Inicio Blog Páxina 1979

Golpe do Tribunal de Contratación ao Concello de Vigo polo recurso contra a licitación do mantemento de Eiras

0

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia, TACGal, resolveu inadmitir os recursos presentados polo Concello de Vigo e a concesionaria Aqualia, contra a licitación do servizo de explotación e mantemento da presa de Eiras, levada a cabo polo ente autonómico Augas de Galicia.

Tras facerse público o anuncio da licitación deste servizo (por case 1,2 millóns de euros), o Concello olívico presentou un recurso especial en materia de contratación, no que alegaba que o contrato que pretendía formalizar Augas de Galicia era “nulo de pleno dereito”, xa que a xestión, mantemento e conservación da presa de Eiras é competencia municipal.

No caso de Aqualia, o argumento principal do seu recurso foi o mesmo, xa que a UTE concesionaria sostiña que Augas de Galicia non ten competencias para afectar o seu contrato co Concello de Vigo.

Para ambos os casos, o TACGal resolveu inadmitir os recursos “por falta de lexitimación”, xa que os recursos especiais en materia de contratación están concibidos como instrumento para os licitadores que acoden a un procedemento de adjudidación. Así mesmo, alega falta de competencia do tribunal, que non pode “dilucidar discusións entre administracións públicas, nin destas sobre o seu ámbito competencial”.

A Xunta chega a un acordo cos veciños sobre o acceso a Ons e afirma que Abel Caballero “volve quedar só”

A Xunta de Galicia constatou este xoves que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, “volve quedar só, por segunda vez, coa súa actitude excluínte e discriminatoria“, despois de que a Administración autonómica asinase un acordo co Concello de Bueu e os veciños de Ons para xestionar o acceso dos insulars a este enclave, integrado no Parque Nacional Illas Atlánticas.

Os veciños da illa levan meses protestando polas limitacións para que os seus achegados poidan visitar as súas casas en Ons (Medio Ambiente establecera un sistema de carnés e permisos para familiares directos dos concesionarios) e, nesa ‘batalla’, atoparan en Abel Caballero un aliado.

Así, o rexedor olívico, que mesmo se reuniu con estes veciños no consistorio vigués, trasladou o seu apoio ás súas reivindicacións, e utilizounas como argumento para xustificar que a candidatura (promovida pola Xunta) para que o Parque Nacional sexa declarado Patrimonio da Humanidade non cumpría os requisitos esixidos pola Unesco, xa que os propios habitantes de Ons o rexeitaban, ao entender que podería implicar aínda máis restricións nos accesos.

Por contra, o alcalde sostén que a única candidatura con visos de prosperar é a que promove o Concello de Vigo (e que pide o recoñecemento só para as illas Cíes), aínda que aínda non foi presentada oficialmente ante a Unesco, mentres que a candidatura autonómica xa forma parte da chamada ‘lista indicativa’.

VOTA | Cal debe ser a candidatura a Patrimonio da Humanidade, Illas Atlánticas ou só Cíes?

ACORDO

Tras meses de polémica, finalmente, o Concello de Bueu, veciños de Ons e as consellerías de Medio Ambiente e Cultura asinaron nas últimas horas un acordo polo que a Xunta se compromete a substituír o sistema de carnés de acceso pola implantación dun código específico e unha cantidade de xente por casa.

Así mesmo, a Apecífico para estes concesionarios, que terán ata 300 reservas garantidas dentro da cota xeral de visitantes (e no caso de que se superen as 300 autorizacións, limitarase o acceso de máis persoas).

Ademais, as partes acordaron pór en marcha unha ‘mesa por Ons’, na que estea presente a Xunta, o Parlamento, o Concello de Bueu e os veciños, para abordar os problemas que afectan os insulars.

O texto do acordo conclúe cunha expresión de “apoio unánime” á candidatura do Parque Nacional Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade.

O ALCALDE “QUEDA SÓ”

Tras a firma deste acordo, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, constatou que o alcalde “volve quedar só, por segunda vez, coa súa actitude excluínte e discriminatoria”, e lembrou que a candidatura de Illas Atlánticas tamén recibiu o apoio do Parlamento (aínda que só o PP e Grupo Mixo votaron a favor, mentres que PSdeG, BNG e Grupo Común da Esquerda se abstiveron).

A delegada do Goberno galego na cidade olívica advertiu de que Abel Caballero “como mínimo, debería reflexionar sobre se lle interesa manter vivo un conflito no que se está quedando sen ningún apoio”, e lamentou o “uso partidista” que o alcalde de Vigo fixo das diferenzas entre Xunta e veciños de Ons, que finalmente se resolveron pola vía “do diálogo”.

Así mesmo, Corina Porro volveu instar o goberno vigués a sumarse á candidatura promovida pola Consellería de Cultura, “a única” rexistrada oficialmente, e que beneficia a Vigo e outros municipios cuxas illas forman parte do Parque Nacional.

Pola súa banda, o rexedor olívico eludiu pronunciarse, alegando que descoñece o contido do acordo.

A fotos que falan: o mar tamén ten mulleres

O mar tamén ten mulleres é unha mostra de fotografías que vén de presentarse este xoves e que está promovida polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo – A Guarda (GALP 7) no marco do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais da Guarda. O obxectivo desta actividade é visibilizar o traballo das mulleres que dedicaron a súa vida ás tarefas do mar no territorio do GALP 7, que abrangue os concellos de Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda.

Na presentación participaron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a Presidenta da Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca (ANMUPESCA), Rita Míguez de la Iglesia; e a Patrona maior da Confraría de Pescadores Santa Tecla da Guarda e membro da xunta directiva do Galp Ría de Vigo – A Guarda, Silvia Crespo. Esta última explicou que as fotografías desta instalación “constitúen unha crónica da vida nas comunidades pesqueiras ao longo do século XX e axúdannos a contar a historia completa, incluíndo a de aquelas que realizaron labores non remuneradas e que compaxinaron o coidado das familias co mantemento dos aparellos de pesca ou o restrelo dos areais”. Crespo engadiu que “esta é unha mostra de mulleres que fixeron e fan equilibrios coa patela na cabeza, contada a través de fotografías analóxicas de autores diversos, tomadas ao longo de 100 anos e 130 kilómetros de costa atlántica”.

Lolita e Carmucha levando o aparello ao barco despois de secar | Cangas, 1960 Cedida pola Asociación Cultural A Cepa

O acto foi conducido pola actriz Marta Pérez, directora de Inversa Teatro, que lembrou que “a industria pesqueira en Galicia está en débeda co rol e traballo desenvolvido polas mulleres no mar” e que é de xustiza que “as administraciónns recoñezan esta realidade con mostras como a que hoxe se presenta, porque é necesario crear referentes para que nas xeracións vindeiras academos a igualdade real”.

HOMENAXE A TODAS AS MULLERES ANÓNIMAS DO MAR
 
O mar tamén ten mulleres recolle a historia das mariscadoras, as redeiras, as carrexonas, as percebeiras, as peixeiras, as traballadoras da salga e a conserva, as bateeiras e de todas as mulleres do mar. Todas elas foron protagonistas do seu tempo e tamén o son agora desta exposición que recupera as sabenzas de mulleres anónimas para poñer en valor o seu traballo e renderlles homenaxe ao rescatar capítulos preciosos da nosa memoria histórica.

A exposición presentada este xoves foi elaborada tras unha intensa recollida de achegas individuais e cesións de diversos arquivos. Recolléronse case 150 fotos das que foron seleccionadas 30 para formar parte da instalación e do catálogo online, que pode consultarse na web do Galp 7. Con todas as fotografías recibidas elaborouse tamén un vídeo que se proxectará en continuo durante a mostra, que poderá visitarse entre o 11 e o 14 de xullo no Pavillón do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais, instalado no porto da Guarda. O mar tamén ten mulleres é un proxecto itinerante que percorrerá durante os próximos meses outros lugares do territorio do Galp 7.

Mariscadoras anciñando a area | Moaña
Cedida polo Museo do Mar de Galicia e e Asociación de Mariscadoras de Moaña

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo – A Guarda (GALP 7) é unha entidade colaboradora da Consellería do Mar, responsable de aplicar a estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP) no seu territorio, que se estende por un total de once concellos que definen os límites terrestres das rías de Vigo e de Baiona. Este GALP encárgase de xestionar e controlar as axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para o desenvolvemento desta estratexia no período 2014-2020. Os seus obxectivos son o fomento do crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade e á mobilidade laboral nas comunidades pesqueiras e acuícolas, incluíndo a diversificación das actividades realizadas no marco da pesca.

“La felicidad de los perros”, do vigués David Hernández, gaña o Primavera do Cine

“La felicidad de los perros”, do director vigués David Hernández, foi, por unanimidade, a mellor longametraxe galega do Festival Primavera do Cine, ao conseguir o premio do xurado e tamén o do público.

O filme foi recoñecido pola “súa forza expresiva, o seu manexo do tempo e a calidade da súa aposta dramática; por facer do cinema unha experiencia colectiva e a súa capacidade para aunar talentos nun proxecto honesto de grande ambición artística” e por “encarnar os valores de compromiso social, ético e estético que defende o festival Primavera do Cine”.

O outro premio do xurado, o de mellor longametraxe lusófona, foi para “Alva”, de Ico Costa, mentres que a mención especial foi para ” Deslembro”, de Flávia F. Castro.

O público outorgou outros cinco premios: mellor longametraxe, para “Chuva é cantoria na aldeia dos mortos”, de João Salaviza e Renée Nader Messora; o premio CREA á mellor curta galega, para “Beautiful Boy”, de Fran X. Rodríguez; o premio á mellor curta lusófona, para “Narrativas dum crime”, de Alison Zago; mellor curtametraxe de animación para “Entre sombras”, de Mónica Santos e Alicia Guimarães, e mellor videoclip para “De bruma e salitre”, do grupo Mileth e dirixido por Xaime Miranda.

Pablo Casado estará en Vigo para “repartir carnés a 500 novos afiliados do PP”

0

O presidente do PP, Pablo Casado, visitará Vigo o próximo fin de semana, previsiblemente o domingo, para participar nun acto de entrega de carnés de partido a uns 500 novos afiliados e no que tamén estará presente o líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo.

Así o anunciou este venres o secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado, quen reivindicou a “capacidade” do partido para “seguir atraendo” a persoas “con talento” e “ganas” de “servir a Galicia”.

“Este partido segue sendo o que máis se parece a Galicia”, insistiu, para contrapolo cunha esquerda –PSdeG, En Marea e BNG– “decepcionante”.

“Estamos mellor preparados que ninguén para os dous procesos electorais en marcha –as xerais do 28 de abril e as municipais e europeas do 26 de maio–, que permiten que a nosa mensaxe chegue a todos os recunchos da Comunidade”, proseguiu Tellado.

Os universitarios vigueses celebran un referendo para ‘escoller’ entre monarquía e república

“Moi contentos e máis ca satisfeitos”. Así se amosaban arredor das 12.00 do mediodía deste martes o equipo de alumnas e alumnos encargados da organización no campus de Vigo dun referendo simbólico sobre a monarquía, unha iniciativa estudantil de carácter estatal que arrancou hai apenas unhas semanas e á que xa se sumaron máis de 20 universidades públicas españolas.

As urnas abriron ás 09.00 da mañá e pasadas as once xa se contabilizara a participación de máis de medio millar de persoas, sobre todo alumnas e alumnos, pero tamén algúns docentes e persoal de administración e servizos.

Referéndum da monarquía na UVigo/ Miguel Núñez

Instaláronse mesas na Facultade de Filoloxía e Tradución, no Edificio de Ciencias Experimentais, en Ciencias Económicas e Empresariais e na Escola de Enxeñería Industrial, neste caso con dúas urnas, unha no campus e outra na sede cidade.

“De momento estamos moi contentos coa participación, xa que só nas dúas primeiras horas todas as mesas superaron o centenar de votos emitidos e, en canto ás previsións para o resto da xornada, son moi optimistas”, explicou Daniel Valladares, estudante do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible e un dos voceiros da plataforma.

O estudante fixo fincapé en que o principal obxectivo desta iniciativa “totalmente simbólica e organizada de maneira independente polo alumnado” é “amosar as gañas da comunidade universitaria de poder decidir cuestións relevantes que nos afectan a todos e sobre as que, ao igual ca outras xeracións anteriores a nós, nunca puidemos emitir a nosa opinión”.

Referéndum da monarquía na UVigo/ Miguel Núñez

A chamada á participación inclúe a toda a comunidade universitaria, incluído o persoal docente e investigador e tamén o persoal de administración e servizos, se ben recoñecen que  “evidentemente a xente que está máis activa somos os estudantes”.

“Hoxe voto porque considero que é importante amosar a opinión dos universitarios neste tipo de cuestións e creo que se pode certificar o que xa se sabe, que a xuventude é principalmente republicana”, explicou Pablo Álvarez, estudante do dobre grao ADE-Dereito, intres despois de depositar o seu voto na mesa instalada na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

“No meu caso veño votar porque me parece interesante, aínda que non sexa vinculante, ter unha primeira votación para ver os resultados. Oxalá se consiga algo, se ben eu son bastante negativa neste sentido e non creo que vaia ser posible”, valoraba ao seu carón a estudante de Administración e Dirección de Empresas Ana Comesaña.

Referéndum da monarquía na UVigo/ Miguel Núñez

“Cremos que a participación será boa, xa que o estudantado está concienciado de que a monarquía xa non ten cabida como institución e cremos que unha república podería axudar a abrir outros frontes no feito de decidir pola sanidade, pola educación, polas leis feministas…”, salientaron os integrantes da mesa de Ciencias Económicas e Empresariais.

Xunto a Vigo, este martes celebrábanse tamén referendos nas universidades de Barcelona, Pompeu Fabra e Carlos III de Madrid e o próximo mércores día 12 as urnas volverán a Galicia coa celebración do referendo no campus de Ourense, así como nas universidades de Santiago de Compostela e na da Coruña.

Neste senso, o Consello de Estudantes da Universidade de Vigo emitiu este luns un comunicado no que convidaba a toda a comunidade universitaria a participar nas votacións, tanto en Vigo como en Ourense, “para recoller así o sentir da poboación universitaria acerca da forma de goberno do Estado, a monarquía parlamentaria”, ao que engadiron que “agardamos que os resultados que saian estean apoiados pola forza da representatividade, conseguida grazas a un proceso de votación e reconto transparente e libre de toda dúbida”.

O reconto oficial de votos terá lugar a partir das 22.00 horas na sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial e os resultados faranse públicos a través das redes sociais.

Referéndum da monarquía na UVigo/ Miguel Núñez

Buscan a un home acusado de acoitelar a un rapaz de 15 anos en Vigo

Axentes do Corpo Nacional de Policía iniciaron a procura dun home que apuñalou nunha perna a un mozo menor de idade para roubarlle diñeiro na cidade de Vigo. Segundo informou a Policía Nacional, sobre as 9,00 horas deste martes o 091 recibiu unha alerta porque un menor fora apuñalado por un home encapuchado que lle pediu diñeiro.

Como consecuencia destes feitos, o menor, de 15 anos de idade, precisou asistencia médica para realizarlle unha cura no Punto de Atención Continuada (PAC) do barrio vigués de Teis.

A Universidade de Vigo aposta pola prevención e inicia o novo curso cos mellores datos de matrícula dos últimos 15 anos

0

A Universidade de Vigo arranca o curso 2020/2021 cos mellores rexistros de novos ingresos dos últimos 15 anos, tras ter superado a cifra de 3800 matriculas. Para o reitor, Manuel Reigosa, este incremento na matrícula de novo ingreso nas titulacións de grao ten varias explicacións, dunha banda, a situación de incerteza derivada da covid-19 que levaría o alumnado que pensaba en marchar a estudar fóra a quedar na casa, e doutra, «temos un factor diferencial porque as cousas, sen presumir, se fixeron ben durante o pasado curso, no que resolvemos sobre a marcha unha situación de paso abrupto desde a normalidade con presencialidade total, ata unha situación en liña que se fixo ben. Polo tanto eu creo que hai moita xente que confía na Universidade de Vigo e o éxito está aí». A estes factores, o reitor engade un terceiro que é que a programación deseñada para este curso aposta pola máxima presencialidade, con titulacións impartidas integramente nesta modalidade, agás que haxa algún problema, en cuxo caso as alternativas xa están previstas. «Este é un compromiso co noso alumnado e eu entendo que a xente está satisfeita e tranquila. A xente pode confiar na Universidade de Vigo para desenvolver a súa carreira mesmo en tempo de covid», destaca Reigosa, para quen os datos rexistrados evidencian unha realidade: «que o alumnado galego apostou pola Universidade de Vigo».

PROBAS PCR AO PERSOAL, UNHA APOSTA POLA PREVENCIÓN

Para seguir reforzando esa confianza depositada na institución, a Universidade de Vigo puxo en marcha a realización de probas PCR ao seu persoal, incluíndo o persoal de administración e servizos, o docente e investigador e todas as demais modalidades de investigación (de predoutoramento, con financiamento de Xunta de Galicia ou do Estado etc.).

O procesamento das máis de 2300 probas realizadas, empregando un innovador test masivo PCR sobre saliva baseado no sistema pooling desenvolvido na Fundación Biomédica Galicia Sur e no Hospital Álvaro Cunqueiro, non detectou a aparición de positivos por covid-19. O resultado definitivo foille comunicado pola microbióloga do Servizo de Microbioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, Sonia Rey, ao vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez Tabarés. «Estamos moi satisfeitos, tanto pola participación, como polos resultados. Isto amosa que o persoal da universidade intenta, dentro das súas posibilidades, ser responsable coa situación na que nos atopamos», sinala o responsable covid da UVigo ao tempo que asegura que «agardamos que este tipo de medida, tanto no caso do persoal, como no dos próximos tests do alumnado, sirvan de apoio á Consellería de Sanidade no seu complicado traballo diario».

En palabras do equipo de goberno, a resposta do persoal da institución foi «tremendamente positiva». En total foron 2303 os traballadores e traballadoras  que entregaron as probas, o que supón un 79,1 % das persoas convocadas.

TRAS A AVALIACIÓN INICIAL REALIZARANSE 200 PCR ALEATORIAS POR SEMANA

Tras esta avaliación inicial de todo o persoal universitario, o equipo de goberno ten previsto levar a cabo un seguimento periódico que se prolongará durante todo o curso e no que en todo momento se seguirán as recomendacións das autoridades sanitarias. A idea é realizar un total de 200 PCR aleatorias por semana, neste caso centradas principalmente no alumnado. Neste sentido, o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, ten reiterado en diferentes ocasións que serán probas «moi flexibles» que se adaptarán á situación sanitaria que haxa en cada momento.  «Se ben en principio son test aleatorios poderán concentrarse nun único centro se as circunstancias así o recomendan porque previamente se detectase algún caso positivo nese lugar e, nesa situación, podería incluírse tamén o PDI e o PAS dese centro», subliña Míguez.

O BNG pide restrinxir máis o aforamento e reforzar a desinfección nos buses urbanos de Vigo

O BNG trasladará, na próxima reunión da comisión de seguimento da COVID-19 no Concello de Vigo, a necesidade de aumentar as restricións no aforamento dos buses urbanos, así como de reforzar a limpeza e desinfección dos vehículos en cada cambio de quenda de condutor.

Segundo explicou o concelleiro nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, estas propostas serán trasladadas despois de “recoller as preocupacións” do comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do bus urbano na cidade olívica.

A ese respecto, o edil do BNG sinalou que, co límite de aforamento actual, non se pode garantir a distancia mínima de seguridade recomendada polas autoridades sanitarias, especialmente nos vehículos máis pequenos.

Por outra banda, pediu que se inste á concesionaria a reforzar a limpeza e desinfección, especialmente na cabina do condutor e zonas de uso común e de contacto, cada vez que se inicie unha nova quenda de traballo.

Outra das propostas, será a de permitir o acceso ao bus a aqueles usuarios que, aínda tendo o cartón PassVigo ou o cartón moedeiro, non teñan saldo. A ese respecto, Pérez Igrexas xustificou a medida pola actual situación excepcional e porque algúns usuarios poden ter dificultades para recargar os cartóns, cos caixeiros “saturados”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed