 metros restantes, gañando deste xeito uns 5.000 m2 para a praia de Samil. O feito está a vista: o paseo foi retranqueado, mais tamén reconstruído na súa totalidade e aínda estendido sobre as dunas da zona POL, remexendo os sedimentos eólicos que alí se conservaban, alterando xeomorfoloxías e escorrentías, e criando novas barreiras para impedir que as dunas recuperen seu sítio de modo natural. E a explicación oficial? Puro delirio: que os 200 de paseo non reconstruídos estaban ‘enterrados polas areas’, e por iso non os viamos. Por tanto, o que din é que desenterraron e destruíron uns 200 metros de paseo baixo as areas e que eses son os que non volveron reconstruír. É literal. Están a dicir que gastaron 4 M€ para recuperar unhas dunas que, sen que ninguén as axudara, de seu enterraron case que 200 metros de paseo en Samil, e que o proxecto retirou esas dunas que ocultaban os supostos 200 metros de ‘paseo enterrado’ para o eles voltar a reconstruír o paseo máis arriba e así ‘recuperar as dunas’ de Samil no espazo liberado. É ridículo, mais non é un chiste e non nos fai ningunha gracia. É un absoluto fraude ambiental, e tal vez criminal -xa veremos-. Arestora o que queremos e pedimos é a eliminación dos paseos pola zona POL para permitir una verdadeira e natural recuperación dunar; e un novo plan para Samil; e un tratamento ambiental de verdade para o litoral da ría. E xa veremos.

O de Samil non é un ‘caso illado’. É un paso máis na crecente conxestión urbanística da cidade e do litoral, e o masivo fraude ambiental liderado por unhas adminsitracións coa colaboración activa ou pasiva doutras, con graves repercusións para a saúde da ría e para nós mesmos, persoas e sociedade.

Hai apenas un mes presentouse públicamente o proxecto de ‘Recuperación ambiental de la playa de O Vao y su entorno’. Asinan ese proxecto un enxeñeiro de camiños e unha arquitecta, de feito os mesmos que asinaran o proxecto de ‘recuperación  Samil’, e conforme as mesmas prácticas e usos. Por suposto ningún dos dous é un proxecto ambiental, de recuperación nin rexeneración. Son proxectos de enxeñería e arquitectura, de urbanización e reurbanización. Cando menos, que chamen as cousas polo seu nome e se deixen de burlas.

 Estamos fartos de ver como empresas e administracións tratan o ‘ambiental’ como unha mera apariencia, palabreria para cubrir o expediente, cando non usan como xustificación das maiores desfeitas. Outro proxecto no litoral (1), este promovido por Naturgy, pretende soterrar un tendido eléctrico polo Espazo Natural de A Ramallosa e inclue un ‘Estudio Bionómico’ redactado por unha IA e presentado sen sequera correxir, cun resultado tan vergoñento que non pasaría a mínima revision nunha escola primaria. Disque, os asinantes humanos da empresa de Valladolid encargada po ‘Estudo’, unha enxeñeira agrónoma, unha doutora en Bioloxía e un xeógrafo e doutor en Patrimonio, nin sequera coñecen a zona e nin se decataron ou non lles importou que a IA lera ‘Cabo Home’ e traducira do inglés ‘Cabo Fogar’, xunto a outros moitos erros do estilo. O proxecto está arestora en exposición pública e, chegando esta vez a tempo, denunciarémolo, mais o dramático é como chegamos a este nivel de degradación, porque este é o nivel.

Hai estudos que amosan que as paisaxes manifestan, e seica repercuten, na calidade da vida social. Os espazos onde vivimos importan e moito, mais do que adoitamos pensar, pois seus efectos  non son meramente estéticos e van alén mesmo da saúde física. Unha paisaxe degradada resulta sempre producto de prácticas sociais degradantes, insolidarias, inxustas. A ruína do entorno é sempre unha perda de benestar público, dos bens comúns, e en consecuencia require e provoca a degradación das prácticas sociais. Non é posível contaminar sen marxinalizar e empobrecer á parte da sociedade que vive e se move nese espazo. E ao final, acabamos todos perdendo.

Conservo a foto que acompaña este artigo desde neno. Pertencía a un album de cromos do meu avó que eu gostaba moito ver e que gardei ao morrer el. A foto, tirada dende o peirao de Panxón, debe ser de finais dos 60 ou principios dos 70, e a miña memoria persoal xa non lembra ese Panxón, mais esas eran as dunas de Gaifar que hoxe dan nome a unha rúa. Na competición por ter o chalet ou o apartamento en primera liña, destruímos aquelo que nos era mais prezado, e hoxe  collemos avións para desfrutar deses paisaxes, convertidos en privilexios para os ricos, a xeito de reservas índias, cada vez máis escasas, ameazadas e saturadas. A inquedanza social e a nostalxia medran, mais a memoria non recorda aquilo que foi perdido e non identificamos a orixe do malestar.

Na Punta de Samil podemos recuperar un precioso lugar onde que as dunas remontantes  chegaban até os 30 metros sobre o nivel do mar. As borrascas do sur e suroeste seguen a meter as areas sobre o piñeiro e o espazo segue sendo público. Aínda estamos a tempo.      

Absolto o acusado de violar a unha moza durmida pola falta de consistencia da versión da denunciante

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza na que absolve a un home acusado de ter agredido sexualmente a unha moza mentres ela estaba durmida, no domicilio del, na cidade olívica. A acusación particular solicitaba a pena de 4 anos de prisión, mentres que a Fiscalía reclamaba o sobresemento, ao non ver acreditado o delito.

No xuízo, a denunciante explicou que, na mañá do 1 de abril de 2023, espertouse no piso do acusado, onde fora con el e con outro amigo a noite anterior. Segundo a súa declaración, tanto ela como o acusado estaban espidos, e ela tiña molestias e dor na súa zona vaxinal e a súa zona anal. Pola súa banda, o procesado explicou que, en efecto, ambos mantiveran relacións sexuais, pero que foran consentidas. De feito, o amigo dela que estaba no piso, que declarou como testemuña, sinalou que os viu acariñándose mentres vían unha película, e que marchara da vivenda co convencemento de que estaban a ter unha relación íntima de mutuo acordo.

Ante estas probas, e dado que os informes forenses apuntan erosións vaxinais inespecíficas, o tribunal concluíu que a declaración da vítima, única parte acusatoria, adoece de falta de consistencia para crebar a presunción de inocencia máis aló de toda dúbida razoable. Por contra, a versión da defensa, sinala a Audiencia na súa sentenza, expón unha “hipótese alternativa factible e ata razoable”. Así, acordou a absolución do acusado, nunha resolución contra a que cabe interpor recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Un veciño de Vigo recibirá máis de 12.000 euros tras caer nunha escaleira mollada sen sinalización

0

A sección sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a unha empresa de limpeza e á súa compañía aseguradora a indemnizar en algo máis de 12.000 euros a un veciño dun inmoble da cidade que escorregou e sufriu unha caída nunha escaleira mollada, que non estaba sinalizada.

Os feitos producíronse en setembro de 2022, cando este veciño escorregou nas escaleiras, que estaban molladas porque unha empregada da empresa de limpeza acababa de fregalas. O prexudicado presentou unha reclamación polos danos e prexuízos que lle produciu a caída, pero o Xulgado de Primeira Instancia 14 de Vigo ditou sentenza desestimando a súa demanda. Ante esta resolución, o veciño presentou recurso de apelación e agora a Audiencia Provincial estimou en parte as súas pretensións, nunha sentenza de maio pasado.

O Tribunal provincial sinala que, aínda que a limpeza dun edificio non pode considerarse unha actividade perigosa ou de risco, o certo é que o recorrente sufriu unha caída, e non se puido determinar que a limpadora advertise de que estaba a realizar ese labor. “A ausencia de todo indicio que indique o labor que se estaba ou se acababa de realizar permite entender que non se pode trasladar aos veciños que tomen maiores precaucións que as lóxicas do deambular polas escaleiras do portal onde residen”, sinala a Audiencia.

Por iso, acordou estimar en parte o recurso e condena á empresa e á súa compañía aseguradora a indemnizar solidariamente ao prexudicado en 12.192,51 euros máis intereses polos danos e prexuízos sufridos (tivo unha luxación acromio-clavicular, e debeu someterse a rehabilitación).

Condenan a 2 anos de cárcere a unha americana que estafou máis de 158.000 dólares a unha firma viguesa de produtos do mar

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acolleu este martes unha vista de conformidade na que condenou a unha muller norteamericana, residente nas Veigas, como autora dun delito de estafa agravada, á pena de 2 anos de cárcere.

Na vista, que se celebrou de tarde e con intérprete, para poder conectar por Estados Unidos por videoconferencia, a acusada recoñeceu os feitos e aceptou a pena imposta. Así mesmo, comprometeuse a satisfacer a responsabilidade civil e a devolver á empresa prexudicada os 158.400 dólares estafados. A execución da pena de prisión quedou suspendida por un período de 3 anos, coa condición de que a procesada non delinca nese tempo e pague a indemnización.

Segundo o escrito de acusación de Fiscalía, os feitos ocorreron entre decembro de 2017 e xaneiro de 2018, cando a acusada participou nunha armazón cuxa finalidade era dispor dos pagos de facturas dunha empresa de produtos do mar de Vigo.

Para iso, os delincuentes duplicaron o correo electrónico dunha empregada e cando a empresa pechou unha venda de camarón por 158.400 euros a unha firma surafricana, a armazón delituosa fíxose pasar pola empresa galega contactando con ese cliente, para comunicarlle que houbera problemas coa transferencia. Deste xeito, facilitaron ao comprador outro número de conta, onde se pagou esa factura e que, en realidade, era unha conta do Bank of America cuxa titular era unha sociedade da que era titular a acusada. Tras recibir ese diñeiro, a procesada transferiu boa parte (113.300 dólares) a unha conta de Hong Kong e dispuxo do resto mediante retiradas en efectivo e cheques.

MOBILIZACIÓNS CIG

Por outra banda, o sindicato CIG anunciou este martes, tras a celebración dunha asemblea de delegados en Pontevedra, que retomará as protestas por un convenio digno no sector de produtos elaborados do mar tras o verán.

Así, a central denunciou unha estratexia dilatoria por parte da patronal e dos sindicatos CC.OO. e UXT, que xa acordaron un incremento salarial do 4 % para 2025, un pacto que a CIG non asinou. Segundo denunciou, ese acordo supuxo pospor a negociación do resto de puntos do convenio, nun intento de evitar as mobilizacións durante a celebración da feira Conxemar.

A xuíza acorda o arquivo da causa contra o detido na rúa Mestre Montes por agredir supostamente á súa nai cun garfio

A xuíza de instrución 2 de Vigo acordou o sobresemento e arquivo das actuacións contra o home de 29 anos de idade, M.T.L., detido este domingo tras unha suposta agresión á súa nai cun tenedor. O home pasou este luns a disposición do xulgado e a xuíza acordou a súa posta en liberdade sen medidas. Así mesmo, tras a petición da Fiscalía, acordou o sobresemento e arquivo das actuacións, xa que non había outra parte que lle acusase.

Os feitos ocorreron na tarde do domingo, cando o 092 acudiu a un domicilio da rúa Mestre Montes, nas inmediacións de Travesía de Vigo. Unha muller informaba de que o seu fillo lle estaba insultando e gritando, e de que a agrediu. Unha vez no lugar, os axentes entrevistáronse coa nai, que explicou que, durante a comida, iniciouse unha discusión por unha cuestión irrelevante (por un bote de perexil), no transcurso da cal, o mozo atacáraa cun garfio e causáralle un arañazo no brazo dereito.

Segundo a súa versión, despois disto acantoouna contra unha parede, intimidándoa e insultándoa, aínda que ela tentou refuxiarse no baño. A Policía Local explicou que o fillo recoñeceu os feitos, aínda que asegurou que a agresión fora un accidente. Con todo, os axentes da Policía Local procederon á súa detención e este luns pasou a disposición xudicial e quedou en liberdade.

Detidos dous homes na rúa Cánovas del Castillo por supostos roubos con forza no interior de 15 coches estacionados

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a dous homes como presuntos autores de roubos no interior de 15 vehículos, e que foron sorprendidos ‘in fraganti’ cando trataban de acceder a un deles. Segundo informaron fontes policiais, a detención produciuse neste mes de xuño, cando varias dotacións foron comisionadas para acudir á rúa Cánovas del Castillo, xa que unha testemuña alertara da presenza de dous homes tentando forzar a porta dun vehículo estacionado.

Unha vez no lugar, os axentes localizaron aos dous sospeitosos, un dos cales presentaba cortes sanguentos nas pernas e arañazos nos brazos. Ao decatarse da presenza policial, tratou de fuxir do lugar, pero foi interceptado. A Policía procedeu á detención de ambos, e interviñéronlles numerosos efectos que, supostamente, acababan de subtraer. Durante a actuación comezaron a achegarse á zona propietarios de vehículos que tiñan os portelos rotos.

Ao facer unha inspección pola zona, os axentes localizaron un total de 9 vehículos afectados. Mentres, outro indicativo, da Policía Local, atopou outros 6 coches nunha rúa próxima, que tamén foran obxecto de roubos. Ademais, algúns dos propietarios dos coches recoñeceron como seus algúns dos efectos intervidos aos sospeitosos. Os detidos foron postos a disposición xudicial.

Detido na rúa Uruguai tras lesionar a unha viandante, á que golpeou cunha lata de cervexa, causándolle un corte na tempa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 45 anos de idade, J.K.V., natural de Cuba, como presunto autor dun delito de lesións, tras ferir a unha viandante, á que golpeou cunha lata de cervexa, causándolle un corte na tempa. Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron sobre as 6.05 horas do pasado sábado, cando unha dotación do 092 atopábase patrullando pola rúa Uruguai e os axentes escoitaron berros. Ao aproximarse, viron a un grupo de persoas, algunhas das cales se estaban pelexando.

Tras separar aos implicados, os axentes entrevistaron á única muller do grupo, que presentaba un corte na tempa, polo que sangraba de forma abundante. A muller relatou aos policías que estaba a camiñar pola rúa, con outras dúas persoas, e que un home se lles achegou e comezou a molestarlles. Cando o grupo lle pediu que os deixase en paz, o home respondeu empuxando a un deles, que lle devolveu o empuxón.

Durante a disputa, o sospeitoso lanzou unha lata de cervexa, que foi impactar sobre a tempa da muller, que tivo que ser trasladada en ambulancia ao hospital Álvaro Cunqueiro, xa que necesitaba puntos de sutura. Mentres, os axentes procederon á detención do sospeitoso, por un suposto delito de lesións.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed