InicioEconomíaO comité de Vulcano acusa o Porto de "torpedear" a actividade naval...

O comité de Vulcano acusa o Porto de “torpedear” a actividade naval en Teis

López Veiga incide en que non pode prorrogar a concesión e advirte de que o Porto "non regalará" eses terreos.

PUBLICADO O

O comité de empresa do estaleiro Vulcano (que está en fase de liquidación) denunciou este luns que o presidente do Porto de Vigo pretende “torpedear” calquera posibilidade de manter a actividade de construción e reparación naval nas instalacións de Teis, e advertiu de que se o organismo portuario recupera a concesión, se pon “en risco” o pago da totalidade de indemnizacións ao persoal.

Así o trasladou o presidente do comité, Nicolás Sangabriel (CC.OO.) tras manter, xunto con outros representantes sindicais, unha reunión de máis dunha hora e media co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga. “Marchamos desgustados, non hai apoio. Ímonos de aquí sen solución e sen esperanza”, lamentou, tras constatar que o Porto de Vigo podería buscar unha solución administrativa a esa concesión, a condición de que se presente “un proxecto relevante”.

Sangabriel criticou que o Porto non apostase pola vía da “liquidación controlada”, tal e como expuxo no seu día a Xunta, e sinalou que “parece que as instalacións de Vulcano en Teis xa teñen un futuro marcado, e non pasa por manter alí a construción ou reparación naval”.

INDEMNIZACIÓNS EN RISCO

A ese respecto, o presidente do comité sinalou que, se tal e como pretende o Porto, se dá por extinguida a concesión, esas instalacións xa non formarán parte da poxa de Vulcano e, por tanto, a administración concursal non poderá contar con eses ingresos.

Dese modo, será “imposible” que os traballadores, que son acredores de Vulcano, poidan cobrar integramente as súas indemnizacións (de 20 días por ano traballado) e as nóminas pendentes. Segundo lamentaron, terían que conformarse coa parte que poida sufragar o Fondo de Garantía Salarial.

POSIBLES INVESTIDORES

Por outra banda, tanto os responsables de Industria de UGT e CC.OO., Rubén Pérez e Celso Carnero, como o responsable do Naval na CIG, César Rodríguez, sinalaron que o Porto, á marxe dos condicionantes legais, debe actuar como “favorecedor” para permitir o interese dos investidores.

Nese sentido, instaron aos posibles interesados en manter en Teis a actividade naval a “facer públicos os seus proxectos”, á vez que recoñeceron que a actitude do Porto e do seu presidente “frea calquera empresario”.

Segundo sinalou Celso Carnero, “non hai unha oferta oficial, pero é que tampouco ten que presentarse xa”. Agora, despois de que o proceso de liquidación se paralizara (ao presentar un recurso o Porto sobre a extinción da concesión administrativa), os posibles investidores “non poñen todo sobre a mesa, ao non ter claro que pasa con esa concesión”.

Por outra banda, desde CC.OO. tamén se cuestionou que pasará coa concesión administrativa dos terreos portuarios onde se asenta outro estaleiro, Hijos de J. Barreras que, aínda que non se atopa na mesma situación que Vulcano, está en preconcurso e solicitou a disolución xudicial da sociedade.

“NON REGALAR” Os TERREOS PORTUARIOS

Mentres, o presidente do Porto, Enrique López Veiga, volveu a explicar ante os medios a situación desa concesión que, segundo a normativa vixente, quedaría extinguida tras a disolución de Vulcano. Dese modo, a Autoridade Portuaria rescataría eses terreos que, ao ter máis de 2.500 metros cadrados, deberían saír a concurso para unha nova concesión.

Nese caso, sinalou López Veiga, calquera empresario podería optar á concesión, presentando un proxecto, cunha memoria económica e de investimento, e cumprindo os requisitos legais.

A ese respecto, o presidente do Porto arremeteu contra o administrador concursal de Vulcano, que non mediu “as consecuencias” de disolver a sociedade sen ter antes xestionado un posible traspaso da concesión a un investidor que quixese manter a actividade. “É o que tiña que facer, se fixese as cousas ben, pero meteu o barco nas pedras“, censurou.

En calquera caso, López Veiga insistiu en que unha nova concesión pasaría por un concurso e por un proxecto “relevante” e, aínda que non quixo concretar máis, precisou que eses terreos non serían para “instalar un simple taller de chapa e pintura”. Así, tras indicar que a actividade naval “non está descartada” nesa concesión, matizou que o Porto “non vai regalar” eses terreos, “e menos cos problemas de espazo que ten” para outras actividades.

O presidente do Porto explicou que este organismo está pendente dun informe do Consello de Estado para confirmar que a concesión queda extinguida, e reiterou que na súa sede non se recibiu “nada de nada” acerca de ningún proxecto de investimento nese espazo, máis aló dunha consulta, por parte de Vicalsa, acerca da posible prórroga da concesión.

Finalmente, e a preguntas dos medios, López Veiga referiuse a a situación de Barreras, e aclarou que non se dan os mesmos condicionantes que no caso de Vulcano. “Barreras aínda non se disolveu, e non se espera que se disolva nos próximos meses”, constatou.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...