Inicio Blog Páxina 217

O goberno de Vigo rexeita debater unha moción urxente sobre as festas

O grupo municipal do PSOE de Vigo rexeitou este luns debater unha moción de urxencia para dar explicacións sobre a tramitación dos permisos para a celebración de festas na cidade, tras a polémica coas autorizacións a feirantes e a comisións de festas, e subliñou que o goberno local fai cumprir a legalidade.

O grupo do PP presentara unha moción urxente para o seu debate no pleno ordinario deste luns, na que reclamaba explicacións polos problemas que están a ter as comisións de festas para celebrar os eventos. O portavoz do grupo ‘popular’, Miguel Martín, lembrou que o Concello negou autorizacións en base a unha normativa que xa o ano pasado estaba vixente, sen que se puxesen problemas para a instalación de atraccións.

Tras o anuncio da comisión de festas de Coia de que non podería celebrar os actos previstos, e o posterior acordo co Concello para levar a cabo as festas (co compromiso de que a administración local sufragará as perdas polas atraccións que non cumpran a normativa e non poidan instalarse), Miguel Martín preguntou que pasará co resto de eventos previstos, como as festas de Bouzas. “Pagará o Concello con fondos públicos a incompetencia do goberno local?”, cuestionou.

Finalmente, lembrou que “o que incumpriu a lei foi o propio Concello” o ano pasado, ao non revisar que as atraccións non autorizadas non se puxese en funcionamento. E lembrou que, entre elas, estaba o Saltamontes no que se produciu un accidente cun mozo falecido en agosto, unha atracción que o Concello “non precintou”. Pola súa banda, o BNG trasladou a súa posición favorable a debater esta moción, para que o goberno local dese “explicacións” sobre a tramitación dos permisos ás festas, e reclamou que o Concello “debe dar solucións e non crear máis problemas”.

Con todo, a proposta non foi debatida no seu contido finalmente, xa que o PSOE votou en contra da urxencia. O portavoz do goberno municipal, Carlos López Font, acusou ao PP de “estar situado na ilegalidade” e de “conspirar para que non houbese festas en Coia”. O edil socialista lembrou que finalmente haberá festexos en Coia e tamén se celebrarán o resto de eventos emblemáticos do verán vigués, “sempre dentro da legalidade”.

Home de 50 anos afúndese na Punta da Foz en Baiona

0

Un home de arredor de 50 anos, natural de Ourense, sufriu este domingo un afundimento mentres se atopaba na zona da Punta da Foz, preto do cámping Baiona Praia en Ladeira. O suceso ocorreu sobre as 16:00 horas e provocou a inmediata intervención dos servizos de emerxencia.

Testemuñas relataron que o home desapareceu de vista de súpeto mentres nadaba tentando cruzar a desembocadura do río Miñor. O helicóptero Pesca 1 de Salvamento Marítimo, con base en Vigo, trasladouno ao Hospital Álvaro Cunqueiro nun estado moi grave, aínda que con prognóstico reservado.

Segundo fontes próximas, a vítima era un bo nadador, polo que se investiga se puido sufrir unha indisposición repentina. O suceso xerou tensión entre os bañistas que presenciaron o rescate.

Segunda morte en menos de 24 horas en Nigrán

Este incidente ocorre menos dun día despois de que outra persoa falecera na Praia América (Nigrán). As autoridades están a investigar as causas exactas de ambos os casos, agardando os resultados da autopsia para determinar as circunstancias do fallecemento.

As autoridades recordan a importancia de extremar as precaucións no mar, especialmente en zonas con correntes ou baixo condicións meteorolóxicas adversas, como a vaga de calor que sufre a península estes días. 

Detido en Vigo un home por agredir a súa nai cun garfo tras unha discusión por un bote de perexil

0

A Policía Local de Vigo detivo este domingo a un home de 29 anos acusado de agredir á súa nai cun garfo despois dunha discusión doméstica. O suceso tivo lugar arredor das 17:15 horas na rúa Mestre Mateo, na zona da Travesía de Vigo.

Segundo informaron fontes próximas á investigación, a disputa comezou por un bote de perexil, momento no que o home comezou a insultar e ameazar á súa nai. Posteriormente, acorralouna contra unha parede e chegou a agredila cun garfo, segundo o relato das fontes consultadas.

DELITO POR VIOLENCIA DOMÉSTICA

A Policía detivo ao home como presunto autor dun delito de violencia doméstica, e foi trasladado a dependencias policiais para a súa posta a disposición xudicial. A situación familiar xa rexistraba episodios de tensión anteriores, ata o punto de que a muller chegara a solicitar unha orde de afastamento contra o seu fillo, que non lle foi concedida.

Xulgan en Vigo un home acusado de estafar máis de 158.000 dólares na compra de produtos do mar

0

A Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, celebrará este martes, 1 de xullo, ás 17.00 horas, un xuízo por un presunto delito de estafa relacionado coa compra de produtos do mar por parte dunha empresa estadounidense. O caso presenta dimensións internacionais, xa que será necesaria a conexión por videoconferencia con Estados Unidos para a práctica de determinadas probas testificais.

O Ministerio Fiscal solicita dous anos de prisión para o acusado, ademais do pagamento dunha responsabilidade civil de 158.400 euros, cantidade equivalente á suposta fraude cometida.

UN CORREO DUPLICADO PARA REDIRIXIR O DIÑEIRO

Os feitos remontan aos meses de decembro de 2017 e xaneiro de 2018, cando o acusado, segundo o escrito de acusación da Fiscalía, formaría parte dunha estrutura deseñada para interceptar e manipular pagos comerciais.

O obxectivo do grupo sería apropiarse dos fondos correspondentes a unha operación de compra de camaróns por parte dunha empresa estadounidense, que xa tiña un acordo comercial con outra compañía dedicada á distribución de produtos do mar.

Para levar a cabo a suposta estafa, o acusado tería duplicado o correo electrónico da empresa vendedora, suplantando a súa identidade para contactar directamente coa compradora. Desde ese correo falso, enviou instrucións de pagamento cun número de conta que non pertencía á empresa lexítima, sen que a parte compradora detectase a fraude no momento da transacción.

A DEFENSA E A INSTRUCIÓN DA CASO

O xuízo oral celébrase case sete anos despois dos feitos, tras unha instrución que incluíu a colaboración internacional coas autoridades estadounidenses. A defensa do acusado, segundo fontes xudiciais, nega a súa participación directa na operativa fraudulenta e solicitará a libre absolución.

A celebración da vista en horario de tarde responde á necesidade de coordinar testemuños a través de videoconferencia desde Estados Unidos, onde se atopa a sede da empresa afectada polo desvío de fondos.

Este caso pon novamente o foco nos delitos cibernéticos asociados a operacións comerciais internacionais, un ámbito en crecente expansión e dificultade probatoria, especialmente cando se utilizan técnicas de suplantación dixital ou ‘phishing’ en contextos empresariais.

Anulan unha cláusula chan nunha hipoteca de 2005 por falta de transparencia

0

O Xulgado de Primeira Instancia de Vigo declarou nula unha cláusula chan incluída nun contrato hipotecario subscrito no ano 2005 con Unicaja Banco, ao considerar que se trataba dunha condición abusiva imposta sen a debida transparencia. A decisión implica que a entidade deberá devolver ao cliente todas as cantidades cobradas indebidamente pola aplicación desta cláusula ao longo dos últimos anos, ademais dos intereses legais correspondentes desde cada pagamento.

Na resolución xudicial, á que tivo acceso este medio, o tribunal subliña que a cláusula non foi incorporada ao contrato de forma clara nin salientada como un dos elementos esenciais da operación. “É claro que non existe nin sequera unha inclusión clara e concisa na escritura da existencia da devandita cláusula como obxecto principal do contrato á que nin sequera se alude expresamente”, recolle o fallo.

SEN NEGOCIACIÓN INDIVIDUAL CO CLIENTE

O xuíz destaca tamén a ausencia de proba que acredite que a cláusula foi obxecto dunha negociación individualizada entre o banco e a persoa consumidora. En concreto, sublíñase que non se realizaron simulacións nin consta ningunha documentación que indique que o cliente fose advertido do seu alcance económico real: “Tampouco hai proba algunha de que a cláusula se negociase individualmente co prestatario”, sinala o escrito.

Contra esta sentenza cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de Pontevedra, aínda que polo momento non transcendeu se Unicaja Banco ten intención de recorrer.

SATISFACCIÓN DA DEFENSA DA DEMANDANTE

Desde Oulego Avogados e Consultores, o despacho que levou o caso, valoran a sentenza como unha “nova vitoria” na defensa dos dereitos das persoas afectadas por prácticas bancarias que consideran “opacas e desproporcionadas”. A resolución súmase a outras decisións xudiciais semellantes emitidas en Galicia nas últimas tempadas, consolidando a doutrina sobre a nulidade das cláusulas chan que non cumpran co deber de transparencia.

Este tipo de cláusulas, incluídas en moitas hipotecas a tipo variable, limitaban a baixada do tipo de xuro aplicable, o que impedía aos clientes beneficiarse das reducións nos índices de referencia como o Euribor. Nos últimos anos, numerosas sentenzas teñen declarado a súa nulidade cando non foron explicadas de forma clara e comprensible.

Desaparecido en Vigo. Piden axuda para localizar a Antonio

As autoridades e a organización SOS Desaparecidos buscan con urxencia a Antonio Alonso Costas, un home de 63 anos que desapareceu o pasado 21 de xuño en Vigo (Pontevedra). Os seus familiares e as organizacións de apoio están profundamente preocupados polo seu paradero e solicitan a colaboración de toda a cidadanía para atopalo.

Descrición de Antonio Alonso Costas: 
– Idade: 63 anos 
– Altura e complexión: 1,83 metros, delgado 
– Pelo:Negro e corto, con canas 

Calquera persoa que teña información sobre o seu paradeiro ou que puidera velo nas últimas horas, contacte de inmediato co número de teléfono 868 286 726 ou a través do correo electrónico info@sosdesaparecidos.es.

As organizacións lembran que calquera dato, por pequeno que pareza, pode ser crucial para a súa localización. A colaboración cidadá é esencial nestes casos.

O condenado pola agresión sexual en Vialia xa estivera en prisión por violar e matar un bebé en 1999

0

Francisco Javier Campos Triñanes, un home de 58 anos cun pasado criminal marcado polo asasinato dun bebé en 1999, volve a entrar en prisión. A titular do Xulgado de Instrución número 2 de Vigo decretou o seu ingreso en prisión provisional sen fianza, tras ser acusado dunha nova agresión sexual, desta vez a un menor de 17 anos nos baños do centro comercial Vialia.

O nome de Campos Triñanes xa era coñecido en Galicia polo asesinato e violación dun bebé de dous anos e medio, fillo da súa pareja na época. O suceso ocorreu o 25 de setembro de 1999 na vivenda da rúa Torrecedeira, en Vigo, mentres a nai asistía a unha voda. Segundo a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra no ano 2003, o home aproveitara a súa situación de garda para abusar sexualmente do menor, causándolle graves lesións internas.

O fallo determinou que Campos exerceu unha “fortísima presión” sobre o abdome do neno e lle tapou as vías respiratorias, provocándolle unha parada cardiorrespiratoria. Aínda que inicialmente fora condenado a 19 anos, o Tribunal Supremo elevou a pena a 25 anos por asasinato, tras considerar probado o seu carácter sexual e a extrema violencia do acto.

LIBERDADE E NOVO DELITO

A súa pena de prisión finalizou o 18 de setembro de 2023, pero xa disfrutara de permisos penitenciarios desde 2017. Agora, apenas nove meses despois da súa saída definitiva outro delito por agresión sexual o devolverá á cadea.

O SUCESO NO VIALIA

Segundo a denuncia, o pasado xoves, un adolescente que visitaba Vigo con amigos foi abordado nos baños do centro comercial por un home que pechou o pestillo e lle dixo: “Vouche dar o que a ti che gusta. A min gústanme así, máis pequeniños”. O mozo, en estado de shock, logrou comunicar o ocorrido á súa familia e á seguridade do recinto, quen localizaron a Campos na praza.

A Policía Nacional detivo o sospeitoso, e a investigación quedou en mans da Unidade de Familia e Muller (UFAM). A fiscalía valorará agora as probas para determinar se se lle imputan novos cargos.

A Audiencia de Pontevedra xulga esta semana dous casos de violencia sexual en Vigo e Tui

0

A Audiencia Provincial de Pontevedra celebrará esta semana en Vigo e Tui dous xuízos por delitos de natureza sexual nos que a Fiscalía solicita penas de ata 11 anos de prisión e importantes indemnizacións para as vítimas.

O primeiro dos xuízos terá lugar o mércores 2 de xullo na sección quinta da Audiencia con sede en Vigo, onde se xulgará un home acusado dun delito continuado de abuso sexual con penetración a unha menor de 16 anos. Segundo o escrito do Ministerio Fiscal, os feitos aconteceron durante o verán de 2022 no domicilio que compartían no partido xudicial de Vigo.

A Fiscalía reclama para o acusado 11 anos e 3 meses de cárcere, así como 20 anos de prohibición de achegarse á vítima, 8 anos de liberdade vixiada e a inhabilitación para traballar con menores durante dúas décadas. Tamén solicita unha indemnización de 10.000 euros por danos morais.

No segundo caso, o xoves 3 de xullo, a sección cuarta da Audiencia con sede en Pontevedra acollerá o xuízo contra un home acusado de agresión sexual, polos feitos que tiveron lugar nun espazo público do partido xudicial de Tui en outubro de 2021.

A Fiscalía pide neste caso 10 anos de prisión, prohibición de contacto coa vítima e inhabilitación para actividades con menores durante 10 anos, liberdade vixiada por 8 anos e unha indemnización de 50.000 euros. A sesión está previsto que se celebre a porta pechada, a petición do Ministerio Público, co fin de protexer a intimidade da vítima.

Vigo acolle o VII VigoSaxForum cunha semana de concertos e actividades arredor do saxofón

0

O barrio vigués de Valladares converterase desde este domingo 29 de xuño e ata o 6 de xullo no epicentro do saxofón en Galicia coa celebración da sétima edición do VigoSaxForum, un evento que mestura formación e exhibición artística cun amplo abano de actividades, desde concertos ata masterclass, talleres e conferencias.

Organizado pola Unión Musical de Valladares, o encontro está pensado como un complemento ao labor pedagóxico que se realiza nos conservatorios superiores, profesionais e escolas de música de todo o país, ofrecendo ao tempo unha programación cultural aberta ao público e centrada no saxofón e as súas posibilidades expresivas.

CONCERTOS ABERTOS AO PÚBLICO

A actividade escénica do VigoSaxForum celebrarase maioritariamente no Auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valladares, e comezará o domingo ás 20.00 horas cun recital do Trío Poulenc, composto por saxofón, fagot e piano. A proposta mestura repertorio clásico e contemporáneo.

O martes 1 de xullo, ás 19:30, será a quenda do Lítore Quartet, mentres que o mércores, tamén no mesmo auditorio, compartirán escenario a partir das 20:00 o saxofonista Anxo Soria, o dúo Saxobieta e de novo o Lítore Quartet.

O venres 4, ás 19:30, subirá ao escenario o recoñecido intérprete francés Nicolas Arsenijevic, profesor no Conservatorio de Versalles e xa habitual noutras edicións do foro. Ese día tamén actuará o pianista galego Brais González.

A penúltima xornada, o sábado 5 de xullo, contará co Ensemble Misxtura e o trombonista Roberto Pacheco, tamén ás 19:30. A clausura do festival terá lugar o domingo 6 de xullo, cun concerto colectivo protagonizado por todo o alumnado participante, a partir das 19:30.

ESPAZO PARA A FORMACIÓN

Ademais das actuacións, o VigoSaxForum ofrece unha oportunidade única para estudantes e músicos en formación grazas ás masterclass e talleres específicos de improvisación, ademais de conferencias sobre técnica e interpretación, con profesionais de prestixio internacional.

Con esta nova edición, o foro vigués consolídase como un dos eventos de referencia en Galicia dentro do ámbito do saxofón clásico e contemporáneo, con proxección tanto local como internacional.

Falece unha persoa tras ser rescatada do mar por un particular en Nigrán

0

Unha persoa perdeu a vida na noite deste sábado na Praia América, situada na parroquia da Ramallosa, en Nigrán (Pontevedra), despois de ser sacada da auga por un particular. O suceso tivo lugar arredor das 22:30 horas, momento no que o 112 recibiu unha chamada de alerta informando da presenza dunha persoa tendida na area que acababa de ser rescatada do mar.

Segundo fontes do servizo de emerxencias, o cidadán que realizou o rescate contactou de inmediato co número único de atención ás urxencias para solicitar axuda. A resposta foi rápida, e ata o areal desprazáronse efectivos do 061 e axentes da Policía Local de Nigrán. Porén, nada se puido facer pola vida da persoa rescatada.

Tamén foron informados do suceso Salvamento Marítimo e o Servizo de Gardacostas de Galicia, que quedaron alertados por se fose necesaria unha intervención posterior. A pesar dos esforzos de coordinación entre as distintas administracións implicadas, a vítima foi declarada morta no lugar dos feitos.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed