Mais no medio da traxedia que asolaga boa parte da rede residencial do país, hainas que foron quen de parar o virus na porta. Illas de certa “tranquilidade” entre a desfeita. No centro Divina Pastora de Vilagarcía viven cada día coma unha “pequena vitoria”. O contador de persoas infectadas mantense a cero dende o comezo da crise, igual ca na residencia Sanitas Mayores A Coruña, onde viven un total de 117 maiores.
O Sindicato de Enfermería, SATSE, reclamou ao Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social que os medicamentos perigosos sexan identificados como tales no seu etiquetado e prospecto, co obxectivo de evitar riscos para a saúde dos pacientes e os profesionais sanitarios que os usan e administran, especialmente as enfermeiras e enfermeiros.
SATSE propón incluír un símbolo ou sigla no envase exterior e interior, así como no prospecto, que axude a identificar con facilidade e rapidez todos aqueles fármacos xa catalogados como perigosos polo Instituto Nacional de Seguridade, Saúde e Benestar no Traballo.
Segundo a organización sindical, o incluír este símbolo ou sigla, como xa se fai, por exemplo, en medicamentos que poden reducir a capacidade de conducir ou manexar maquinaria perigosa, facilitaría que os profesionais sanitarios e os pacientes conten coa información necesaria sen ter que recorrer a unha base de datos específica.
Dende SATSE aseguran ter constatado que non se levan a cabo todas as medidas preventivas necesarias para evitar problemas de saúde entre as enfermeiras e enfermeiros nos centros galegos.
A organización sindical recorda que as enfermeiras e enfermeiros manexan distintos medicamentos perigosos que son de uso común en numerosas unidades e ámbitos sanitarios, tanto nos centros hospitalarios como en Atención Primaria e nos domicilios.
Entre os medicamentos máis coñecidos, pero non os máis frecuentes no seu uso, atópanse os citostáticos, habituais no tratamento do cancro e que se utilizan cada vez máis noutros moitos ámbitos, como en Hematoloxía ou Reumatoloxía.
O Sindicato resalta que son moitos os riscos derivados do uso de fármacos perigosos por parte dos profesionais sanitarios, especialmente polas enfermeiras e enfermeiros, xa que son os que con máis frecuencia manipulan os mesmos (fragmentación de comprimidos, extracción de viais, etc.). Riscos que inclúen que estes profesionais poidan desenvolver algún tipo de cancro ou sufrir malformacións ou abortos en caso de embarazo.
O proxecto internacional CoastSnaps busca monitora as praias e a dinámica costeira de varios puntos da xeografía de Galicia e outros países mediante fotografías tomadas polos seus visitantes.
Esta iniciativa xurdida en Australia en 2017 une a comunidades científicas e cidadáns de todos os continentes, segundo detallou a Universidade de Vigo (UVigo).
En Galicia, a investigadora do grupo de Oceanografía Xeolóxica e Biogeoquímica desta universidade (XM1, CIM-UVigo) Rita González traballa no proxecto. Así, os puntos de monitoreo funcionan nas praias de Rodas, nas Illas Cíes; Agrelo, en Bueu (Pontevedra); A Lanzada, no Grove (Pontevedra) e Area Maior, en Muros (A Coruña).
A investigadora recalcou a importancia de monitorar as costas e a erosión das praias “para formular estratexias que poidan facer a costa máis resistente”. Ante o traballo que require o seguimento, recorreuse á colaboración de persoas que acoden ás praias para o proceso de toma de datos.
Deste xeito, os visitantes deberán achegarse aos puntos de control instalados no catro areais galegos, tomar unha fotografía co seu teléfono móbil e subila ás redes sociais do proxecto ou enviala aos investigadores. Polo momento, súmanse 1.582 imaxes nas bases de datos galegas das que ao redor da metade correspóndense coa praia de Rodas.
González explicou que CoastSnaps recorre á cidadanía debido a que a monitorización a longo prazo precisa de datos durante moito tempo e resulta “difícil” completala sen un equipo que poida repetir os estudos con regularidade.
COLABORACIÓN CIDADÁ
Por iso, a investigadora sinalou que a colaboración cidadá pode permitir que as persoas “actúen como científicas” e “achegar o seu gran de area” á iniciativa.
Neste sentido, indicou que a utilización dos soportes instalados nas praias para apoiar os teléfonos móbiles permite que as fotografías se tomen “nunha localización e un ángulo consistentes”, o que proporciona un ‘estafe-lapse’ da costa e facilita as análises sobre a súa evolución no tempo. Ademais, púxose en marcha unha aplicación móbil para a toma e o envío das imaxes.
A cancela #YoMeQuedoEnCasa é tendencia hoxe nas redes sociais onde milleiros de mensaxes na rede buscan concienciar sobre a importancia de seguir as recomendacións do Goberno de viaxar o menos posible e de traballar desde a casa para facer fronte ao coronavirus .
#yomequedoencasa porque no quiero que colapse el sistema sanitario, por cuidar al personal sanitario que se está dejando la piel en esto y porque reduciendo la actividad social se reducen los contagios. Ya habrá tiempo de salir más adelante solo si ahora nos quedamos en casa.
El término #YoMeQuedoEnCasa no es para que los abuelos lleven a los niños a los parques, ni a los centros comerciales, ni a los parques de atracciones, que no son vacaciones escolares, sino una emergencia sanitaria. pic.twitter.com/zaeaF1GtXI
Ante a suspensión da actividade lectiva nas universidades de Madrid, algúns estudantes galegos decidiron libremente volver a Galicia ata que rematen estas medidas excepcionais na comunidade.
Unha medida fortemente criticada ao non ir parella de recomendacións e limitacións nos desprazamentos a outras comunidades.
De feito, as persoas poden circular libremente dende as comunidades máis afectadas sen que á súa chegada a Galicia se lles recomende pasar un período de cuarentena nos seus domicilios.
O último caso de coronavirus en Santiago de Compostela o pasado 11 de marzo, foi o caso dunha estudante universitaria en Madrid que decidiu regresar a Galicia ante o peche dos centros educativos na comunidade.
David Gómez comezou a practicar atletismo no seu colexio do municipio do Rosal, grazas ao seu profesor de Educación Física, de igual xeito que outros dos nosos olímpicos, como Estela Estévez, Ramón Magariños ou Julia Vaquero.
Algo non tan común hoxe en día, lamenta: “Xa eran poucos profesores o que o facían, e iso vai terminar”. En quinto de EXB (Educación Xeral Básica), tiñan una táboa na que anotaban os seus rexistros nas diferentes probas, e a partir dela Félix, o mestre, confeccionaba un equipo competitivo para a pista.
Con David Gómez, quen anos máis tarde lograría acudir a dous Xogos Olímpicos na proba do decathlon, tiña un problema: era o que máis saltaba en lonxitude e altura, o que máis corría no cross. De feito, na súa primeira competición de lonxitude gañoulle a seu compañeiro do colexio. Iso si, quedaron último e penúltimo.
O futuro atleta profesional tomaba as cousas con calma: “Tardei bastante. O meu primeiro campionato galego foi con 15 anos. E no Rosal había xente mellor ca min, pero deixarono. Hai dous grandes momentos nos que a xente se descolga, ao comezar o instituto e a universidade. Tamén a miña irmá sería moito mellor atleta ca min”.
unha decisión difícil
Entre outras razóns, demorouse no atletismo porque practicaba dende os 6 o balonmán. Chegou a xogar na selección galega deste deporte, pero tíñao claro: “O atletismo era a miña paixón, porque só dependía de min. Cabreabame cando sentía que os meus compañeiros se daban por vencidos, e ti non podías facer nada. No deporte de equipo pasas desapercibido, vas coa corrente”.
David chega a Vigo con 16 anos de idade, xa para adestrar só atletismo. De tódolos xeitos, pasa dous anos máis competindo co equipo de balonmán, durante a fin de semana: “Isto chocaba moito aos novos, que nin me coñecían e saía a xogar co seu equipo. Logo mirábanme e pensarían: vale, é o que mete os goles”.
Era un bo lateral esquerdo. Chegaron a chamalo o Chapela e o Octavio para o seu segundo grupo. E David non dubida: “Tería gañado moito máis diñeiro que no atletismo, pero non quería os cartos. O meu obxectivo era claro dende o principio: ser olímpico, xa o recoñecera sen complexos na TV local da Guarda nunha das miñas primeiras entrevistas. No balonmán iso non ía depender de min”.
Primeirísimo plano de David Gómez en Beijing 2008 / Jed Jacobsohn/Getty Images)
Non o desanimaba que, ao comezo, gañáralle xente do seu propio pobo: “Cando es neno, o concepto do mundo é o que miras. Había algúns con barba xa. Eu pensaba: xa os collerei”.
E non foi ata os 16 anos cando da un salto de calidade e colócase en primeira plana “porque había un nivel altísimo. Con 14 anos fixen 1,75 metros en salto de altura, e era un chaíñas. Hoxe a nivel absoluto case ninguén salta iso. Sempre había alguén que me gañaba, iso axudoume moito”.
O CAMIÑO CARA OS XOGOS
Ao vivir nun pobo, viuse na necesidade de moverse ata Vigo: “Foi unha gran sorte que os meus pais puideran permitirse esa aposta, e que non lles gustara o deporte. Nunca se meteron en nada, e creo que acertaron niso. Sabían que era saudable, e xa está. Agradézolles que estiveran ao marxe”.
A ambición foi sempre un factor determinante. A primeira vez que David Gómez foi a un Campionato de España (cadete), gañouno. Fixo 4.800 puntos no Octathlon: “Pero había un con 5.100 puntos (o récord de España), seguía gañándome. E o meu adestrador dixo: tes que facer récord de España. Eu contestei: para iso estou aquí. Conseguino e logo mirei para o ránking de Europa, estaba lonxísimos dos primeiros, había que seguir”.
David Gómez nos 50 metros valados dun Campionato Galego de PC/ davidgomezmartinez.es
De Júnior xa dobraba sesión, 3 horas de mañá e 3 de tarde. Tantas probas distintas coma as que compoñen o decathlon precisaban e tamén permitían xornadas de adestramento moi extensas: “É coma un nadador, que chega a facer 3 sesións diarias, porque non hai impacto. Co disco na man tamén podes estar horas. Recordo na Blume aos de tiro con arco, sen falar para non subir o pulso, tirando frechas toda a tarde. Aí está o intento de Salazar no Oregon Project, a idea de correr na auga. Porque se foras capaz de meter máis apoios sen lesionarte…”.
Foi subcampión do mundo Júnior. Ao ano seguinte sufriu unha lesión, e quedou sexto no campionato de Europa Sub 23, para uns meses máis tarde romper o pé: “Foi moi difícil. Estou máis orgulloso de reporme das miñas caídas que dos Xogos. Tiven polo menos a sorte de que os meus anos bos sempre foron os dos Xogos Olímpicos. Pero aquel ano en branco, de promesa, paseino moi mal, escaioláronme, 3 meses en muletas sen poder apoiar o pé sequera. E a motivación de facer traballo complementario dura un mes, logo entras en barrena. Estaba xa vivindo só, en Vigo, ía facer a compra coas muletas, lembro ir ao banco e á volta sentirme tan derrotado que collín o bus para unha soa parada”.
Pero ergueuse. De feito, ao ano seguinte fixo a súa mellor marca de sempre en altura, que nunca volvería superar, saltando co pé que rompera.
Finalizou os seus estudos no bacharelato: “Tiña as metas moi claras, e fixen unha aposta forte. Para que seguir, se na clase estaba pensando no que ía facer despois. O mundo non me importaba, o atletismo era unha obsesión”.
David executando un lanzamento de xavelina / davidgomezmartinez.es
Fíxolle unha oferta unha universidade americana, dende Texas. Rexeitouna: “Son subcampión do mundo na miña casa, para que vou cambiar, pensei. Pero claro, anos máis tarde reflexionas: tería unha carreira, e o inglés…”
Non é moi partidario dos centros de alto rendemento: “Eu fun á Blume cunha lesión e volvín con dúas. Para min teñen sentido se vives nun pobo e non tes a posibilidade de desprazarte á cidade. Pero unha persoa que vive ao lado da pista… Ademais a esas idades, ir a perderse por Madrid. O malo de ser deportista de elite é que o tes que ser a unha idade complicada, 20 anos e tantas cousas por facer. Se puideras selo con 40… ”
Os primeiros Xogos de David foron en Grecia, e supuxeron unha gran decepción para el: “Chegas alí e pensas que te van recibir con coroas de loureiro, e decátaste de que non es ninguén, un pringao que vai facerlle publicidade a McDonalds e Samsung, que saian ben os patrocinadores. Non mandas nada. Hai rolda de prensa a tal hora das marcas, e tes que ir á forza”.
Levou varios paus. O primeiro, cando na lista de convocados non estaba o seu adestrador: “Nin a uns Xogos nin aos outros. E vai o seleccionador nacional, porque si. E dicirlle a quen leva anos preparándote: mira, Antonio, que ti non vas. Pero en Pekín xa gocei máis. Non fun tan idílico, xa tiña unha idea”.
Nunha das súas competicións en representación do Club Celta Atletismo / davidgomezmartinez.es
Con 31 anos, intentou a súa terceira clasificación olímpica, estando, asegura, mellor que nunca, pero entre unha pequena escordadura cervical en abril e que a mínima subira 250 puntos dende os anteriores Xogos, quedou a só 80.
E engade: “Con todo o respecto, non é o mesmo ser olímpico en concursos que nunha carreira. Ana Peleteiro foi ao último mundial repescada, ao ser novena do ránking. Logo quedou terceira. É certo que por exemplo a maratón é practicada por moita máis xente, pero facer a mínima pode suporme a min ter que estar entre os 20 mellores do mundo, e a da maratón igual significa ser o 600. Tes xa a 200 kenyanos por diante túa. Forma parte da política da IAAF, os patrocinadores, a TV. É que ir ao campionato do mundo de heptathlon en pista cuberta é case imposible, só entran directamente os 4 primeiros do ránking, o resto a dedo. Igual o 8ª non vai, levan ao décimo. E as mulleres no péntatlon igual. 4 por ránking e o resto a dedo”, denuncia.
UNHA GRAN VANTAXE
Pero a historia de David Gómez é sobre todo a dun apaixonado do atletismo: “Nunca me gustou a palabra sacrificado no deporte, porque ti non sofres, ti gozas. Vexo á xente subindo fotos que se adestramento durísimo, un inferno non sei que… Eu nunca sufrín. Estaba satisfeito, despois de facer unhas series lácticas. Se vomitaba na meta, pois xenial, un día perfecto”.
Cando acudía aos campionatos internacionais, quedaba na pista a tomar apuntes. Se algo do que facían chamáballe a atención, íalles preguntar en canto terminaran: “Cada persoa segue un sistema de traballo. É moi interesante”.
Lembra como na súa xuventude dixéronlle un día: “Ti tes unha gran vantaxe, gústache isto”. A David pareceulle algo obvio. Non o era: “Hai xente moi boa, con calidade, que están aquí porque destacan, e cando chegan os problemas ou hai que espremerse, plantan. Eu pesaba 90 quilos, os rivais mirábanme e pensaban que o que se me daba ben era lanzar. Pero non, era correr, de feito dáme rabia non ter feito 400 metros valados e mesmo os 800. Con 93 quilos fixen 2:39 no 1000, de sétima proba no Heptathlon. Creo que con 13 quilos menos podería telo corrido rápido. Tamén tiña unha capacidade innata para os valados e para soportar o ácido láctico. Pero o resto, traballo e traballo”.
Gustáballe correr sobre todo ao final, terminar cun cambio forte: “Cando fixen o intento de mínima para Londres, viñera Sergio Piñón dende Narón para facer o Decathlon. Ao chegar ao 1.500, preguntoume se me tiraba. Dixen que vale, para facer 4:26. El propuña pasar o quilometro en 2:50, eu contesteille que non, a 3 minutos mellor. Quedou sorprendido. Ao final pasei en 3:03 e fixen os 4:26. Saíndo a 2:50 xa estoupara máis dunha vez”.
E, na súa última etapa, converterse en adestrador axudouno a mellorar nas súas propias probas: “Entón dinme conta de que a pértega era máis fácil do que pensaba, e realicei o meu mellor concurso de pértega con 32 anos, operado dos Aquiles, de volta de todo”.
SEMPRE VINCULADO AO ATLETISMO
No 2014 lesionou o isquio, ao ano seguinte rompe un dedo do pé con 33 anos. Tiña que operalo, e non había seguridade de que fora a quedar ben. Así que decidiu retirarse. Por sorte, catro anos antes recibira, segundo as súas propias palabras, a mellor “bolsa” posible: “No 2010 Lence, o meu adestrador, díxome que cando me retirara tería traballo con el, como monitor. Tiña 30 anos, e só cobraba 400 euros ao mes despois de dúas citas olímpicas. Dos 18 aos 30 vivira só do atletismo, sen estudar nin traballar. E non teño problema en dicir o que gañaba. Había anos que era bastante si: pero ía para o peto. Un ano olímpico podía gañar 3.000 ao mes, pero outros eran só 500. Ao final, fun mileurista toda a miña carreira”.
En plena loita co belga Hans van Alphen e o chinés Qi Haifeng nos Xogos de Beijing 2008 / JEWEL SAMAD/AFP/Getty Images)
Contento, afirma: “Estou a traballar no que me gusta, é o soño americano”. Ademais, augura futuro para as probas combinadas, da man dos atletas: “Hai moitísimo nivel en España, en Galicia non é que creceran, é que había anos nos que nin se celebraba o galego. O que si que é certo é que a xente ten medo ás probas técnicas. Igual un fai 11:20 no 100 e xa di que é velocista, e non sae de alí. Cando igual podería ser un gran lanzador de xavelina, ou un campión do salto de lonxitude”.
Aínda que poida parecer unha ironía, David cre que ao nivel do atletismo veulle “ben” o impacto da crise: “Fai unhas décadas, eu ía polos colexios buscando raparigos, e case o desprezaban porque era gratis. Uns anos máis tarde, coa crise, chegaban á pista buscando monitores, algúns retirados fai moitos anos, e non había case ninguén, e dicíalles: ven comigo. Non atopaba moita máis solución. Así foi como empecei a adestrar xente. Fai dez anos chegou ás pistas unha xeración que agora son atletas. Na pista non había ninguén, hoxe en día no Celta ata cadete teñen 170 nenos, máis outros clubs: Comesaña, AVA… Porque é un deporte barato”.
David, en pleno salto / davidgomezmartinez.es
De tódolos xeitos, o atletismo si parece entrar en contradición coa mentalidade (xeneralizando, por suposto) das novas xeracións: “Hoxe en día é case imposible captar a un neno para facer fondo. A capacidade de esforzo, de chegar exhausto, non a tes nos mozos. Moitísimos dos que destacan na longa distancia son fillos de inmigrantes: teñen outra mentalidade”.
Un atletismo que perdeu tamén a súa capacidade de atracción, de xerar lendas e ídolos: “Julia Vaquero non é do meu pobo por uns metros, a súa casa é a última do anterior. Eu quería ser coma ela, era unha crack para min. Ía pola Guarda, a miraba e non me atrevía a saudala. Félix falábame de Carl Lewis e ía á biblioteca da escola para buscar libros del. Sotomayor era un heroe para min. Con 14 anos saltaba 2 metros e eu o comparaba cos meus 1,75″.
A cousa cambiou: “Hoxe en día os nenos, con Internet na palma da man, non saben quen é, miran a Nediam Vargas na pista e dálles igual. Non teñen ese ansia por coñecer o mundo que lles rodea. Eles terminan, recollen a mochila e marchan. Cando eu aínda recordo a Alejandro Gómez dándolle caña fortísimo polo parque de Castrelos e 10 ou 15 nenos detrás del, intentando seguilo. Sabes o que era chegar ao día seguinte á escola e dicir que corriches con Alejandro? Que na súa primeira maratón case bate o récord do mundo. Hoxe falas del e pregúntanche se sae en Operación Triunfo”.
O novo centro de saúde de Bouzas, en Vigo, estará terminado o próximo mes de abril, segundo confirmou este venres o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen defendeu que, con tres consultas de medicamento de familia e tres de enfermaría, terá unha “capacidade adecuada” para atender á poboación desta zona da cidade.
García Comesaña visitou as obras desta infraestrutura sanitaria, e explicou que, ademais desas tres consultas de medicina e tres de enfermaría, terá unha sala polivalente. Sanidade prevé que, unha vez acabada a construción e, tras o seu equipamento, poida estar operativo antes de acabe o primeiro semestre do ano que vén.
O centro de saúde, cun investimento de 1,4 millóns de euros, emprázase nun solar onde había unha casa do século XVII e na súa construción primouse o uso da pedra e granito do país, de maneira que quede integrado na contorna deste barrio histórico.
Os veciños do barrio de Bouzas están a ser atendidos actualmente nos centros de saúde de López Moura, Beiramar e Navia e, cando abra as súas portas o novo ambulatorio, terá posibilidade de trasladarse a el ou de permanecer como pacientes do que agora teñen de referencia.
Os partidos das dúas próximas xornadas de LaLiga Santander e LaLiga SmartBank, previstas para os fins de semana do 13-15 e do 20-22 de marzo, teranse que xogar a porta pechada pola ameaza do coronavirus, confirmou este martes LaLiga, que non descarta que a medida se poida alongar e que asegurou que traballa en “un plan alternativo”.
En Galicia, o Celta ten partido este sábado en Balaídos ás 21,00 horas en Balaídos contra o Vilarreal. En Segunda División, o Deportivo tamén xogará a porta pechada este sábado (21,00 horas) en Riazor contra o Sporting de Xixón. No caso do Lugo, será na seguinte xornada cando xogue en casa, será o 22 de marzo (16,00 horas) contra o Zaragoza.
VOOS
Por outra banda, o Consello de Ministros decidiu na súa reunión deste martes prohibir os voos directos entre Italia e os aeroportos españois como medida extraordinaria para conter a expansión do coronavirus. O acordo, que foi publicado nunha edición extraordinaria do Boletín Oficial do Estado (BOE), xustifícase en que “as comunicacións existentes entre Italia e España por vía aérea son numerosas, cun importante número de voos e de viaxeiros procedentes das zonas afectadas”.
Esta
medida entra en vigor as 00,00 horas deste mércores, día 11 de marzo, e
ata as 00,00 horas do mércores 25 de marzo, e establécese con carácter
temporal, cun límite de 14 días que se poderá prolongar, co acordo da Comisión Europea por períodos adicionais non superiores a 14 días.
Ademais,
debe ser avaliado periodicamente, téndose en conta a evolución da
epidemia en Italia e as medidas que o Goberno de Italia aplique no seu
territorio, co fin de valorar o restablecemento da normalidade en canto
sexa posible.
Axentes da Guardia Civil detiveron a dous cidadáns portugueses, ocupantes dun turismo, aos que atribúe un suposto delito contra a saúde pública, ao sorprendelos tentado cruzar a ponte internacional sobre o Río Miño, en Salvaterra e en dirección a Portugal, con 1,6 quilos de marihuana.
Os feitos producíronse, segundo informaron fontes do Instituto Armado, na noite do luns, cando unha dotación de Guardia Civil instalada nun Punto de Verificación de Vehículos deu o alto a un coche ocupado por dúas persoas, á altura da ponte internacional en Salvaterra.
Os axentes percibiron cheiro a marihuana no interior do vehículo, e comprobaron que, debaixo dun dos asentos dianteiros, había unha bolsa de plástico con marihuana. Do mesmo xeito, no asento traseiro había unha mochila con outra bolsa desa sustancia estupefaciente, sumando un total de 1,6 quilos.
Os dous ocupantes do coche foron detidos e postos a disposición do xulgado de Instrución correspondente, que decretou a súa posta en liberdade, en calidade de investigados por tráfico de estupefacientes, polo que terán que comparecer cando sexan requiridos.
A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de apelación interposto polo dono dun bar de Vigo, contra a sentenza que o condenou a 6 anos e dous meses de prisión por vender cocaína no establecemento.
O acusado foi condenado pola Audiencia Provincial de Pontevedra, despois de que o tribunal considerase probado que, na madrugada do 18 de marzo de 2018, este hostaleiro vendeu 2,5 gramos de cocaína a unha persoa que se desprazou ao seu bar, na rúa Serafín Avendaño, nun taxi.
Na intervención policial, os axentes incautáronse doutros 8 gramos de cocaína, unha báscula e outros efectos para a manipulación e venda de droga, que estaban escondidos no local, así como dun cogollo de cannabis e diñeiro en efectivo.
Tras a condena, o procesado interpuxo recurso de apelación, argumentando que non se desvirtuou o principio de inocencia coa proba practicada no xuízo, e alegando que a sustancia estupefaciente non estaba destinada á venda.
O TSXG desestimou estes argumentos, subliñando que a proba de cargo foi suficiente, e que, en vista dela, non se pode afirmar que a cocaína intervida fose para autoconsumo, entre outras consideracións.
Por iso, rexeitou a pretensión do recorrente e validou a sentenza da Audiencia Provincial, que o condenou a 6 anos e 2 meses de prisión por un delito de tráfico de drogas, e ao pago dunha multa de 3.200 euros.