Para estudar as posibilidades de establecer liñas de colaboración coas principais zonas francas mundiais e analizar as potencialidades de comercio que se poidan abrir cos mercados asiáticos, o delegado da Zona Franca, David Regades, conxuntamente con varios técnicos da mesma, está a participar no Cume da Organización Mundial de Zonas Francas que se está celebrando esta semana na Zona Franca de Hengqin, na cidade-prefectura de Zhuhai, provincia de Cantón, ao sur da República Popular China.
No marco deste congreso mundial, o Delegado presenta este mércores os diferentes proxectos que se están desenvolvendo nestes momentos na Zona Franca de Vigo, particularmente as posibilidades que se abren para introducir produtos en España e Portugal a través dos almacéns de Bouzas e as posibilidades de implantación de empresas na nova superficie industrial da PLISAN.
Reunión de Zonas Francas en China/ Zona Franca de Vigo
Baixo o lema “Cooperation, New Development”; a Organización Mundial de Zonas Francas está a crear unha plataforma global para que os responsables de zonas francas se comuniquen, compartan e coñezan as últimas tendencias na xestión destas áreas libres de impostos e máis particularmente, das zonas francas de China.
Nesa liña, despois dos tres días deste en Zhuhai, e para obter un coñecemento máis detallado sobre as zonas de libre comercio de China, a delegación viguesa visitará e manterá reunións de traballo cos xestores da Zona Franca de Tianjin, a cuarta cidade máis poboada de China e onde nos últimos anos, ao redor de 285 empresas “ Fortune 500” estableceron a súa base convertendo á histórica cidade nun novo polo de crecemento en centro da industria e as finanzas.
O pasado luns 8 de outubro Caballero deu unha rolda de prensa no concello, e o Faro de Vigo, que a Oficina de Dereitos Sociais acusa de ser “o medio do réxime”, titulou: “El cheque social bate todos los récords y el Concello pagará 5.611 ayudas desde el jueves”.
O alcalde falaba ante os medios da resolución do programa de Axudas Extraordinarias a Familias, o coñecido como “Cheque Social”. Pero todo isto son, para a Oficina de Dereitos sociais de Coia, “grandes números pensados para a galería e para encher -semana tras semana- a cidade de noticias “fake”.
“Fronte aos titulares, nós padecemos a crúa realidade. Os números dos que non fala o alcalde son que das 2950 solicitudes, algo máis de 1000 ficarán fóra destas axudas. Alén dos números, o que nos alporiza é ollar como dende o goberno frivolizan coa nosa miseria”, denuncian.
“Esta mañá acudiron unhas veciñas a preguntar se tiñamos novas sobre a resolución do cheque social. Escoitaran hai unha semana as verbas do alcalde dicindo que ían iniciar o pagamento dos mesmos. Nos servizos sociais e no teléfono de información municipal, nada sabían”, lamentan.
“Para os que mandan, 7 días sen saber nada duns centos de euros non son problema. Porén, para aquelas que ficamos sen recursos suficientes para iniciar e rematar os meses, unha semana é demasiado tempo. En moitas asembleas e xuntanzas preguntámonos canto tempo serían quen de aguantar Caballero ou Feijóo cos 400 € dunha RISGA ou dunha Pensión Non Contributiva”, reflexionan.
Para a Oficina de Dereitos Sociais de Coia, o “cheque social” ou a RISGA “lonxe de sacarnos da miseria, afóndannos máis nela. Lonxe de mudar as condicións que orixinan a nosa desposesión, fixan e lexitiman estas políticas de mal reparto”.
“Fronte a deriva asistencialista, privatizadora e recortadora das políticas sociais da cidade, esiximos dereitos sociais fortes que garantan unha vida digna para todas. Abonda xa de facer negocios coa nosa miseria e de criminalizarnos polo feito de seren empobrecidas”, selan.
O grupo municipal da Marea de Vigo reunise ao comezo desta terceira semana de outubro coa asociación de comerciantes do barrio de Pereiró (ACOPE), asociación que leva máis de dous anos denunciando a situación na que se atopan as súas beirarrúas e solicitando, tanto na Xunta coma no Concello de Vigo, a realización das xestións necesarias para clarificar as competencias de cada administración sobre os terreos que ocupa o treito inicial da PO-330 (Avenida de Castrelos) para poder executar as obras de humanización que precisa o barrio.
Marea de Vigo apoia estas demandas e pide que se executen xa as cesións correspondentes nesta zona. “Non é admisible que a veciñanza do barrio, que paga os mesmos impostos que o resto de vigueses e viguesas, teña que vivir con beirarrúas por onde nin pode pasar un carro de bebé ou mesmo carecen de luz pola noite por falta de espazo para poñer unha farola” subliña Rubén Pérez.
“Este tipo de actuacións son as que o Goberno local ten que levar a cabo como humanizacións (cumprindo así co falado coa veciñanza, neste caso con ACOPE), e non os proxectos de mellora no pavimento que vén de anunciar o alcalde, proxectos que non son humanizacións, senón simplemente o botar piche e desbrozar valados típico de cando chegan os procesos electorais”.
Marea de Vigo lembra que “máis do 36% dos veciños e veciñas de Vigo non viven no núcleo urbano da cidade e que apenas o 17% das inversións en obra pública consignadas neste orzamento 2018 acaba destinado aos seus barrios”.
“Ademais, na maioría dos casos, os proxectos non conteñen a mellora da rede de saneamento e subministro de auga coa que en moitas ocasións o goberno e a concesionaria as xustifican. Nuns barrios onde ademais a rotura das tubaxes está a orde do día” engade Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal.
As obras de asfaltado da ponte de Rande, que provocan retencións e tráfico lento a diario (as últimas esta fin de semana, coincidindo co ‘derby’ e a afluencia ás praias) son unha “chapuza”. Así o suliñou a alcaldesa de Moaña, a nacionalista Leticia Santos, que criticou a “falta de respecto institucional” do Ministerio de Fomento.
“Non só non comunicou no seu día que as obras de Rande estaban sen acabar, senón que tampouco aclara cando finalizarán eses traballos. É unha auténtica chapuza na xestión e falta de respecto institucional. Os veciños están absolutamente fartos“, sentenciou. Santos tamén lamentou que as obras de asfaltado non se realizan “con celeridade”, xa que o ritmo descendeu en comparación ás quendas de traballo que había para a ampliación da ponte.
“INTOLERABLE”
Para o deputado do BNG, Luís Bará, as obras están acabando coa “paciencia” dos cidadáns e esixiu a Fomento que abra expediente sancionador á concesionaria da autoestrada AP-9, Audasa. En declaracións aos medios, o parlamentario constatou que a situación é “intolerable”, e lembrou que a ampliación da ponte inaugurouse a finais do ano pasado “para favorecer os intereses” da empresa, aínda cando as obras non estaban rematadas.
Leticia Santos, alcaldesa de Moaña / BNG
“O que máis nos preocupa é a pasividade do Ministerio de Fomento, coa complicidade da Xunta, que permite esta estafa e este abuso”, proclamou, e esixiu “que se empecen a pór multas” a Audasa “pola desastrosa xestión” destas obras e da autoestrada en xeral. Así mesmo, reclamou “medidas compensatorias” para os usuarios que, despois de estar “até unha hora” atrapados na ponte, teñen que pagar a peaxe.
AUTOVÍA DO MORRAZO
Por outra banda, e a preguntas dos medios, a alcaldesa referiuse tamén ás obras de conversión do corredor do Morrazo en autovía, e celebrou a próxima apertura, “no prazo pactado”, dos tramos que xa están desdobrados.
Non entanto, incidiu en que Moaña non participará en ningún acto nin inauguración ata que a Xunta non repoña os viais municipais danados polo paso de camións pesados e solucione os problemas de condución de augas pluviais, que están a causar perxuízos a vivendas.
Traballadores da concesionaria de bus urbano de Vigo, Vitrasa, concentrouse este venres fronte ao Concello da cidade, coincidindo coa segunda xornada de folga, para denunciar os incumprimentos da empresa e o “inmobilismo” do goberno municipal ante o conflito. Así, o persoal trasladou as protestas ás portas do consistorio, e lembrou que a empresa responsabiliza ao goberno local dos atrasos nos pagos das nóminas.
Os traballadores de Vitrasa viven este venres o seu segundo día de folga, convocada para denunciar o incumprimento do convenio colectivo, a negativa da empresa a negociar un novo acordo e as condicións laborais que sofren, con xornadas de condución continuada durante 10 horas e situacións de tensión “extrema”.
Tamén recalcaron que a prestación do servizo é deficiente por falta de persoal e moitas veces impídese aos viaxeiros subir ao bus nas paradas por ter aforamento completo, “habendo buses nas cocheiras”.
Segundo explicaron, ante esta situación, o Concello, “como adxudicador” do servizo, debería requirir á empresa “para que dea unha solución inmediata”. Do mesmo xeito, criticaron que o alcalde, Abel Caballero, non respondese á súa solicitude de manter un encontro.
A folga continuará durante todo o fin de semana (sábado e domingo) e anunciaron que se concentrarán nas inmediacións de Montero Ríos, onde os próximos días celébranse as competicións do festival O Marisquiño.
Un acusado de bicar na boca a unha nena de dez anos coa que convivía en Vigo, J.R.R.P., aceptou unha pena de dous anos de prisión por un delito de abuso sexual que se suspendeu durante un período de catro anos coa condición de que non volva delinquir.
A vista, sinalada para este mércores na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, non se celebrou ao alcanzar as partes un acordo de conformidade que supuxo unha rebaixa de oito meses na pena de prisión que pedía inicialmente a Fiscalía para o procesado. Ademais, acordouse unha suspensión da condena durante catro anos condicionada a que este home, que deberá indemnizar á menor en 600 euros que abonará mediante pagos mensuais de 25 euros, non volva delinquir.
Tamén se lle impuxo a prohibición de aproximarse á nena e de comunicarse con ela durante un período de catro anos, o que non afectará o seu lugar de residencia dado que a menor abandonou o domicilio hai meses. En concreto, segundo recolleu o Ministerio Público no seu escrito de acusación, o procesado vivía coa súa parella na mesma vivenda na que residía a nena coa súa nai e os seus irmáns, aínda que noutra habitación.
O día 2 de outubro de 2020, despois de que a nai da menor abandonase o inmoble para realizar uns recados, o procesado chamou á nena, que se dirixía á cociña, e, “guiado por un ánimo libidinoso e para satisfacer os seus instintos sexuais”, colleulle a cara e “deulle sorpresivamente un bico na boca”. Ante o estado de perturbación e nerviosismo sufrido, a nena foi veloz a deixar os utensilios á cociña, encerrouse coa súa irmá de sete anos na súa habitación e chamou á súa nai por teléfono.
Nova denuncia contra a falta de persoal en centros sanitarios de Galicia. O derradeiro berro contra unha problemática denunciada dende hai anos ao longo da Comunidade vén de xurdir da Guarda. Fontes do equipo médico deste concello do Baixo Miño subliñan que están a atravasar unha situación “límite” dende hai xa “arredor dun ano”: catro prazas cubertas con persoal fixo dun total de oito.
Álvaro Lamas fai de portavoz de todo o colectivo implicado. El é médico de familia do centro en cuestión e vive en primeira persoa a “sobrecarga” derivada desta falta de persoal. Segundo explica, as deficiencias orixináronse a raíz de baixas de longa duración e profesionais que, por razóns diversas, solicita adecuacións para poder traballar nas instalacións doutro concello.
O resultado é que o centro de saúde da Guarda estaríase a manter tan só con catro traballadores fixos ou con contratos de certa duración, mentres que o resto consisten en contratacións esporádicas ou por horas. “Vanse parcheando con persoal doutros centros que vén aquí prolongar xornada”, apunta Lamas, que explica que a problemática se estende tamén ao eido da enfermería, limitado de por si pola derivación de traballadores á campaña de vacinación.
Estas deficiencias, que segundo apunta o sanitario se virían prolongando dende hai xa arredor dun ano, nun coidado menos especializado. “Van chamando a ver quen se presta a facer horas por unha determinada cantidade”, explica Lamas, que cifra en tres hora e media para 30 pacientes o paquete habitual. O problema estaría en que, con este modelo, a continuidade no seguimento dos pacientes resulta perdido. “Deteriora un pouco a atención ás patoloxías crónicas”, valora Lamas, que engade: “Miles de persoas que non teñen un seguimento por un médico que coñeza a súa problemática, por tanto unha discriminación”.
MÁIS CARGA DE TRABALLO
Por riba, este modelo de contratación ‘por horas’ estaría a supoñer unha maior carga de traballo para o persoal fixo, que remata facéndose cargo de urxencias máis alá das que lles corresponderían. Así é que, no centro de Saúde da Guarda, segundo denuncia Lamas, é habitual saír “unha hora ou hora media” despois da fin da quenda, cando menos sobre o papel, rematara.
Ante esta situación, no centro optaron por mobilizarse a través da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda. Á parte, e segundo as mesmas fontes, dirixíronse “en numerosas ocasións” ao Sergas para queixarse dunha situación “límite” no tocante ao persoal e para a cal o Servizo Galego de Saúde non achega solucións.
“Sempre nos din o mesmo: que non hai persoal, que tentan facer o que poden pero que non hai médicos suficientes para contratar”. Lamas non resta credibilidade ao argumentario do Sergas, pero engade que esta falta de persoal “é produto das políticas dos últimos anos”. Apunta, neste aspecto, á tan denunciada precariedade contractual, “unha taxa de resposición moi baixa” e, en suma, unhas malas condicións que levarían aos profesionais da sanidade a marchar a outras áreas sanitarias, Comunidades Autónomas ou mesmo especialidades.
A problemática da fuga de traballadores déixase sentir con especial virulencia en concellos como a A Guarda, que teñen que competir cos centros sanitarios de núcleos como Vigo e Redondela sen incentivo algún. “Falta xente para contratar pero tampouco dan pasos para mellorar as condicións contractuais”, espeta Lamas, que deixa caer unha última adertencia: “agora chega o verán, cando se multiplica a poboación da Guarda pola xente que ten segundas residencias, co cal é unha situación bastante crítica”
As cinco denominacións de orixe en Galicia recolleron na última vendima máis de 64 millóns de quilos de uva, dos que o 83,5% corresponde a variedades brancas (máis de 53 millóns de quilos) e o 16,5% a variedades tintas (máis de 10 millóns de quilos).
Unhas cifras que sitúan a vendima de 2018 como a segunda máis abondosa da historia, só por detrás da de 2011, e colócase un 9,7% por riba da media do decenio 2009-2018. A produción de uva foi superior nun 4,3% con respecto ao ano anterior, pasándose de 61 millóns de quilos a 64 millóns.
Batendo as uvas na vendima 2018-2019/ Enrique Martínez
Por denominacións de orixe, Rías Baixas foi a que máis uva recolleu cun amplo marxe (o 60%), seguida polo Ribeiro (14%), Ribeira Sacra (case o 10%), Valdeorras (7%) e Monterrei (case o 9%).
No que respecta ás variedades, aquelas de cultivo tradicional, potencialmente produtoras de viño de calidade, seguen ocupando un peso fundamental no conxunto da vendima: a albariña representa un 71% da uva branca total; a treixadura e o godello supoñen, respectivamente, máis dun 10% da uva branca total; e a mencía comprende case o 80% da uva tinta total.
Batendo as uvas na vendima 2018-2019/ Enrique Martínez
Tras Rías Baixas atópase a denominacións de orixe Ribeiro, a segunda en canto a volume colleitado (case 9 millóns de quilos de uva). E a terceira denominación que máis uva recolleu é a de Ribeira Sacra, con máis de 6 millóns de quilos; unha cantidade que supón case un 12% máis que o ano pasado e un 9,5% por riba da media do período 2009-2018.
A de Valdeorras tamén aumentou a súa produción este ano, ao recoller máis de 4 millóns de quilos de uva. E a de Monterrei, que recolleu máis de 5 millóns de quilos de uva, experimentou o maior incremento –case un 94 % con respecto ao ano anterior– e, de feito, esta colleita representa un 173 % da media das colleitas dos últimos dez anos.
Proceso de inclusión da cortiza/ Enrique Martínez
En total, na vendima deste ano, participaron un total de 447 adegas e máis de 10.300 viticultores.
As cinco denominacións de orixe comercializaron na última campaña máis dun 7% de viño cualificado que na anterior. E, na campaña 2016-2017, comercializaron no mercado exterior case 78.000 hectolitros, un 18,2% da produción total comercializada, o que supón un valor económico de case 40 millóns de euros.
“O ministro de Fomento José Luis Ábalos comprometeuse na súa visita a Vigo de facer estudo, licitación e obra do Ave Vigo-Madrid por Cerceda, e non manifestou ningunha dúbida, foi claro e contundente”; vén de subliñar Carlos López Font, principal concelleiro do goberno de Abel Caballero.
“Quen impón que hai que facer un estudo hidroxeolóxico é o Ministerio de Medio Ambiente, entón gobernado polo PP, e efectivamente ten unha duración determinada. Pero o que impón este informe é o goberno de Rajoy, sendo ministra de Medio Ambiente Isabel García Tejerina”, destacou Font en rolda de prensa.
“Se xa en 2015 o Ministerio de Fomento de Ana Pastor dirixira ese estudo hidroxeolóxico agora xa estaría terminado, e estaríamos xa en fase de proxecto e obra. O que fixo o ministro foi desatascar o que o PP tiña atascado, e garantir o AVE directo a Madrid por Cerceda. O que fixo Ana Pastor é paralo 5 anos, e agora está desatascado, e esta é a única realidade”, acrecentou.
Recordou Font que “o PP estivo calado mentres Ana Pastor tivo o proxecto gardado nun caixón, e, que sorpresa, agora protestan. Sucede o de sempre, cando as cousas van ben para Vigo, o PP se enfada, e parece que están enfadados porque non queren que haxa AVE directo a Madrid por Cerceda”.
Ábalos, na súa visita a Vigo/ Miguel Núñez
As asociacións de veciños de Teis e Chapela non están de acordo con estas declaracións, ata o feito de que lamentaran a visita do ministro de Fomento e as súas declaracións sobre a AP-9 como unha mostra de que “non hai nin compromiso, nin prazos concretos nin vontade política”.
Así, con respecto á peaxe de Rande-Redondela, o portavoz da asociación veciñal de Teis, Anxo Igrexas, criticou que, a pesar de que a eliminación desa taxa é “un clamor” dos veciños, dos axentes económicos e mesmo das formacións políticas, o actual ministro de Fomento “parece que non ten nada clara” esa demanda.
Igrexas advertiu a Fomento de que “non pode escudarse na concesionaria” porque a supresión da peaxe é unha decisión “que se adopta en Consello de Ministros”. “Xa estamos cansados de oír escusas”, aseverou, e advertiu de que os veciños manterán as mobilizacións.
Os portavoces veciñais concluíron que a reunión do ministro Ábalos co alcalde de Vigo, Abel Caballero, non permite ás parroquias de Teis e Chapela estar “satisfeitos” e tachou de “indignante” que o rexedor olívico expresara a súa alegría “cando o resultado da visita é cero”.
AP-9 / Miguel Núñez.
Así, criticou que Caballero buscase só “a foto e a propaganda”, e que “lle vale calquera cousa”, mesmo aínda que non se concreten prazos e nin actuacións. Pola súa banda, o presidente da Asociación de Veciños de Chapela, Marcial Pérez, subliñou que, ademais das cuestións relacionadas coa peaxe ou os accesos e saídas da autoestrada, esta parroquia redondelana ten “problemas engadidos”.
Así, lembrou os prexuízos ocasionados con motivo das obras de ampliación da AP-9 e que, segundo regulaba nunha addenda ao convenio asinado entre Fomento e Audasa para esas obras, compensaríase con actuacións de mellora dos viarios, reposición de servizos, o traslado dun colexio, ou a instalación de pantallas acústicas.
Moitas desas melloras non se executaron, recalcou, e “o ministro nin sequera fixo mención” a esa situación. Ademais, advertiu de que a supresión da peaxe debe ser unha medida previa a calquera outra actuación porque se se executan novos accesos e se incrementa o tráfico pesado (xa moi intenso) en Chapela, os veciños “sairán á rúa”.
Protesta contra a peaxe en Rande / Miguel Núñez.
Finalmente, Marcial Pérez pediu aos responsables políticos do PSOE en Galicia que “presionen” ao Goberno para cumprir os compromisos con estas parroquias, aínda que fosen anunciados polo Executivo anterior.
Do mesmo xeito, reclamou tamén a En Marea, que “sostén” ao goberno de Sánchez, que exerza a mesma presión para eliminar a peaxe e mellorar a comunicación nesa zona.