Inicio Blog Páxina 1981

Denuncian o cartel que dá a benvida a Vigo tres veces en castelán

A Mesa pola Normalización Lingüística anunciou este xoves 4 de marzo na súa conta de Twitter que viña de denunciar ante a Xustiza un panel coa lenda “Bienvenido a Vigo” disposto no futuro centro comercial que Vialia está a construír na cidade olívica.

Segundo destacaron dende a plataforma, a denuncia foi tramitada logo de chegar a información do cartaz a través da plataorma A Liña do Galego.

O cartel en cuestión é unha das primeiras estruturas xa en pé do que será o novo centro comercial Vialia de Vigo; un complexo que, segundo está previsto, acolla esa zona comercial pero tamén a nova estación intermodal olívica; proxecto dependente da Xunta de Galicia.

No letreiro da fachada aparece nunha soa liña os textos “Bienvenido a Vigo” repetido tres veces por cada cara.
En nunha segunda liña aparece a frase “Descubre la ría de Vigo” repetida tamén unicamente en castelán.

O Marisquiño celebrará competicións virtuais de deportes de risco abertas a afeccionados e profesionais

O Marisquiño celebrará unha competición virtual de ‘skate’ e BMX que contará co patrocinio do Xacobeo 2021 e estará aberta ao público, a #OMRAW, aínda que tamén disporá dun espazo no que se enfrontarán os gañadores das dúas últimas edicións, o Prol Vídeo Contest.

A iniciativa #OMRAW representa un novo concepto de competicións dixitais que busca mostrar o talento do público e os profesionais, así como ofrecer pezas inéditas de acción.

Deste xeito, os ‘riders’ de Skate e BMX que mostren os seus trucos en vídeo poderán optar a premios cuxa contía sumará 4.000 euros. O certame dividirase en catro roldas de 10 días cada unha que se celebrarán ata o 3 de setembro.

Tras a finalización de cada fase, un xurado composto pola dirección deportiva do Marisquiño e representantes do sector decidirá o truco de cada categoría que accede ao último encontro, que terá lugar entre o 4 e o 7 de setembro. Así, os catro finalistas enfrontaranse a través de votacións que se realizarán en Instagram e que permitirán a repartición dos premios por categorías.

Os interesados en participar deberán gravar un vídeo do seu truco sen música e subilo a Instagram mediante unha publicación temporal na que deberán etiquetar O Marisquiño e utilizar o ‘hashtag’ #OMRAW.

Ademais, a organización do festival de cultura urbana presentou o Prol Vídeo Contest, unha nova competición virtual na que os gañadores das edicións 2018 e 2019 do Marisquiño enfrontaranse con pezas inéditas de acción.

Profesionais como Danny León, Courage Adams, Lara Lessmann e Keet Oldenbeuving comezaron a preparar os vídeos que se publicarán nas próximas semanas. O público do Marisquiño decidirá os gañadores de #OMRAW nas súas respectivas categorías.

En concreto, a primeira batalla de BMX no marco da #OMRAW enfrontará a Viki Gómez e o gañador de 2019, Alberto Moya, e o seu vencedor coñecerase este mércores.

Gonzalo Caballero destaca que o alcalde de Vigo conta co apoio do PSdeG para volver presidir a FEMP

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, conta co apoio do Partido Socialista de Galicia para volver presidir a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Gonzalo Caballero pronunciouse deste xeito ao ser preguntado polos xornalistas sobre a disposición mostrada polo rexedor olívico para repetir no cargo de cara á próxima asemblea da FEMP que terá lugar este mes de setembro.

Na súa intervención, o xefe de filas do PSdeG lembrou que os socialistas galegos obtiveron “uns resultados históricos” nas pasadas eleccións municipais, tras as que gobernan en “tres das catro deputacións” e en “cinco das sete cidades galegas”. Ademais, incidiu en que Abel Caballero revalidou a súa maioría cun resultado “aínda máis notorio”.

“En Vigo alcanzamos un magnífico resultado, o alcalde de Vigo é un alcalde de referencia, que fixo unha magnífica tarefa á fronte da FEMP e que conta co apoio do PSdeG se a dirección federal o considera como candidato á reelección na FEMP”, destacou nunha intervención na que asegurou que o PSdeG está “totalmente aliñado” coa dirección federal.

O administrador concursal de Vulcano pide autorizar a venda a prazos

O administrador concursal do estaleiro vigués Vulcano presentou un escrito no xulgado do Mercantil 3 de Pontevedra (con sede en Vigo) no que solicita que autorice executar a venda das instalacións á única empresa que fixo unha oferta (Mariña Meridional), e que permita que se vaian entregando pagos a prazos ata o 31 de marzo.

Segundo lembrou no seu escrito o administrador, Mariña Meridional presentou unha proposta para comprar as instalacións de Vulcano por 7,8 millóns de euros: 2,5 millóns mediante a subrogación do crédito hipotecario do ICO, 1,7 millóns mediante a subrogación do crédito do FOGASA, 3,5 millóns en cheques bancarios, máis os 70.000 euros xa depositados no xulgado.

Á espera de que o FOGASA autorice a subrogación da débeda, o administrador concursal, tras semanas de contactos e negociacións con Mariña Meridional, expuxo ao xulgado que se escriture a venda de Vulcano antes do 30 de novembro ou que se posibilite prorrogar, mes a mes, a data de escrituración ata o 31 de marzo.

Nese período, Mariña Meridional depositaría, antes de cada prórroga mensual, diversas cantidades de diñeiro: 200.000 euros antes do 1 de novembro, 250.000 euros antes do 1 de decembro, 200.000 euros antes do 1 de xaneiro de 2021, 200.000 euros antes do 1 de febreiro, e 200.000 euros antes do 1 de marzo.

A administración concursal tamén pediu ao xulgado que autorice a subrogación no crédito do ICO e reclamou que, no caso de que non se formalizase finalmente a escritura, ou que o FOGASA non autorizase a subrogación do crédito, ese diñeiro quedaría en poder de Vulcano, en concepto de penalización.

ENTRADA EN INSTALACIÓNS

Por outra banda, o administrador tamén propón que, se o xulgado autoriza esta proposta, Mariña Meridional poida entrar ás instalacións do estaleiro a primeiros de decembro co fin de “preparar os traballos de posta en marcha das instalacións e inicio das operacións”.

Así mesmo, como “contraprestación” por este acceso, Mariña Meridional pagará a Vulcano os gastos nos que incorra o estaleiro como consecuencia do mantemento das instalacións. Ademais, se non se formaliza finalmente a venda, as obras e adaptacións que se fixeron quedarán en propiedade de Vulcano e Mariña Meridional tería que asumir a responsabilidade por posibles danos ou contratempos nas instalacións durante o tempo no que accedese a elas.

Esta proposta presentouse en pleno debate sobre a concesión portuaria de Vulcano e despois de que o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, presentase un escrito ante o xuíz solicitando que se inhiba e permita o rescate desa concesión por parte do Porto (ao considerar que está extinguida tras a desaparición de Vulcano).

A concesión sobre os terreos condiciona calquera futura actividade que se poida instalar alí e, mentres que o Porto defende que debe retornar e volver saír a concurso, os tribunais declararon que forman parte da unidade produtiva e da operación de alleamento. De feito, ante esta disparidade de criterios, o Porto solicitou que dirima a cuestión o Tribunal de Conflitos de Xurisdición.

Funerais reivindicativos pola “morte da sanidade pública” en varios puntos da provincia

As contornas dos centros de saúde de Arcade, Soutomaior e Ponte Sampaio apareceron esta mañá ateigados de cruces, velas e coroas de flores para denunciar o desmantalamento da sanidade pública destes municipios. Este “velorio reivindicativo” foi iniciativa das veciñanzas das marxes do verdugo e estivo apoiado polo BNG de Soutomaior; que ao igual que a plataforma veciñal en defensa da sanidade pública de Ponte Sampaio – Canicouva, levan varios meses denunciando os recortes que o SERGAS está a levar adiante nestas vilas.

A este respecto, os representantes da Plataforma de Ponte Sampaio-Canivouva  destacaron que “a situación que estamos a vivir na nosa parroquia é un sin sentido absoluto no que se algo vai quedando claro é que o SERGAS pretende que as veciñas de Ponte Sampaio queden definitivamente sen consultorio. Cada día poñen unha excusa diferente para ter o consultorio pechado. Só temos excusas e mentiras” apuntan. Con todo, os veciños advirten que esta acción supoñerá o inicio dunha “batería permanente de iniciativas en defensa da sanidade pública”. “Non imos permitir que empreguen á saúde dos nosos veciños nin como un negocio nin como unha moeda de cambio”, censuran.

Nunha dimensión paralela, o portavoz municipal do BNG en Soutomaior Manu Lourenzo fixo fincapé na “unión” do pobo en defensa “da saúde dos nosos fillos e dos nosos maiores, e por iso no Partido Popular deben saber que isto non fixo máis que empezar e que chegaremos ata onde sexa necesario para impedir que fagan negocio coa saúde da nosa veciñanza”

CRUCES, CIRIOS E COROAS DE LOUREIRO

Este velatorio reivindicativo tivo lugar de xeito simultáneo diante dos Centros de Saúde de Arcade, de Soutomaior e de Ponte Sampaio. Neste acto, que foi retransmitido en directo por varias redes sociais, os asistentes encheron de cruces nas que se podía ler “DEP Sanidade Pública” as contornas dos tres centros de saúde. Ademais das cruces, os asistentes prenderon cirios, pousaron coroas de loureiro nas portas dos consultorios e mesmo fixeron unha esquela que se pegou pola contorna na que anuncian novas mobilizacións en defensa da sanidade pública.

A ‘vella’ Pescanova recorre a sentenza que validou a ampliación de capital de Nova Pescanova

0

A ‘vella’ Pescanova confirmou a presentación dun recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra a resolución da Audiencia Provincial de Pontevedra que desestimou outro recurso anterior e validou a ampliación de capital de Nova Pescanova.

A Sección Primeira da Audiencia Provincial de Pontevedra ditou sentenza na que desestimou o recurso de apelación interposto pola ‘vella’ Pescanova, contra a sentenza do Xulgado Mercantil que validou a ampliación de capital da pesqueira e outros acordos.

En xuño de 2018, o Xulgado Mercantil número 1 de Pontevedra resolveu rexeitar a demanda da ‘vella’ Pescanova, que impugnaba a ampliación de capital aprobada na xunta xeral de accionistas do 19 de abril de 2017, e outros acordos sociais de Nova Pescanova.

Os demandantes pedían que se declarase a nulidade da ampliación de capital, por 135,4 millóns de euros, unha ampliación que diluíu a súa participación en Nova Pescanova ata reducila ao 1,65% (desde o 20%anterior á ampliación). Así mesmo, sostiñan que esta operación non respondía a un “interese real”, senón que a súa intención era precisamente minimizar o seu peso na sociedade.

Contra esa sentenza, a sociedade de carteira presentou recurso de apelación, pero o tribunal provincial rexeitouno, sinalando que non se pode probar que Nova Pescanova xerase “artificialmente” unha situación financeira crítica, senón que, en efecto, o escenario de patrimonio “negativo” da sociedade a 31 de decembro de 2016 –estaba incursa en causa legal de disolución– obrigou á adopción desas medidas de refinanciamento.

A ese respecto, o tribunal lembrou que a ‘vella’ Pescanova non puxo “queixa nin reserva” á aprobación das contas anuais de 2015 e 2016 –aínda que se abstivo na votación–; que non impugnou o acordo de refinanciamento, que foi logo “homologado” xudicialmente; e que tampouco foi privada do dereito de subscrición preferente na ampliación de capital, xa que se lle ofreceu a posibilidade de adherirse ao acordo de refinanciamento de decembro de 2016 e rexeitouno, alegando que implicaba “aceptar un sacrificio patrimonial inaceptable”.

Pescanova S.A. cualificou no seu día esta sentenza como “lesiva”, xa que desestimaba “integramente” todas as súas pretensións, e presentou agora recurso de casación ante o Supremo.

Feijóo ve a alta velocidade Vigo-O Porto dentro da Estratexia de desenvolvemento transfronteirizo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou este venres por ampliar a Estratexia de desenvolvemento transfronteirizo coa inclusión do tren de alta velocidade Vigo-O Porto, un maior compromiso co Corredor Atlántico e a posta en valor do Camiño Portugués.

“Estamos a falar dunha Estratexia útil pero na que botamos de menos varias cuestións, como que se poña en valor o Camiño Portugués, fundamental para seguir unindo a Eurorrexión”, esgrimiu o mandatario galego na súa intervención no debate ‘Europa sen fronteiras: o papel da cooperación transfronteiriza na consolidación do proxecto europeo’, no marco do ‘II Xornadas Amizade Cerveira-Tomiño’.

Feijóo tamén aludiu á necesidade de plasmar un maior compromiso co Corredor Atlántico de mercadorías, fundamental para todo o norte de Portugal e para todo o noroeste de España, co fin de poder competir con outros corredores como o Mediterráneo; e a inclusión do tren de alta velocidade entre Vigo e O Porto.

Respecto diso deste punto, puxo en valor a decisión do Goberno portugués de inxectar fondos á liña de alta velocidade desde Valença ata Braga.

REIVINDICA A IMPORTANCIA DE EUROPA

Na súa intervención, o presidente galego tamén reivindicou a importancia de Europa como “proxecto político, social e de convivencia”, así como o papel das eurorrexións como ecosistemas económicos, sociais, culturais, sanitarios e de emerxencias.

Sobre este último punto, lembrou os traballos desenvolvidos pola Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal coa elaboración do Plan de reactivación da cooperación transfronteiriza, que serviu en parte de base á Estratexia.

“Fomos útiles e leais e proporcionamos aos nosos gobernos un documento”, dixo, confirmando que, neste momento, Galicia e o Norte de Portugal están a traballar nun novo Plan de investimentos conxuntos que responderá ao novo marco europeo 2021-2027.

Un plan, que será presentado no próximo Plenario da Comunidade de Traballo como ferramenta crave para afrontar os novos retos, e que contará con varios eixos: a innovación, a dixitalización e a internacionalización para a creación de emprego; a transición ecolóxica e a descarbonización; o desafío demográfico e as ameazas á saúde pública; e a cohesión social.

Nesta liña, o presidente da Xunta concluíu lembrando que o último Programa Operativo POCTEP permitiu levar a cabo 80 proxectos, cun investimento conxunto que supera os 131 millóns de euros.

CC.OO. e UGT lamentan os falecementos en residencias a pesar de haber camas en UCI

Comisións Obreiras (CC.OO.) e Unión Xeral de Traballadores (UGT) lamentaron os falecementos rexistrados en residencias de persoas maiores durante a propagación da pandemia da COVID-19 a pesar de disporse das “suficientes camas” nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) nos hospitais galegos.

A través dun comunicado, os sindicatos aseguraron que a utilización destes recursos “podería evitar mortes” e esixiron “unha explicación” sobre os falecementos de anciáns rexistrados en residencias. Neste sentido, lamentaron que estas persoas “quedasen desasistidas do seu dereito a ser atendidas nun centro hospitalario”.

Neste sentido, as centrais sindicais reprobaron que a Xunta “non informase” o número de usuarios de cada residencia falecidos no seu centro, un hospital ou outro ámbito.

En concreto, UGT e CC.OO. referíronse a os contaxios por COVID-19 rexistrados nas residencias DomusVi de Aldán, en Cangas, e DosmuVi de Barreiro, en Vigo. Así, lembraron que a titularidade destes centros é privada, aínda que se construíron en terreos públicos.

A ese respecto, os sindicatos sinalaron que estas residencias pertencen a unha multinacional con capital británico (ICG) e francés(Sagesse Retraite Sante). Sobre ese punto, lembraron que eses centros son “herdeiros das residencias promovidas pola sociedade público-privada SOGASERSO”, constituída polo bipartito en 2005. Ademais, as centrais apuntaron que esta “perdeu o carácter público” despois de que Alberto Núñez Feijóo asumise a Presidencia do Goberno galego.

Así, os sindicatos reprobaron que nese momento comezase “un camiño promovido pola Xunta” para que esta pasase a ser “a empresa máis grande” do sector na comunidade, onde conta con máis de 30 centros.

Noutra orde de cousas, instaron á delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, a celebrar a reunión comprometida en decembro despois de que presentasen un escrito sobre a situación das residencias na comunidade e as necesidades da dependencia.

A Universidade de Vigo detecta 2.000 neoloxismos no galego durante o último ano

0
Investigadores do Observatorio de Neoloxía da Universidade de Vigo elaboraron un informe no que se recollen máis de 2.000 neoloxismos en lingua galega que foron identificados no último ano, e extraídos de publicacións ‘en liña‘. O equipo dirixido polos profesores Xosé María Gómez Clemente e Alexandre Rodríguez Guerra, do que tamén forma parte as investigadoras Ana Fernández Berrocal, Xema Rocha Molina, Anabel Garrido García, destacou algúns casos “por producir un impacto neológico moi notable”, como ‘ sexodiversidade’, ‘ webisodio’ (episodio dunha serie producida para internet), ‘ neorretranca’, ‘ deseucaliptizar’ ou ‘ ecocabicha’.
Así mesmo, apuntaron tamén como interesantes certos “préstamos”, como ‘ podcasting’, ‘ hater’ (aplicado a redes sociais) ou ‘ mentoring’; ou “compostos” como ‘ cibercrime’, ‘ bioinformática’ ou ‘ ecocidade‘. Os investigadores precisaron que a maior parte destas palabras créanse a partir de procedementos identificados como formais (‘ anti- austeridade’, ‘ recuncamento’, ‘ autopublicidade’,…); pero tamén hai unha parte que son extranjerismos sen adaptar (‘ quiche’, ‘ photocall’, ‘ fake news’,…) ou neoloxismos semánticos (‘ tuiter’, ‘tubo’,…).
“VITALIDADE” DA LINGUA GALEGA
Con este informe na man, o Observatorio conclúe que a “vitalidade” da lingua galega é semellante á da española ou a portuguesa. Para que unha palabra sexa considerada neoloxismo debe cumprir algunhas características e, aínda que o feito de non estar no dicionario pode ser un indicio, “necesítase comprobar se hai un criterio obxectivo de novidade na palabra, se é percibida como tal polos falantes e se se pode documentar unha determinada extensión do seu uso”.
A Neoteca da Universidade de Vigo contén actualmente máis de 10.000 rexistros neológicos identificados e documentados nun ‘corpus’ de prensa en lingua galega publicada desde 1997. Cada rexistro inclúe información contextual, datación, fonte, categoría gramatical e procedemento de formación léxica.

 

#UVigodesdecasa, a Universidade de Vigo adáptase á contorna virtual en tempo récord

O pasado 13 de marzo a crise sanitaria xerada pola expansión da COVID-19 provocou que a Universidade de Vigo puxese sobre a mesa todos os recursos virtuais dispoñibles para facilitar a continuación da súa actividade, tanto docente como laboral. “Nun tempo récord”, apunta a UVigo, puxo en marcha o seu xemelgo dixital, UVigo Virtual, para ofrecerlle a toda a comunidade universitaria unha contorna de traballo e de docencia á altura das circunstancias.

Con esta iniciativa fortalecéronse as ferramentas da xa existente plataforma de teleformación Faitic e lanzouse Campus Remoto, o que permitiu contar cunha estrutura dixital propia da UVigo. A día de hoxe hai creadas 1600 aulas virtuais nos tres campus, Faitic duplicou o seu promedio diario de uso –pasando das 20.000 interaccións diarias en marzo de 2019 a máis de 40.000 na actualidade- e as conexións a Campus Remoto multiplícanse cada día, tanto no sector do alumnado como no do PDI.

O equipo de goberno da Universidade de Vigo é consciente das grandes dificultades que esta nova situación supón tanto para o estudantado como para o profesorado á hora de desenvolver as súas tarefas. Por iso se segue a traballar na mellora dos recursos e das ferramentas para que, dentro do posible, se continúe avanzando e perfeccionando todo o sistema.

AULAS VIRTUAIS EN DIRECTO, A GRAN NOVIDADE

Días antes da declaración do estado de alarma, a Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade autorizou que comezase o despregue de UVigo Virtual, o servizo que centraliza nun punto único as ferramentas de teledocencia da Universidade de Vigo, incluídos Faitic e Campus Remoto, no que as aulas virtuais en directo constitúen a gran novidade. Tamén se crearon espazos virtuais para outros usos: despachos, salas de reunión etc…, coa novidade de que se clonou a estrutura física da universidade real, de forma que Campus Remoto está distribuído en campus, edificios, salas e aulas, como a institución real, cos mesmos horarios das clases e das actividades de docencia presencial.

En palabras do vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, o “xemelgo virtual da estrutura docente da Universidade, sobre unha plataforma propia baseada en código aberto Big Blue Button (BBB), é algo que moi poucas institucións académicas lograron”.

Ademais, desde Campus Remoto é posible gravar clases ou vídeos formativos e poñelos á disposición do estudantado en Faitic sen sobrecargar a plataforma. As clases por facultades e escolas creáronse seguindo os criterios dos propios centros. Moitos replicaron aulas de teoría, seminarios, salas de informática ou laboratorios e, a maiores, creáronse tamén aulas de proba en todos os centros.

Na primeira semana de uso, a do 23 de marzo, as conexións de docentes achegáronse ás 4500. Apenas unhas semanas despois, na primeira de abril, unha vez se lle dá acceso ao alumnado, as conexións só de estudantes superan as 40.000. A día de hoxe acadáronse entre os tres campus máis de 140.000 conexións.

DIFERENTES MEDIDAS FACILITAN QUE O CURSO SIGA DENDE A CASA

Para facilitar todo este proceso de adaptación á teledocencia, a Universidade puxo en marcha diferentes iniciativas, reunidas agora na secretaría virtual da web da UVigo, un portal no que se inclúen diferentes manuais creados ex profeso para facilitar o teletraballo, a utilización de Faitic e de Campus Remoto, incluíndo diferentes videotitoriais sobre como compartir arquivos e imaxes ou como crear unha canle de Youtube etc.

De cara a resolver os problemas de conectividade do estudantado que está a pasar o confinamento en lugares con escasa ou nula cobertura de internet, a Universidade distribuíu máis de 200 dispositivos Mifi, pequenos routers wifi, con 100 xigas mensuais habilitados por un período de catro meses prorrogables a outros dous, facilitándolles así tanto o seguimento das clases como a realización dos exames.

O reitor da institución, Manuel Reigosa, nun escrito remitido ao alumnado que recibiu os dispositivos, asegura que “para resolver estes problemas, a solución que nos pareceu máis acaída foi alugar equipos que permitan conectarse para seguir as clases e tamén para realizar os exames. Esperamos que con estes equipos poidades seguir o curso co maior aproveitamento posible, dentro das dificultades que todos e todas estamos a ter”. Estes dispositivos enviáronse ás catro provincias galegas pero tamén a outros lugares como Alemaña ou Ávila, e deberán devolverse nos centros ao remate do mes de xullo, ou ao inicio do vindeiro curso 2020/2021.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed