Inicio Blog Páxina 2102

Fiscalía pide cárcere e suspensión de emprego para un funcionario vigués a quen o xefe da ‘Patos’ pagou prostitutas

O Xulgado de Instrución número 7 de Vigo ditou auto de apertura de xuízo oral contra o empresario Enrique A.P., xefe da coñecida como ‘Operación Patos’, e contra o funcionario do Concello de Vigo Álvaro C.C., por un suposto delito de suborno.

A orixe desta causa remóntase a febreiro de 2014, cando foron detidos catro empresarios e un concelleiro de Nigrán por unha suposta armazón de suborno, prevaricación, tráfico de influencias e outros delitos, en relación coa adxudicación de contratos de obras e servizos públicos.

Ao longo da instrución chegaron a estar investigados 46 empresarios, políticos e funcionarios, entre eles o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e varios concelleiros; o ex-presidente da Deputación de Pontevedra Rafael Louzán; ou a ex-delegada territorial da Xunta María José Bravo Bosch.

No entanto, tras anos de instrución, a xuíza ordenou o arquivo da causa con respecto á maior parte deses investigados, incluídos todos os políticos (excepto Louzán), e tamén se acordou a formación de pezas separadas, dada a complexidade da investigación.

Entre as pezas separadas, está a que se refire a a suposta comisión dun delito de suborno por parte do dono da construtora Eiriña, Enrique A.P., e do xefe da área de Fomento do Concello de Vigo, Álvaro C.C..

SUPOSTO SUBORNO

Segundo sostén a Fiscalía, en xuño de 2013 e en febreiro de 2014, o funcionario vigués recibiu os servizos sexuais de prostitutas que foron pagadas polo empresario (que tamén se encargou de concertar as ditas citas).

O Ministerio Público entende que Enrique A.P. realizou esas “invitacións” ao outro acusado “en atención ao cargo que desempeña na administración municipal”, é dicir, para conseguir algún tipo de beneficio a cambio.

Por iso, sostén que ambos son autores dun delito continuado de suborno e pide para o empresario nove meses de prisión e inhabilitación especial para o exercicio de profesión ou industria relacionada coa construción ou contratación pública.

No caso do funcionario, solicita que se lle condene a un ano de prisión, coa pena accesoria de suspensión de emprego e cargo público por tres anos.

FALSIDADE DOCUMENTAL

Ademais desta causa, o dono de Eiriña foi formalmente acusado noutra peza separada, na que a Fiscalía pediu un ano de cárcere para cada un do tres acusados de falsificar orzamentos para a tramitación dunha subvención, e para a que tamén se ditou auto de apertura de xuízo oral.

Así, o Xulgado de Instrución número 7 de Vigo ordenou que se abra xuízo contra o dono da construtora Eiriña e un dos seus empregados, A.R.D., ademais de contra un funcionario da delegación da Deputación de Pontevedra.

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, a Asociación Cultural Pedra Moura de Coruxo (Vigo) contratou en 2013 a realización duns traballos coa construtora Eiriña.

A entidade solicitou unha subvención de 100.000 euros para levalos a cabo e presentou, xunto coa solicitude, un orzamento de Eiriña para esa obra e por esa cantidade.

O acusado J.M.V.M., traballador da sede viguesa da Deputación de Pontevedra, advertiu ao responsable da construtora, Enrique A.P., de que eran necesarios outros dous orzamentos alternativos para tramitar a subvención.

O ministerio público sostén que o construtor ordenou a un dos empregados, A.R.D., que conseguise outros dous orzamentos para dar “cobertura” á súa actuación, coa esixencia de que estes fosen por un valor superior ao presentado por Eiriña.

Este acusado elaborou ou mandou elaborar eses orzamentos “inveraces”, a nome doutras empresas, e estes foron asinados pola presidenta da Asociación Cultural Pedra Moura, sen que conste que fose coñecedora das irregularidades.

Por todo isto, a Fiscalía considera aos acusados autores dun delito de falsidade en documento mercantil e pide para cada un deles un ano de cárcere, e o pago dunha multa de 4.320 euros. Ademais, no caso do funcionario, solicita que sexa inhabilitado para emprego ou cargo público polo tempo da condena.

Unha empresa de Pazos de Borbén, pioneira no procesado de algas

A combinación de enxeñaría, bioloxía e medicina está dando lugar ao desenvolvemento de biomateriais, substancias de orixe orgánica ou sintéticas cuxa misión é substituír unha parte ou algunha función do noso organismo, de forma segura e biocompatible.

Nesta liña de investigación e innovación, científicos do Istituto Italiano di Tecnologia, na cidade de Xénova, veñen de crear biomateriais antioxidantes e antiinflamatorios a partir de algas mariñas de Galicia.

Os científicos prepararon novos biomateriais a base de algas utilizando un método simple baseado na disolución selectiva en ácido trifluoroacético de polímeros específicos e substancias bioactivas de algas vermellas, verdes e marróns. Esas algas procedían de Galicia e foron adquiridas á empresa Algamar, que traballa na ría de Vigo.

En concreto, utilizáronse tres especies comercializadas por Algamar para avaliar o seu potencial como biomateriais: Porphyra yezoensis (alga vermella), Ulva lactuca (alga verde) e Saccharina latissima (alga parda), cada unha das cales representa un dos tres grupos de algas mariñas.

Nos seus experimentos demostraron que as algas vermellas, verdes e pardas poden ser explotadas para a preparación de biomateriais compostos destinados a usos biomédicos. Para iso, desenvolveron un método sinxelo baseado na solución das algas mariñas en trifluoroacético e mesturado con celulosa.

Os biomateriais a base de algas mariñas demostráronse totalmente biodegradables en auga de mar nun mes. Os científicos tamén comprobaron que a capacidade antioxidante dos biomateriais desenvolvidos coas algas galegas foi moito maior que a dos materiais prístinos.

Por último, os biomateriais de algas pardas mostraron exitosos niveis de biocompatibilidade, cun efecto antiinflamatorio similar aos fármacos comerciais dispoñibles no mercado, o que confirma o potencial destes biomateriais para a fabricación de solucións biomédicas.

ALGAS, UN RECURSO PARA A BIOMEDICINA

Os autores deste experimento enxalzan o potencial da biomasa de algas mariñas para a biomedicina, xa que é un recurso tremendo como materia prima renovable para moitas aplicacións neste campo.

De feito, subliñan, as algas son ricas en polisacáridos sulfatados que foron estudados en detalle debido ás súas actividades biolóxicas, como a capacidade antioxidante e actividades antiinflamatoria, anticoagulante, antiviral e contra o cancro, entre outras.

Hoxe en día hai unha tendencia crecente a utilizar polímeros naturais para a fabricación de recursos médicos. Con todo, os investigadores do Istituto Italiano di Tecnologia consideran que non existe información suficiente aínda sobre a explotación total de todas as substancias naturais presentes nas algas mariñas para a fabricación de produtos biomédicos.

Agora, os científicos demostraron que os novos biomateriais a base de algas son totalmente biodegradables e presentan unha alta capacidade antioxidante, ambas as características importantes para a preparación de biomateriais. De feito, a sustentabilidade dos biomateriais é clave para evitar os problemas ambientais relacionados cos materiais tradicionais baseados no petróleo.

Os resutados preséntanse na revista Algal Research (Volume 27, novembro 2017, páxinas 1-11) nun artigo titulado ‘Facile production of seaweed-based biomaterials with antioxidant and anti-inflammatory activities’.

ALGAMAR

A empresa Algamar, cuxa sede se atopa en Pazos de Borbén (Pontevedra) é pioneira no procesado de algas. De feito, foi a primeira empresa no Estado que se especializou exclusivamente na recolección, secado e elaboración de algas mariñas para uso alimentario como verdura.

A sociedade, rexistrada pola Autoridade de Control oficial (CRAE) como Produtor Ecolóxico, foi fundada en 1996 polos irmáns Clemente e Fermín Fernández Sáa e naceu co obxectivo de dar a coñecer o gran valor nutritivo das algas mariñas autóctonas.

No ano 2008, o Departamento de Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Santiago de Compostela concluíu e certificou que as algas de Agamar “reúnen as características esperadas dun alimento saudable”, cun alto contido de sales minerais e fibra dietética total, apreciable contido de proteínas e baixo contido de Iípidos totais.

En 2009, o Ministerio de Medio Ambiente concedeulle o Premio Biodiversidade como exemplo de innovación e solidez na xestión e respecto dos recursos naturais. Un ano despois, en 2010, como novidade para todo o sector ecolóxico, as algas da empresa galega recibiron a Certificiación Ecolóxica europea, reguada pola Comisión Europea.

Xa no ano 2013, a Fundación Félix Rodríguez de la Fuente recoñeceu a Algamar como Experiencia Exemplar e en 2014 foi seleccionada como unha das empresas protagonistas da economía verde a nivel mundial.

A súa zona habitual de traballo coas algas é a costa sur de Galicia, onde a súa extracción está regulada e supervisada pola Xunta de Galicia cada ano. Desde os seus inicios, a empresa colabora coas Confrarías de Pescadores locais, ofrecendo unha alternativa innovadora fronte a pesca convencional.

Por outro lado, Algamar apostou en 2013 por cubrir a súa fábrica de placas fotovoltaicas de alta eficiencia, que xeran electricidade para a empresa de forma limpa e renovable. En 2014 construíuse unha segunda fábrica e incorporáronse novos secadoiros con sistema de caldeira de biomasa, alimentada con restos forestais da zona, co ánimo de dar un paso máis en favor dos recursos locais e renovables e pola soberanía enerxética.

Nesa liña de coherencia ecolóxica, as publicacións de Algamar (impresión dos seus libros, pósters, catálogos e folletos) fanse en papel certificado ecolóxico FSC, procedentes dunha xestión forestal responsable.

Portugal non enviará pacientes covid a Vigo

0

O Goberno portugués agradeceu o ofrecemento da Xunta para tratar a pacientes de coronavirus do país luso, pero sinala que por agora non necesita derivar a afectados.

Nun comunicado este sábado, o Executivo galego informa de que Portugal, a través do coordinador rexional norte para a resposta de UCI, remitiu unha carta ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na que agradece a súa dispoñibilidade.

Aínda que o coordinador portugués fai mención a que a rexión norte continúa cunha gran presión asistencial, polo momento son capaces de responder as necesidades actuais cos seus propios dispositivos asistenciais. Con todo, non descartan recorrer a esta axuda se é necesario no futuro.

Este mesmo sábado, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, asegurou –nunha entrevista coa Radio Galega, que recolle Europa Press– que hai unhas 30 camas dispoñibles no Chuvi para atender en “un primeiro momento” a pacientes que poida derivar Portugal en caso de ser necesario.

A área de Vigo rexistra o dobre de positivos por covid que hai 24 horas

A Consellería de Sanidade notificou este mércores 380 novos positivos por covid-19 en Galicia en 24 horas, 153 máis que na xornada anterior e tras realizarse ao redor de 9.000 PCR, un milleiro máis que o día previo cunha taxa de positividade do 4,8%. Con estas, Galicia fixo xa máis dun millón de probas PCR desde o inicio da pandemia.

En canto á presión hospitalaria, a Comunidade galega presenta unha baixada dunha vintena de pacientes ingresados, a maioría en unidades convencionais. En total, hai este mércores 354 ingresadas con diagnóstico covid-19 (21 menos que o martes), das cales, 53 están en UCI –tres menos–.

VIGO, A ÁREA MÁIS AFECTADA

Con todo, o número de casos activos –é dicir, persoas que presentan a enfermidade– mantén a súa tendencia á alza na Comunidade galega e soben a 5.633, 35 máis que na xornada anterior coa área de Santiago por encima do limiar do milleiro e Vigo como distrito sanitario máis afectado. Así se desprende dos datos publicados na web da Consellería de Sanidade á primeira hora deste mércores con cifras recollidas ata as 18,00 horas do martes. Nese momento había 354 persoas ingresadas nos hospitais galegos con diagnóstico covid.C

Con todo, é A Coruña a que continúa unha xornada máis como a área con maior número de ingresados, aínda que a evolución no distrito de Santiago-Barbanza continúa en aumento e achégase xa aos números da área coruñesa. Así, na Coruña hai 76 hospitalizzados, dez menos que os que había fai 24 horas e con 13 deles en UCI –uno menos–.

En Santiago, pola súa banda, descenden os ingresados aínda que en menor medida que na Coruña. Son agora 71, catro menos que o martes, dos que sete están en críticos –un menos–. Os hospitais de Vigo acollen a 60 pacientes covid –dous menos–, sendo 13 deles críticos –un menos–.

DISPÁRANSE OS CONTAXIOS

Por outra banda, Galicia suma nos datos deste mércores 380 novos positivos por covid-19, máis de 150 respecto da xornada anterior, principalmente polos casos detectados nas áreas de Santiago e Vigo, que dobran os positivos localizados 24 horas.

Deste xeito, entre estas dúas áreas suman o 60% dos novos casos: en Vigo diagnosticouse coronavirus a 116 persoas e en Santiago, a 101. No resto de distritos sanitarios prodúcense baixadas no número de casos detectados en Pontevedra –foron 29, 51 menos– e soben en todos os demais: A Coruña –40 (+23)–, Ferrol –34 (+16)–, Lugo –34 (+24)– e Ourense –28 (+19)–.

TAXA DE POSITIVIDADE

Ademais, a web de Sanidade recolle que, tras as 9.026 probas feitas nas últimas 24 horas (994 máis que o día previo), desde o comezo da pandemia realizáronse en Galicia máis dun millón de PCR (1.000.260 en total). Pola súa banda, a taxa de positividade das probas sitúase no 4,8%, case dous puntos por encima da rexistrada hai un día e xusto por baixo do limiar que marca a OMS que establece a Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia.

A Comunidade galega encadea cinco días por baixo deste baremo que, no entanto, foi superado en todas as áreas sanitarias salvo en dous: Ourense, cun 2,9% de positividade; e en Santiago, cun 3,9%. No resto, a porcentaxe de positivos respecto das probas superou o 5%: A Coruña (5,5%), Ferrol (7,7%), Lugo (5,9%), Pontevedra (6,9% e Vigo (5,4%) .

CASOS ACTIVOS

No que respecta aos casos activos en toda Galicia –a cifra total de persoas que están diagnosticadas de covid-19–, rexistraron unha subida por terceiro día consecutivo, despois de que este luns rompese a tendencia á baixa que viña sostida desde o 19 de novembro. En concreto, a web de Sanidade reflicte que hai 5.635 infectados por covid-19 en Galicia, 35 máis que o martes, xornada respecto da cal soben os casos activos en catro áreas sanitarias, especialmente na de Santiago, onde hai 1.054 persoas con coronavirus, 49 máis.

Con todo, Vigo segue sendo o distrito con maior número de afectados con 1.343 (14 máis), seguida por Santiago e, a continuación, A Coruña, onde volven descender os casos activos ata os 907, 22 menos que hai 24 horas. No resto de áreas, soben lixeiramente en Pontevedra ata os 869 (dous máis) e en Ourense a 448 (oito máis), mentres que descenden de forma pouco pronunciada en Ferrol –570, oito menos– e en Lugo –462, tamén oito menos–

CURADOS E FALECIDOS

Sanidade tamén recolle na web de datos que desde o principio da pandemia diagnosticouse de covid-19 en Galicia a un total de 57.526 persoas, das que 50.555 curáronse, 365 nas últimas 24 horas. E unha xornada máis as vítimas mortais da pandemia na Comunidade galega seguen subindo e son xa 1.323 tras o falecemento de catro persoas (dúas delas relacionadas con residencias) nas últimas horas.

A Guarda, coa vida sa: organiza cursos de panadería, risoterapia e Mindfullness

0

A Omix da Guarda abreu o prazo para inscribirse no curso de panadería e masas que terá lugar os venres de 18:00 a 21:00 horas a partir do vindeiro 5 de outubro e que se prolongará ata o 16 de novembro.

No curso, os asistentes aprenderán a elaborar masas con diferentes fariñas, masas doces, salgadas, masa madre, entre outros conceptos indispensables para a elaboración de pan. O curso ten un custe de 40€, no que se inclúe todo o material preciso polos participantes.

Para inscribirse e ampliar información, todas as persoas interesadas poden achegarse ou chamar a OMIX da Guarda no 986610000 ext.1015 ou escribir un mail a informacion@aguarda.es.

 

Obradoiro de panadería / Concello da Guarda

Ademais, o Concello da Guarda abre o vindeiro luns día 10 de setembro o prazo de inscricións para un obradoiro de Mindfullness adicado ás familias, que terá lugar na Guarda todos os xoves entre o 18 de outubro e o 29 de novembro en horario de 18:00h a 20:00h.

Este obradoiro de Mindfullness e risoterapia está pensado para toda a familia, pais e nais, fillos e fillas, avós e avoas, entre 6 e 99 anos. Os menores de 12 anos deberán acudir sempre acompañados dunha persoa adulta, e que preferentemente pertenzan a mesma familia, ainda que non é obrigatorio. En total este obradoiro terá unha duración de 16 horas e realizarase no Centro Cultural da Guarda, situado na Rúa Rosalía de Castro.

As inscricións e informacións para este obradoiro, que forma parte do programa Tecendo Lazos da Deputación de Pontevedra, xestionaranse a través da OMIX do Concello da Guarda, chamando ao 966 61 0000 ext.1015

Vigo quere ter unha conexión directa con Londres

O Concello de Vigo traballa nas bases do novo concurso para potenciar o aeroporto de Peinador coa vista posta en alcanzar unha conexión con Londres.

Así o confirmou, preguntado tras unha rolda de prensa, o alcalde, Abel Caballero, que sinalou que se traballa na elaboración dos pregos do concurso para unha posterior licitación pública.

A este respecto, indicou que “se barallan varios destinos” entre os que se contemplan rutas internacionais, incluída unha conexión coa capital británica, o que, ao seu xuízo, representa “unha magnífica noticia”.

Ademais, Abel Caballero explicou que as conversacións con Ryanair “van extraordinariamente ben” e afirmou que a súa actitude é “optimista” respecto dunha aposta da aerolínea irlandesa de baixo custo pola terminal viguesa.

Precisamente, este mércores, o pleno de Vigo aprobou unha moción para instar á Xunta a achegar os mesmos recursos ao aeroporto de Peinador que o Concello e a Deputación de Pontevedra co único voto a favor dos concelleiros socialistas.

O gran xesto de Brais Méndez

Un gol, unha camisola e un gran xesto de Brais Méndez. O xogador do Celta de Vigo adicou o seu gol a Xián. Xián Torres Mariño era o seu nome completo e era curmán segundo do propio Brais con que xogaba de neno.

Xián morreu hai uns días de Covid. Tiña 28 anos e levaba cinco anos loitando contra unha rara enfermidade, a enfermidade de Niemann Pick, unha doenza neurodexenerativa.

A pesar do virus maldito, Xián puido disfrutar de oito anos máis que a esperanza de vida que lle deron os médicos cando detectaron a patoloxía. E Brais, o gran Brais Méndez, tamén quixo acordarse del e de toda a súa dura loita durante estes anos.

Axentes de Tui e O Porriño, Medalla ao Mérito da Policía Local pola súa intervención tras a explosión de Paramos

0

O Diario Oficial de Galicia publica este xoves a orde pola que se distingue coa Medalla ao Mérito da Policía Local a varios axentes galegos, entre eles a 11 policías do Porriño e Tui, pola súa intervención tras a explosión dun almacén ilegal de material pirotécnico na parroquia tudense de Paramos, en maio de 2018, na que morreron dúas persoas e que provocou numerosos danos materiais.

No caso de Tui, segundo informou o Concello, os axentes recoñecidos son José Ramírez Pérez, que foi inspector xefe durante 37 anos e xubilouse o pasado ano; Manuel Arca Caeiro, actual inspector xefe , con 33 anos de servizo e que xa recibiu unha insignia do Concello de Tui pola súa intervención na resolución dun secuestro no Monte Aloia; David González Martínez, que está a piques de cumprir 17 anos como axentes da Policía Local; e Avelino Martínez Pérez, que leva 31 anos de servizo neste corpo.

Todo eles coincidiron en sinalar que aquel 23 de maio de 2018 foi “o día máis duro” das súas carreiras profesionais. Poucos minutos despois da explosión, Avelino e David foron os primeiros en chegar ao barrio da Torre en Paramos. “Foi impactante (…), o cheiro da pólvora asfixiaba“, relatou José Ramírez, que lembrou “a tristeza de ver os dous corpos sen vida”.

Na Policía Local do Porriño foron distinguidos o inspector xefe, Daniel Rodríguez; os oficiais Antonio Pereira e Adolfo Suárez (que agora traballa en Nigrán); e os axentes Benjamín Branco, Francisco Javier Rodríguez, Sergio García (que agora traballa en Parla) e Brais Roca.

Estes sete axentes acudiron ao concello veciño de Tui tras a explosión de Paramos para cooperar nas primeiras tarefas de asistencia aos feridos, nada máis recibir a alerta do 112. Á súa chegada revisaron as vivendas afectadas pola deflagración e axudaron á evacuación dos feridos.

Lesiona a dúas persoas tras unha discusión por cartos, e despois agrede e ameaza aos policías

A Policía Local de Vigo procedeu este mesmo domingo á detención de M.V.G., varón de 40 anos de idade, natural e veciño de Vigo,tras agredir presuntamente a dous coñecidos e dos axentes de policía e apropiarse dun teléfono móbil.

Ás 18:49 horas do día 2 setembro, os axentes foron comisionados para que se trasladasen a un domicilio situado nas proximidades da Avd. De Galicia, onde ao parecer se estaba producindo unha pelexa.

Unha vez no lugar, comprobaron que se trataba dunha casa, onde e segundo información de veciños, momentos antes unhas persoas pelexaran. Na vivenda entrevistáronse cunha muller de 34 anos, e cun varón de 35. Ambas persoas presentaban feridas no rostro e no corpo.

Segundo parece, as lesións producíronse cando un coñecido seu chegou á vivenda
reclamándolle á muller un diñeiro que supostamente lle debía. O coñecido en cuestión era o posteriormente detido M.V.G.

O asunto propiciou unha discusión entre os tres, sendo os moradores da vivenda agredidos polo que se presentou alí, reclamando o diñeiro. Despois do feito, o presunto autor ausentouse do lugar, levándose consigo un teléfono móbil da muller.

Solicitouse o servizo dunha ambulancia para que atendese aos moradores da casa.
Mentres os Policías se entrevistaban cos agredidos, a muller alertou aos axentes de que
M.V.G. estaba nun calello próximo á casa. Neses momentos da intervención, atopábanse tamén no lugar dos feitos axentes do Corpo Nacional de Policía.

Un dos Policía Locais achegouse a onde se atopaba M.V.G., quen en actitude violenta e
para non ser detido, propinoulle un golpe co cóbado no peito. Outro dos Axentes do C.N.P. auxiliou ao anterior, resultando no proceso de detención con lesións
nun cóbado. O comportamento de M.V.G. foi violento en todo momento, proferindo ameazas de morte contra os axentes, segundo aseguran os policías.

“O convenio do metal é unha merda e chegou a hora da verdade”

Unhas 500 persoas percorreron este xoves as rúas de Vigo, convocadas pola Plataforma de Traballadores do Metal para reclamar a “salvación ” do sector e, dentro desta industria, da construción naval e a industria auxiliar.

Os participantes na marcha, que percorreron o centro da cidade desde Praza de España ata a delegación da Xunta, corearon consignas como ‘o metal está en loita’, ‘convenio do metal, traizón sindical ‘, ‘Vulcano non se vende, Barreiras solución ‘ ou ‘Menos dinosetos e máis estaleiros’ .

Na manifestación participaron, ademais de traballadores de estaleiros e outras empresas da ría, tamén representantes do persoal de Navantia Ferrol. Ao final do percorrido, tomou a palabra o presidente do antigo comité de Vulcano, Nicolás Sangabriel, que proclamou que o convenio do metal “é unha merda” e “chegou a hora da verdade”.

Pola súa banda, o veterano Guillermo Fontán ( extraballador da desaparecida Ascón) subliñou que esta loita está chea de razóns históricas, económicas e sociais”. Na mesma liña, Xaquín García (CXT), do comité de Navantia Ferrol, pediu unha “rebelión social da clase traballadora” e un sindicalismo “combativo e anticapitalista”.

“ESPERTAR E LOITAR”

O portavoz da Plataforma, José Calvar, incidiu na situación de “depresión” desta industria, na perda de empregos e precarización laboral. No entanto, fixo un chamamento a “espertar e loitar polo futuro”.

Así, reivindicou a forza do movemento obreiro, á marxe de políticos e sindicatos, e instou aos traballadores a “levantar a cabeza”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed