Inicio Blog Páxina 2085

Piden axuda para deseucaliptizar Vigo e Cangas

Entre o 1 e o 7 de marzo hai organizadas unha serie de xuntanzas en Coruxo (Vigo) e en Hío (Cangas) para retirar os eucaliptos “invasores” da zona. Aseguran desde a organización, Verdegaia, que non serán as únicas da semana.

En primeiro lugar, a Comunidade de Montes de Coruxo, adicaranse a plantar especies autóctonas galegas nestas zona. A asociación, que desenvolve unha intensa actividade de restauración ambiental do seu territorio, buscan, “a transformación dunha zona degradada polos efectos do lume e por décadas de monocultivo de eucalipto nun auténtico bosque, rico e biodiverso“.

Quedarán no seu local nesta ubicación e, os menores de 16 anos, deben ir acompañados dun adulto. “Recomendamos levar unha sacha ou laia“, manifestan nun comunicado de prensa”.

A ZONA DE HÍO

Por outra banda, a Comunidade de Montes Veciñais do Hío (Cangas) convocan a súa primeira intervención en colaboración coas Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia o sábado 7 de marzo. “Imos arrincar e descascar acacias na zona dunar de Nerga, no LIC Costa da Vela. É un traballo que dividiremos en grupos. Unhas arrancarán novas plantas e outras serán descascadas. Outro grupo encargarase tamén da retirar unhas Herbas da Pampa”, explican nunha nota de prensa.

O punto de encontro é nesta ubicación o sábado ás 10:00h. “Estamos a tempo de salvar o futuro do monte galego, así como o noso espazo como parte dunha natureza que, en definitiva, é a casa de todas e todos”, defenden desde este colectivo.

A ludoteca de Ponteareas, outro xeito de aprender: “Moitos pais aínda non saben o importante que é o xogo para un neno”

0

A ludoteca municipal de Ponteareas, Ludotea (Avenida de Castelao nº 23), leva case dúas décadas tentando ensinar doutra forma. Falamos con Rocío Márquez, traballadora do centro, do seu modelo educativo e de como a maneira de educar acaba repercutindo na sociedade.

P- Defenden no seu centro un modelo educativo distinto ao tradicional?

R- Agora están ‘de moda’ enfermidades como o Trastorno de Hiperactividade (TDH) ou o Asperger, e o que máis precisan os nenos é o contacto coa natureza, desafogarse e aprender valores e respecto, algo que non se consegue cos libros no día a día.

A ludoteca é un lugar no que aprender xogando, a socializar… Hai nenos que con 11 anos aínda non saben nin recortar.

P- Cal é o seu principal obxectivo?

R- Esta lugoteca é pública, e non ten ningún tipo de subvención desde hai 18 anos. Non se trata dunha motivación ‘económica’, é simplemente un centro para axudar á poboación e facer máis fácil a convivencia.

Os nenos da ludoteca de Ponteareas visitan a protectora de animais do Concello/ https://ponteareasanimal.wordpress.com

P- Teñen en conta os distintos tipos de intelixencias que existen, así como que non hai dous nenos iguais?

R- Nos colexios os profesores están moi atados, e logo aparece o fracaso escolar, porque cada alumno precisa o seu tempo para aprender. Non todos temos as mesmas capacidades. Na ludoteca seguimos unha educación non formal, tentamos levar á práctica todo o que pode chegar a ser necesario en algún momento.

Levamos traballando durante anos o coiro e a repostería, por exemplo. Xa facíamos cociña antes da aparición de Master Chef: á vez promovemos os valores do esforzo e axudamos a coidar a saúde mentres se aprende este oficio.

Un día preparamos cociña vexetariana, outro asiática… A cuestión sobre todo é que os nenos manipulen os alimentos, que ‘xoguen’ con eles, que os cheiren e cociñen. Ao final, como unha maneira de non malgastar o seu propio esforzo, como o elaboraron eles coas súas mans, acaban probando pratos que en condicións normais nunca se atreveran.

Master Chef Junior/ rtve

P- E en canto ás manualidades?

R- Pois traballamos tamén con tódolos materiais e técnicas: arcilla, gravado, debuxo, bixutería, cestería, coiro.. facemos de todo e cano anos reciclámonos. Tentamos ata estar ao loro do que se pon de moda, porque iso é o que motiva aos nenos e os vai levando.

P- Outorgamos demasiada importancia ao memorístico e ás notas na educación dos máis novos?

R- O produtivo é o que forma ao neno integramente, en todos os sectores, e non buscar só o rendemento escolar. Non todos temos que ser enxeñeiros nin avogados. O neno o que ten que ter é un bo desenvolvemento tanto físico como emocional para logo ser un bo individuo dentro da sociedade.

Exame/ Compfight

P- Mencionou con anterioridade a falta dunha ‘cultura do esforzo’.

R- Por iso os nenos fracasan. Hai algúns os que se lles dá todo o tempo do mundo e mesmo así levan suspensos. De tódolos xeitos, se o neno se esforza pero non chega haberá que premialo con outras cousas.

Pero en xeral o problema dos cativos agora mesmo é que ningún deles chegou a onde chegou con esforzo. Para que vou loitar, se me dan todo papá e mamá. Ao final derivamos nunha sociedade frustrada que pensa que pode facer todo o que queira e nunca termina de recoñecerse a si mesma que non todo o monte é ourego.

Debes esforzarte e ao mellor recibes un premio, ou ao mellor non: non sempre se consegue o que se desexa. Moitos rapaces nunca levaron un non por resposta. Por que hai violencia dos nenos aos pais? Porque de súpeto chega o non e é impensable para eles.

P- Con que idades traballan?

R- Con nenos de 6 a 12 anos, rango de idade que podemos aumentar ata os 16 para proxectos concretos. Os que hoxe en día teñen 20 e poucos falan de que se acordan aínda da ludoteca, pero moitos pais aínda non comprenden o importante que é o xogo para un neno.

Animalistas defenden unha lei de benestar animal que inclúa os cabalos

A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber están a denunicar que seguen aparecendo cabalos con cepos e cadeas atenazando as súas patas na comarca do Morrazo.

Desde 2012 estes colectivos animalistas rexistraron xa 160 avistamientos de cabalos, varios na comarca sinalada, tal e como reflicte a páxina web que LIBERA! e FFW manteñen para ese efecto (www.senpexas.info) e onde calquera persoa pode trasladar a súa queixa, incluíndo fotografías ou videos dos animais.

Os activistas sinalan que as sancións por crueldade cara aos cabalos poden superar os 60.000, sen esquecer que “esta especie debe estar obligatoriamente identificada en base un reglamento europeo incorporado á normativa autonómica, e ata se poderían esixir responsabilidades penais no caso de que o animal sufrise un maltrato continuado”.

De forma paralela a campaña para lograr unha verdadeira Lei de Protección Equina sumou ata o momento máis de 144.000 firmas, “en contraposición á actual norma de benestar animal, que excluíu a todos os équidos do seu ámbito de aplicación, deixando a estes animais cunha menor protección con respecto á lei de 1993. Os animalistas esperan que a presión social logre melloras significativas para estes seres vivos”.

Neste sentido, nas últimas semanas as organizacións lograron liberar a un cabalo en similares circunstancias na comarca da Coruña, cuxo responsable enfróntase agora a unha sanción de ata 600, e outro équido, un burro, que tamén estaba permanentemente atado nun municipio da provincia coruñesa.

“De súpeto, o tellado da miña casa desintegrouse, pasou un minuto e xa non tiña nada”

0

Suso vive a entre 20 e 30 metros do almacén que se converteu no epicentro dunha explosión que chegou a sentirse a decenas e decenas de quilómetros. Para este veciño de Paramos (Tui), a sensación foi a dun avión caendo fronte a el: “De súpeto, o tellado da miña casa desintegrouse, pasou un minuto e xa non tiña nada“.

“Non sei como saímos vivos de dentro, simplemente o destino non quixo levarme”, recoñece. E engade a fortuna de que non teñamos que lamentar unha catástrofe aínda maior, se chega a producirse a explosión de noite: “Podería ter sido unha masacre brutal. Á hora que foi, as catro da tarde, polo menos a maioría da xente non estaba nas casas, andaban a traballar ou o que fose. Non me quero nin imaxinar se chegamos a estar todos…”

Explosión de Tui / Miguel Núñez

O seu cuñado é especialista en explosivos nunha canteira, e comentoulle que con medio quilo de dinamita bastaría para volatilizar unha vivenda, e no almacén había miles de quilos: “O que non entendo é como unha persoa pode atreverse a meter explosivos arredor das casas. Hai xente que está a dicir, como non se decataron os veciños diso? Pero nós miramos á xente, aos coches, aos camións, entrar e saír e nada máis. Cada un está á súa vida, que sabemos do que están a descargar?”

Porque o detido, dono da pirotécnica, é tamén un veciño “de toda a vida“. Sabían que tiña a empresa, pero non imaxinaban que estivera a almacenar alí tal cantidade de material: “E está a dicir a mesma Garda Civil que o que gardaba non era o foguete, que rebenta e xa, senón cartuchos de dinamita, e de feito non foi só unha explosión, a primeira provocou máis, unha serie delas“.

Suso, apagando os lumes / Miguel Núñez

Censura ademais que “calquera material explosivo ten que estar nunha instalación habilitada para ese fin, que no suposto de que salte polos aires non pase máis nada, e aquí o que había era un tellado de ferro, e punto, sen sistema contra incendios nin sequera, coma levar unha bomba no peto do pantalón“.

Explosión de Tui / Miguel Núñez

E estoupábanlle os oídos, non podía escoitar nada nos primeiros segundos, había fume por todas partes e tentou salvar a vida da súa familia, “que son todo o que teño, e estamos vivos, iso é o importante, todo o material pode arranxarse“.

Sacou á súa familia do perigo. “E logo volvín á miña casa e xa non estaba, xa non quedaba nada, estaba esnaquizada, tivéronme que deixar ata un cargador para o móbil para estar comunicado”, relata. Máis tarde, marcharía ata o Centro Cultural de Guillarei para informarse e intentar, pouco a pouco, intentar recuperar a normalidade na súa vida.

‘This is pop’: unha viaxe pola arte pop no centro Afundación de Vigo

A sede de Afundación en Vigo acolle desde este xoves e ata o próximo 27 de novembro a mostra ‘This is pop. Das latas de Andy Warhol ás túas’, que recompila 63 producións de 29 artistas, entre os que están o propio Warhol, e outros autores icónicos, como Roy Lichtenstein, Damien Hirst ou Yayoi Kusama.

A mostra está comisariada por Antonella Montinaro e permite facer un repaso da arte pop desde as súas orixes nos anos 50 ata os nosos días (neo-pop), e comparar a linguaxe dos artistas deste movemento en Estados Unidos, Reino Unido e España.

‘This is pop’ propón un percorrido multidisciplinar de carácter divulgativo no que o público poderá contemplar desde as serigrafías de Marilyn Monroe elaboradas por Andy Warhol, ata as famosas latas Campbell, ou pezas do Equipo Crónica, de Roy Lichtenstein, Robert Rauschenberg, Eduardo Paolozzi, Richard Hamilton, Peter Blake, Yayoi Kusama, Equipo Realidad, Eduardo Arroio, Rafael Canogar, Damien Hirst, Takashi Murakami, Jeff Koons, Yoshitomo Nara, Julian Opie, Mr., e Shepard Fairey (Obey), entre outros.

A arte pop foi un movemento xurdido a finais da década de 1950 en Reino Unido e Estados Unidos como reacción artística ante o expresionismo abstracto, e que se caracterizou polo emprego de imaxes e temas tomados da sociedade de consumo e da comunicación de masas aplicados á arte.

No neo-pop do século XX, os artistas utilizan a ironía, repetición, apropiación, deconstrucción e distintas linguaxes ou referencias para xerar unha arte ás veces ‘kitsch’. Os autores teñen en común o uso da iconografía dos cómics, dos debuxos animados, dos anuncios publicitarios ou mesmo a da obra doutros artistas pop xa consagrados.

Igualmente, se algo caracteriza a arte urbana do século XXI ao redor do mundo é a súa heteroxeneidade. As intencións dos seus autores son moi diversas e variadas, non todos manexan a linguaxe da subversión e a ironía, non todos tratan de incitar nas público reflexións sociais nin políticas, pero si buscan chamar a atención, sorprender ao ocupar un espazo público non concibido inicialmente para albergar obras deste tipo, ao converter a rúa nun museo ao aire libre.

A exposición poderá visitarse de luns a sábado na sede de Afundación en Vigo, en horario de 17,30 a 20,30 horas, con entrada libre e gratuíta. Esta iniciativa enmárcase dentro do programa ‘Cultura por Alimentos’ que impulsa a Obra Social de Abanca, e mediante o cal se convida aos visitantes a depositar alimentos non perecedoiros nuns caixóns habilitados para iso, en colaboración co Banco de Alimentos.

O PP de Vigo denuncia o “caos” de tráfico pola “falta de planificación” de varias obras

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo denunciou este xoves o “caos de tráfico” que padece estes días a cidade, como consecuencia da execución de varias obras importantes no centro, e a “falta de planificación” do goberno local.

Segundo sinalou o portavoz do grupo, Alfonso Marnotes, a simultaneidade destas obras (en Gran Vía, Porta do Sol e Rolda don Bosco), unida á supresión de prazas de aparcadoiro e o carril bici fan que “se estea colapsando a cidade”.

“Os condutores quedan atrapados en atascos interminables, non hai axentes suficientes para controlar o caos de tráfico, non hai planificación nin información por parte do Concello para ofrecer rutas alternativas e, ademais, ao alcalde impórtalle pouco ou nada o funcionamento de Vitrasa, que non dá o servizo que necesitan os vigueses”, proclamou Marnotes.

O grupo ‘popular’ reclamou, ante esta situación, que se poña en marcha un “plan de choque” para “mitigar o caos de tráfico” e refórcese o persoal da Policía Local. Tamén demandou que se reforcen as liñas de bus urbano, e se informe a diario sobre itinerarios alternativos.

Finalmente, o PP advertiu de que é necesario facer “un estudo completo e rigoroso” da mobilidade en Vigo, revisar todas as vías e sentidos de circulación, e “repensar o trazado do carril bici” que se está facendo entre Teis e Samil.

Elena Muñoz a Caballero: “Está extremadamente nervioso pola Comisión do Marisquiño”

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo criticou este mércores que o goberno local, con Abel Caballero á cabeza, se escude nnun informe do secretario para non achegar a documentación que lle require a comisión de investigación sobre o accidente do Marisquiño, e recordou que “non é o mesmo non ter obrigación de dar esa información, que non poder dala”.

Así o manifestou en rolda de prensa a portavoz do grupo, Elena Muñoz, quen constatou que o rexedor olívico está “extremadamente nervioso” coa comisión creada no Parlamento, á que quere pór “todas as pedras posibles” para que “non se investigue que pasou” nesa noite de agosto pasado, cando parte dun “paseo” veu abaixo durante un concerto e causou máis de 460 feridos.

Nese sentido, denunciou que “o único que autorizou” a celebración dese evento nese lugar, é o mesmo que agora “pon todo do seu parte para que non se saiba a verdade”.

Con respecto á negativa do Concello de facilitar a documentación requirida pola comisión, amparándose nun informe do secretario municipal que sostén que ese órgano non ten potestade para fiscalizar a actuación da administración local, Elena Muñoz criticou que se encargue “un informe a medida” para usalo como “escusa”. “O que di é que non ten obrigación de dar a documentación, outra cousa é que non se poida dar”, sentenciou.

“Seica ten que ser obrigatorio? O normal é que se faga voluntariamente e que se dean facilidades”, apuntou a edila ‘popular’, quen confirmou que ela mesma comparecerá na comisión a próxima semana e porá “a disposición de todos os deputados do Parlamento de Galicia” os documentos que ten ao seu grupo municipal.

Os Bolechas viaxan a Cíes para promocionar a candidatura das illas a Patrimonio Mundial

Os personaxes dos Bolechas fixeron este luns unha viaxe en barco até as Illas Cíes coincidindo co Día do Libro co que, xunto á Xunta, quixeron levar a cabo unha dobre promoción: o impulso á lectura e a difusión da candidatura a Patrimonio Natural desta paraxe natural incluído no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Ademais de Pili, Tata, Carlos, Sonia, Braulo e Loli (os protagonistas dos Bolechas), estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves. Tamén acudiu máis dun centenar de alumnos de colexios de Vigo, Vilagarcía, Ribeira e Bueu.

Despois do traslado en barco desde o Porto de Vigo até Cíes, Os Bolechas e os representantes da Xunta repartiron aos nenos unhas guías nas que, cos personaxes desta serie de libros e televisión como protagonistas, infórmase os menores sobre a riqueza das illas e como se deben comportar nelas.

O conselleiro explicou que esta visita ten como obxectivo promocionar o día do libro e fomentar o hábito da lectura. Ademais, busca dar a coñecer os valores “deste singular e excepcional conxunto de illas”.

Así mesmo, no marco do Ano Europeo do Patrimonio Cultural, que este mes a Xunta dedica a Cíes, remarcou que esta visita busca impulsar a candidatura de Illas Atlánticas e os seus valores paisaxísticos, culturais e naturais.

CANDIDATURA

No relativo á candidatura a Patrimonio Mundial deste parque Nacional, o conselleiro de Cultura subliñou que “só hai unha candidatura de momento” oficial que inclúe ás Cíes e que é a que promocionou a Xunta respecto diso de todo o parque nacional.

Refírese así, de forma velada, a que o Concello de Vigo non promoveu de forma oficial ás Cíes para que sexa incluída como Patrimonio Mundial, aínda que o municipio que preside Abel Caballero si deu a coñecer unha campaña pública para que se inclúa.

Román Rodríguez recalcou que a candidatura de Illas Atlánticas xa está rexistrada e atópase na segunda fase do proceso, após ser incluída na lista indicativa. Actualmente trabállase na parte administrativa e científica.

Esta é unha candidatura que, destacou, é “inclusiva”, “integradora” e que xera unidade de acción. Ao tempo, mantén o “papel representativo” de Cíes, pero tamén o das demais illas do Parque: Sálvora, Cortegada e Ons.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed