Golpe de efecto contra a rede de tráfico de drogas en Vigo
A Policía Nacional desarticulou na cidade de Vigo unha organización dedicada ao tráfico de heroína e cocaína no marco dun operativo no que foron detidas dúas persoas –o líder da banda e a súa persoa de confianza-.
Segundo informou a Policía Nacional, ademais da detención dun home e unha muller incautouse unha “importante cantidade” de heroína, cocaína e outros efectos.
Tras solicitar diversas informacións sobre o tráfico de sustancias estupefacientes en Vigo-Redondela, os axentes comprobaron que se trataba dunha organización dedicada principalmente ao tráfico de heroína e cocaína. Ademais, lograron identificar ao responsable da organización e á súa persoa de confianza, así como as vivendas que utilizaban para ocultar a droga e preparala para a súa posterior distribución.
Conforme avanzaba a investigación, os axentes descubriron que dita organización tentaba estender a súa área de influencia a outros puntos da xeografía. Así, realizáronse controis na contorna e vixilancias discretas, para coordinar a detención conxunta dos dous máximos responsables cando procedesen a trasladar a droga para a súa elaboración e posterior distribución. Deste xeito, a última hora da mañá axentes interceptaron na rúa a ambas persoas e procederon á súa detención. Os policías interviñeron máis de 60 gramos de cocaína, 15 de heroína e outros efectos.
ANTECEDENTES
En comisaría procedeuse a tomar declaración aos detidos e a realizar unha consulta das bases de datos na que se comprobou que ambos contaban con antecedentes policiais anteriores, varios deles por feitos similares. A Policía explicou que os arrestados forman parte dun clan no que “varios membros se atopan cumprindo penas de prisión por unha operación anterior”. Ademais, concretou que a droga se distribuía para a súa venda desde varias vivendas do Casco Vello de Vigo ou a través de pequenos vendedores por diversos puntos do centro da cidade
A investigación foi levada a cabo por axentes do Grupo de UDEV-Drogas, dependentes da Brigada de Policía Xudicial da Comisaría de Policía de Vigo-Redondela. Os detidos e todo o actuado foi posto a disposición do xulgado de Instrución de garda de Vigo. Por parte da Policía Nacional agradécese a “colaboración anónima de todos aqueles cidadáns que un alarde de civismo e espírito social facilitan diariamente” o seu traballo “a través das súas achegas e informacións”, destaca.
Trasladada ao hospital de Vigo unha muller rescatada no mar en Cangas
Unha muller de 90 anos de idade, J.F.P., foi trasladada en helicóptero ao Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo, despois de ser rescatada do mar e reanimada na praia de Vilariño, na parroquia de Aldán, en Cangas.
Segundo informaron fontes do 112 Galicia e do 061, os feitos tiveron lugar sobre as 15,30 horas, cando un particular alertou a emerxencias pola presenza do corpo dunha muller que flotaba na auga, cara ao final da praia.
Un particular que estaba no areal lanzouse ao mar e logrou rescatar o corpo, mentres que foron mobilizados efectivos de Policía Local, Garda Civil, Protección Civil, Salvamento Marítimo, Gardacostas, e 061.
Os sanitarios lograron reanimar á muller, que foi evacuada inmediatamente polo helicóptero do 061 (que ten base en Santiago) ao Hospital Álvaro Cunqueiro da cidade olívica.
Circulou polo centro de Vigo triplicando a taxa de alcoholemia permitida
Un condutor foi investigado por un delito contra a seguridade viaria por conducir baixo a influencia de bebidas alcohólicas ao triplicar a taxa máxima de alcoholemia permitida tras ser interceptado en Vigo.
Segundo informou a Policía Local, ás 9,00 horas deste luns 28 de xaneiro axentes deste corpo realizaron a proba de alcoholemia ao condutor dun turismo na confluencia das rúas Gran Vía con González Sierra tras unha infracción de tráfico.
No momento da identificación do mesmo, os axentes verificaron que presentaba “claros síntomas”, indicaron as mesmas fontes, de “atoparse baixo os efectos do consumo de bebidas alcohólicas”.
Tras realizar a proba de determinación do grao de impregnación alcohólica, obtivo un resultado positivo de 0,86 mg/l de alcol por litro de aire expirado na primeira e 0,81 mg/l na segunda.
Por iso, ao home, de 57 anos de idade, tramitáronlle dilixencias xudiciais en calidade de investigado por un suposto delito contra a seguridade viaria ao superar o limite penal establecido.
OUTRA INFRACCIÓN
Por outra banda, tamén se efectuou a proba de alcoholemia a petición do Corpo Nacional de Policía á condutora dun turismo tras unha infracción de tráfico. Neste caso, relatan as mesmas fontes municipais, os feitos tiveron lugar sobre as 5,00 horas deste martes 29 na Avenida de Madrid á altura do numero 144.
A muller, de 20 anos de idade, presentaba “signos externos de atoparse baixo a influencia de bebidas alcohólicas”, polo que, tras realizar a proba de determinación do grao de impregnación alcohólica, esta obtivo un resultado positivo que superou o limite penal establecido.
Por iso, a esta nova tramitáronlle dilixencias xudiciais por un suposto delito contra a seguridade viaria.
A loita dos traballadores de Maderas Iglesias entra na súa terceira semana
A folga indefinida en Maderas Iglesias, que este martes cumpriu 15 días, continuará ao non aceptar o cadro de persoal os compromisos adquiridos esta mañá pola patronal coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais. A proposta, que contemplaba un calendario de pagamentos dos salarios adebedados e dos atrasos, requiría a suspensión dunha folga que se prolongará debido á desconfianza xerada tras anos de incumprimentos.
A unanimidade coa que as traballadoras da empresa de fabricación de tarima flotante con sede no Porriño entra na terceira semana desafiando as novas promesas efectuadas pola direcció. Así pois, e a pesar da mediación efectuada na mañá deste martes polo Consello Galego de Relacións Laborais, que resultou nunha listaxe de compromisos que incluía un calendario de pagamentos das nóminas adebedadas, o persoal expresou a súa negativa a depor a loita na asemblea celebrada ás 19 horas no velódromo do Porriño.
Lembran, como exemplo recente, o incumprimento das condicións pactadas tras o ERE de xuño deste ano – que lograron reverter de 150 a 34 ceses- pero cuxas indemnizacións aínda non foron abonadas. Tamén o calvario vivido tras oito anos de conxelación salarial, así como a demora continua e incumprimentos no pago de nóminas, das que a día de hoxe seguen pendentes a de agosto e a extra de xullo do ano vixente.
Piden, ademais, o respecto da Xunta á decisión tomada pola asemblea de traballadores, reivindicando que a administración se implique de xeito pleno na consecución de investidores de cara a lograr un futuro para a empresa. O persoal manifestarase este mércores 12 de setembro, ás 11 horas, desde os arredores da praza dos cabalos de Vigo até o edificio da Xunta de Galiza, reafirmando a vixencia dos motivos que os levaron á folga.
A Xunta destaca a subvención dada ao Festival de Cans e o PSdeG o seu “talento e calidade”
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asistiu este sábado ao día grande do Festival de Cans, que, tras varias xornadas de actividade cinematográfica, pecha a súa XVIII edición con numerosas actividades como a proxección de curtos das principais categorías, a colocación da estrela do realizador brasileiro Kléber Mendoça no Torreiro das Estrelas e a gala final de entrega de premios.
Nun comunicado remitido aos medios, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou que a 18º edición do Festival de Cans recibe un ano máis o apoio da Xunta a través dunha liña específica de subvencións que en 2021 incrementou o seu orzamento ata os 200.000 euros para contribuír á organización de 14 encontros en toda Galicia.
PRESENZA DOS SOCIALISTAS
Por outra banda, ao evento tamén acudiu o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen estivo acompañado do alcalde do Porriño, Eva García de la Torre; así como das deputadas socialistas Noelia Otero e Leticia Gallego.
Desde alí, conforme destacou o PSdeG noutro comunicado, o dirixente socialista trasladou o seu apoio ao “emblemático” festival de curtametraxes que anualmente se celebra na parroquia do Porriño e puxo en valor o traballo desenvolvido pola organización e os veciños no desenvolvemento do evento.
“O Festival de Cans é un exemplo do talento e da calidade do sector audiovisual de Galicia, que ten un enorme calado e recoñecemento a nivel nacional e internacional”, reivindicou o líder do PSdeG, que aproveitou a súa visita para felicitar ao director Jorge Coira, que este ano recibiu o Premio Pedigrí 2021 por parte do xurado.
