Inicio Blog Páxina 2039

Detido o condutor implicado no accidente no que morreron unha nai e os seus dous fillos en Salceda

0

O condutor implicado no accidente entre dous vehículos no que faleceron unha nai e os seus dous fillos en Salceda o pasado mes foi detido pola Garda Civil.

Fontes da Benemérita confirmaron que a detención tivo lugar este venres, despois de que este home, A. L., de 32 anos de idade, que permanecía ingresado no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo por mor das lesións derivadas do accidente, recibise o alta.

Tras explicarlle os seus dereitos, acordouse co Xulgado de Primeira Instancia e Instrución 1 de Porriño, que investiga o suceso, permitir a súa posta en liberdade dadas as secuelas que presenta debido ao accidente. Así, este home permanece pendente de que o xulgado o chame a declarar.

En concreto, atribúenselle tres delitos de homicidio por imprudencia grave e un delito contra a seguridade viaria, xa que deu positivo nas probas de alcoholemia que se lle practicaron tras o accidente.

Unha empresa do Porriño revoluciona a bolsa tras sacar un medicamento que está funcionando contra a covid

0

PharmaMar, empresa radicada no Porriño, anunciou que o seu ensaio clínico Aplicov-PC, con Aplidin (plitidepsina), para o tratamento de pacientes adultos con Covid-19, que requiren ingreso hospitalario, alcanzou os obxectivos primario de seguridade e secundario de eficacia. Un anuncio que fixo disparar a empresa en bolsa.

En concreto, segundo explicou a compañía, avaliáronse no estudo tres cohortes de pacientes con tres niveles de doses diferentes de plitidepsina (1,5 mg, 2 mg e 2,5 mg), administrados durante tres días consecutivos e a carga viral dos pacientes avaliouse cuantitativamente e de forma centralizada ao comezo do tratamento e nos días 4, 7, 15 e 30 posteriores.

O estudo demostrou unha notable redución da carga viral nos pacientes entre os días 4 e 7 posteriores ao comezo do tratamento, de forma que a redución media da carga viral a día 7 foi do 50%, e do 70% a día 15. Máis do 90% dos pacientes incluídos no ensaio presentaban ao comezo cargas virais medias ou altas.

O 80,7% dos pacientes foron dados de alta médica o día 15 de hospitalización ou antes, e un 38,2% antes do día 8 (segundo o protocolo, deben estar un mínimo de 7 días ingresados). Así mesmo, obsérvase, segundo a firma, un paralelismo notable entre a diminución da carga viral, a melloría clínica e a resolución de pneumonía, así como caída de parámetros de inflamación, como a Proteína C-reactiva (PCR).

TRAS O TRATAMENTO, SEN SÍNTOMAS

A día 30, na visita clínica programada, ningún dos pacientes tratados con plitidepsina desenvolvera síntomas ou signos derivados da infección por Covid-19. PharmaMar resaltou que estes resultados confirman tanto a seguridade como a actividade.

“A seguridade xa se viu noutros estudos, con aproximadamente 1.300 pacientes oncolóxicos tratados a doses moito máis altas, e a actividade xa se viu en estudos ‘in vitro’ e ‘in vivo’ en diferentes laboratorios de prestixio internacional”, sinala a firma.

Tras os resultados obtidos neste primeiro grupo de pacientes, co fin de manter o estudo aberto nos hospitais, permitir o acceso ao tratamento a aqueles pacientes que o necesiten, a compañía obtivo da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) autorización para unha extensión da cohorte de pacientes. Isto, ademais, permitirá obter máis datos sobre o tratamento nesta indicación.

Con estes datos, a compañía iniciará, nos próximos días, conversacións coas axencias reguladoras para definir o próximo estudo de fase III de rexistro de plitidepsina en pacientes con Covid-19 que requiren hospitalización. A firma sinalou que os datos completos do estudo publicaranse en próximos congresos científicos e/ou nun artigo nunha revista médica de prestixio.

ACCIÓNS

Estes ensaios provocaron que as accións de PharmaMar se teñan disparado máis dun 6% nos primeiros compases da sesión tras anunciar que o seu ensaio clínico Aplicov-PC. En concreto, os títulos da compañía anotábanse unha subida do 6,4% próximas as 10.00 horas, ata intercambiarse a un prezo de 138,4 euros.

Os médicos de Atención Primaria de Vigo manteñen a loita

Os médicos de Atención Primaria da área Sanitaria de Vigo continúan coas protestas tras a folga.

Os sanitarios concentráronse este xoves ás portas de cada un dos centros de saúde para presionar ao xerente da EOXI de Vigo a aceptar as súas reclamacións ou que dimita.

O PP carga contra Caballero: “Os teloneiros dos concertos deberían ser os grupos locais, non o alcalde”

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo denunciou este luns a utilización “partidista” que, ao seu xuízo, fai o alcalde da cidade, Abel Caballero, da cultura, e puxo como exemplo ao museo MARCO.

Nunha rolda de prensa, a concelleira popular Teresa Egerique criticou a “desidia, falta de tolerancia e respecto” do goberno local cara aos movementos culturais vigueses, e lembrou que, no último encontro con estes colectivos, “a cadeira do PSOE estaba baleira”.

A edila, quen advertiu de que “a cor política non pode primar na cultura”, referiuse ao museo MARCO, “sen ter nada que reprochar ao novo director”, pero sinalou que “a falta de democracia é evidente”. “Fomos expulsados do padroado, e converteuse no museo do PSOE”, lamentou.

Por outra banda, criticou a redución de orzamento para promoción cultural, que se reflicte en cuestións como o “abandono” do Arquivo Pacheco, da Pinacoteca ou das políticas de promoción das actividades museísticas.

Tamén denunciou que “Caballero fai oídos xordos ás propostas doutros grupos en materia cultural”, como a promoción de artistas locais, “que deberían ser os teloneiros nos concertos de Castrelos, e non o alcalde”.

Vigo prepara unha manifestación para que a Xunta asuma responsabilidades da súa política sanitaria

A central sindical CIG-Saúde vén de chamar a toda a cidadanía da comarca de Vigo a participar na manifestación convocada para este xoves 27 de decembro, co obxectivo de esixir unhas condicións laborais e unha atención sanitaria de calidade na Atención Primaria.

A marcha tamén se convoca en apoio dos 25 xefes/as de servizo e unidade que presentaron a súa dimisión hai dúas semanas en protesta pola situación na que se atopa a Atención Primaria desta área sanitaria.

A manifestación, que discorrerá baixo o lema “Pola Dignidade na Atención Primaria”, sairá ás 20:00 horas do PAC situado na rúa Pizarro (antigo Hospital Xeral), pasará pola Praza dos Cabalos e seguirá por Gran Vía e Urzáiz para rematar na rúa Príncipe.

A CIG-Saúde de Vigo considera que o Goberno galego ten que asumir de xeito inmediato as responsabilidades polo fracaso da súa política sanitaria e apostar de maneira decidida pola Atención Primaria, con medidas que permitan a dignificación do traballo das e dos profesionais. Para a central sindical a actual situación require dunha resposta global ao conxunto da Atención Primaria que pasa por un compromiso político do máximo nivel para dotar de recursos humanos aos nosos centros de saúde e PAC.

PACs en pé de guerra/ Miguel Núñez

Para lograr este obxectivo, a CIG-Saúde propón, entre outras medidas, incrementar o orzamento dedicado á Atención Primaria, “de xeito que permita incrementar o número de profesionais con contratacións estábeis, cubrindo as necesidades reais con prazas estruturais e realizando unha Oferta Pública de Emprego do 100% das prazas realmente existentes, rematando cos efectos perversos da taxa de reposición”.

Ademais, esixen unha resposta satisfactoria para “as demandas dos e das profesionais dos PAC, que levan máis de seis meses de conflito e que, diante da pasividade da Administración, teñen convocada unha folga que non é máis que un sinal de desesperación diante da súa incapacidade para dar resposta á atención continuada, ás urxencias e ás emerxencias que se producen”.

Ana Pontón e Xabier P. Igrexas/ BNG

Asimesmo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou hoxe mércores na cidade de Vigo, no acto de presentación da campaña en defensa da Sanidade pública galega e apoio á manifestación que terá lugar mañá xoves 27 na cidade olívica contra os recortes e privatizacións.

A portavoz do BNG cualificou de “irresponsable” unha política “que xoga coa saúde das persoas”, pero o PP e Feijóo, dixo, “continúan na senda das privatizacións e recortes como acontece en Vigo con 400 camas menos no Hospital Álvaro Cunqueiro. Un hospital, que por outra banda vai costar a todos os galegos e galegas “tres veces máis” porque o PP impediu que fose unha infraestrutura pública”, denunciu.

A nacionalista salientou que a dimisión de 25 Xefes de servizo na Área sanitaria de Vigo de Atención primaria son “o resultado do malestar dos e das profesionais que non poden administrar “a miseria” á que está conducindo o Partido popular a nosa sanidade”.

Pontón criticou duramente as declaracións de Feixóo referíndose a tensión que está creando a oposición ao que a nacionalista replicou que “non é a oposición quen tensiona a sanidade, esa tensión a provoca a política que recorta medios, persoal médico e sobre todo quen non ten capacidade para dialogar e escoitar os problemas dos profesionais”.

Pontón avogou por un plan en Atención primaria con 200 millóns de euros para contratar máis persoal, acompañado dun plan de estabilidade para todas esas persoas que traballan en precario, así como facilitar o retorno dos e das profesionais que se viron obrigados a buscar traballo fora da Sanidade pública e do noso país. “Resulta evidente que o Consellerio de sanidade é parte do problema pero non chega coa súa dimisión, é necesario cambiar a política sanitaria”, concluíu.

Pola súa parte, o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, manifestou que Vigo é un exemplo de como a política do Partido popular é unha “seria ameaza para a saúde”.

Abel Caballero, en rolda de prensa/ Miguel Núñez

“Non hai médicos que queiran traballar aquí, non ofertan contratos atractivos, rozan a escravitude, non temos traballadores suficientes para ofrecer á poboación a cobertura sanitaria”.

Elisa Ausín Rodríguez, médico de Familia en centros de saúde desde 2002, ou como ela mesma definiuse médico especialista en urxencias extrahospitalarias, compareceu no Pleno da Corporación Municipal deste mércores para explicar a situación actual da Atención Primaria e dos PACs na área de Vigo.

A intervención da doutora acabou coa votación por parte da Corporación dunha proposta do alcalde, Abel Caballero, para apoiar a marcha convocada para este xoves ás 20:00 horas desde o Xeral. A proposta foi apoiada polos concelleiros do PSOE e da Marea, mentres que o PP non votou e mostrouse a súa disconformidade co procedemento por non estar previsto na orde do día.

Previamente, Elisa Ausín describiu a situación diaria que padecen os traballadores da atención sanitaria. “A política sanitaria de recortes da Xunta levounos a esta situación, non hai médicos e a previsión apunta a que va a ir a peor nos vindeiros anos”, sinalou.

A doutora tamén puxo de manifesto o “estrés e ansiedade que provocan baixas laborais, é a pescada que morde a cola”. Igualmente, relatou o que eles denomina como “axenda chicle”, posto que comezan a xornada con 37 citas e poden acabar atendendo a 67 pacientes.

“Privan aos traballadores dos servicios básicos e negan dereitos, temos os complementos conxelados no soldo desde hai dez anos, a atención é excelente gracias ao esforzo de uns traballadores que están ao borde da extenuación“, dixo Elisa Ausín.

O alcalde, Abel Caballero, definiu a intervención como “clara e brillante” e o edil Rubén Pérez amosou o apoio do grupo municipal da Marea de Vigo aos traballadores da sanidade para manifestarse este xoves polas rúas de Vigo.

Pola súa banda, o concelleiro Ángel Piñeiro explicou que o modelo organizativo actual “deu cobertura a miles de galegos, co esforzo de todos os profesionais e coa creación de centros de saúde, logrou un gran cambio na sanidade viguesa co novo hospital e a xerencia única”.

O socialista Cayetano Rodriguez indicou que “non falamos dunha crise de profesionais, é algo máis, é unha crise global, sistémica da sanidade pública en Galicia” e sinalou que “non pasa en todos os sitios, se os profesionais marchan de Galicia é porque a condicións de contratación son peores que en outros sitios, as evidencias o avalan, o demais é mentir”.

O BNG propón en Vigo aumentar un 50% o IBI para as vivendas desocupadas e aplicalo aos edificios da igrexa

O Bloque Nacionalista Galego presentou un total de 24 alegacións, entre reclamacións e suxestións, ás ordenanzas fiscais e prezos públicos do Concello de Vigo para o exercicio 2019, que foron aprobadas inicialmente o pasado 5 de setembro.

As alegacións nacionalistas propoñen a aplicación de fórmulas legalmente previstas, como as bonificacións, os aprazamentos e as exencións, para “avanzar cara a unha fiscalidade municipal socialmente xusta”, defenden.

“Nunha cidade con máis de 23.000 persoas sen emprego e máis de 60.000 en risco de pobreza e exclusión, os impostos e as taxas municipais teñen que ir gañando en progresividade, para reducir o esforzo fiscal de quen menos pode”, defende o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.

No relativo ao IBI, o Bloque demanda unha vez que se aplique a todos os edificios propiedade da igrexa católica que non estean exentos, e que ao mesmo tempo se aplique unha bonificación do 95% dese imposto á Universidade de Vigo e aos locais de entidades sen ánimo de lucro que se destinen a actividades de carácter social.

Por outra parte, e co obxectivo de estimular a oferta de alugueiro social, o BNG propón aplicar un recargo do 50% do IBI ás vivendas que fiquen desocupadas durante máis de 24 meses e que non sexan ofertadas nalgún programa público.

Xabier P. Igrexas, candidato polo BNG á alcaldía de Vigo/ Miguel Núñez

En relación ao recibo da auga, os nacionalistas volven exixir unha novo sistema de tarificación do consumo de auga en base ao consumo real, e que fiquen exentas as familias de escasos recursos ou perceptoras da RISGA.

Por último, no tocante ás tarifas do billete do transporte urbano, o Bloque pide a conxelación do prezo do billete ordinario e de todos os bonos. Ademais, volven demandar que se equipare o prezo do bono social ao do bono universitario (0,67 euros), que se eleve o tope para ser beneficiaria do bono pensionista II ao 120% do salario mínimo (para aproximarse ao importe da pensión media), e a creación dun bono social II que faga gratuíto o autobús para persoas desempregadas de longa duración e persoas perceptoras de pensións non contributivas ou sen pensión.

Piden medidas contra a pobreza enerxética, cando a luz xa subiu un 25% desde 2017

0

Asistimos a unha constante escalada de prezos na enerxía eléctrica. En Galicia, no ano actual, xa se supera en máis do 25% o prezo do ano 2017. “Nesta realidade, máis de 250.000 galegos están en situación de pobreza enerxética e soamente 2.500 familias recibiron o chamado bono eléctrico”, lembran desde Compromiso por Galicia.

Diante da inminente chagada do inverno, dende Compromiso por Galicia dirixíronse á FEGAMP (Federación Española de Municipios e Provincias), para propoñer unha medida concreta en Galicia.

Polo tanto, solicitan a creación dunha ordenanza común de mínimos para os Concellos galegos, que regule o prezo dos voadiños e postes das liñas eléctricas. O recadado por este sistema se transformaría nunha axuda directa as familias para investir en aforro enerxético e custes.

Activistas contra a pobreza
David, no asilo de Vigo, carentes de luz e auga e durmindo en tendas/ Miguel Nuñez

Dentro da ordenanza, piden gravar de forma máis dura aquelas liñas de servizo para empresas produtivas cuxa razón social estea fora de Galicia, como incentivo para o asentamento real das nosas empresas.

“Galicia é unha produtora de primeiro nivel de enerxía, non é lóxico que sexamos os que máis paguen pola enerxía diante da pasividade de gobernos de PP e PSOE nas administracións competentes”, concluíron.

Piden investigar os beneficios de Vitrasa, mentres que na Coruña baixa o prezo do autobús urbano

A cidade herculina acaba de facer efectiva unha rebaixa nos billetes de transporte público, un 8% no billete ordinario, quedando este en 1.20 euros, e un 30% o billete social (0,23 euros fronte aos 0,69 de Vigo).

En Vigo, para este 2018, Vitrasa considerou unha suba de 3 céntimos (finalmente aceptada polo Concello de 2 céntimos) para facer fronte aos custos do novo convenio colectivo e sobre os incrementos salariais por categoría, “mais, segundo o que que vén de denunciar o comité de empresa, as condicións laborais se precarizan sen vergoña ningunha e o diñeiro público obtido non repercutiu en todos os aspectos laborais utilizados pola empresa como escusa”, denuncian desde Marea de Vigo.

Esixen empezar a falar xa do fin da concesión de Vitrasa en 2019. Marea de Vigo tamén quere lembrar que están sen facer as auditorías anuais que esixe obrigatoriamente o prego (artigo 62), e precisamente son estas as que, en concellos como o de A Coruña, xeraron a rebaixa do billete anunciada no día de onte, domingo 23 de setembro.

“A intensa fiscalización, na que se comprobou que o beneficio para a empresa concesionaria era excesivo incluso baixo á a normativa europea, fixo posible esta rebaixa, sería bo fiscalizar a VITRASA para tamén poder saber en Vigo se a empresa está lucrándose inxustamente cos cartos da veciñanza viguesa, directa e indirectamente” conclúe Rubén Pérez.

Un 24 horas de Vigo enfróntase a unha multa de entre 3.000 e 6.000 euros por vender alcohol á unha da mañá

Á 00:55 horas horas do día 2 de xuño axentes da Policía Local de Vigo, que
patrullaban pola zona centro, observaron que dun establecemento 24 horas, saía un varón que portaba unha bolsa con bebidas, podendo ser algunha delas alcohólica.

Os Axentes achegáronse ao varón en cuestión, de 37 anos, mostrando o contido
da bolsa, sendo unha das bebidas, unha botella de whisky. Os Policías entraron no establecemento, e observaron dentro do mesmo a outros dous clientes, maiores de idade, e como a dependenta dispensaba a un deles un botella de refresco e outra de vodka, a cal intentou esconder tralo mostrador cando se decatou da presenza dos axentes.

Identificouse á dependenta do local, informándolle da prohibición de vender
alcohol a esa hora. Segundo a redacción da Lei Galega 11/2010 de 17 de decembro, sobre prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, e ademais da prohibición xeral de dispensa do alcohol a menores,  establécese a prohibición da venda de alcohol entre as 22:00 e as 09:00 horas do día seguinte.

Exclúese da prohibición anterior, a venda para o consumo nos propios
establecementos. Salvo nesa excepción, o incumplimiento do precepto anterior, é constitutivo dunha infracción grave, cuxa sanción económica discorre entre 3.005,07 e 6.010,12 euros (tres mil cinco euros e sete céntimos e seis mil dez euros con 12 céntimos); sanción á que se enfrontan os responsables do local.

Ás 22:58 horas dese mesmo día, un cidadán solicitara a intervención policial, informando de que localizara a unha menor na vía pública, co que parecía un coma etílico. A menor foi traslada a un centro hospitalario e informouse aos pais do suceso.

O lixo das augas do Porto de Vigo: sacos de pilas, motores, plásticos e estruturas de formigón

O Porto de Vigo retirou 30 toneladas de residuos dos fondos na zona do peirao de reparacións e a dársena número 1 de Bouzas durante catro xornadas de traballo. Segundo detallou a Autoridade Portuaria, a limpeza efectuada permitiu retirar case 30 toneladas de residuos moi voluminosos e pesados, como mortos de formigón, marañas de aparellos, cables de aceiro, pneumáticos e unha gran defensa.

Tamén se recolleron estruturas metálicas, cabos, residuos de despezamento, como chapas metálicas e plásticas, restos de motores, tubos de plástico, baterías, tres botellas de gas a presión e varios sacos de pilas. Ademais, a colaboración entre o Porto e o xestor de residuos facilitou que a práctica totalidade dos residuos retirados se revalorice.

Os traballos foron especialmente laboriosos e lentos dada a gran cantidade de residuos e lodo, que dificultaron a visibilidade, e os barcos atracados, que retardaron a operativa debido á necesidade de garantir a seguridade dos mergulladores.

Esta actuación busca contribuír á rexeneración dos fondos e enmárcase na área de traballo de Biotecnoloxía Azul da estratexia de Crecemento Azul da Autoridade Portuaria de Vigo. Así, as limpezas efectuadas durante 2020 en diversas dársenas do Porto permitiron a retirada de case medio centenar de toneladas de residuos.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed