Inicio Blog Páxina 2075

Acabouse o choio: tras unha ducia de roubos nun mes, é detido en Vigo un ladrón con 28 antecedentes

Un home de 35 anos foi detido por realizar 12 furtos durante o mes de febreiro en distintos establecementos de Vigo ao ser interceptado ao levar a cabo o último deles por axentes da Policía Nacional.

Segundo precisou este corpo de seguridade, a investigación que permitiu efectuar a detención iniciouse despois de que o pasado 22 de decembro un home subtraese 1.000 euros en lotaría no supermercado do Centro Comercial da Praza Elíptica. Pouco despois, a encargada denunciou os feitos que deron lugar ao comezo dunha investigación para identificar o autor dos mesmos.

Tras contactar con outras comisarías, os axentes comprobaron que actuara en máis localidades da provincia e que, a mediados de febreiro, cometeu de novo varios furtos en poucos días en Vigo. O seu modo de actuar consistía en tomar aquelas pertenzas nas que se fixara ao entrar nun local nada máis saír do mesmo co obxectivo de vendelas no ‘mercado negro’.

Finalmente, tras entrar en varias cafetarías da rúa Urzáiz e saír pouco despois, foi interceptado por varios axentes que procederon a identificalo e a detelo. Despois de chegar a Comisaría, comprobouse que contaba con 28 antecedentes policiais dos que varios se debían a feitos similares.

Vigo, única área sanitaria na que repuntan os casos activos de covid-19

Galicia arrinca a Semana Santa cun descenso dunha decena na cifra de ingresados totais por covid-19, ata os 204, ao baixar tanto os pacientes en planta como os de unidades de coidados intensivos (UCI). Ademais, continúan en caída os casos activos da enfermidade, que se sitúan nos 2.357.

A pesar destas mellorías, repuntan os contaxios detectados nun só día por todo tipo de probas. En concreto, de acordo cos datos que ofrece este sábado o Servizo Galego de Saúde (Sergas), actualizados ata as 18,00 horas do vienres, súmanse ao cómputo 152 novos casos de covid, que son 37 máis que os 115 do día anterior.

No que respecta á presión hospitalaria, descende tanto en unidades convencionais, con 172 enfermos covid –seis menos–, como na UCI, con 32 –catro menos–. Das sete áreas sanitarias de Galicia, tan só dúas rexistran unha repunta.

Unha delas é a de Lugo-A Mariña-Monforte, onde crecen ata 14 –tres máis– os pacientes ingresados por coronavirus, aínda que os críticos non varían e mantéñense en tres. A segunda é a de Santiago-Barbanza, ao aumentar ata 22 –un máis– os hospitalizados, a pesar de que baixan a dous –un menos– os que requiren coidados intensivos.

Por parte do resto de áreas, a da Coruña-Cee continúa como a de maior presión asistencial a pesar de caer ata as 73 persoas (-6) ingresadas por covid en total. Iso si, os pacientes en UCI aumentaron en tres, ata os 19.

Xunto á coruñesa, descenden os hospitalizados nas áreas de Vigo, ata os 49 (-2), dos que seis (-1) están críticos; en Pontevedra-O Salnés, con 19 pacientes (-1), un deles (-2) na UCI; en Ourense-Verín-O Barco, con 16 ingresados por covid (-2), dos que un (-1) está en coidados intensivos; e na de Ferrol, con 11 hospitalizados (-3) e xa sen pacientes na UCI cando hai un día eran dous.

CONTAXIOS DETECTADOS

Os casos activos volveron descender no conxunto de Galicia nos datos deste primeiro sábado de Semana Santa. En concreto, sitúanse nos 2.357, o que supón 46 menos que a xornada anterior.

Tan só a área de Vigo rexistra unha repunta dos pacientes covid, ata o total de 537, 22 máis. O resto, todas notifican un descenso: A Coruña-Cee, ata os 891 casos activos (-9); en Santiago-Barbanza, a 254 (-16); en Pontevedra-O Salnés, a 206 (-9); en Lugo-A Mariña-Monforte, a 167 (-10); en Ferrol, a 157 (-19); e en Ourense-Verín-O Barco, que está á cola, con 145 (-5).

No entanto, os contaxios detectados con calquera tipo de probas crecen ata os 152 –137 confirmados cunha PCR–. Trátase da segunda cifra máis alta desta semana, despois dos 162 do xoves.

Dos 152 novos casos notificados, 57 correspóndense coa área sanitaria de Vigo e outros 51, coa da Coruña-Cee. Así mesmo, en Lugo-A Mariña-Monforte detectáronse 15 positivos nun día; en Santiago-Barbanza, 12; en Pontevedra-O Salnés, nove; en Ourense-Verín-O Barco, cinco; e en Ferrol, só tres.

Deste xeito, o cómputo total de contaxiados polo coronavirus en Galicia ascende a 116.494, dos cales 28.283 concéntranse na área da Coruña; 22.033 na de Vigo; 18.412 na de Santiago; 14.817 na de Ourense; 12.712 na de Pontevedra; 11.999 na de Lugo; e 8.238 na de Ferrol.

TAXA DE POSITIVIDADE

Galicia realizou 1.828.763 PCR ata o momento da última actualización de datos, que supoñen 5.929 probas máis que as contabilizadas ata a xornada anterior –case un milleiro máis en relación ás feitas o venres–.

Pola súa banda, a taxa de positividade ascendeu a un 2,8%, tras o 1,7% notificado 24 horas atrás. Así, Galicia mantense por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala para dar por controlada a pandemia.

FALECIDOS

Galicia suma 2.332 persoas falecidas diagnosticados con covid-19 desde o inicio da pandemia, tras notificar a Consellería de Sanidade este venres a morte doutra persoa.

Ata a data curáronse 111.825 pacientes da covid-19 en toda Galicia, o que implica 197 persoas máis que as rexistradas ata este venres.

Así será a reforzada oferta académica da Universidade de Vigo para o próximo curso

A Universidade de Vigo afronta o próximo curso 2020/2021 coa implantación de tres novos programas simultaneidade, cun total de 22 prazas, que xorden co obxectivo decubrir as demandas da sociedade e do mercado laboral actual: Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática, Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría Mecánica, e Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática.

“Os dobres graos, aínda que non se trata de titulacións propiamente ditas, xa que son programas de estudo formados por titulacións existentes, supoñen unha oferta atractiva para o alumnado, tal e como demostran as notas de corte de entrada dos que xa se ofertan. O atractivo é obvio, obter dúas titulacións de grao, co plus que iso supón para o currículo e para a formación do alumnado, que ten un carácter máis disciplinario”, detalla o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos.

Estas novas titulacións permitirán formar profesionais altamente cualificados, cun perfil tecnolóxico moi valorado no mercado laboral actual, respondendo a demanda de persoas tituladas en áreas moi especializadas e do ámbito das STEAM. Estes programas de simultaneidade veñen a reforzar a actual oferta formativa dunha institución nova, que soubo adaptarse aos novos requirimentos do estudantado en canto a saídas profesionais.

Así mesmo, o vindeiro curso, o Grao en Dirección e Xestión Pública, impartido no campus de Pontevedra, converterase no primeiro do Sistema Universitario de Galicia (SUG) en contar cunha modalidade virtual, para a que se ofertan 20 prazas, que se suman ás 25 do modo presencial.

Deste xeito, a oferta académica da Universidade de Vigo no curso 2020/2021 contará cun total de 61 graos, 58 mestrados e 39 programas de doutoramento de todas as ramas do coñecemento.

Con 30 anos de experiencia acumulada, a universidade do sur de Galicia, con tres campus nas cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra, logrou o recoñecemento nacional e internacional, avalado por clasificacións como Shangai (ARWU), que a sitúa entre as institucións académicas de referencia en 12 categorías, destacando a posición que ocupa nos ámbitos de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, entre as 75 mellores do mundo, e no de Oceanografía, eido en que figura entre as 100 primeiras. Vigo atópase así mesmo, entre as 200 mellores universidades en Enxeñaría de Telecomunicación, entre as 300 primeiras en Xestión Turística e entre as 500 mellores en Ciencias da Terra, Ecoloxía, Ciencias Atmosféricas, Enxeñaría Eléctrica e Electrónica, Enxeñaría Química, Ciencias e Enxeñaría da Enerxía, Biotecnoloxía e Ciencias Agrícolas.

NOVOS TEMPOS, NOVAS METODOLOXÍAS

A Universidade de Vigo demostra ser unha institución innovadora e dinámica, adaptada aos novos tempos, que ofrece novas metodoloxías docentes grazas ao emprego de plataformas de teledocencia como Campus Remoto, que permite realizar aulas virtuais en directo, co obxectivo de garantir a docencia e a avaliación en tempos de pandemia. Este xemelgo virtual da estrutura docente da Universidade, sobre unha plataforma propia baseada en código aberto Big Blue Button (BBB), algo que moi poucas universidades lograron, é o complemento perfecto para unha institución de educación presencial, que comezará o vindeiro curso, a pesares das restricións introducidas pola covid-19, con 10 graos e 24 mestrados dun xeito totalmente presencial. “Isto é un activo da nosa Universidade”, salienta o reitor, Manuel Reigosa, que recorda que, naqueles outros casos nos que a presencialidade “non é posible polo número de estudantes e o tamaño das aulas”, optarase por un modelo mixto en que o alumnado poida seguir as clases tanto desde a aula como desde as súas casas a través de Campus Integra, que permitirá o desenvolvemento da docencia mixta, “o máis semellante posible á presencial”, de tal xeito que aqueles que teñan que seguir desde as súas casas “aulas teóricas e mesmo algúns seminarios”, poidan tamén interactuar co profesorado e os seus compañeiros e compañeiras.

OUTRAS VANTAXES

Coa finalidade de facilitarlle unha formación integral ao estudantado, a Universidade de Vigo conta con programas e servizos que atenden os requirimentos do alumnado con necesidades especiais e garanten a igualdade, ademais dunha ampla oferta de servizos complementarios. Dunha banda, o Centro de Linguas é un referente do ensino de linguas e na acreditación de nivel de idioma, ao estar certificado por entidades como o Instituto Cervantes, ACLES ou TOEFL. Inglés, francés, alemán, portugués e italiano, pero tamén chinés, persa, xaponés, árabe ou ruso, conforman o completo catálogo de idiomas ofertados para contribuír á calidade na docencia e á internacionalización da UVigo.

Doutra banda, a Área de Benestar, Saúde e Deporte favorece a adquisición de hábitos saudables entre a comunidade universitaria nos ámbitos da alimentación, a actividade física, e a saúde psicosocial. Nesta liña, o estudantado ten á súa disposición diferentes servizos de nutrición e dietética, fisioterapia, medicina deportiva ou consulta psicopedagóxica que axudan a facilitar a súa experiencia no campus universitario.

Ademais, a UVigo conta cun Servizo de Axudas ao Estudo, Bolsas e Prezos Públicos que supón un grande apoio para o alumnado na xestión de bolsas e na resolución de posibles incidencias.

Asime e Uninaval valoran o acordo que permitirá reestruturar Barreras e esperan que os traballos se retomen en xaneiro

0

A Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime) e a industria auxiliar integrada en Uninaval valoraron o acordo alcanzado entre The Ritz-Carlton Yacht Collection, CESCE e a banca para a reestruturación de Hijos de J. Barreras e esperaron que todos os traballos de construción naval se retome en xaneiro.

Nun comunicado, confiaron en que se obteña un “refinanciamento global” e en que se inicie a recuperación do estaleiro vigués grazas ao “compromiso económico e de dirección” de Ritz-Carlton. Así, consideraron que se finalizará o buque ‘Evrima‘, que se constrúe en Barreras, e que se construirá o segundo barco xemelgo, asinado en maio.

Nesa liña, puxeron en valor o “esforzo” realizado pola firma de iates en relación ao sector e aseguraron que o labor de Asime e Uninaval para permitir a interlocución entre as empresas auxiliares e a mesma axudou a abordar a situación de Barreras.

ABONO DE PAGOS

Así mesmo, Asime e Uninaval esperaran que se abonen os pagos pendentes á industria auxiliar “canto antes” para que se poidan renaudar os traballos do estaleiro no menor tempo posible e ofreceron o seu apoio para acometer os futuros proxectos de Barreras.

Ademais, insistiron na importancia da comunicación dos estaleiros coas empresas auxiliares e do respecto ás mesmas para “lograr o bo fin dos proxectos” e avogaron por establecer unha cooperación “permanente” entre ambas as partes.

En concreto, este venres The Ritz-Carlton Yacht Collection, a través de Cruise Yacht Upper Holdco Limited (CYUHL), anunciou que alcanzara un acordo con CESCE e a banca para reestruturar Barreras e que asumirá o sobrecusto do cruceiro ‘Evrima’, que se constrúe no estaleiro vigués, ademais de asegurar a execución do seu buque xemelgo.

O VIII Salón CarOulet de Vigo reunirá un milleiro de coches de ocasión no Ifevi este fin de semana

0

O VIII Salón CarOulet de Vigo reunirá un milleiro de coches de ocasión no Instituto Feiral da cidade olívica, nun evento que se celebrará este fin de semana e no que se esperan case 20.000 visitantes.

O certame foi presentado este martes en rolda de prensa, e os seus organizadores confirmaron que, como cada ano, os concesionarios oficiais envorcáronse “para liquidar os seus stocks de vehículos automatriculados, seminovos, de xerencia, ‘quilómetro cero’ ou de frotas de aluguer.

O Salón ocupará os pavillóns 1 e 2 do Ifevi cun milleiro de coches (entre vehículos en exposición e reposicións), e abrirá as súas portas este venres ás 16,00 horas, e ata as 21,00 horas. O sábado e o domingo o horario será de 11,00 a 20,00 horas.

A entrada custará 2 euros, aínda que os menores de 10 anos poderán acceder gratuitamente. A organización doará a metade da recadación a Aldeas Infantís SOS de Galicia.

Un vigués pode ser multado con 2.404 euros por deixar o can solto e sen boceira pola rúa Pizarro

0

Axentes da Policía Local de Vigo identificaron a un veciño da cidade como propietario dun can “de raza potencialmente perigosa”, e que se atopaba solto e sen boceira na vía pública, o que supón unha infracción.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar a última hora da tarde do mércores, cando o 092 recibiu un aviso sobre a presenza dun “can de raza potencialmente perigosa”, solto e sen boceira, na rúa Pizarro.

Unha vez no lugar, os axentes comprobaron a existencia do animal e constataron que era un can de raza America Staffordshire terrier.

Tras identificar ao seu propietario, propúxoselle para sanción e, segundo informaron fontes policiais, esa infracción leva aparelladas multas que poden chegar ata os 2.404,05 euros.

O Val Miñor quedará sen comedores escolares se non son asumidos polas administracións públicas

A Federación de Anpas do Val Miñor FAVALMI que agrupa a 20 ANPAS de Nigrán, Baiona e Gondomar, acordaron por maioría abandonar a xestión para o próximo curso das aulas madruga e actividades extraescolares ante a negativa das administracións públicas de asumir a responsabilidade da súa xestión.

O futuro dos comedores escolares que están xestionados polas ANPAS tamén está no aire polo mesmo motivo dado que a responsabilidade xurídica ante unha neglixencia no comedor ou nunha actividade escolar recaería no presidente ou presidenta da ANPA e sobre o seu patrimonio persoal.

As directivas das Anpas de Gondomar, Nigrán e Baiona coinciden en valorar esta decisión como “moi difícil” sendo conscientes das necesidades de conciliación das familias e da formación complementaria que necesita o alumnado. Trátase de actividades que veñen xestionando con carácter totalmente voluntario, “sen colaboración algunha dá Xunta de Galicia, e asumindo historicamente toda a respondabilidade dá súa organización e xestión”, aseguran e matizan que, o protocolo COVID dá Xunta de Galicia afonda diante dá crise sanitaria na súa política de non colaboración e o total deslexo dás medidas de conciliación dás familias.

O texto, no punto 12.1, esixe das Anpas a elaboración dun protocolo para as actividades extraescolares, pedindo ademais que se determine con claridade as responsabilidades das persoas organizadoras ou xestoras. “O Sr. Feijoo e ou Goberno Central, están a deixar o protocolo fronte ao COVID nas mans dás Asociacións de Nais e Pais que sen coñecemento algún, deben proceder a elaboración dun protocolo do que teñen que facerse responsables”, apuntan desde Favalmi.

Tras analizar o texto, a Confederación de Anpas Galegas advirte de que se desprende a responsabilidade das organizadoras diante de posibles fallos ou incumprimentos do protocolo, “ tendo o risco de ter que responder non caso de prosperar algunha demanda cos bens persoais dás persoas que presidan a asociación ( responsabilidade completamente inconcibible)”, sinalan.

Polo exposto, a asemblea de FAVALMI decide por maioría suspender as actividades extraescolares e aulas matinais mentres a Xunta de Galicia non asuma a responsabilidade que lle corresponde elaborando un protocolo específico, fornecendo aos centros dos medios necesarios e eximindo ás Anpas da respondabilidade da súa elaboración e cumprimento.

Coa finalidade de visibilizar o desacordo coa xestión da Xunta de Galicia e do Goberno Central, as Anpas da comarca, convocan a toda a comunidade educativa, o próximo día 8 de setembro, ás 19:00 horas na Ramallosa, a unha concentración apoiando tamén a FOANPAS e outras federacións da comarca levando a cabo concentracións de rexeitamento ao protocolo COVID da Xunta de Galicia para os centros de ensino.

Na reunión tamén analizaron a xestión de comedores e os reforzos de limpeza nos centros educativos, que están a ser abordados nos concellos da comarca de diferentes maneiras, uns mais previsores que outros, como no caso de Baiona que xa ten en conta un orzamento extraordinario de cen mil euros para reforzar os labores de limpeza e desinfección.

O CEP de Sabarís adianta que non continuará coa xestión do comedor se non é asumido polas autoridades públicas competentes.

“No podemos asumir la elaboración de un protocolo sin ser técnicos de prevención ni asumir la responsabilidad de seguridad de unas actividades llevadas a cabo por terceros en una pandemia.” adiantan nun comunicado.

“En el caso de un contagio en el colegio se llevará a cabo la investigación pertinente en todo el centro y en caso de que se demuestre una posible negligencia en el comedor o en una actividad extraescolar la responsabilidad jurídica recaerá sobre el responsable de dicha actividad que será la persona firmante del contrato vigente, en este caso la presidenta y dicha responsabilidad recaerá sobre su persona y su patrimonio en caso de deudas contraídas por actos dolosos ,culposos o negligentes y en caso de que este no alcance se procederá a incluir al resto de representantes de la directiva aunque nunca a los asociados.”

A directiva está traballando conxuntamente ao resto de ANPAS da comarca do Val Miñor para que o servizo de comedor sexa asumido polas administracións públicas. Unha situación desigual nos centros de ensino da comarca, onde existen concellos como Gondomar onde a xestión dos comedores é asumida por Concello e Xunta con financiación pública, fronte a outros onde a xestión é asumida íntegramente polas ANPAS e os pais/nais afrontan o pago do servizo sen ningún tipo de axuda das administracións.

A área sanitaria de Vigo é a que máis casos activos de COVID-19 ten de Galicia

Os casos activos de coronavirus en Galicia diminuíron ata os 1.199 afectados, 311 menos que o sábado; á vez que se rexistraron 335 altas que elevan os recuperados ata os 9.155, segundo explicou este domingo a Consellería de Sanidade. Desta maneira mantense a tendencia da evolución da pandemia que viña rexistrando os días pasados, aínda que o número de recuperados é menor que o rexistrado sábado, así como tamén o é o descenso dos casos activos.

A Dirección Xeral de Saúde Pública precisou que este domingo a maioría de pacientes con COVID-19 concéntranse na área sanitaria de Vigo, con 352 infectados (49 menos que onte). Pola súa banda, a área da Coruña mantén 277 casos (-54), a de Ourense, 209 (-68), a de Santiago rexistra 187 (-57), a de Lugo 77 (-20), a de Pontevedra 62 (-31) e a de Ferrol 35 (-30).

Respecto da atención sanitaria que están a recibir os pacientes diagnosticado con COVID-19, a maioría reciben asistencia domiciliaria (1.087). Ao mesmo tempo, 94 persoas permanecen ingresadas en unidades de hospitalización convencional e 18 seguen na UCI, unha menos que onte.

Ata agora curáronse un total de 9.155 persoas e o Sergas segue realizando PCR para diagnosticar o virus. Durante a última xornada realizáronse un total de 1.724 PCR, que suman xa 125.832.

Un hostaleiro vigués pide prisión para trece empregados por ameazas e unha indemnización de máis de 700.000 euros

Un hostaleiro vigués denunciou por ameazas, coaccións e danos, a 13 dos seus empregados, para quen pide penas de prisión e o pago de indemnizacións que suman máis de 700.000 euros. Os traballadores sentarán no banco dos acusados dun xulgado penal de Vigo os próximos 28,29 e 30 de outubro.

Os feitos remóntanse ao ano 2010, cando este empresario, administrador da mercantil Oh Vigo!, fíxose co contrato administrativo da cafetaría do Hospital Meixoeiro (porque a anterior empresa crebara) e subrogou aos seus traballadores, aceptando as condicións laborais do último convenio, asinado en 2007.

O empresario sostén que non podía cumprir as condicións económicas dese convenio e, por ese motivo, suscitouse un conflito laboral por falta de pagamento de salarios e despedimentos de traballadores. A partir dese momento, en 2010, e segundo sostén a acusación particular, os acusados iniciaron unha serie de accións, “actos vandálicos” e medidas de “presión” coa finalidade de que o hostaleiro accedese ás súas peticións.

Segundo denunciou, entre 2010 e 2014 sucedéronse estes actos, como danos nas instalacións da cafetaría, colocación de carteis e adhesivos nos que o insultaban, pancartas no hospital e outros lugares e vías públicas, ameazas directas ou indirectas, concentracións diante da cafetaría (nas que instaban os clientes a non entrar) e mesmo danos no seu vehículo e o da súa muller.

O conflito mantívose mesmo a pesar de que empresario e representación sindical chegaron a asinar dúas renovacións do convenio, e un laudo de convenio arbitral tras unha folga indefinida.

A acusación particular considera que estes 13 procesados actuaron de común acordo para presionar ao empresario e facer que desistise da xestión da cafetaría, ocasionándolle un prexuízo persoal (sinala que sufriu un “trastorno psiquiátrico de ansiedade”), e tamén un dano á imaxe da empresa.

Por todo iso, o denunciante reclama que cada acusado sexa condenado a 2 anos de cárcere por coaccións, a outros 2 anos de prisión por ameazas, e ao pago dunha multa de 3.600 euros polos danos causados ás instalacións (mobiliario, fechaduras, circuíto de cámaras de vixilancia…).

Así mesmo, en concepto de responsabilidade civil, reclama o pago de indemnizacións que suman algo máis de 730.000 euros polos danos morais ao prexudicado, polos danos causados nas instalacións, polos danos causados polo lucro cesante e polo dano á imaxe comercial da empresa.

ACUSACIÓN PÚBLICA

Pola súa banda, a Fiscalía tamén formulou acusación, pero cingue a responsabilidade dos feitos a tres dos traballadores (aínda que admite que puideron participar outros empregados non identificados), aos que imputa un delito de coaccións, un delito de danos e dúas faltas de danos.

O ministerio público considera que os acusados “participaron activamente nunha campaña de presión” contra o empresario nos anos 2013 e 2014, que incluía pintadas e carteis con “frases insultantes”, danos nas instalacións, e outras accións, encamiñadas a producir un dano na imaxe da empresa e a perturbar o exercicio da actividade da mesma.

Por iso, pide para un dos acusados un ano e medio de prisión, e o pago dunha multa de 120 euros; para un segundo acusado, solicita un ano de cárcere e o pago dunha multa de 1.080 euros; e para o terceiro, o pago de multa de 1.800 euros.

Con respecto á responsabilidade civil, pide que os acusados paguen indemnizacións que suman uns 1.000 euros, polos danos causados no circuíto de cámaras de vixilancia da cafetaría.

Con todo, e aínda que considera que o xerente de Oh Vigo! sufriu un trastorno de ansiedade, a Fiscalía sinala no seu escrito que non se acreditou que devandito trastorno se deba especificamente a estes feitos, xa que a empresa “estivo inmersa en numerosas folgas, e numerosos xuízos por despedimento dos que derivaron pezas de execución de indemnización en favor dos traballadores”.

Finalmente, o ministerio público solicita tamén o arquivo de todos os feitos anteriores (ocorridos entre 2010 e 2012) porque “só quedaron acreditados feitos illados de natureza leve”, xa prescritos ou cuxo autor ou autores non foron identificados.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed